BiosBardia

O país dos libros en galego

María do Cebreiro: “A poesía vive onde se encontran as lembranzas e a imaxinación”

María do Cebreiro. XOÁN SALGADO
María do Cebreiro. XOÁN SALGADO

César Lorenzo Gil.

María do Cebreiro (Santiago, 1976) é unha das poetas máis orixinais e sólidas das letras galegas. Presenta o seu último libro, Os inocentes (Galaxia). Del falamos nesta entrevista, que acaba atinxindo outras poesías.

N’Os inocentes aparecen estes versos: “(…) A impotencia/ (e non exactamente a bondade)/ é aquilo que define os inocentes. Así ve vostede a inocencia?

Aínda que no verso apareza o verbo definir, coido que a poesía non debe dar definicións. Son os versos os que se deben explicar por si mesmos. Non estou segura de estar de acordo con esa afirmación, incluso. O que quería expresar con este libro é que a inocencia é un rastro. Buscamos a súa pegada, especialmente a través do mito do paraíso perdido pero coido que en realidade o único que existe é unha idea do que é a inocencia, ás veces demasiado simplificada. E a miña reflexión reside en cuestionar se esa relación coa inocencia non debera ser máis complexa; superar esa idea de inocencia como nostalxia para enfrontármonos á pregunta máis interesante: quen son os inocentes? Son eles? Somos nós, os que lemos e confiamos na poesía? Diante do tempo que nos tocou vivir, que resistencia facer? Somos os elixidos porque escollemos o bando perdedor? Non teño a resposta.

Unha das constantes do texto é a presenza da creación: o labor de escrita, os libros…

O libro coido que forma parte intrínseca da miña obra porque é unha das ferramentas do meu traballo. Eu son profesora de Literatura e a obra literaria acaba formando parte da miña rutina. Non me podo desapegar del. Ademais, a miña relación coa creación literaria é algo sobre o que me gusta reflexionar. Primeiro desde o punto de vista da curiosidade: o que traen escrito os libros. E despois desde o punto de vista contrario, o da hixiene: debemos preguntarnos se é necesario escribir un libro máis cando xa hai tanto escrito. Ese dilema non quero dalo por sabido, quero ter presente que non escribir tamén é unha posibilidade, especialmente para un escritor.

No libro fálase efectivamente do sufrimento da creación: “Ninguén coñece a dor da montaña cando rompe”. A súa forma de escribir nótase moi traballada, verso a verso, estudada estanza tras estanza. Sofre vostede ao escribir?

Quería desmentir a idea de que os procesos naturais son espontáneos. Todo o contrario: para que apareza unha efémera flor, canto tempo necesita a planta? Hai unha visión espontaneísta da vida que é falsa. A natureza é sofisticada. No caso da miña poética, teño que dicir que o proceso da escrita si que é bastante rápido. É coma se fose construíndo os poemas na cabeza e na hora de deitalos sobre o papel, xa fosen feitos. Coido que teño unha forma de imaxinación moi musical e aínda que pareza un pouco mística a comparación, é coma se escoitase os versos antes de escribilos. Así que non hai sufrimento na escrita, ao contrario, encántame.

Traballa entón coa memoria. Unha vez que memoriza os poemas, escríbeos.

Penso que en min se dá iso que se dá no francés antigo, idioma no que tiñan o mesmo nome para o corazón e para a memoria xa que consideraban que tiña que ser nese órgano (que quedaba marcado) onde se gardaban as lembranzas. Coido que a poesía está onde se xuntan o pasado e o futuro: na encrucillada onde se encontran os recordos e a imaxinación.

O libro péchase cunha cita de Martin Heidegger que vén dicir que a poesía é pouco eficaz como discurso xa que nace do imaxinario. Mais ese razoamento bate de fociños cos derradeiros versos do derradeiro poema: “Pero nós non batemos/ na porta do mundo para entrar./ Nós batemos na porta do mundo/ para que non durma”.

En efecto quería que houbese un pulso entre as palabras de Heidegger e a miña propia postura diante da poesía. As citas alleas nun libro sempre teñen un papel de autoridade mais eu quixen converter esta nunha oportunidade dialéctica, xa non só ao redor do papel da poesía como ferramenta de transformación política senón tamén sobre a propia figura de Heidegger. Rexeitamos a súa postura persoal (a súa proximidade ao nazismo) pero non podemos prescindir do seu labor filosófico. Isto dábame ocasión de formular un debate moral que me parecía moi relevante.

A conto das citas, quero subliñar que en orixe, o meu texto tiña moitas máis referencias paratextuais que pouco e pouco foron parecéndome prescindibles. Neste caso, a decisión de incluíla foi compartida con Carlos Lema, o editor. E xa que falo del, quero gabalo como o mellor editor literario que temos en Galicia, especialmente no xénero poético.

Na súa traxectoria poética, vostede destácase por non conformarse con conseguir unha imaxe lograda; vai máis alá da procura da beleza. Ao achegármonos ao seu traballo, o concepto máis acaído sempre é o da precisión.

A miña idea da poesía ten unha raíz filosófica. Sempre conto que eu estudei Filoloxía porque, ao anotar as miñas preferencias de matrícula na universidade, tiven un lapso e puxen Filoloxía no canto de Filosofía, que era daquela a miña primeira opción. Benvido o erro porque non me arrepinto mais debo recoñecer que a parte que máis me interesa da literatura é aquela que comunica co pensamento. O poema é para min unha vía de coñecemento –seguindo a José Ángel Valente–, unha vía irracional e intuitiva pero igualmente ambiciosa. Para min, escribir é iniciar unha busca, unha viaxe cara a un destino que non coñezo pero que non podo esquivar. Xa non podo concibir a vida sen escribir.

Os inocentes ten implícito un discurso político, algo común nos seus últimos traballos; estou a pensar n’A guerra, (Barbantesa, 2012) escrito a medias con Daniel Salgado. Na poesía é vello o debate sobre o compromiso social da arte. Como ve vostede este tema?

Como dicía Julio Cortázar, o compromiso do escritor revolucionario é ser revolucionario cando escribe. A arte ten unha parte subversiva na medida en que a linguaxe serve para modificar a nosa ollada sobre o mundo. Non debemos subestimar a forma porque é aí onde o autor pode encontrar o valor político da literatura. Hoxe, os estudosos da Estética, poñamos por caso Alain Badiou ou Jacques Rancière, non ven o seu traballo afastado da transformación social.

Recoñezo que no meu caso concreto, a chegada da crise do 2008 me obrigo a pór os pés na terra. A realidade é inapelable. Obrígate, queirámolo ou non, a implicarte. Dicir que non che afecta o que ves que pasa penso que é vaidade. Ao que estamos a vivir debemos darlle alento e complexidade. O importante é que na poesía, igual que en calquera actividade reflexiva, debe primar o rigor e un alto nivel de esixencia. Penso que temos superado aquel vello tópico da literatura comprometida, que se conformaba con “darlle voz a quen non a ten”. Como se pode facer iso? Os que si temos voz non formamos parte dos excluídos. A linguaxe é poder. Temos acceso ao dereito de dicir. Como entón podemos ocupar esa posición de excluídos? Non teño unha resposta neste caso tampouco.

 “Ninguén matou a Xeración do 1990”

Vostede, por xeración, pertence ao tempo dos Batallóns Literarios da década do 1990. 15 anos despois daquela eclosión de poesía, que pouso queda?

Os poetas non gostamos moito diso das xeracións porque é coma se integrarnos nun colectivo nos limitase, como se nos diluíse o desexo de existir –sermos diferentes, únicos–, que vai implícito no labor de escribir. Eu recoñezo que nese tema discrepo. Síntome xeracionalmente no grupo dos 90, por idade, pero no posterior, no que empezou a publicar nos 2000, por proximidade literaria. A ese grupo que forman Daniel Salgado, Alberte Lema, Samuel Solleiro ou Xiana Arias Rego, eu chámolle a Xeración Perdida porque así como a dos 90 tivo unha gran repercusión, tanto entre a crítica como entre os medios de comunicación, os seguintes non foron considerados como grupo xeracional. E ao reflexionar sobre o motivo, penso que a chave de todo está na relación que mantiveron coa xeración anterior. A dos 90 fíxose un oco “matando o pai” (a xeración do 1980) pero ninguén matou a xeración do 1990. Quizais cómpre un discurso crítico coa que se produciu daquela e dilucidar se todo o que se facía pasar por poesía era poesía, se o que se conseguiu tiña importancia por unha cuestión cuantitativa unicamente. E até que punto as metas das que se presume eran tales. Realmente era tan amplo o público que asistía aos recitais? Realmente aumentou a demanda de poesía entre os lectores?

Hoxe hai unha xeración poética?

Arestora hai fantásticos poetas que escriben de marabilla.

Algúns nomes?

Gonzalo Hermo, Fran Cortegoso, Alba Cid, Ismael Ramos.

Vostede é investigadora de Teoría da Literatura. Varios dos seus traballos atinxen a presenza feminina na literatura. Convén aínda falar de literatura feminina?

Calquera proceso de visibilización trae consigo unha etiqueta e a escrita ten entre as súas funcións romper as costuras, as etiquetas. Pero hai que ser sinceros: a igualdade aínda non é completa e mentres exista esa desigualdade é inevitable que esa mirada atravese os procesos de produción e de recepción de contidos literarios. O que si considero necesario é sermos máis amplos na ollada. Cando se fala de feminización da literatura galega contemporánea, falamos só de que agora hai máis escritoras? Ocorreu o mesmo nos outros campos relacionados? Nas editoriais? Nos medios de comunicación?

Antes falábase de que a poesía era feminina porque era o único xénero que soportaba as pausas obrigadas dunha ama de casa. Anxos Sumai contaba nunha entrevista para Biosbardia que aínda é hoxe que non é quen de poñerse a escribir narrativa sen ter a louza lavada. Ela pensa que as novas xeracións xa teñen todo iso superado.

Non estou segura de que os avances que consegue unha xeración non os teña que reconquistar a seguinte. Nada está conseguido ao 100% e coido que en moitos aspectos está a haber un retroceso máis grave do que parece. A relación entre poesía e muller sempre a tomei por outro fío, o do estereotipo que cinxía sentimentalismo con lírica. Hoxe funcionan outros estereotipos na literatura feita por mulleres, por exemplo o da maternidade. Na miña opinión, quen escriba debe facelo con total liberdade, sen poñerse ningún tipo de límites.

“O perfil interesante de Rosalía de Castro é o de intelectual máis ca o de cantora”

Ultimamente dedicoulle moito tempo ao estudo de Rosalía de Castro. Na imaxe canónica da escritora, que proporción hai de mito e cal de realidade?

É un mito o mito de Rosalía! Quero dicir que se fala tanto dese proceso de idealización e falsificación sobre ela que ás veces até parece que é máis relevante do que é. Coido que todo é máis sinxelo. Rosalía é tan evidente, forma parte dun xeito tan global da nosa cultura que é unha gran descoñecida porque ao pensarmos que é tan accesible xa non lle facemos caso. A min a faceta que máis me interesa dela, e que considero que está pouco tratada, é o seu papel como lectora dos autores principais do seu tempo. Ela lía de xeito contemporáneo a Edgar Allan Poe, por dar un nome. É dicir, estaba ao tanto da vangarda literaria da época e introducía conscientemente estas referencias na súa escrita. Rosalía era unha intelectual, unha muller ilustrada, unha escritora de gran relevancia que ás veces se presenta unicamente como unha “cantora”. Coido que ese papel reduce o seu valor.

Aínda que só asina co nome de pía, os seus apelidos son Rábade Villar. Os seus pais son escritores: Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro; o seu irmán é o prestixioso músico Abe Rábade. Desde fóra, a súa casa parece un parnaso.

Si, moitas veces cando a xente pensa na nosa casa, coidan que estamos o día enteiro en sesudas tertulias. Nada diso. A literatura, a arte en xeral forman parte, claro está, dos intereses familiares pero non en tanta medida que se converta na protagonista da nosa convivencia. O de asinar só co nome de pía foi un mecanismo de rebeldía da mocidade, unha maneira de reivindicarme sen ningún contexto ou connotación cos meus pais.

Que libros leu ultimamente que lle apeteza recomendar?

Rescataría A convidada, de Simone de Beauvoir, As mans porcas, de Jean-Paul Sartre, Lolito, de Ben Brooks, Imaxe de John Keats, de Julio Cortázar e A música das esferas (Euseino? Editores), de Carlos Lema.

2 thoughts on “María do Cebreiro: “A poesía vive onde se encontran as lembranzas e a imaxinación”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *