BiosBardia

O país dos libros en galego

María Lois: “O galeguismo de dereitas existe e está cómodo no PP”

César Lorenzo Gil.

Construir Galicia(s). Lugar, elecciones y política nacionalista (Trama) é o libro co que María Lois (Vigo, 1970) se aproximou ao xeito de gobernación do nacionalismo galego entre a chegada da democracia e o primeiro acceso ao Goberno, 2005, centrándose en dous contextos municipais: Allariz e Fene, onde o nacionalismo, mediante o BNG, tivo e ten un protagonismo especial. A profesora de Xeografía Política da Universidade Complutense de Madrid explica nesta entrevista esa evolución e que programa executou o galeguismo político nas últimas décadas.

1977-2005: Por que este arco histórico para a súa investigación?

Nesta investigación interesábame o comportamento electoral e tiña que acoutar as marxes. O final tíñao claro: a chegada ao poder do BNG mediante o Bipartito. Para o inicio, valorei remontarme ao tempo da II República, xa que non se pode avaliar a evolución electoral sen eleccións, e as últimas foran no 1936. Mais os datos que recabei non eran fiables, polo que desistín e tomei o período democrático actual como principal referencia.

Nestas décadas, non parece que a evolución do nacionalismo galego fose continua. Danse avances, retrocesos, procesos de aglomeración, disensión e ruptura. Non sei se vostede puido fixar unha liña obxectiva pola que deslizar os datos sobre a evolución electoral desta ideoloxía.

Certo que o proceso non foi nin homoxéneo nin constante pero si hai características desa evolución que a investigación politicolóxica xa considera demostradas desde hai tempo: o ascenso electoral do nacionalismo ten a ver cunha moderación do discurso político. Por outra banda, no comportamento electoral inflúe moito o liderado das siglas e, ademais, inflúe no deseño da axenda propia a entrada nas institucións, principalmente a chegada ao poder municipal.

Moita xente vinculada ao nacionalismo asegura que o 23-F supuxo unha fenda moi importante na actividade e obxectivos políticos. Moita xente que viña participando en política desde a morte de Franco marcha para a casa e créase un ambiente de frustración xeneralizado, algo así como “unha fin da esperanza política”.

Así é. Eu reflexionei moito sobre isto porque ocorreu en todos os partidos de esquerda. Até ese momento, a actividade política víase como un proceso en movemento, sen límites marcados. A esquerda, ademais, tiña perspectivas de poder protagonizar o contexto político. O golpe de Estado abre outro período que culmina no 1986, cando a folga xeral contra Felipe González pecha a Transición e tamén a xanela de oportunidade que se abrira no 1975.

Xustamente, o 1986 é un ano importante para o BNG. Logo de aceptar a fronte a participación dos seus deputados na rutina do parlamento galego e de se negar a aceptar concorrer ás eleccións europeas canda Herri Batasuna, prodúcese unha escisión que culminará na fundación da Fronte Popular Galega (FPG). Moitos expertos ven aí o xerme do ascenso electoral posterior.

Nesa altura xa hai que ter en conta a evolución dos Concellos que estaban a ser gobernados polo BNG; experiencias que algunhas persoas queren “engadir” á esencia do Bloque. Neste sentido, é moi importante a contribución do colectivo Avante, de Fene, que desde mediados da década do 1980 vén reclamando da dirección do BNG cambios que favorezan a percepción social sobre as siglas como dunha forza política institucional, pragmática, capaz de transformar desde posicións de goberno. Avante foi o primeiro grupo que defendeu a unificación do nacionalismo e entendeu que para crear “nación” eran válidas as instancias municipais. O caso é que o BNG chegou a esas conclusións mais non penso que fose relevante nese cambio o papel de Avante, que nunca conseguiu tan sequera converterse nunha corrente interna autónoma, malia que mantivo persoas no Consello Nacional en varios momentos.

Neste sentido de evolución e de recoñecemento do Estado autonómico, penso que hai que valorar o papel de Camilo Nogueira, que mentres o Bloque se negaba a participar no Hórreo, si mantiña un perfil moi activo na actividade parlamentaria a través de Esquerda Galega, cuxa estratexia a respecto do autogoberno era distinta mais que finalmente foi a adoptada polo conxunto do galeguismo.

Podemos falar daquela de que o BNG de hoxe ten máis de Camilo Nogueira do que incluso os militantes e votantes do Bloque pensan?

O BNG de hoxe é un herdeiro inconsciente de Camilo Nogueira, en parte. Outra parte construíuna o propio BNG nesa década do 1980. Pero si penso que conforme pasa o tempo, a figura de Nogueira vai gañando puntos. El foi pioneiro en moitas cousas, construíu un prestixio social e político paso a paso, con gran coherencia e foi fundamental na práctica parlamentaria, tanto en Galicia coma no parlamento europeo. Non penso que sexa casualidade que o Bloque consiga acta en Bruxelas xusto cando o presenta a el de candidato. Nogueira é unha figura respectada, con grande alcance electoral, especialmente nas cidades.

Mais Camilo Nogueira perde fronte a Anxo Quintana na votación para liderar o BNG.

E iso configura un modelo político concreto. Eu non podo opinar por que perde Nogueira. Mais si podemos constatar que a escolla de Quintana se deu por un acordo interno. E non entro a valorar máis nada desde o punto de vista orgánico porque non teño datos. Iso si, a nivel electoral, o Bloque de Anxo Quintana non conseguiu manter a efervescencia intelectual que tivera o liderado de Xosé Manuel Beiras e que amedoñaba a dereita. Con Quintana buscábase unha nova estratexia de captación de voto e de penetración social que non se podería conseguir con Nogueira. A cambio, posiblemente Nogueira conseguiría mobilizar outro tipo de voto urbano que se guía por expresións simbólicas concretas.

Entón, que se buscaba co liderado de Quintana?

Visibilizar o BNG como un partido que tamén sabía xestionar. Anxo Quintana era alcalde de Allariz, unha vila que viviu un proceso de transformación espectacular des que o Bloque empezou a gobernala. A idea de construír país para unha maioría e conseguir o voto de persoas que até ese momento nunca votaran polo Bloque parecía unha estratexia necesaria nun contexto que até ese momento subliñara unha circunstancia moi importante: canto mellores resultados conseguía o BNG mellores resultados conseguía o PP. Beiras era un líder que atraía tanto como creaba repulsa nunha parte do electorado e incluso entre os seus propios votantes se discutía se podería realmente ser responsable dun goberno.

Voltemos un tantiño atrás, ao tempo no que o BNG consegue alcaldías chave como a de Vigo, Ferrol e Pontevedra. Agás no último caso, ese éxito foi efémero.

O voto urbano é volátil. O nivel de expectativa e esixencia non ten nada a ver co voto de vilas e concellos máis rurais. Así como na Galicia, digamos rururbana, a evolución do voto é lenta pero máis estable, baseada en estruturas que van gañando confianza por parte dos votantes e que teñen tempo para completar as súas políticas, nas cidades, primou o impulso.

Analicemos, por exemplo, o caso de Lois Pérez Castrillo, alcalde do BNG en Vigo entre o 1999 e o 2003. Hoxe, a axenda política de Vigo segue marcada polos temas que el introduciu: a rexeneración urbana mediante a peonalización e a planificación da cidade a longo prazo mercé a un plan xeral. Se lemos a prensa viguesa de hoxe, velaí están eses temas, non outros. Como é posible, primeiro, que esa axenda perdurase se nunca máis houbo alcaldes nacionalistas? Como malia ser o iniciador desas políticas, que se consideran exitosas hoxe en día por parte de gran parte do electorado, non serviron para a súa reelección? Unha parte da derrota de Castrillo no 2003 hai que atribuírlla ao poder que na cidade tiñan aquelas institucións que o Concello non controlaba, especialmente a prensa, que mantivo unha actitude belixerante durante os seus catro anos de mandato. Nunha cidade tan dinámica, aberta e dun tamaño xa respectable como Vigo, aparecer todos os días no xornal con titulares negativos, desgastouno rapidamente. Máis se temos en conta que durante aqueles anos o centro comercial de Vigo estivo en obras, pola construción do aparcadoiro de Urzáiz. Mais quizais esa imaxe negativa non soubo ser contrarrestada intelixentemente polo propio BNG naquel momento, que quizais non soubo ler os tempos para o combate identitario ou simbólico. Daquela época recordo unha agre polémica a conta da procesión do Cristo da Vitoria. Seguramente, a estratexia gobernamental debera pasar por tirar da axenda determinados temas nos que non estaba para nada clara a rendibilidade política a curto prazo.

A finais da década do 1990 eu tiven un profesor, Manuel Martínez Nicolás, que chegou a prognosticar nunha clase que no futuro en Galicia só quedarían o PP e o BNG. Mais o PSOE non estaba morto, precisamente.

O PSOE entérrano demasiadas veces e até agora antes de tempo en todas as ocasións. Esa apreciación do profesor Nicolás tiña a ver cunha percepción política concreta naquel momento: o PP e o Bloque conseguiran deixar fóra os socialistas da idea de defensa de Galicia; é dicir, tanto os populares coma os nacionalistas impuxeran un eixo centro-periferia superior ao dereita-esquerda, o cal deixaba fóra o PSOE. O problema é que nese período, mentres que o Bloque subía e incluso chegou a ser a segunda forza no parlamento, o PP tamén subía en votos.

Velaí os vasos comunicantes, esa sensación de que o trasvase de votos entre PSOE e BNG é doado mais que non hai xeito de penetrar na base electoral do PP.

É que para amplas capas urbanas, o BNG non se escollía como opción de voto por ser nacionalista senón por ser unha forza de esquerdas. Entón, nalgúns momentos, usouse como alternativa para non votar polo PSOE en contextos nos que ese partido non se percibía como a opción de esquerdas máis atractiva. Seguimos a ver ese comportamento hoxe en día, cando analizamos o voto de En Marea nas cidades. Non é un voto galeguista senón un voto de esquerda. Eu encontro moitas analoxías entre os gobernos das Mareas da Coruña, Santiago e Ferrol hoxe en día cos gobernos do Bloque da década do 1990. Sofren os mesmos acosos e deberan aprender do que pasou daquela porque os resultados nas próximas municipais poden ser sorprendentes.

O PP mantén a súa base, non só no rural senón especialmente nos medios urbanos, onde ten un nivel de remuda xeracional moi importante. Hai moita xente moza que vota polo PP nas cidades. Hai moita xente que vive nas cidades e está no paro que vota polo PP.

Mais en cada asemblea, barra de bar ou grupo de whatsapp no que apareza o tema de como derrotar o PP, aparece sempre a mensaxe de que “o importante é meterlle o dente á base electoral do PP”. Unha opción estratéxica foi a de converter o nacionalismo nun proxecto aglutinador e transversal pero fracasou. É por que non hai galeguismo de dereitas ou por todo o contrario?

Por suposto que hai un galeguismo de dereitas. O galeguismo de dereitas existe e está cómodo no PP porque considera que este partido cumpre todas as súas arelas. Existe un simbolismo propio dese galeguismo que vai máis alá da Romaría do Monte do Faro e que se segue a expresar electoralmente. Hoxe Feixoo non ten o papel de Manuel Fraga, que incluso verbalizou ese autonomismo do PPdeG dun xeito claro, ben a través do proxecto de administración única ben mediante aquelas palabras do que era o seu delfín, Xosé Cuíña de que “o límite era o dereito de autodeterminación”. Mais esa autorreferencia segue moi presente en moitas estruturas e estratexias do partido. Fixémonos no papel simbólico de Galicia como concepto na campaña última das autonómicas ou nas peculiaridades da forma de gobernar da familia Baltar en Ourense.

No seu libro analiza concretamente a evolución política do nacionalismo á fronte de dous gobernos municipais moi relevantes: Fene e Allariz. Unha das súas principais teses é que un dos valores do nacionalismo galego é a súa heteroxeneidade e adecuación ao terreo.

O Bloque sempre foi unha forza política diversa que malia as diferenzas conseguiu vertebrar un discurso común que logo se ía enfrontando coas necesidades e demandas en cada territorio. Iso vese moi ben no contraste entre Allariz e Fene, mais non só. En cada lugar, o nacionalismo tivo que desenvolver unha axenda e unha operativa propias.

En Allariz, que explica as maiorías absolutas ininterrompidas do BNG desde o 1989?

O Bloque empezou canda o inicio da democracia un labor de concienciación moi forte en varios aspectos. Por unha banda, na propia base económica rural do seu contorno, e pola outra na defensa dos valores patrimonial e urbanístico dunha vila medieval, encravada no contorno paisaxístico do río Arnoia que lle dá forma. Cando ambos piares se viron ameazados e a propia poboación reaxe e toma o poder, no 1989, o Bloque consegue concretar esa demanda xeneralizada da veciñanza, facela súa e convertela en transformación. A sociedade alaricana recupera o orgullo e non só iso, fai políticas de vangarda en benestar social que converten o concello nun lugar moi atractivo para vivir, incluso para persoas de fóra que se instalan alí e que prefiren morar en Allariz aínda que traballen en municipios máis grandes, caso de Ourense ou Xinzo da Limia.

Fene ten un contexto territorial ben diferente.

A todos os niveis. En Fene, o BNG goberna entre o 1979 e o 2007. E volve facelo desde o 2015, logo de dous períodos de gobernos do PSOE e do PP, de catro anos cada un. A vida en Fene está mediatizada polo estaleiro ASTANO e podemos cualificar o modelo de construción do electorado neste concello do tipo de mobilización nacional-popular, con expresións específicas: axitación cultural ligada ás vangardas, Olimpiada da Mocidade, escolas… A creación de Radio Fene favoreceu a creación dunha axenda propia que modificou tamén os modelos dos demais medios de comunicación. Todo isto nun contexto onde a estrutura social é estable, na que os obreiros do naval, que traballan a quendas, saben cando disporán de tempo libre para participaren en actos culturais ou políticos. Isto, no ambiente rural doutros Concellos, non se podería dar nunca.

One thought on “María Lois: “O galeguismo de dereitas existe e está cómodo no PP”

  1. Entendo pois que a desfeita urbanística de Fene é anterior ao 79, cando empeza a gobernar o nacionalismo, porque unha das patas da mesa do círculo virtuoso na nosa terra debe ser un urbanismo sostible e respectuoso co paraíso natural onde vivimos. Saúdos!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *