BiosBardia

O país dos libros en galego

María Obelleiro: “O ‘Sermos’ é o medio máis coral”

César Lorenzo Gil.

María Obelleiro (Arcade (Soutomaior), 1985) é a directora do semanario Sermos Galiza, que, xunta ao diario dixital do mesmo nome, fai agora cinco anos. Conversamos coa xornalista sobre os retos da publicación.

Cinco anos de Sermos Galiza xa dan para tirar un balance da súa historia. Non sei se me vai dicir vostede que non lle pregunte sobre isto porque non formou parte do proxecto desde o primeiro momento.

Como traballadora non pero si fun accionista cando se fundou e vivín con entusiasmo o proceso de creación dun medio de comunicación propio, que valoriza a lingua galega, comprometido na defensa dos dereitos sociais e nacionais. No momento no que xurdiu o Sermos viviamos un momento de moito desacougo porque varios medios en galego desapareceron en moi pouco tempo e cumpría dar unha resposta colectiva, popular. E a ese desacougo respondemos con entusiasmo e ilusión.

Daquela, fáleme da evolución do semanario nestes anos.

É un medio de comunicación novo que ten que procurar o seu espazo. Coido que foi moi importante o cambio de deseño na maqueta. Pasamos de ter unha maqueta boa a ter unha excelente. A remodelación de Pepe Barro converteu o Sermos nun medio máis atractivo para ler, mellor organizado, máis moderno, que compite en igualdade con calquera dos diarios que se publican arestora en Galiza.

Este redeseño permitiunos difundir uns contidos máis analíticos, con temas tratados con profundidade, rigor, precisión e sempre cun punto de vista propio. Tamén conseguimos cumprir unha das arelas dos e das nosas lectoras: ampliar a sección de Cultura, cunha óptica ampla sobre o concepto cultural. Non nos cinguimos á arte, a literatura ou a música senón que introducimos textos sobre historia, tradicións…

Entre parte do público existe un preconcepto que define as novísimas cabeceiras senlleiras do xornalismo diario en galego segundo unha suposta adscrición partidaria. Praza, por exemplo, segundo esas voces, pasa por ser portavoz de En Marea. Sermos, do BNG.

Non hai medio máis coral ca o Sermos Galiza. Só temos que consultar a colección para decatarnos de que durante estes anos escribiron máis dun cento de persoas de todas as tendencias políticas, que participan na sociedade galega desde diferentes platarformas, iniciativas ou xeitos de entender a defensa do país. Porque ese é, á fin, o noso principal obxectivo: defender os intereses de Galiza coa ferramenta da información. Contar o que pasa e darlles voz a quen non ten voz.

A nivel organizativo non está nin o BNG nin ninguén concreto detrás. Sermos nace dun proceso de colaboración cidadá que consegue pór en marcha unha iniciativa informativa, non unha empresa de comunicación ao uso, que unicamente responde ao interese desa colectividade plural.

Sermos Galiza componse dun semanario en papel e dun diario dixital. Xa sei que é vostede parte interesada pero realmente coida que ten futuro o papel prensa?

Coido que o xornal perdeu relevancia para contarnos o que pasa no día a día. Vémolo como profesionais e como lectoras. Ao día seguinte, o xornal trae noticias que xa coñecemos. Non nos engade nada novo nese plano. O papel xa non ten flexibilidade para adaptarse á demanda de información da xente. De aí que a aposta diaria do Sermos sexa dixital. Mais ao mesmo tempo coido que para profundar na realidade cunha proposta periodística cómpre algo máis: interpretar e interconectar as informacións, permitirlle á xente que se demore noutros contidos que nos apetecen para momentos ben distintos ao día a día sobre a pantalla do ordenador. Nese sentido, coido que o Sermos en papel é un complemento perfecto, tanto polo seu formato como pola súa periodicidade. Porque unha semana é un período de tempo o suficientemente amplo como para poder analizar as cousas que suceden e o suficientemente curto como para que haxa unha desconexión entre o ritmo do medio e o ritmo do público lector. Ambas as cabeceiras facemos un bo equipo.

A pesar de editarse en papel, seguro que a redacción do Sermos está día a día en comunicación coa comunidade lectora e comentadora, especialmente a través das redes sociais, que é onde se xera todo o diálogo sobre o papel dos medios. Non sei como se xestiona ese debate “en movemento” cun semanario que, loxicamente, fixa os seus contidos dunha maneira inflexible, “para sempre”.

Como che dicía, Sermos é un proxecto popular e colectivo e polo tanto leva o diálogo, a interacción entre lectorado e xornal na súa propia forma de existir. Ademais somos un medio aberto que busca a colaboración o máis ampla posible para poder radiografar o noso tempo. De aí que moitas persoas colaboren habitualmente coa redacción na elaboración de textos. Polo tanto nós consideramos esa posibilidade unha ferramenta para aprender e conseguir o noso obxectivo de ampliar a nosa rede de información. Falaba antes de que un dos nosos compromisos é darlles voz a quen non a ten. Esta meta é máis doada se colabora coas profesionais a comunidade lectora. Claro está que nese diálogo hai espazo para a crítica. Pero a maioría das veces esa crítica é construtiva e nos axuda a mellorar.

A pesar dos avances, dos exemplos das pioneiras do xornalismo en galego e de que hai máis xornalistas mulleres ca homes, vostede é unha excepción como directora dun medio de comunicación.

É. Un dato sobre a prensa no Estado español: Só un 3% dos postos directivos está ocupado por mulleres. E isto a pesar de que existe unha Lei de Igualdade que esixe que se favoreza a incorporación da muller ás direccións, tamén da prensa. Nin por preparación nin por falta de experiencia hai escusas para tal desequilibrio. Mais eu síntome orgullosa de dirixir un medio que nese aspecto sempre tivo claro o valor feminino na súa redacción. Sempre me gusta nomear a Beti Vázquez, Olalla Rodil e Carme Vidal. Elas deron o primeiro paso e fixeron o máis difícil para quen chegamos por detrás. Eu empecei a traballar no semanario no 2015 e son directora desde xaneiro deste ano.

Vostede non só defende unha presenza feminina sen máis senón que considera que a prensa debe servir tamén para axudar a mudar situacións de desigualdade.

Temos que reflexionar sobre o papel social das mulleres, tamén na visión que se dá de nosoutras nos medios de comunicación. Desde como se hipersexualiza a muller no telelixo a como se van creando parcelas invisibles na propia información do xornal (sempre hai máis mulleres nas seccións de Cultura ou en noticias sobre coidados e menos nas seccións “duras” do periódico). Coido que se poden cambiar as cousas e nós estámolo pondo en práctica no Sermos. Utilizamos a linguaxe integradora non sexista dunha maneira xeneralizada, facemos un esforzo por visibilizar as mulleres na información diaria, fomentamos a presenza feminina na sección de Opinión e somos conscientes dalgúns desequilibrios menos evidentes, como por exemplo que en moitos casos se usan como fontes informativas ou de autoridade moitas máis voces masculinas ca femininas.

Interésame moito este aspecto. Non ten a sensación de que ás mulleres lles custa máis expresárense. Que incluso mulleres moi formadas ou con moito que dicir, sempre están dubidando de se valen para comunicalo?

Desgrazadamente isto é así. En moitas ocasións somos as propias mulleres as que nos pomos límites, seguramente porque culturalmente hai unha tendencia a minusvalorarnos nalgúns campos e ao final dámos por reais o que son simplemente preconceptos.

Así que amais de xornalismo, tamén fan pedagoxía, se queren conseguir igualdade nas fontes informativas ou nas sinaturas de opinión.

Pois si. Pero cómpre facelo. Cada vez é máis sinxelo. Unhas voces tiran polas outras e ao final gañamos todos e todas porque se consegue unha percepción da realidade moito máis inclusiva e polo tanto, realista.

Vostede amais de muller é nova. A idade segue a ser unha eiva nos postos directivos. No seu caso concreto, sofre moito este preconcepto cando acode ao debate da Radio Galega das mañás.

Ás veces é difícil superar esas etiquetas. É coma se as túas valoracións valesen menos porque es muller ou porque tes menos anos ca outros opinadores. Houbo momentos nos que me sentín bastante soa, bastante menosprezada por ser eu quen expresaba unha opinión, non polo valor da miña opinión. Igual que che dicía que darlles voz ás mulleres é moi importante para coñecer que país real temos, o mesmo opino da xente nova. E neste caso non falo de min, que xa non son tan nova, senón da necesidade de que aparezan voces e rostros de mozos e mozas nos medios de comunicación, especialmente nos medios públicos. Por suposto que a experiencia é un grado e aprendo a diario con xente maior pero non podemos construír un país de futuro silenciando ou arrinconando as opinións da mocidade.

Fágame unha petición para os próximos cinco anos.

Que o Sermos estea en todas as partes; que a poida ler no meu salón de peiteado, na consulta da miña dentista, que estea sempre na barra do bar do barrio. Isto significaría un grande avance nos nosos dereitos nacionais e sociais. Significaría que a xente de Galiza acreditamos en nós mesmos.

Pensei que me ía pedir cinco xornalistas máis.

Se o semanario está tan presente no día a día dos galegos, seguro que teriamos capacidade para ter moita máis xente traballando connosco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *