BiosBardia

O país dos libros en galego

Marilar Aleixandre, a literatura como espazo de reparación simbólica

Marilar Aleixandre.

Emma Pedreira.

As bocas cosidas (Galaxia, 2025) inscríbese con pleno dereito na narrativa contemporánea da memoria histórica ao tempo que representa a evolución progresiva na traxectoria narrativa de Marilar Aleixandre. O punto de partida é un feito real, a chamada recibida en 2010 polo pai da autora para facilitar unha mostra de ADN que permitise identificar o corpo dun curmán soterrado nunha fosa común en Valencia. Ese episodio actúa como detonante narrativo e como dispositivo ético: a revelación dun familiar guerrilleiro antifranquista morto en 1947 e do que nunca se falara no ámbito doméstico, abre unha fenda tanto na memoria familiar como na memoria colectiva.

Desde este xesto inicial, a novela formula a pregunta sobre o que acontece coas historias que non se contaron e, ao mesmo tempo, propón que o silencio non é ausencia senón presenza latente.

A metáfora “bocas cosidas” artella o núcleo conceptual do texto. Designa o silencio imposto pola represión franquista, mais tamén o silencio asumido polas familias como mecanismo de supervivencia. Esta imaxe amplía o alcance da novela ao non tratar só dun segredo doméstico, senón dun clima social no que a palabra quedou bloqueada por medo, por derrota e necesidade de protección.

A novela examina con particular agudeza a dimensión interxeracional dese silencio. A transmisión truncada da memoria produce ocos na identidade familiar; a ausencia de relato convértese nunha forma de amputación da transmisión xenealóxica. O texto propón que recuperar a identidade non é un simple exercicio de curiosidade histórica, é  unha forma de restauración ética do vínculo cos devanceiros.

A figura de Antonio G., ficcionalizada a partir do familiar real, funciona como eixo narrativo. Desde a infancia en Doña Mencía ata a súa incorporación aos grupos guerrilleiros antifranquistas, a novela reconstrúe unha traxectoria vital marcada pola precariedade, a represión e a esperanza política. A microhistoria individual ilumina así procesos estruturais que van desde a fame e a precariedade da vida dos xornaleiros ata a violencia da posguerra pasando pola desintegración do fogar familiar.

Aleixandre adopta unha poética da reconstrución que combina documentación histórica e narración literaria. A novela non pretende substituír o labor historiográfico, asume a súa condición de ficción que dialoga coa historia para iluminar os furados intencionados da memoria. O arquivo e a emoción, a fonte documental e a evocación sensorial, conviven nun equilibrio que evita tanto o didactismo como a idealización.

Desde o punto de vista formal, As bocas cosidas artéllase nunha estrutura non lineal que alterna tempos e voces. O pasado non aparece como un compartimento estanco; faise materia permeable que continúa afectando o presente e convivindo con el na progresión narrativa, que deixa de ser estética para crear un proceso en permanente reelaboración.

A alternancia temporal fai visible a distancia entre acontecemento e reconstrución. A memoria preséntase furada por lagoas, conxecturas e ficción lírica. Nese sentido, a novela contribúe á reflexión contemporánea sobre como se produce e se transmite o coñecemento do pasado traumático.

Nomear é restituír dignidade. A linguaxe non é neutra e axuda na construción da memorias dignas e lexítimas e das personaxes protagonistas, onde “os fillos da noite”, loitadores antifranquistas, partisanos ou guerrilleiros, crea unha nomenclatura de dignidade, lonxe das a connotacións criminalizadoras doutros termos empregados. A palabra como instrumento de reparación simbólica.

A obra dialoga co debate contemporáneo sobre as fosas comúns e os procesos de identificación mediante probas de ADN. A chamada que inaugura a novela simboliza a procura de verdade e reparación institucional. A metáfora do “cosido de bocas”, así como a constante premisa de “desbridar a ferida” indica a necesidade de abrir aquilo que foi pechado pola forza, e afrontar unha memoria que continúa sendo obxecto de controversia nos nosos días.

Neste contexto, a literatura aparece como espazo de intervención. Non substitúe procesos xurídicos nin estudos historiográficos, pero contribúe a estañar a memoria deteriorada participando na elaboración dun relato colectivo máis plural e consciente desta pluralidade.

Algo me levou a ler As bocas cosidas case ao mesmo tempo que La península de las casas vacías, de David Uclés, onde se presentan trazos comúns, unha tendencia ao rural como paisaxe de fondo, ao familiar desintegrándose como primeiro estoupido da guerra civil e o ton lírico (realismo máxico, no caso de Uclés).

A prosa de Aleixandre caracterízase por un lirismo contido e a precisión lóxica. O texto evita o sentimentalismo buscando pactar coa reflexión do público lector apelando ao seu deixarse levar ou á súaa interpretación. A emoción emerxe a través de detalles materiais, de escenas cotiás e de xestos mínimos.

Esta contención estilística resulta coherente coa materia tratada: fronte á tentación da épica ou do dramatismo excesivo, a novela privilexia a complexidade humana. Non constrúe heroes monumentais, senón persoas atravesadas pola fame, o medo e a esperanza. Non hai vontade de reconstrución, de recreación nin de reinterpretación desde este lado da historia. O que atopamos é arqueoloxía do silencio. A autora non busca tanto explicar a guerra Civil coma iluminar o que quedou fóra do relato: as conversas que non se tiveron, os nomes que non se pronunciaron, as fotografías que desapareceron das casas, os retratos dados a volta ou gardados no fondo dos caixóns.

Nun contexto no que a memoria histórica segue a ser motivo de debate social e político, mesmo de discusións encarnizadas, As bocas cosidas intervén desde a literatura con serena profundidade. Non pretende ditar sentenzas, senón formular preguntas incómodas Que herdamos dos silencios familiares? Que responsabilidade temos fronte ás historias que non coñecemos? Pode a ficción reparar o que a historia oficial ignorou?

Fíos que se prolongan: D’As malas mulleres a As bocas cosidas

Se As bocas cosidas supón unha indagación profunda na memoria familiar e na represión da guerra Civil, non é un xiro illado dentro da traxectoria de Aleixandre, senón unha continuidade coherente dunha liña temática xa moi definida. A novela dialoga de maneira clara coa anterior obra da autora, As malas mulleres (Galaxia,2020) galardoada co Premio Nacional de Narrativa en 2022 e, con anterioridade, co Blanco Amor de Novela en 2020.

N’As malas mulleres, Aleixandre reconstruía a vida das presas do cárcere da Galera da Coruña durante o século XIX, xuntándoas coas biografías parciais de Concepción Arenal ou Juana de Vega, ofrecendo un coro de voces femininas —estas anónimas— que a historia oficial relegara ás marxes ou ao esquecemento absoluto. A novela convertíase así nun exercicio de restitución simbólica no que devolverlles palabra, corpo e memoria ás que foron silenciadas por unha sociedade fondamente patriarcal.

N’As bocas cosidas, o movemento é semellante, aínda que o foco cambie. Aquí, a recuperación céntrase nun guerrilleiro represaliado durante a guerra Civil e a posguerra, un familiar cuxa existencia fora borrada do relato no interior da historia familiar. Mais o mecanismo literario é o mesmo: iluminar vidas expulsadas da narrativa hexemónica e interrogar a maquinaria do silencio.

Hai, polo tanto, varios fíos comúns que atravesan ambas as dúas obras como son a memoria como territorio literario, a ficción como ferramenta para explorar ocos documentais e emocionais, un ir máis alá de reproducir datos históricos, para habitar as fendas co literario imaxinando o que non quedou rexistrado, construíndo unha verdade narrativa que dialoga coa historia.

A voz das persoas vencidas, que é tanto a das mulleres encarceradas coma a do guerrilleiro sabotador dos trens fascistas, pertencen ao bando máis feble e descompensado na historia. Nestes días nos que referir o relato da perda semella abrir feridas vellas pero aínda sangrantes, a autora sitúase deliberadamente do lado de quen non tivo relato co silencio como violencia. Se n’As malas mulleres, o cárcere funciona como espazo de clausura física e simbólica, n’As bocas cosidas, o silencio familiar e social convértese nunha segunda condena. En ambos os dous o esquecemento aparece como unha forma de violencia prolongada no tempo e de falta de responsabilidade.

Marilar Aleixandre non practica unha literatura neutra. A súa obra está atravesada por unha conciencia política que se manifesta na elección dos temas e da perspectiva.

Se na novela premiada o eixo era a memoria das mulleres e a denuncia das estruturas patriarcais que as condenaron, n’As bocas cosidas a reflexión amplíase cara á memoria histórica da guerra Civil e da ditadura, aínda que a pulsión é idéntica: descoser o que foi cosido pola forza, abrir o que foi pechado polo medo, drenar as feridas dos líquidos purulentos que impiden a curación.

Deste xeito, As bocas cosidas confirma a madurez literaria de Marilar Aleixandre e consolida unha das liñas máis sólidas da narrativa galega contemporánea, a que entende a literatura como espazo de reparación simbólica. Porque, en definitiva, tanto nun cárcere do século XIX coma nunha fosa común do século XX, o que está en xogo é o mesmo: quen ten dereito á lembranza e quen á condena da desaparición.

As malas mulleres, de Marilar Aleixandre, Galaxia, 2021. 250 páxinas. ♠22,55€

As bocas cosidas, de Marilar Aleixandre, Galaxia, 2025. 340 páxinas. ♠24

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *