BiosBardia

O país dos libros en galego

Marilar Aleixandre: “Hai un mito de que antes o ensino era mellor, o que é totalmente falso”

Marilar Aleixandre. XOÁN ÁLVAREZ.

Marilar Aleixandre é unha das voces literarias máis recoñecidas e recoñecibles. A súa longa traxectoria produciu un gran número de títulos nos que os libros teñen un papel protagonista en moitas ocasións. Á espera de que se publique o seu último libro, Xoana de Vega, a muller que desafiou o seu tempo (escrito canda Emma Pedreira, publicado por Galaxia), podemos ler As malas mulleres, Premio Blanco Amor 2020, tamén editado por Galaxia.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Na miña casa de Ceuta había un tocadiscos, talvez non fose frecuente nos 50, mais Ceuta era porto franco e había máis chintófanos que noutros lugares. Escoitabamos unha e outra vez un disco con contos de Andersen, lembro “O soldadiño de chumbo”, unha historia singular que non ten un final feliz. En papel un dos primeiros foi Cinsenta, recortado en forma de rapaza, que levaba no pé un zapatiño de plástico (non de cristal, claro). Algo máis tarde lin as historias de Celia, de Elena Fortún, onde aprendín a escribir diálogos.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Unha autora pouco coñecida en Galicia e en España –nos Estados Unidos si a coñecen, pois iso é relativo– e que admiro moito é Eudora Welty. Considero magníficos os seus relatos curtos, e tamén a novela The robber bridegroom, que combina ritmo, sentido do humor, crítica e diálogo con historias clásicas. En castelán hai unha tradución moi boa, mais inexplicablemente co título cambiado, La novia del bandido. En poesía hai anos que veño seguindo a Alice Oswald, hai citas dela nos meus libros de poemas Ovella descarreirada e Desescribindo, gústanme todos os seus libros, mais Dart –o nome dun río– é hipnótico, un dos mellores volumes de poemas, ou talvez un longo e único poema, é do que máis fondo me chegou en moitos anos. Ou The Lazarus project, do narrador, nacido en Saraievo e que agora vive en Chicago, Aleksandar Hemon, unha historia que segue as pegadas dun desaparecido. Non digo “obra mestra” pois non son termos que adoite utilizar. 

E que obra mestra canónica lle cae das mans?

O certo é que non me resulta fácil lembrar un libro que me caese das mans. Se acaso Las inquietudes de Shanti Andía, de Baroja que foi o único libro que me deron a ler completo cando estudaba secundaria (e bacharelato), aos trece ou catorce anos, e que nese intre non me interesou nada; tempo despois, si. Insisto no do único libro pois hai un mito de que antes o ensino era mellor, o que é totalmente falso. Eu era moi lectora, nesa idade lin a Ilíada, porque estaba na casa e me pareceu fascinante o resumo do libro de texto, mais era iso, os resumos, o único que tiñamos que ler. Mais o de Baroja non debía ser adecuado para min. En canto a outros posteriores, o certo é que cando un libro non me interesa nas dez primeiras páxinas non sigo lendo, talvez por iso non lembre o título dun recente. Por outra banda eu leo de todo, canónico ou non –son moi escéptica sobre os canons, sempre son o canon de alguén e responden a criterios subxectivos–, como di o narrador do Quixote, até os papeis rotos das rúas, teño boa memoria, mais garda o interesante.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a

Creo que nunca ou case nunca pasei unha noite de copas cun escritor ou escritora, non me movín moito neses círculos. Se se tratase dunha noite de faladoiro, lembro algunhas sobremesas con Carlos Casares, un dos mellores conversadores e contadores de historias orais que coñecín. prestaríame con xente que ten sentido do humor e que ten dúbidas, non da que está segura de todo. Xente como Eudora Welty, Harper Lee –a autora de Matar un reiseñor–, Carlos Casares, que xa morreron, e das vivas Berta Dávila, Marta Sanz, Xavier Queipo Lídia Jorge, Emma Pedreira ou Gonzalo Navaza. Por separado ou xuntos.

E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o

Con xente que se cre moi importante, moi pagada de si mesma e que carece de sentido do humor. Hainos en moitas literaturas, mais un exemplo é o francés Gabriel Matzneff.

Un libro recente que lle gustase moito…

Virtudes e misterios, de Xesús Fraga. Lino xusto antes de comezar o confinamento, porque el me pedira que o presentase en Santiago, o que foi adiado pola pandemia e finalmente fixémolo despois de acadar o Premio Nacional de narrativa. E de poesía Tempo fósil, de Pilar Pallarés; tamén premiado, mais independentemente do premio é un libro estremecedor.

Unha novela que non puido terminar…

Xa comentei antes o caso de Las inquietudes de Shanti Andía, de Baroja. Non lembro outros, polo que explicaba antes, se no primeiro capítulo non me interesa, non sigo lendo; non me considero vencellada por un compromiso, e probablemente o borro da memoria.

Que novela lle gustaría protagonizar?

Non o teño claro, pois moitas das novelas que máis me gustan son historias moi duras, nas que os protagonistas sofren ou mesmo morren. De rapaza querería protagonizar A illa do tesouro, de Stevenson, navegar nun barco de vela –aínda que cando viñamos de Ceuta á península en barco adoitaba marearme–; talvez por iso escribín A expedición do Pacífico, na que Emilia, unha rapaza, viaxa nun barco. Das cousas máis lindas que me dixeron nos encontros con lectoras e lectores nos institutos é “eu sentín que era Emilia”.

Que novela a reconciliou coa literatura?

Para reconciliarme coa literatura tería que terme asañado antes e iso nunca ocorreu. Os libros son parte da miña vida desde nena, termaron de min en momentos difíciles. Supoño que por iso hai relatos –“Desaforados muños”, en O coitelo en novembro–, ou novelas, como As malas mulleres nas que fago dos libros unha táboa de salvación.

Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?

Estuário, de Lídia Jorge, merqueino, mais non encontrei o momento de ler nel seguido, como me gusta ler as novelas. Que hostia din os rumorosos, de Rompente.

Que libro lle gustaría ter escrito?

Da literatura galega O polbo xigante, de Carlos Casares, ou Deus sentado nun sillón azul, tamén de Casares. De poesía Dart, de Alice Oswald.

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?

O certo é que ningún. Supoño que ten que ver con que comecei a escribir –e sobre todo a publicar– tarde. Téñolles cariño a todos, cada un ao seu modo.

Leva vostede un diario ou un dietario? 

Un diario non. Teño varios cadernos nos que anoto cousas; tamén tomo notas no ordenador. Notas que poden ser de algo que ocorreu, dunha conversa, dun libro que lin, dun libro que penso escribir. Nada sistemático como diario.

Escribirá as súas memorias?

Talvez. De momento os proxectos que teño entre mans son ficción ou poesía.

Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?

Non podo atribuírllo a unha autora, a un autor. De moito ler, acabei escribindo, mais en distintos momentos da miña vida estaba influída por distintos autores. Cando estudaba na universidade Marguerite Duras, lembro ler Des journées entières dans les arbres e decatarme de que era diferente a todo o que lera até ese momento. Foi ese o tempo en que comecei a escribir, non a publicar que daquela era ben difícil; eu nese intre dedicaba máis enerxías á militancia clandestina antifranquista; é o tempo no que me tocou vivir de nova.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Non se me ocorre ningún. Son moi de levar a contraria, mais pacífica nos actos.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Non é o meu estilo o de sinalar esas cousas. Os gustos son relativos, subxectivos, e son pouco partidaria de situacións de liorta ou desencontro persoal. Tampouco me parece moi interesante para outras persoas saber que libros recentes me gustan pouco, sen chegar a que non os soporte. Prefiro falar dos que me interesan.

E un libro galego posterior ao 1970 que adora?

Besta do seu sangue, de Emma Pedreira. Intempériome de Xela Arias. 

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado

Tampouco hai tantos clásicos galegos, nin están tan valorados. Fáltanos tempo, creo, para poder avaliar se os valoramos de máis. Se cadra é que eu considero clásicos galegos a moi poucos, Xohana Torres, Cunqueiro, Blanco Amor, e valoro moito todos eles.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?

O polbo xigante, de Carlos Casares. Merlín e familia, de Cunqueiro. O libro das devoracións, de Pilar Pallarés. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *