BiosBardia

O país dos libros en galego

Marilar Aleixandre: “Quero escribir sobre as violencias sociais que se exercen contra os colectivos”

Marilar Aleixandre. JOSÉ GORÍS.

A última ‘Conversa Biosbardia’ da tempada 25-26 tivo como protagonista a escritora e académica Marilar Aleixandre. Nacida en Madrid no 1947, chegou a Galicia na década do 1970 e desde ben cedo se integrou no panorama cultural en lingua galega. Hoxe é unha das escritoras máis importantes e tamén forma parte da Academia.

Aleixandre contou que a entrevista na libraría Cartabón lle facía especial ilusión pola súa íntima vocación co barrio do Calvario (onde tamén está Cartabón) pois no instituto que levaba ese nome foi onde ela empezou a dar clases. “Fun eu quen propuxo, no 1974, que o instituto se chamase Castelao [actual denominación]”. Ademais, chegou a presidir a asociación de veciños do Calvario. “Era clandestina, pois na época de Franco era ilegal todo, incluídas as asociacións de veciños. A primeira loita que lembro, coido que tamén no 74, foi a prol de que se mantivese o mercado, pois querían especular con el”.

A escritora recordou como se vinculou coa lingua galega. “Na esquerda antifranquista na que eu militei, a cuestión das linguas era moi importante”. Ademais, coñecía os fillos de Antón Beiras e Antía Cal (Antón e Antía Beiras) e a Carmen Vázquez. “Antón Beiras levoume a Madrid os dous primeiros libros que lin en galego: Longa noite de pedra, de Celso Emilio, e O atraso económico de Galicia, de Xosé Manuel Beiras”. Todos estes factores, sumados a que lle gustaba Vigo, favoreceron que escollese a cidade como o seu primeiro destino docente tras aprobar as oposicións a catedrática de instituto. “Dous anos despois namoreime de Ramón Facal, e até hoxe”.

Marilar Aleixandre percorreu a súa prolífica e moi substanciosa carreira literaria. Os premios que obtivo, os seus meirandes éxitos comerciais, os diferentes xéneros literarios que cultiva. “A cabeza de Medusa [publicada por Xerais] é do 2008, pero a partir da ‘Manada’, no 2018, aumentou a súa popularidade”.

Sobre a experiencia da escrita, Aleixandre afirmou que a fai moi feliz. A pesar diso: “Hai obras duras que si custa escribir, como me pasou a min co’As bocas cosidas, que fala dun segredo familiar relacionado cun familiar que foi guerrilleiro e que só se coñeceu no 2010. Eu teño un proxecto de escritura ao redor das violencias sociais que se exercen sobre colectivos e iso, evidentemente, pode ser complicado”.

Aleixandre tamén explicou as diferenzas entre escribir para público adulto e público infantil e xuvenil, área na que desenvolveu boa parte da súa obra. “Poño o mesmo rigor e empeño, e moitos deles forman parte do meu proxecto global. Algúns están relacionados: A cabeza de Medusa dialoga con Mudanzas e outros velenos [Premio Caixanova 2006] . É evidente que no léxico, na complicación das frases, o traballo pois non é igual. Polo meu traballo docente, estou afeita a facer o esforzo de falar de determinados temas complexos cunha linguaxe que lles chegue aos adolescentes”.

https://youtu.be/EhDhgpGB64U

https://open.spotify.com/episode/1sP4lRsiFervcsSEqyD7dS?si=c1a3475eb5ea4f0a

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *