Mario Regueira propón unha nova lectura do piñeirismo
Manuel Veiga Taboada.
O movemento cultural coñecido popularmente co nome de “piñeirismo” mereceu xa un bo número de libros, entre correspondencia, testemuños e obras dos propios autores relacionados. Tamén algúns estudos. Dado que estamos a falar dunha corrente que aínda conta con seguidores é normal que a súa análise suscitase até agora ánimos ás veces demasiado acendidos, tanto a prol como en contra. Ánimos que loxicamente mediatizan o resultado das respectivas interpretacións.
Mario Regueira (Ferrol, 1979) é o suficientemente novo e está o suficientemente formado (é doutor en teoría da literatura, crítico, narrador e poeta) como para ofrecernos unha análise do piñeirismo e da súa época que podería servirnos a partir de agora de referencia fiábel. Non será por suposto a última pero creo que contribúe en boa medida a asentar o camiño onde o aspecto científico pese xa máis que o anímico ou subxectivo.
O resultado da súa investigación, de raíz académica como mostra a longura do título, é este libro do que imos falar hoxe e que viu a luz en xaneiro do 2020, da man de Xerais. Un traballo, en todo caso, que vai máis alá da figura de Ramón Piñeiro –aínda que aquí nos centremos sobre todo no seu labor– e que recolle practicamente todo o mapa de iniciativas culturais da época.
Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966) é unha obra de bo tamaño, ben escrita e que non só nos ofrece un reconto daquel tempo, senón que tamén é capaz de enmarcalo e sistematizalo. Regueira consegue que comprendamos este período a partir dunha cantidade extensa de datos e citas que nun autor menos capaz terían dado lugar a un resultado ben máis confuso.
Unha das conclusións que se pode tirar da obra é a de que o piñeirismo foi un movemento de notábel éxito. A estratexia elaborada sobre todo por Ramón Piñeiro podería citarse como exemplo de penetración cultural no tecido dunha férrea ditadura. Piñeiro analiza as fendas do réxime e é capaz de mobilizar boa parte das forzas que subsisten no ermo que naquel momento era Galiza. Acepta, por exemplo, a colaboración dalgúns dos cadros falanxistas máis sensíbeis, para así poder levar adiante as súas actividades sempre ao bordo da prohibición, ao tempo que trata de manter a definición de literatura galega como aquela escrita en galego, algo que vai en contra da idea rexionalista que aplicaba o franquismo.
Son varios os autores que confesan que sen o seu alento e exixencia constante “non terían feito nada”. O pesimismo e o desánimo entre os opositores marcaban a época. Piñeiro conségueo coa axuda moi estimábel sobre todo de Illa Couto e Francisco F. del Riego, todos os tres antigos membros destacados das Mocidades Galeguistas. Á marxe das críticas que poidan corresponderlles, é evidente que merecen un lugar privilexiado na historia do activismo de posguerra.
A obra de Regueira debe ser lida amodo e a poder ser cun lapis na man. Ten a virtude de ofrecernos datos seleccionados de forma intelixente até compoñer unha imaxe espesa, como un cadro puntillista, pero finalmente clara e ilustrativa.
Piñeiro rexeita algunhas figuras, demasiado á esquerda ou demasiado avanzadas desde o punto de vista artístico. Pero ten a xustificación de que ao longo dos anos corenta e cincuenta non era posíbel actuar doutra forma.
O problema sobrevén despois, cando o franquismo comeza a tolerar unha maior marxe de manobra, sobre todo para superar o illamento internacional. Nese momento, o que eran marcos lóxicos por razóns de seguridade vólvense límites ideolóxicos. É aquí onde Piñeiro pasa de ser un loitador pragmático e posibilista a converterse no líder dunha tendencia dentro das varias posíbeis. Así, a editorial Galaxia, por exemplo, ao tempo que trata de recuperar os autores de preguerra, nunca será capaz porén de continuar a estética vangardista da Xeración Nós nos anos 30. As exixencias da nova mocidade, ante a apertura do réxime, tenden a crear conflito dentro dunha editorial de liñas máis conservadoras.
É polo tanto este segundo Piñeiro, como xa expuxera Franco Grande, o Piñeiro máis discutíbel. O que antes era prudencia necesaria (falar por exemplo do Castelao artista e non do Castelao político) podería ser tachado agora de sectarismo. De feito esa imaxe reducionista de Castelao acaba sendo asumida polo grupo Galaxia en anos xa posteriores. Algúns dos límites impostos polo réxime nos anos corenta son así aceptados e pasan a formar parte en certos casos do propio ideario do grupo de Piñeiro. Falamos non só de antimarxismo, senón sobre todo dunha imaxe de país idealista e antropoloxicamente superada xa no marco europeo. Velaí o seu “home labrego” como modelo do que debía ser o galego xenuíno.
Sobrevive hoxe daquel piñeirismo unha imaxe onírica, fantástica, paisaxística e nostálxica de Galiza, aínda visíbel, por exemplo, en parte do chamado novo cinema galego. Trátase por suposto dunha visión válida a nivel artístico, pero non desde logo única, nin “máis galega” que as demais.
En conxunto, a obra de Mario Regueira representa un lúcido fresco do esforzo da cultura galega por sobrevivir nun ambiente declaradamente adverso, onde non só debe sortear o castigo (véxanse as prohibicións da revista Grial que tivo que demorar durante anos a súa saída), senón tamén o intento de subordinación a unha cultura estatal única. A cultura galega estaría marcada, segundo o esquema franquista, polo seu estilo sentimental, fronte á baril e poderosa cultura en castelán.
A forma de responder a ambos desafíos é o tema deste libro, onde o autor soubo fuxir de erudicións innecesarias para ofrecernos as liñas mestras duns anos que, sendo certamente escuros, non deixaron de mostrar a vitalidade e variedade de non poucos axentes culturais.
Algunhas frases extraídas do libro
“A estrutura franquista estaba disposta a tolerar a existencia dunha edición en galego sempre que tivese carácter subalterno e se limitase a xéneros que entendía como folclóricos, algo no que encaixaba a súa concepción da poesía” (páx. 22).
[Respecto á creación do Instituto Padre Sarmiento como continuador do Seminario de Estudos Galegos desmantelado polo réxime]. “O propio Filgueira ten unha perspectiva clara sobre a natureza desta continuidade cando en xaneiro de 1944 escribe a Ramón Piñeiro: ‘vendrá a recoger y, en lo posible, proseguir la tarea del Seminario. No es una resurrección. Para resucitar necesitaría tener los mismos cuerpos y la misma alma. Pero nos daremos por satisfechos con que no se pierda de todo lo hecho [y] se prosiga algo’”. Regueira recolle a cita en castelán de Alonso Girgado. (Páx. 27).
“Vicente Risco está, naquela altura, nunha posición política complexa. Ao igual que axentes como Filgueira Valverde, a súa pertenza a Dereita Galeguista afórralle a maior parte das consecuencias da guerra, aínda que ao contrario que este, non aproveitará de ningunha forma a sintonía cun réxime co que nunca chega a sentirse identificado”. Regueira citando a entrevista que Lezcano lle fixo a Antón Risco, fillo de Vicente Risco. (Páx. 90).
“Recuperar o Castelao artista e negar o político é tamén unha forma de seleccionar unha lembranza determinada, non asociada ao rastro de violencia nin ao fracaso na loita por esa lexitimidade (no que o propio Piñeiro sacrifica, entre outras cousas, a liberdade)”. (Páx. 97).
“Eivada por tanto a posibilidade dun discurso histórico, a historia literaria funciona como unha forma máis de expresar este dunha forma non explícita”. (Páx. 124).
♦ Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966), de Mario Regueira. Xerais, 2020. 352 páxinas. ♠24€
interesante a liña interpretativo que se suxire para o Novo Cinema Galego