BiosBardia

O país dos libros en galego

Marxistas falan do futurismo: Enzo Ciuffo e coda

Ciclistas multiplicados, de Fortunato Depero.

Xesús González Gómez.

Non obstante, os tres líderes comunistas dos que vimos falando nesta serie: Gramsci, Mariátegui e Trotski, non teñen en conta algo que si viron, moitos anos despois, algúns dos estudosos do futurismo. Algo importante que, agora non imos ampliar, só entregar unha cita: «As declaracións programáticas do futurismo sobre a autocomprensión da arte delata –por riba das súas múltiples contradicións parciais – máis ben o contrario [de todos os homes son artistas]: a esgorxada proclamación da liberación do artista, este “ottimismo oficiale”, como lle chamou o futurista Emilio Settimelli, designa en realidade un modelo de adaptación coa inclinación evidente a disolver a arte [a literatura, etc.] no banal, incluso no trivial». (Eberhard Leube, Tradicióny antitradición, Barcelona/Caracas, Editorial Alfa, 1986, p. 100). Noutras palabras, que non di Leube: converter a arte, a literatura, en produtos kistch, para uso, evidentemente, de clases subalternas.

Hai uns meses, nunha desas librarías solidarias que hai en diversos barrios de Barcelona, comprei, por 2,50€ o libro Prosa e crítica futurista. Antologia a cura de Mario Verdoni, publicado na colección Feltrinelli EU da mítica editorial italiana en 1973. Editorial hoxe, por exemplo, propietaria da española Anagrama. O volume é unha ampla antoloxía, 350 páxinas, de prosa e crítica futurista; ao final Veroni entrega uns poucos datos sobre os escolmados. Entre os que aparecen na escolma hai nomes que xa coñecía e outros dos que non sabía nada. Un deles, o que hoxe nos trae aquí, é Enzo Ciuffo. Velaí os datos que dá Veroni: «Redactor de L’Ordine Nuovo de Antonio Gramsci, estivo achegado ao grupo futurista turinés, a Esfera de Fillia e da revista Vetrina futurista, na que colaborou co escrito Il sofà delle muse (1927)». Evidentemente, ao afirmar que fora redactor da revista fundada por Gramsci (con Palmiro Togliatti, Francesco Leonetti, Angelo Tasca e Umberto Terracini) chamou a miña atención, pero na rede pouco hai sobre Ciuffo, e nos diferentes, non moitos, libros que teño na miña biblioteca sobre futurismo italiano, non aparece nunca o seu nome. Como tampouco aparece nas obras que teño de Gramsci, e podo afirmar que son case que as súas obras completas. Cos datos que aparecen na rede sobre Ciuffo, podemos dicir que colaborou non só en Vetrina futurista, senón tamén en revistas como Le grande firmi e, sobre todo, en Radiocorrere, semanario dedicado maiormente a informar sobre a radio e no que tiña unha columna semanal: «Interferenze, e en xornais como La Gazetta del Popolo, La Gazeta della Sera ou Il correo del tirrenio, case que todos de Turín, onde moraba. Veroni, na antoloxía citada, afirma, como se dixo, que Ciuffo era redactor de L’Ordine Nuovo (o que dubido). No seu traballo titulado La stampa comunista da Gramsci a Togliatti, Patricia Salvetti, falando de L’Ordine Nuevo, e referíndose á terceira páxina, que adoitaba ser a de «literatura», identifica algúns dos nomes que aparecerían nela: Kipling, Gorki, Barbusse, Maupaussant, Marcel Martinet, W. Whitman, Chekhov, M. Twain, Marcel Martinet, relatos de G. Verga, etc, e engade: «oltre a quelle di alcuni operai, o di militanti, come Enzo Ciuffo o Edmondo Peluso[1]». Ciuffo era, penso eu, militante socialista e despois, talvez, comunista. A única noticia que atopei en que aparece o seu nome é a seguinte, aparecida ao 25 de decembro de 1945 en La Gazetta del Popolo, de Turín, xornal en que Ciuffo colaborou esporadicamente. Velaquí a noticia traducida:

Lembranza de doce xornalistas

Perseguidos, encarcerados, exiliados ou fusilados polos nazi-fascistas

A asociación da prensa subalpina inicia as súas actividades culturais coa lembranza dos xornalistas e publicistas piemonteses ou que traballaban no Piemonte perseguidos, encarcerados, exiliados e fusilados polos fascistas e os nazis. Doce son os colegas desaparecidos traxicamente nos anos da tiranía e da guerra: Filippo Acciarini, Luigi Ambrosini, Enzo Ciuffo, Umberto Cosmos, Eugenio de Benedetti, Raffaello Giolli, Leone Ginzburg, Piero Gobetti, Antonio Gramsci, Oddino Morgari, Claudio Treves e Renato Wuillermin.

A primeira conmemoración realizarase no conservatorio Verdi o 27 de decembro, aniversario do fusilamento de Renato Wuillermin, ex-redactor de Il Momento, exconcelleiro municipal de Turín, e funcionario da Sip. Oratore Giaochino Quarello, director de Il Popolo Novo e tenente de Alcalde de Turín.

 

O que quere dicir que Enzo Ciuffo era antifascista, e supomos, militante do Partido Comunista Italiano.

Traemos hoxe, aquí, o nome de Ciuffo por ser un dos poucos futuristas (ou ex futuristas) que non se ligou ao movemento fascista: non foron moitos os futuristas antifascistas, aínda que no inicio da súa actividade política o futurismo italiano simpatizaba cos anarquistas e os sindicalistas revolucionarios. Penso que a viraxe política dos futuristas está explicada nos escritos de Gramsci, Mariátegui e Trotski. Como tamén nestes escritos explícase o porqué das simpatías de mulleres e homes progresistas cara ao futurismo. En todo caso, para lectores e lectoras apresurado/as, ou non interesada/os maiormente no tema, é recomendábel, pola súa claridade, o capítulo 4, «Los orígenes literarios y el Partido Político futurista», p. 47-58, do libro de Robert Paris, Los orígenes del Fascismo, Barcelona, Ediciones de Bolsillo/Ediciones Península, 1969.

Só nos queda, agora, entregar algúns textos de Enzo Ciuffo.

O suicidio das nove musas

Hoxe acompañamos as nove musas ao cemiterio.

Coñecéraas, por casualidade, nun cabaré de mala fama do arrabalde.

Xa non se distinguían unhas doutras.

Talía, Euterpe, Calíope… cal?

Idénticas, precisas, fundidas na mesma forma.

Un dosel de cabelos louros rodeaba o polígono regular dos seus rostros.

O ollo esvaecíase no betume da maquillaxe.

Só eran rapazas estandarizadas, fabricadas en serie nos obradoiros americanos de danza sincopada.

O público só se apaixonaba polos ritmos das dúas fermosas patas de polos seleccionados.

A lírica, a epopea… distincións capciosas e escolásticas para a ximnasia cerebral dos alumnos serodios.

Alí, no candeeiro ardente, había nove femias núas que o estremecemento do jazz axitaba sincronicamente como monicreques de aceiro.

Logo desapareceron, perdidas, detrás do pano vermello de veludo.

 

Entón entraba en escena un gladiador moderno, carne escuras e rostro de malandrín.

A súa silueta perfilábase no fondo coma un triángulo.

Rubía pola enorme barra brillante e estarrecía coma unha faísca.

A alta tensión dos músculos inchados fundía a súa carne maciza cos aparatos.

Enchoupado de suor, o seu corpo sólido brillaba como un lingote baixo a dura caricia do torno.

Acabado o xogo olímpico, tamén el se confundiu na suave cascada de veludo vermello e desaparecia.

Mais mentres tanto as nove musas miraban lascivas entre bastidores.

Espían coa mirada namorada, o gladiador enchoupado, do negro cache-sexe supervivente e apoderábanse del soñando perdidamente.

Cada serán, cada hora: as súas fibrilas estremecíanse no incalculábel desexo daquela catapulta de amor. El, só amante de si mesmo e dos seus propios galanteos, desdeñaba a sedución daquelas miradas.

Como a salamántiga, inconsciente, prendía a lapa e reptaba sobre ela incólume.

A súa sensualidade saía satisfeita do xiro impetuoso sobre a barra metálica.

A vertixe do sexo non atordaba o seu cerebro.

 

E onte, as nove musas namoradas do atleta, sincronicamente como viviran no candeeiro do cabaré, suicidáronse por desilusión.

Talía, Euterpe, Calípoe… quen lembra xa os vosos nomes? Quen vos recoñece?

Unha morea de carne desfeita, unha pobre cousa sen alento nin calor, un sacrificio necesario no altar do acróbata sen amor.

 

Hoxe acompañámosvos ao Pére-Lachaise e enterrámosvos á sombra dos loureiros de outrora.

Esperemos que non se repita o milagre de Lázaro!

(1927), in Vetrina futurista

Poesía no micrófono

Satta e o seu canto

Hai que darlle as grazas á Eiar[2] por difundir, hai unhas noites, dende as súas emisoras do norte, a moi nobre poesía de Sebastiano Satta, poeta sardo, no aniversario da súa morte. Mentres estabamos a escoitar aquelas letras, preguntabámonos se a radio non debería ter a tarefa de levar, con santa arrogancia e malicia, aos fogares italianos, as cancións daqueles poetas que, pola neglixencia dos homes e a fatalidade dos acontecementos, permanecen coma enterrados no el breve círculo da terra que os expresou. Neglixencia e fatalidade ás que hai que engadir a hostilidade natural dunha situación xeográfica que podía, até hai poucos anos, confundir e apagar o eco de calquera voz sarda, por altísima que fose, como la de Sebastiano Satta, no fragor do mar que rodea a Illa.

Son precisamente estas as diversas razóns polas que, aínda hoxe, o poeta de Nuoro non encontra o lexítimo lugar que lle corresponde, nin a merecida luz no marco da poesía italiana de principios do século XX. Y se outros poetas, de mais frouxo alento e inspiración discutíbel, acadaron un posto de contrabando no sol das antoloxías. Sebastiano Satta, postergado e incomprendido, vive e brilla, estrela sen par, só na memoria case doméstica dos seus compatriotas, e no seu amor teimudo. Non é que faltaran tentativas críticas e sentimentais de levalo –como dicilo?– ao primeiro plano do coñecemento e da consciencia nacionais, mais a miúdo esterilizáronse  na discusión esexética máis descarnada e na fácil apoloxía conmemorativa dun artigo xornalístico.

O eco vasto, a resonancia popular que merece a súa canción, sempre lle faltou fóra da Illa.

E non se diga que o elemento rexionalista, ou peor, a superestrutura folclórica conspiraron contra a súa comprensión, pois se isto fose certo, non se explicaría a popularidade non só das novelas de Grazia Deledda –con raíces no mesmo humus–, senón de toda a nosa mellor prosa do mesmo período.

Salvo a recaer na distinción formal entre prosa e poesía. Na poesía de Satta, da inevitábel codia autóctona xorden tons e motivos dunha humanidade tan pura e primitiva sen dúbida rozan a universalidade dos sentimentos. Polo tanto, o poeta non perdeu a súa inspiración xenuína, nin foi abafada pola exuberancia dos temas rexionais, mais faltoulle, no exterior –paga a pena repetilo– esa acollida cordial, desprovista de prexuízos e de desconfianza crítica, que é como a premisa da popularidade da poesía. A súa voz camiñou contra o vento.

Para a nosa boa fortuna, os últimos anos foron menos ingratos para o coñecemento e a fama de Satta; e a recente contribución de Eiar, que foi o fío condutor desta nota, e o mellor sinal diso.

Quen escoite, da voz do recitador –demasiado conmovida para agachar a paisanaxe co Poeta– eses poucos cantos, escollidos entre os mais claros, incisivos e inmediatos, puido decatarse da extensa gama da lírica de Sebastiano Satta: da idílica visión de Api ao lume impetuoso de Polledro, do infernal coloquio do pastor co fillo morto á dorida desesperación do Poeta pola morte da súa filliña, non hai movemento, tremor, paixón da alma humana que non fose expresada e transfigurada en poesía.

Foi un ensaio breve por necesidade, mais exhaustivo en moitos aspectos e, en particular, para o xeneroso fin que perseguía a emisión: transportar o oínte a una atmosfera grave, a veces tranquila, a veces retorcida, mística sempre, case homérica, de poesía antiga e patriarcal. E coa emoción natural, desexamos que trouxera, ao corazón de cada oínte, o premente desexo de coñecer mellor e de amar máis a este hidalgo barbaricino[3].

Radiocorrere, 10-17 decembro 1933.

Interferencias

Unha emisora de radio estranxeira inaugurou una serie de conferencias semanais sobre as vidas paralelas dos grandes artistas comparando as dúas existencias de de Musset e Chopin, nomes queridos e familiares para os oíntes de todo o mundo. No tiven el pracer de escoitala. Lembro, non obstante, que hai tres anos, co gallo do centenario do debut parisiense de Chopin, Édouard Herriot rexeitou a comparación, proposta por algúns, entre o músico e Baudelaire: «Eu», escribía, «compároo en cambio con eses grandes escritores que coñeceu e frecuentou no París de 1831 e os años seguintes, e para mi, mentres haxa homes capaces de sentir todo o divino e o humano ao mesmo tempo na música, Federico Chopin, cos seus Nocturnos, o seus Preludios e os seus Estudos, aparecerá coma o irmán espiritual de Alfred de Musset, o inmortal letrista de Les Nuits!»

Un músico confioume hai algún tempo que, mentres compón, considera a música coma un feito persoal. Este feito persoal convértese en colectivo cando a composición pasa do atril do piano á interpretación pública. Cando o músico compón é responsábel ante si mesmo do que fai; cando quere dar a coñecer ao público o que fixo, tamén debe dar conta diso baixo a aparencia dunha xustificación espiritual.

Só que, como adoita acontecer, entre o músico e o se veciño interponse o teórico puro, o eséxeta por investidura divina, e coas súas escuras glosas impide que un se leve ben co outro.

Falando de glosas. Cando entro reverente e humildemente nunha libraría e o dependente me mira sombriamente coma a un inimigo, sempre temo que dalgunha edición escolar da Ilíada me salte Aquiles, unha aparición enorme, coa súa crista homérica e as consabidas gañas de partirme a cara.

Tranquilízome pensando que, cos anos, ao talón engadíuselle outra vulnerabilidade: a longa barba de comentarios e eséxese. Para me defender, aférrome a ,ela.

Cando a rata ve pasar un morcego, dilles ás súas crías:

–Mirade: ese é un dos nosos que se propuxo chegar á lúa! Un toliño

E a rata empuxa as súas crías á cloaca para que non pique o mal exemplo

Non me digas que non: izaremos a pulso o derradeiro carriño en circulación sobre un pedestal de granito para que os descendentes atopen o monumento fermoso e feiticeiro o monumento conmemorativo.

Certos nomes de escritores son coma os retrousos das cancións: durante unha tempada óense modulados por todas as bocas, logo xa ninguén se lembra deles.

Radiocorrere, 6-13 agosto 1934.

[1] Na biografía de Giorgio Bocca: Palmiro Togliatti (Milano, Arnoldo Mondadori Editore, 1996; o meu exemplar é do 2006), no apartado «Como se salvou Togliatti», no capítulo «O stalinismo»: p. 259, despois de explicar que Togliatti era moi prudente e cauto en Moscova, segundo lle explica quen o sucedeu no secretariado do Partido Comunista Italiano, Luigi Longo, escribe: «Mais non é doado explicarlles a lóxica da prudencia aos camaradas perseguidos. En 1936 foi detido Edmondo Peluso [posteriormente fusilado], camarada de L’Ordine Nuovo e redactor de L’Unità [órgano do Partido Comunista Italiano], amigo de Togliatti, que traballaba na Comitern como intérprete, bo coñecedor de cinco idiomas. Dous meses despois da súa detención conseguiu facerlle chegar unha nota á familia Pastore, que, convencida da súa autenticidade, lla entregou a Togliatti. Este rompeuna en anaquiños e esqueceuse de Peluso. Non se moveu para salvar a muller de Parodi, o obreiro de Turín, o camarada da ocupación das fábricas. Tamén foi detido Antonio Bendini, deputado comunista de Turín en 1924, ben coñecido por Togliatti. Iosip Berger atopouno nun campo de concentración de Norilsk «confesoulle que enviara varias cartas á Comitern e a Palmiro despois de ser detido […]. De Togliatti non recibiu reposta ningunha».

[2] Cadea radiofónica, editora tamén do semanario Radiocorrere.

[3] Hidalgo: en español no orixinal; barbaricino, da rexión sarda de Barbagia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *