BiosBardia

O país dos libros en galego

Marxistas falan do futurismo: Gramsci

Antonio Gramsci.

Xesús González Gómez.

Se ben é certo que o triunfo de Stalin sobre os seus «rivais» para se facer coas rendas do poder na URSS, é dicir, coas rendas do Partido comunista da Unión Soviética (PCUS), sumiu, ao cabo de poucos anos, o marxismo emanado dos partidos comunistas nunha especie de catecismo do Padre Astete, tamén é certo que aínda existían nalgún partidos comunistas dirixentes que eran, ademais, pensadores políticos, filosóficos, etc. Se vostedes se interesan polo Partido Comunista da URSS, decataranse axiña de que despois de 1936 ningún dirixente de tal partido ía moi lonxe no aspecto, digamos, «teórico». E é que en poucos anos o camarada Stalin liquidou os pensadores do Partido Bolxevique: Nikolái I. Bukharin, Lev B. Kámenev, Gregori E. Zinóviev, Evgueni A. Preobrazhenski, Karol Sobelsohn (coñecido como Karl Radek), Kristian G. Rakovski, etc; Anatoli V. Lunacharsky morrera a finais de 1933, en Francia mentres estaba preparándose para ser embaixador na España Republicana, Alexandra Kollontai había anos que abandonara, que se saiba, a escrita, e aínda máis a escrita «teórica», lembremos que era autora de libros como: A situación da clase obreira en Finlandia (1906) –cando Finlandia era unha colonia da Rusia tsarista–, A loita de clases (1906), Base social da cuestión feminina, Quen necesita da guerra?, Autobiografía dunha muller sexualmente emancipada, mesmo de novelas como a Bolxevique namorada, etc. Kollontai é a única dirixente bolxevique (contando tamén os homes) que foi traducida ao galego: Amor vermello e outros escritos sociais e políticos (Sotelo Blanco, 2009), iso si, dende o inglés. E Lev Davuídovich «Trotski», expulsado da URSS en 1929 e dez anos despois asasinado por un esbirro stalinista. Dende 1936, ou antes, os dirixentes do PCUS deixaron de brillar no «cultivo» do marxismo, e a cousa foi parar onde tiña que chegar, e cuxo camiño se abriu a partir de 1930. Mais non só en Rusia brillaron dirixentes comunistas e ao mesmo tempo teóricos do marxismo: Palmiro Togliatti, Francesco Leonetti, Amadeo Bordiga, Umberto Teraccini, Angelo Tasca e Antonio Gramsci estaban entre os fundadores do Partido comunista Italiano. No Partido comunista francés contaban con Boris Souvarine e Maurice Heine, que foron expulsados en 1924, e quedaron portentos como Marcel Cachin, Maurice Thorez, Jacques Duclos e outros. No Partido Comunista español, como nos outros partidos europeos, incluído o alemán, os dirixentes non brillaban, precisamente, polo dominio da dialéctica e o coñecemento do marxismo, senón por dobrar a cerviz ante as ordes de Moscova. En España, sen ser cousa do outro mundo, brillaban máis as estrelas da oposición marxista ao Partido Comunista: Andreu Nin, Joaquín Maurín ou o galego L. Fersen. En América Latina, está a figura de José Carlos Mariátegui, que brilla por riba de todos, e, en menor medida, a do chileno Luis Emilio Recabarren. Mais pódese afirmar que o burocratismo stalinista (aínda que realmente era algo máis que burocratismo, case era unha cuadrilla de gángsters) acabou co marxismo dentro dos partidos comunistas de obediencia soviética –e iso demostrouse cando despois de 1945 se realizaron as «revolucións» nos denominados hai anos países do Leste: Romanía, Bulgaria, Albania, Checoslovaquia, Hungría, Polonia, Republica Democrática Alemá…, en que as masas enfervorizadas e revolucionarias eran, simplemente, os tanques soviéticos e a dialéctica brilla nos xuízos amañados contra os dirixentes deses países que non querían dobregarse completamente ante Moscova. Porque os dirixentes oficiais deses partidos, logo case que todos presidentes dos seus países, nunca brillaron polo seu pensamento teórico, contando a Dimitrov.

Á parte de Trotski, polo que foi, e porque conseguiu crear unha serie de partidos e seitas trotskistas ou trotskistizantes en case todo o planeta, Antonio Gramsci brilla con luz propia, como Mariátegui. Curiosamente, os tres dedicaron escritos, máis que interesantes, á literatura. Dos tres, porén, o máis avanzado, acho, literariamente era o peruano, quen escribiu non só sobre Gorki, literatura soviética, sobre a literatura do seu país (contando a César Vallejo), senón tamén sobre Oliverio Girondo, sobre o expresionismo, o dadaísmo e o surrealismo, sobre Breton, sobre Rilke, sobre Valle-Inclán, etc. Os seus escritos sobre literatura e arte están, case que que todos, recollidos no volume El artista y la época e en La escena contemporánea, libros non editados no Estado español, mais que recomendamos calorosamente (están colgados na rede). Gramsci, ademais de ser crítico teatral durante uns anos, nos Quaderni del carcere escribiu moito sobre literatura. E de L. Trotski hai xa séculos (en 1969), Ruedo Ibérico publicou en dous volumes Literatura y revolución y otros escritos sobre la literatura y el arte (libros dos que Alianza Editorial tirou unha pequena escolma que se publicou en 1971 en Alianza de Bolsillo). Todos os tres, curiosamente (?) escribiron sobre o futurismo. Que é o que nos trae hoxe e algunhas semanas máis.

Que dixeron, xa  que logo, estes dirixentes comunistas sobre tal movemento? Vexámolo, en parte.

Nesta serie, de Gramsci entregamos dous escritos, un de Mariátegui, e do amplo escrito de Trotski (25 páxinas nun volume de tamaño 13,5×22, letra tipo 8) faremos un pequeno resumo.

Antonio Gramsci:

Marinetti revolucionario?[1]

Filippo Tommaso Marinetti. EMILIO SOMMARIVA.

Aconteceu un feito inaudito, enorme, colosal, cuxa divulgación ameaza con aniquilar completamente o prestixio e o creto da Internacional comunista: en Moscova, durante o II Congreso, o compañeiro Lunatcharski afirmou, no seu discurso aos delegados italianos (discurso, se ten importancia, pronunciado en italiano, ademais nun italiano correctísimo, polo que calquera sospeita de dúbida interpretativa debe ser a priori descartada) que en Italia hai un intelectual revolucionario e que é Filippo Tommaso Marinetti. Os filisteos do movemento obreiro escandalizáronse excesivamente; é certo que aos insultos de: «bersognianos, voluntaristas, pragmáticos, espiritualistas» engadirase o insulto máis sanguinoso de «futuristas! marinettistas!» Como tal destino nos espera, elevémonos até a

autoconsciencia desta nova posición intelectual nosa.

Moitos grupos de obreiros viron con simpatía (antes da guerra europea) o futurismo. Moitas veces aconteceu (antes da guerra) que grupos de obreiros defenderon os futuristas das agresións dos «literatos» e dos «artistas» carreiristas. Concretado este punto, feita esta constatación histórica, aparece espontaneamente a pregunta: «Esta posición dos obreiros era a intuición (velaí a intuición: bergsonistas, bergsonistas!) dunha necesidade non satisfeita no campo proletario?» Debemos responder: «Si. A clase obreira revolucionaria tiña e ten a consciencia de deber fundar un novo Estado, de deber elaborar con seu teimudo e paciente traballo unha nova estrutura económica, de deber fundar unha nova civilización!» É relativamente fácil deliñar, xa a partir de hoxe, a configuración do novo Estado e da nova estrutura económica. Está convencido de que neste campo, absolutamente práctico, durante un certo período de tempo non poderá facer outra cousa que exercitar un poder férreo sobre a organización existente, sobre a organización construída pola burguesía: deste convencemento nace o estímulo para a loita pola conquista do poder e nace coa fórmula con que Lenin caracterizou o Estado obreiro: «O estado obreiro só pode ser, durante un certo tempo, un Estado burgués sen a burguesía.»[2]

O campo da loita pola creación dunha nova civilización é, pola contra, absolutamente misterioso, caracterízase absolutamente polo imprevisíbel e o impensado. Unha fábrica, traspasada do poder capitalista ao poder proletario continuará a producir as mesmas cousas materiais que produce hoxe. Mais de que modo e en que forma nacerán as obras da poesía, do drama, da novela, da música, da pintura, dos usos, da linguaxe? Non é unha fábrica material a que produce estas obras: non poden ser reorganizadas por un poder proletario mediante un plano, non pode fixarse a súa produción para a satisfacción de necesidades inmediatas controlábeis e fixábeis pola estatística. Neste campo nada é previsíbel que non sexa hipótese xeral: existirá unha cultura (unha civilización) proletaria, totalmente diferente da burguesa. Tamén neste campo quebraranse as distincións de clase, quebrarase o carreirismo burgués. Existirán unha poesía, unha novela, un teatro, uns usos, unha lingua, unha pintura, unha música características da civilización proletaria, floreo e ornamento da organización social proletaria. Que fica por facer? Nada máis que destruír a presente forma de civilización. Neste campo «destruír» non ten o mesmo significado que no campo económico: destruír non significa privar á humanidade dos produtos materiais necesarios para a súa subsistencia e o seu desenvolvemento; significa destruír xerarquías espirituais, prexuízos, ídolos, tradicións ríxidas, significa non temer nin a novidade nin a audacia, non temer os monstros, non pensar que o mundo se derruba se un obreiro comete faltas gramaticais, se unha poesía coxea, se un cadro se semella a un cartel, se a mocidade se moquea da senilidade académica e palerma. Os futuristas desenvolveron esta tarefa no campo da cultura burguesa: destruíron, destruíron, destruíron, sen se preocuparen se as novas creacións, produto da súa actividade, eran en conxunto unha obra superior á destruída: tiveron fe en si mesmos, no ardor das enerxías mozas, tiveron a concepción neta e clara de que a nosa época, a época da grande industria, da grande cidade obreira, da vida intensa e tumultuosa, debía ter novas formas de arte, de filosofía, de usos, de linguaxe: tiveron esta concepción netamente revolucionaria, absolutamente marxista, cando os socialistas non se ocupaban, nin sequera de lonxe, de semellantes cuestións, cando os socialistas, certamente, non tiñan unha concepción igualmente precisa no campo da política e da economía, cando os socialistas se asustaban (e constátase no espanto actual de moitos deles) fronte ao pensamento de que era necesario quebrar a máquina do poder burgués no Estado e na fábrica. Os futuristas, no seu campo, no campo da cultura, son revolucionarios. Neste campo, como obra creativa, é probábel que a clase obreira non logre durante moito tempo facer máis de canto fixeron os futuristas: cando apoiaban aos futuristas, os grupos de obreiros demostraban que non se asustaban diante da destrución, seguros de poder, eles, obreiros, faceren poesía, pintura, drama, como os futuristas. Estes obreiros apoiaban a historicidade, a posibilidade dunha cultura proletaria, creada polos propios proletarios.

Unha carta do camarada Gramsci sobre o futurismo italiano[3]

Velaí a resposta que me deu sobre o movemento futurista italiano ás preguntas que lle fixen:

«Despois da guerra, o movemento futurista perdeu completamente os seus trazos característicos. Marinetti dedícase moi pouco ao movemento. Casou e prefire consagrar as súas enerxías á muller. No movemento futurista participan actualmente monárquicos, comunistas, republicanos e fascistas. En Milán fundouse hai pouco un semanario político, Il Principe, que se reclama ou intenta reclamarse das teorías que Machiavelli predicaba para a Italia do século XVI, a saber: a loita entre as faccións locais que conduce á nación ao caos, só pode ser superada por un monarca absoluto, un novo César Borgia, que estaría por riba dos partidos rivais. A revista diríxena dous futuristas: Bruno Corra e Enrico Settimeli. Marinetti, que foi detido en Roma en 1920 por lanzar un violento discurso contra o rei en medio dunha manifestación patriótica, colabora agora nesta revista.

Os principais portavoces do futurismo de antes da guerra fixéronse fascistas, agás Giovanni Papini, que se converteu ao catolicismo e escribiu unha Historia de Cristo. Durante a guerra, os futuristas foron os partidarios máis teimudos da «guerra até a vitoria final» e do imperialismo. Unicamente un futurista, Aldo Palazzeschi, se declarou contrario á guerra. Rompeu co movemento e, aínda que era un dos escritores máis interesantes, acabou por calar como literato. Marinetti, que sempre exaltou en todos os sentidos a guerra, publicou un manifesto para demostrar que a única hixiene do mundo. Tomou parte activa na guerra como capitán dun batallón de carros de combate e o seu último libro, A alcoba de aceiro, é un himno entusiasta aos carros de combate na guerra. Marinetti escribiu un opúsculo titulado Alén do comunismo, en que desenvolve as súas doutrinas políticas, se se poden definir como doutrina as fantasías, ás veces moi agudas e sempre extravagantes, deste individuo.

Antes da miña partida, a sección do “Prolekult” de Turín pedira a Marinetti que participase na inauguración dunha mostra de cadros futuristas para explicarlle o seu significado aos obreiros; expresou a continuación a súa satisfacción por estar convencido de que os obreiros comprendían moito mellor os problemas do futurismo que os burgueses. Antes da guerra, o futurismo era moi popular entre os obreiros. A revista Lacerba, cuxa tiraxe alcanzaba os 20.000 exemplares, difundíase nas súas catro quintas partes entre os obreiros. Durante moitas manifestacións de arte futurista, nos teatros das grandes cidades italianas acontecía que os obreiros defendían os futuristas contra os mozos da pequena nobreza e da burguesía que os atacaban.

O grupo futurista de Marinetti xa non existe. A vella revista de Marinetti, Poesia, diríxea agora un tal Mario Dessi, un tipo sen a menor capacidade intelectual e organizativa. No sur de Italia, especialmente en Sicilia, publícanse numerosas revistiñas futuristas, ás que Marinetti envía artigos; mais estas pequenas publicacións están editadas por estudantes que toman a súa ignorancia da gramática italiana por futurismo. O núcleo futurista máis importante é o dos pintores. En Roma hai unha exposición permanente de pintura futurista, organizada por un fotógrafo fracasado, un tal Antonio Giulio Bragaglia, produtor de cine e marchante de arte. O máis coñecido dos pintores futuristas é Giacomo Balla. D’Annunzio nunca fixo publicamente a súa opinión sobre o futurismo. Cómpre lembrarmos que o futurismo, nas súas orixes, tiña un carácter explicitamente anti-d’annunziano. Un dos primeiros libros de Marinetti titulase: Les dieux s’en vont, D’Annunzio reste [Os deuses vanse, D’Annunzio queda]. Aínda que durante a guerra os programas políticos de Marinetti e de D’Annunzio coincidisen plenamente, os futuristas continuaron a ser anti-d’annunzianos. Non mostraron practicamente ningún interese polo movemento de Fiume, aínda que máis tarde participaran nas manifestacións.

Pódese afirmar que despois da conclusión da paz, o movemento futurista perdeu completamente os seus trazos característicos e se dispersou nas diversas correntes que se formaron ao acabar a guerra. Os intelectuais novos eran bastante reaccionarios. Os obreiros, que viran no futurismo os elementos dunha loita contra a vella cultura académica italiana, momificada, estraña ás masas populares, deben hoxe loitar coas armas na man pola súa liberdade e interésanse pouco polas antigas discusións. Nas grandes cidades industriais, o programa do “Prolekult”, que tende a fomentar o espírito creador dos traballadores na literatura e a arte, absorbe a enerxía de aqueles que teñen aínda tempo e se interesan por tales cuestións.

Moscova, 8 de setembro de 1922.

[1] Non asinado, L’Ordine Nuovo, 5 de xaneiro de 1921, I, n.º 5). A. Gramsci, Socialismo e fascismo. L’Ordine Nuovo 1921-1922, Turín, Einuadi editore, 1975, pp. 20-22.

[2] Cfr. Stato e rivoluzione, in Lenin, Opere scelte, Roma, 1965, p. 928.

[3] Publicado en Literatura i revolucija, León Trotski, Moscova, setembro 1922. Traducido a partir da versión publicada en Socialismo e fascismo. L’Ordine Nuovo 1921-1922, Turín, Giulio Einaudi editore, 1924, 6ª edición, pp. 527-528.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *