BiosBardia

O país dos libros en galego

Marxistas falan do futurismo: Mariátegui

José Carlos Mariátegui.

Xesús González Gómez.

Que dicía sobre o futurismo José Carlos Mariátegui en 1921, posteriormente, en 1924, publicará o escrito «Marinetti y el futurismo», en que axusta as contas, políticas, co movemento marinettiano.

Aspectos novos e vellos do futurismo

O futurismo volveu entrar en ebulición. Marinetti, o seu sumo sacerdote, retomou a súa pintoresca e transhumante vida de conferencias, andanzas, proclamas, exposicións e escándalos. Algúns dos seus discípulos e secuaces das históricas campañas agrupáronse de novo arredor del.

O período da guerra produciu un período de tregua do futurismo. Primeiro, porque os seus corifeos trasladáronse unanimemente ás trincheiras. Segundo, porque a guerra coincidiu cunha crise na facción futurista. As súas máis ilustres figuras –Govoni, Papini, Palazzeschi– afastáranse dela, necesitados de liberdade para afirmaren a súa personalidade e a súa orixinalidade individual. E estas e outras disidencias debilitaran o futurismo e comprometeran a súa saúde. Mais, pasada a guerra, Marinetti puido recrutar novos adeptos na multitude de artistas novos, ávidos de innovación e ebrios de modernismo. E atopou, naturalmente, un ambiente máis propicio á súa propaganda. O intre histórico é revolucionario en todo sentido.

Esta vez o futurismo preséntase máis ou menos amalgamado e confundido con outras escolas artísticas afíns. Delas sepárano discrepancias de programa, de táctica, de retórica, de orixe ou, simplemente, de nome. Mais a elas úneo a finalidade renovadora, a bandeira revolucionaria, todas estas faccións artísticas fusiónanse baixo o común denominador de arte de vangarda.

Hoxe, a arte de vangarda medra en todas as latitudes e en todos os climas. Invade as exposicións. Absorbe as páxinas artísticas das revistas. E até empeza entrar ás agachadas nos museos de arte moderno. A xente continua obstinada en se rir dela. Mais os artistas de vangarda non se desalentan. Non lles importa nin tan sequera que a xente se ría das súas obras. Abóndalles con que llas compren. E isto xa acontece. Os cadros futuristas, por exemplo,  deixaron de ser artigos sen cotización e sen demanda. O público cómpraos. Unhas veces porque quere saír do común. Outras porque gusta da súa calidade máis comprensíbel e externa: a súa novidade decorativa. Non o move a comprensión senón o snobismo. Mais no fondo este snobismo ten o mesmo proceso da arte de vangarda. O fastío do académico, do vello, do coñecido. O desexo de cousas novas.

O futurismo é a manifestación italiana da revolución artística que noutros países manifestouse  baixo o título de cubismo, expresionismo, dadaísmo. A escola futurista, ao igual que esas escolas, trata de universalizarse. Porque as escolas artísticas son imperialistas, conquistadoras e expansivas. O futurismo italiano loita pola conquista da arte europea, en competencia co cubismo hilarante, o expresionismo xermano e o dadaísmo novísimo. Que á súa vez vén a Italia a disputarlle ao futurismo a hexemonía no seu propio chan.

A historia o futurismo é máis ou menos coñecida. Paga a pena, non obstante, resumila brevemente.

De 1906 datan os síntomas iniciais. O primeiro manifesto foi lanzado dende París tres anos máis tarde. O segundo foi o famoso manifesto contra o coñecido «luar». O terceiro foi o manifesto técnico da pintura futurista. Viñeron axiña o manifesto da muller futurista, o da escultura, o da literatura, o da música, o da arquitectura, o do teatro. E o programa político do futurismo.

O programa político constituíu unha das desviacións do movemento, un dos erros  mortais de Marinetti. O futurismo debe manterse dentro do ámbito artístico. Non porque a arte e a política sexan incompatíbeis. Non. O grande artista nunca foi apolítico. Non foi apolítico Dante, non o foi Byron, non o foi Victor Hugo. Non o é Bernard Shaw. Non o é Anatole France. Non o é Romain Rolland. Non o é Gabriel D’Annunzio. Non o é Maxim Gorki. O artista que non sente as axitacións, as inquietudes, as ansias do seu pobo e da súa época, é un artista de sensibilidade mediocre, de comprensión anémica. ¡Que o demo confunda os artistas beneditinos, doentes de megalomanía aristocrática, que se pechan nunha decadente torre de marfil!

Non hai, xa que logo, nada que reprochar a Marinetti por pensar que o artista debe ter un ideal político. Mais si hai que rirse del por supor que un comité de artistas podía improvisar de sobremesa unha doutrina política. A ideoloxía política dun artista non pode saír das asembleas de estetas. Ten que ser unha ideoloxía chea de vida, de emoción, de humanidade e de verdade. Non unha concepción artificial, literaria e falsa.

E falso, literario e artificial era o programa político do futurismo. E nin tan sequera podía chamarse lexitimamente futurista, porque estaba saturado de sentimento conservador, malia a súa retórica revolucionaria. Ademais, era un programa local. Un programa especialmente italiano. O que non se compaxinaba con algo esencial no movemento: o seu carácter universalista. Non era congruente axuntar unha doutrina artística de horizonte internacional cunha doutrina política de horizonte doméstico.

Erros de dirección coma este sementaron o cisma no futurismo. O público acreditou, por iso, no seu fracaso. E nel acredita até agora. Mais terá que rectificar o seu xuízo.

Giovanni Papini.

Algúns iniciadores do futurismo –Papini, Govoni, Palazzeschi– non son xa futuristas oficiais. Mais continuarán a selo ao seu xeito. Non renegaron do futurismo; romperon coa escola. Disentiron da ortodoxia futurista.

O fracaso é, polo tanto, da ortodoxia, do dogmatismo, non do movemento. Fracasou a desviada tendencia a substituír o academicismo clásico cun academicismo novo. Non fracasou o froito dunha revolución artística. A revolución artística está en marcha. Son moitas as súas esaxeracións, as súas desconsideracións, os seus desmandos. Pero é que non hai revolución mesurada, equilibrada, branda, serena, plácida. Toda revolución ten os seus horrores. É natural que as revolucións artísticas teñan tamén os seus. A actual está, por exemplo, no período dos seus horrores máximos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *