Marxistas falan do futurismo: Trotski

Xesús González Gómez.
Sobre o futurismo ruso, Trotski escribiu «O futurismo»[1] en 1922. Escrito que vería lume en Literatura e revolución, publicado dous anos despois.
O líder soviético comeza o seu escrito afirmando que «O futurismo é un fenómeno europeo; o seu interese débese, entre outras razóns, a que, contra os ensinos da escola formalista rusa, non se encerrou no marco da forma artística, senón que, dende o comezo, especialmente en Italia, estivo conectado cos acontecementos sociais e políticos». E continúa: «O futurismo foi o reflexo, no terreo artístico, do período histórico que comezou cara á metade dos anos 1890 e que tivo a súa culminación directa na guerra mundial». O terreo político durante eses anos estaba dominado por unha «paz armada» coas súas válvulas de seguridade e os seus freos, o que pesaba moito sobre a poesía que se producía, «nun momento en que a atmosfera cargada de electricidade auguraba a inminencia de grandes explosións. O futurismo foi o sinal de alarma no terreo artístico».
Curiosamente, este movemento naceu nun país atrasado (e produciuse tamén, ou se reproduciu, en dous países atrasados xa nomeados: Italia e Portugal), e é que nese momento, como outras moitas veces na historia, dinos o creador do Exército Vermello: «[…] os países atrasados, que non se distinguían especialmente pola elevación espiritual da súa cultura reflectían con máis brillo e máis forza nas súas ideoloxías as realizacións dos países avanzados». E entrega o exemplo do pensamento alemán dos séculos XVIII e XIX, que reflectía o progreso económico de Inglaterra e o progreso político de Francia.
Ora ben, fronte os seus cultores, cómpre afirmar que «o futurismo naceu como meandro da arte burguesa, e non podía nacer de ningunha outra maneira. O seu carácter de oposición violenta non contradí en absoluto este feito». E é que todo o que na sociedade burguesa aparece de arte, por violenta oposición que queira ser, sempre nacerá da vella arte burguesa. (Non sei se isto é marxismo vulgar ou mecanicista, pero non imos discutilo agora). Do que tamén avisa Trotski é que «supón unha grande inocencia opor a dinámica do futurismo italiano e as súas simpatías pola revolución, ao carácter “decadente” da burguesía». A burguesía non pode representarse, avisa, como un gato vello moribundo, non: «a besta imperialista é audaz, flexíbel e ten poutas». A burguesía, a clase dominante, dispón de moitos resortes, e dá o exemplo da guerra de 1914: en Francia presentouse como a culminación da gran revolución de 1789. En Italia, os intervencionistas eran os «revolucionarios», ou sexa: os republicanos, os masóns, os socialchauvinistas e os futuristas, e Trotski esquece outro colectivo: os sindicalistas revolucionarios. Ademais, lembra, «non chegou ao poder o fascismo italiano por métodos “revolucionarios”, pondo en acción masas, multitudes, millóns de xentes, apoiándose neles e dándolle armas?».
O futurismo é vangarda, mais, dinos o revolucionario ruso: «o futurismo é un produto do pasado poético, ao igual que as demais escolas literarias actuais», e, por outra parte nunca un movemento artístico rompeu, aínda que quixese, os seus lazos coa burguesía, e a ruptura (sic) que proclaman é válida «na medida en que se dirixe á antiga caste literaria, ao círculo pechado da intelligentsia», mais este chamamento á «ruptura» «deixa de ter sentido en canto se dirixe ao proletariado. A clase obreira non ten necesidade de romper, nin pode romper, coa tradición literaria, porque non se atopa encerrada en absoluto nas ataduras de semellante tradición» porque, resumindo o que di Trotski, o proletariado non coñece esa tradición…
Logo de explicar os elementos que formaron o futurismo ruso: construcións e ensaios filolóxicos fortemente imbuídos de arcaísmo (Klebnikov, Kruchenic); unha poética, unha filosofía ou incluso dúas filosofías da Arte: unha delas formalista (Sklovski) e outra orientada cara ao marxismo (Arvatov, Chuiak, etc.) e, finalmente, «poesía en si mesma, creación viva». Algunha destas filosofías, que se basea na «suprarrazón», non se decata de que esta, a suprarrazon, produciría a morte por asfixia da poesía. Discute logo as teorías da Lef (Frente Literaria de Esquerdas), etc. E remata afirmando que «para que a arte sexa capaz de transformar, e tamén de reflectir, é preciso que o artista se distancie da vida cotiá, igual que o revolucionario se distancia da realidade política», e, continuando a discusión coa Lef, avisa de que , malia as súas discrepancias, iso non quere dicir que non haxa nada a facer coa Lef: «Non, nin tampouco pode dicirse que o partido teña puntos de vista definidos e fixos sobre as cuestións da arte futura […]… O partido non ten nin pode ter ideas definitivas sobre a versificación, a evolución do teatro, a renovación da linguaxe literaria, o estilo arquitectónico, etc., ao igual que, noutro terreo, o partido non ten nin pode ter ideas definitivas sobre o mellor tipo de fertilizantes, a organización de transportes máis eficaz, ou as metralladoras máis perfectas». [Despois do que aconteceu na URSS, sobre todo a partir de 1934, no terreo da artes, e nos outros, quen non se apuntaría ao trotskismo?].
Máis adiante di que «dificilmente poden negarse hoxe as realizacións futuristas en arte, especialmente en poesía.» Maiakovski influíu sobre toda unha serie de poetas proletarios, «co construtivismo tamén logrou triunfos importantes aínda que non sexa na dirección que se propuxera». Continúan, porén, a publicarse artigos sobre a inutilidade e o carácter reaccionario do futurismo. «Mais seria estúpido negarse a ver os feitos e tratar o futurismo como a invención badueira de intelectuais decadentes. Mesmo se o día de mañá se comprobase que a forza do futurismo decae –cousa que non coido imposíbel– o futurismo de hoxe sempre terá unha forza superior á de todas as tendencias a cuxas expensas se está a estender».
Segundo Trotski, o futurismo ruso foi unha «rebelión da bohemia», é dicir, «da ala esquerda semidepauperada da intelligentsia contra a estética cerrada, de caste, da intelectualidade burguesa». [Isto é moi discutíbel, pero non o faremos hoxe.] No interior desta rebelión poética actuaban forzas sociais profundas, que «nin o mesmo futurismo comprendía». A loita contra o vocabulario e a sintaxe da poesía antiga era unha rebelión progresista, continúa a dicirnos, «contra un vocabulario entumecido, exiguo e fabricado artificialmente», era unha rebelión contra o impresionismo, contra o simbolismo» e contra todos «os demais limóns espremidos e ósos de polo roídos do mundiño da intelligentsia místico-liberal».
«As conquistas do futurismo na orquestración dos versos son tamén indiscutíbeis. […] Se os futuristas pecaron e pecan aínda pola súa preferencia case monstruosa polo son contra o sentido, trátase só dun entusiasmo, dunha “doenza infantil de esquerdismo” por parte dunha nova escola poética […]».
«O futurismo é contrario ao misticismo, deificación pasiva da natureza, á preguiza aristocrática e calquera tipo de preguiza, á ilusión e ao ton lacrimoso; e é favorábel á técnica, á organización científica, á máquina, á planificación, á vontade, ao valor, á velocidade, á precisión; en definitiva, é favorábel ao home novo armado de todas esas cousas».
Os futuristas [rusos] fixéronse comunistas. E por este mesmo feito entraron nunha esfera de problemas e relacións máis fondas, que transcenden con moito os estreitos límites do seu mesmo mundo anterior, incluso se o seu espírito non os elaborara antes organicamente. Por iso os futuristas, incluído Maiakovski, son máis débiles artisticamente naqueles puntos en que máis comunistas pretender ser».
Continúa Trotski o seu escrito falando de Maiakovski, discutindo cos futuristas, apoiándoos e criticándoos, por exemplo: «O defecto principal da poesía futurista, mesmo das súas mellores obras, é a súa falta de sentido da medida; perderon o que rexía nos salóns e non atoparon aínda o da rúa». E engade, algo que parece case que saído do «Máis alá!»: «Cadaquén debe falar coa voz que se recibiu da natureza, non máis forte». E remata o seu escrito, escrito que recomendamos amplamente, malia que ás veces non esteamos de acordo co que di, con estas palabras, que son un balanzo positivo do futurismo, cando menos do ruso: «Cando chegue ese momento, que non é inmediato, en que a educación estética e cultural das masas traballadoras supere o abismo entre a intelligentsia creadora e o pobo, a arte será moi distinta da actual. Neste proceso evolutivo, o futurismo aparecerá coma un elo indispensábel… Non abonda con isto?».
[1] L. D. Trotski: «El futurismo», in Literatura y revolución y otros escritos sobre la literatura y el arte, París, Ruedo Ibérico, 1969, p. 83-108.






