BiosBardia

O país dos libros en galego

Matou o FBI a literatura social estadounidense?

Diana Trilling.

A guerra do FBI contra a liberdade de expresión (e III)

Xesús González Gómez.

Ezra Pound foi o único estadounidense reo de alta traizón na Segunda Guerra Mundial. Segundo Robins, o seu nome figura no índice do FBI desde o 1911, pero até os anos 1930 o seu dossier está case que en branco. Se ben, segundo todos os indicios, o Bureau estaba ao corrente das súas tendencias fascistas desde o 1935, cando menos, só foi no 1942 que se realizou unha profunda investigación sobre o poeta. Cando acabada a guerra fica prisioneiro polas súas palestras en Radio Roma, os seus amigos: Archibald McLeish, Conrad Aiken, Ernest Hemingway, etc., conseguiron que fose declarado louco. Hoover quería que unha vez librado do manicomio onde fora internado fose xulgado; cando foi liberado, no 1958, iso non aconteceu. O dossier de Pound féchase no 1971, pouco antes da morte do poeta.

O dossier de Kayl Boyle, escritora e xornalista, consta de mais de 150 páxinas e foi «aberto» a raíz de que un informador afirmase que a escritora era unha «comunista organizada». Anos despois, o Bureau, xulgando que o informador non era «fiábel», pregúntalle que entende por «comunista organizada», e o informador responde que non o sabe e que a información «non era de primeira man». O dossier de Boyle está cheo de bulos, feitos falsos e verdadeiros delirios, como cando afirman que durante a Primeira Guerra Mundial tivo un affaire amoroso con Ezra Pound, cando a) Pound estaba daquela en Londres e b) Boyle tiña 10 anos!

Tamén, no seu dossier, acúsana de ser un «correo internacional» dos comunistas, o que era completamente falso. En realidade, o dossier abriuse porque Boyle sempre estivo a favor dos dereitos civís e nunca pertenceu a ningún partido. Outro dos informadores sobre Boyle (e moitos outro/as), e que a acusaba de estar entregada ao Partido, foi o xornalista Louis Budenz, que até o 1945 fora redactor do Daily Worker, o órgano do Partido Comunista estadounidense. Do 1945 ao 1972, data do seu pasamento, Budenz entregoulle ao Bureau centenares de nomes de «comunistas clandestinos» (é dicir, daqueles que sendo comunistas e cotizando ao partido non queren que se saiba publicamente). Afirma Robins, despois de ver os dossiers, que deses centenares de nomes, a moi poucos os puideron acusar de seren comunistas, e é que Budenz era un «informador retribuído» e cobraba 20 dólares por cada nome que daba.

Outro dos dossier máis amplos é o dedicado ao poeta Allen Ginsberg: 919 páxinas. O único delito verdadeiro mencionado nesas 919 páxinas, di Robins, remóntase ao 1949, cando axentes do FBI foron interrogalo ao Instituto Psiquiátrico do Estado de Nova York, onde seguía un tratamento, «[…] sobre un vehículo que figuraba entre os “valores e obxectos persoais dun montante aproximativo de 18.000 dólares” roubados a unha familia de Long Island por un dos seus amigos [de Ginsberg]». O poeta, aínda era estudante, afirmou que nada sabía do tema aínda que recoñeceu que subira ao vehículo. Quixeron acusalo de complicidade, polo que debía ingresar na cadea, cousa que impediron os seus profesores, entre eles Lionel Trilling, coñecido membro do Congreso pola Liberdade da Cultura. Ginsberg nunca foi condenado. Segundo Robins, sospéitase que do poeta abriron dossier a CIA, o Ministerio de Defensa e mais o Ministerio de Asuntos Exteriores. Tamén a nai do poeta foi vixiada e acusada polo Bureau de «psicótica e comunista». Sobre Kerouac, o FBI afirma que non ten dossiers. Segundo Ginsberg, o autor de Na estrada falaba sempre ben do goberno e do FBI: non esquezamos que para a escritora norteamericana Barbara Solomon, Kerouac era un fascista.

«O 13 de febreiro de 1948, corenta membros do National Instituto of Arts and Letters rexeitan asinar unha carta na que se criticaba a comisión senatorial sobre as actividades anti-norteamericanas. Entre os asinantes (125 membros): Eugene O’Neill, Sinclair Lewis, Edna Ferber, Lilian Hellman». Entre os corenta que se negaron a asinar salientan os nomes dos poetas Wallace Stevens e Robinson Jeffers. Segundo o FBI, a Stevens nunca se lle abriu un dossier, en troques, a Jeffers abriulle o dossier no 1935, cando reparou que colaboraba na Pacific Weekly, ancestro do People’s World, o xornal comunista da Costa Oeste. Jeffers foi vixiado até o 1961, un ano antes da súa morte e o seu dossier consta de 322 páxinas. Jeffers, seica, comezou coqueteando cos comunistas: morreu fascista. O dossier de Arthur Miller consta de 654 páxinas, abriuse no 1934. A primeira peza de Miller, Todos eran meus fillos, foi considerada polo Bureau como propaganda comunista. O asedio a Miller foi constante, coa axuda da Lexión Americana. Mesmo chegaron a procesalo por «aldraxe ao Congreso»: foi declarado inocente.

O nome de Norman Mailer figuraba nos arquivos do FBI desde 1949, pero foi unha frase pronunciada nun programa dunha radio de Chicago, no 1960, o que chamou a atención sobre a súa persoa. Velaí a frase: «J. Edgar Hoover paralizou a imaxinación do pais moito mellor do que o propio Stalin podería facelo». O mes de abril do 1966, un ano antes da aparición do libro de Mailer Por que estamos no Vietnam?, o FBI intentou involucralo nunha operación de COINTELPRO contra o Partido Comunista. «A estratexia consistía en enviar cartas falsas asinadas por Gus Hall [secretario xeral do Partido Comunista], coa fórmula “Querido camarada”, a diversas personalidades críticas coa política gobernamental no Vietnam. Mailer figura na lista de destinatarios desta “nota mecanografada” que acompañaría un exemplar do Novo proxecto de programa do PC, USA. Esperábase que Mailer lle respondese a Hall preguntándolle porque lle enviaba eses documentos, e cabreado por ese intento de recuperación por parte do PC, acabaría redactando unha carta a modo de protesta». A operación non se realizou, pois o PC estaba a enviar o programa e algún podería estrañarse de recibilo dúas veces. O dossier de Mailer consta de 466 páxinas.

Dorothy Parker era, para o Bureau, membro do Partido e de máis cincuenta organizacións paralelas «unitarias»[1] creadas polos comunistas nos USA. Segundo Robins, a afiliación de Parker á Joint Anti-Fascit Refugee Comittee, exasperou a Hoover até o grao máis alto.

Sherwood Anderson chama serodiamente a atención do FBI no 1932, cando publica en The New Masses un artigo titulado «As orixes do meu interese polo comunismo». John Dos Passos, que no 1952 falou con axentes do FBI, como xa se dixo, afirmou que Anderson nunca fora membro do partido. Con todo, o Bureau recompilou documentos «subversivos» referentes a Anderson até o 1956, é dicir, quince anos despois da súa morte.

Podiamos continuar a dar datos das investigacións do FBI sobre os escritores estadounidenses, pero isto xa se fixo moi longo. O que cabería preguntarse é se esa vixilancia, ese asedio, tivo repercusións reais e directas sobre a literatura dos Estados Unidos, como a tivo a represión staliniana sobre as literaturas das diversas nacións que no seu día conformaban a URSS. Para uns, esa vixilancia, ese asedio, si influíu na literatura norteamericana, para mal. Para outros non houbo tal influencia. Robins non toma, neste aspecto, partido: simplemente lles dá a voz a diversos «protagonistas». Vexamos, moi resumidas, algunhas declaracións.

Abre o fogo Howard Fast, quen afirma que: «O FBI fixo algo terríbel, provocou a desaparición da novela social nos EUA […] A gran tradición americana do comentario social, que fixeran os nosos grandes escritores até a Segunda Guerra Mundial e algúns anos despois, desapareceu. […] O papel social do escritor foi aniquilado e é unha gran traxedia par a literatura americana[…]».

Os comentarios de Fast son ratificados por Jessica Mitford, inglesa nacionalizada americana, casada cun sobriño de Winston Churchill que estivo nas Brigadas Internacionais na Guerra de España e que foi dado por desaparecido despois dun enfrontamento aéreo cos nazis. Mitford, loitadora toda a súa vida, pertenceu ao Partido Comunista até o 1958. Curiosamente, só despois de abandonar o partido se dedicou a escribir (a lectora e o lector galego poden ler, en español, dúas obras súas: Muerte a la americana: el negocio de la pompa fúnebre en Estados Unidos, publicado no seu día pola desaparecida Global Rythm Press, e Nobles y rebeldes, Libros del Asteroide): «Acho que Howard Fast non se equivoca cando fala das consecuencias da intervención do FBI sobre a novela social americana. Penso máis ben que dá no cravo».

Grace Paley, da que varios dos seus libros están publicados en español por Anagrama, e por Círculo de Tiza as súas «intervencións» políticas e literarias: La importancia de no entenderlo todo, afirma: «Penso que a idea de que o FBI destruíu a novela social en América abrangue outras moitas cousas. […] O papel do FBI consistía dunha parte en estimular a guerra fría e facer de maneira que continuase; por outra parte, en desencadear, estimular, ampliar e cultivar un anticomunisno violento a través de todo o país. O que fixo. No plano cultural éralle necesario contribuír ao desenvolvemento dunha literatura anticomunista. De aí naceu todo un universo cultural […]».

En desacordo está Diana Trilling, a esposa de Lionel Trilling, ambos membros importantes da ala «dura» do Congreso para a Liberdade da Cultura. Segundo lle declarou o editor Jason Epstein a Frances Stonor Saunders, e que ela recolle no seu importante libro La Cía y la guerra fría cultural, Diana Trilling, nunha cea con diversos membros do Congreso espetoulles a estes: «Ningún de vós sodes o suficientemente DUROS para min!», e engade Epstein: «Eran en realidade [os membros do Congreso] xente ridícula, que vía pouco máis alá dos seus narices». Diana Trilling, entre outras moitas cousas, afirma: «As accións do FBI influíron os escritores na elección dos seus personaxes, das súas intrigas ou dos lugares onde se desenvolven os seus relatos? A resposta é non, Ningún dos escritores que coñezo nunca me dixo que se frease por medo ao FBI. Nunca. Mesmo inconscientemente». Para Trilling, o único escritor que foi influído polo FBI é Norman Mailer, cuxa novela Costa Bárbara trata o tema: «Este home, continúa, ten unha fixación co FBI, volveuse completamente paranoico». E afirma que entende moi ben o que di Fast, xa que este, que foi comunista, sabe que o Partido sempre está baixo as miras do FBI, que se golpeou algunha vez os escritores sociais foi os escritores sociais comunistas. «Cando non se é comunista, un non se preocupa polo FBI», afirma alegremente Diana Trilling, cando máis do 90% dos escritores vixiados polo FBI, e aos que se lles abriu dossier, nunca foron comunistas. Mesmo ao seu marido lle abriu un dossier o Bureau!

Outra das «voces» que está en desacordo con Fast é Carta DeLoach: «Acho que é absolutamente falso afirmar que o FBI destruíu a novela social en América. O FBI nunca tivo a autoridade necesaria para isto e, contrariamente ao que pretende Fast, nunca provocou esa fobia, que traumatizaría os escritores e lles impediría escribir. E hoxe aínda hai numerosos escritores que practican o xénero»: De Loach era o número tres do FBI durante a época Hoover, como xa se dixo na primeira entrega.

Nas conclusións finais do libro, e malia denegacións por unha e outra parte, Robins recolle o «sentir» de numerosas persoas, escritores, que pensan que o tipo de vixilancia que a Axencia exerceu sobre numerosos escritores, hoxe (1992, data de publicación do libro), continúa a realizarse. De seguro.


[1] Sobre as famosas plataformas unitarias e teoricamente apartidarias, creadas e propagadas polos diversos partidos comunistas habidos, cabería lembrarmos aquelas palabras de Castelao sobre a «unidade» demandada e proclamada polos comunistas: eles, escribíalle a Rodolfo Prada o rianxeiro, a propósito dunhas declaracións de non sei que dirixente comunista español que pedía a unidade: eles, os comunistas, serían a unidade e todos os outros os ceros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *