‘Medroume a metáfora’ vs ‘Weak But Unstoppable’
Xornada 4 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Fran Fernández Davila e Sabela González.
Medroume a metáfora
Sentinme poema no mesmo momento no que me pousei contra a parede, aínda que ti non o notaches ata un anaco despois. Medroume unha metáfora abafante no peito. Coagulóuseme a rima na gorxa e aquel vocabulario impropio de min multiplicóuseme entre os dentes. Todo por unha foto do instagram.
A pintada levaba xa uns días na parede. A ti lembrábache a un stencil de Banksy e min proíame o corpo por encher a silueta. Sacáchesme con cara de parvo, con sorrisa de “ponte guapo” e na pose de rapeiro. Foi daquela cando sentín o calafrío e a metáfora, os dous igual de fondos.
–Que foi? –preguntaches.
–Nada, deume unha espertigada.
Sorriches e premiches no círculo para gardar unha nova toma da postura, xesto serio, capucha posta, peito lobo. Co clic veu un novo tremor. Erguiches unha cella sen apartar a ollada da pantalla.
–Que che pasa?
–Non sei, un calafrío no xersei.
Riches. Ai, cantas desgrazas comezan así.
–Estás rimando o que dis? –as palabras estoupábanche nos beizos co riso.
–Rimando? O que estou é disparando, vaite enterando, preciosa, que os versos van voando, ondulando…
–Preciosa, me chamaches? –interrompiches as palabras que cuspía e amosaches a ofensa máis grande que che collía no cello.
–Non sei que me deu, ruliña, este non son eu… –intentaba detelas, pero as rimas voaban, shurikens invisibles de rap–. Sinto un arrepío, de verbas un asubío. E… e… cada cousa que penso sáeme pola boca denso, rimado, profundo e desbocado. Ven e ponte aquí ao meu lado!
–Veña, xa abonda coa coña –ti mesma non crías que o fose, verdade?
–Non é coña, tes que crerme a carantoña, estou morrendo de vergoña…
Sufría cada palabra que che dicía, cada sílaba cuspida consoante e magoante. Ai. Lembrei o berro angustiado da miña nai: “Non poñas a cara así, que se che dá mal quedas así para sempre!”. Esaxerada, lle chamabamos. E agora mírame, atrapado na alma dun rapeiro, cunha carrapucha por sombreiro. Merda.
–Veña, Manuel, xa podes parar, xa abonda.
–Que si, joder! Que máis que gustaría que poder! Pero sentinme poema ao pousarme, non deixes que a rima te desarme. Troqueime poesía… Ai, María, confía, confía no meu corazón, sabes que teño razón.
Resopras indignada e víraste mentres a min me estoupa a glote e síntome rillote. Hostia xa. Como culparte?
–Non te vaias, meu amor. Axúdame, por favor, que esta puta rima que alguén me botou encima xa me desanima.
–Manuel…
–Non sexas cabrona, axúdame, reflexiona!
–Ai, mira, tesme ata a
…………………………………………………………………………
Weak But Unstoppable
Chéirame a amorodos este ar de primavera. Sábeme doce aquí a cervexa. Abro o xornal e reclínome nas costas da cadeira. Descalzo os pés para os quentar ao sol. Que ben se está nesta terraza. Na mesa do lado unha nena espreita un libro. Saúdame. Coñézoa. É un conto grande e cheo de cores. As pombas pinchan entre as mesas. Fanme graza. Unha delas tira un cacaolat. O pai da nena solta un alarido. Cóllea polo pulso. Ela cóbrese as costelas. Élle un xesto intuitivo. Dáme noxo a situación, quero marchar. Calzo os tenis e poño a carapucha. Apuro a Gulden Draak. A nena vai polo terceiro sopramocos. Ninguén fai ren.
Érgome, procuro as chaves e busco o R18 coa mirada. Movo as muletas a carón do pai e bisbo unha palabra na súa orella. Só dúas sílabas. Suficiente. Subo ao coche, meto a chave no contacto. Controlo o retrovisor. Agardo a que me pase un autobús. O pai da nena tíraselle ás rodas. Ese é o meu poder. Construír e destruír persoas. E é unha merda.
A policía toma notas. Saca fotos. Interroga o condutor. Vai ter problemas. Dá positivo en alcolemia. A ningún dos usuarios lle sorprende. Nin sequera á pasaxeira da noca rota. Dobre homicidio por imprudencia. Vano empapelar. Sobre todo cando atopen o que enterrou na aldea, a carón do Camiño Portugués.
A nena observa serena os anacos do seu pai. Eu agardo a que a policía despexe a escena. A inspectora remexe no bolso da pasaxeira. Espalla no lousado a súa intimidade: unha carteira co DNI, dúas caixas de orfidal, unha axenda, tres pastillas de cianuro e unha foto con tres nenos. Son alumnos da miña escola. Seguirán a selo.
Volvo á terraza. Non han mover o bus ata que chegue a xuíza, e vai tardar. Está nun meeting. Máscara caqui e cen bandeiras. Pido outra cervexa. O camareiro trae unha tapa. Non a toco. Unha pomba amestrada póusase na mesa. Pica na tortilla. Aínda hai manchas doutro sangue no seu peito.
Imos co seguinte duelo, con dúas historias de ton ben diferente.
‘Medroume a metáfora’: Pasei toda a lectura cun sorriso na cara. Agradécese o uso do humor, porque é arriscado, pero ben feito, funciona. E ese remate é hilarante, encantoume, tanto coma todo o conxunto do texto.
‘Weak But Unstoppable’: Gustoume a linguaxe desta historia tan dura, pero coido que non entendín de todo por que o pai acaba atropelado. O narrador ten un poder especial? É o que me pareceu, pero non o teño de todo claro. Tampouco a relación coa imaxe, un factor que temo que vai desempatar no favor do rival.
O meu voto vai para ‘Medroume a metáfora’.
Pasoume algo bastante estraño cos relatos deste duelo. Dende a primeira liña linos cada un cunha música na cabeza que non sei se era premeditada, pero que fixo que este sexa o meu duelo favorito da xornada. Non sei se todos pensan así, pero creo tamén que estas imaxes tan particulares envelénanse moito e ou che sae unha idea en canto a ves ou arríncaste os pelos durante unha semana.
Vale, a canción coa que lin Medroume a metáfora é Soy Rapero de Zorman. E que marabilla de viaxe me peguei. O principio entroume algo mal, quizais porque me atopei no medio da escena, pero en canto empeza po espectáculo mimá. Xa nada dicir de que o dialogo este tan cravado que cada rima é unha xoia terrible. As mesmas rimas están tan conseguidas que so poden ser resultado dunha medición precisa do cringe. Que medo se tal poder se alía coas forzas do mal. O titulo non desmerece para nada, moi ben escollido.
Esta pode non ser tan idónea, pero a primeira frase de Weak but unstoppable recordoume a unha canción de Melendi. Sinto ser así. A cervexa e o andar descalzo só o empeorou. Con estes relatos de frases tan curtas sempre está o risco de sobrecargar, pero penso que a autora solucionouno perfecto. Non me queda moi clara a relación coa imaxe e creo que niso sae perdendo fronte a un relato que comeza con ela de fronte. Non quero dicir con isto que non teña relación con ela, pois un autor ou autora capaz de tecer un relato tan redondo non é capaz de obviar algo así. O único que podo facer ante como este relato me derrotou e deixar constancia da imaxe que me deu dun Melendi divino e desencantado ca humanidade. Creo que en termos de protagonista amoral pero con omnipotencia había un anime, pero non era de Melendi.
De todas formas, creo que esta interpretación non é canon, pero gustaríame que se tivera en conta. Grazas polo bo rato léndoo.
O meu voto, polo precioso repelús contra o protagonista que me xerou, vai para Medroume a metáfora.
Neste enfrontamento gañoume o humor. Medroume a metáfora é un relato que non lle vexo nada por critirar. Unha peza redonda. Parabéns. Desde como empeza con ese sentinme poema ata o final que deixa que sexa eu a que rime . Weak but unstoppable non é mal relato pero sí cousiñas que lle vexo por mellorar, e ten enfronte un contrincante que conseguiu facer un relato perfecto. A presentacion que fai o personaxe do seu propio superpoder é un pouco brusca. Tamén brusca a morte da muller que vai dentro do autobús: morreu coa freada? Non entendín moi ben esta morte… Pero queda un con ganas de ver máis carambolas desas de mortes de malos. Voto Medroume a metáfora
Puf, dificilísima esta imaxe eh? Ten un punto artificial de imaxe de arquivo que parecería tirar por unha cousa maniquea, pero despois o que é a “mensaxe” da imaxe é un pouco confusa tamén. Non sei, non me gustaron moito os dous contos deste duelo, pero admito que o reto era moi moi difícil coa imaxe.
Medroume a metáfora. Tirou polo humor, buscando unha interpretación máis literal da imaxe. Entendo a coña, o tema dos rapeiros horteras, as rimas baratas. En xeral está ben construído, vai xerando pouco a pouco a tensión, os diálogos teñen bo ritmo e están ben tirados. É certo que non é a cousa máis orixinal do mundo pero no que fai, todo está ben pechado. Pasa que non sei, sei que isto é puramente subxectivo, non me acabou de gustar moito. Nada me fixo especial graza e acabei o conto un pouco frío. Non sei, quizais había que levalo máis ata o esperpento, ou que as rimas fosen máis tolas. Queda un pouco no chiste pero non acaba de facer nada con el. De tódolos xeitos, xa vexo que aos outros comentaristas si lles entrou mellor o humor e claro, quedan ben satisfeitos porque xa digo que o conto quedou redondo no demais.
Weak But Unstoppable. Pásalle xusto o contrario que ao seu rival. Atráeme a historia do conto, os poderes do protagonista, a súa relación estraña con eles, o senso de moralidade un tanto turbia que se albisca nas decisións que toma. Penso que había unha idea moi boa aquí, interpretando máis libremente a imaxe (cousa que eu tamén tería intentado hahaha). O problema, que tamén detectaron outras compañeiras, está en que as ideas está un pouco indefinidas, a narración queda un pouco inconexa e non entendes moi ben de todo as motivacións da personaxes, nin a liña causal en realidade. Non creo que sexa tanto un problema en si mesmo de técnica, penso que é unha boa idea as frases curtas que emprega, por exemplo, senón de que había que fiar un pouco máis a mensaxe, se cadra non ser só descritiva tendo tan poucas palabras, e falarnos máis dos por qués e non so dos ques.
Vou priorizar fondo a forma neste duelo. Voto por Weak But Unstoppable.
Tirásteslle partido a unha imaxe complicada. Parabéns!
‘Medroume a metáfora’: que conto máis divertido e ben levado! O problema de aparentar o que non se é (neste caso, un rapper curtido nos baixos fondos) está en convertirse no espellismo que se proxecta. Moito rin coas rimas! Un aplauso para o autor ou autora.
‘Weak But Unstoppable’: recoñezo que nunha primeira lectura o relato non me acabou de convencer, quizais por esa abundancia de personaxes (a nena, o pai, o condutor, a pasaxeira, a inspectora) e de pequenas instantáneas que se arremuíñan arredor do narrador. Coa segunda lectura, pola contra, pareceume que a historia gañaba peso. Suxírense crimes, violencias e inxustizas con poucas palabras ben escollidas e imaxes ben precisas (unha caixa de orfidales, unha man que protexe o corpo infantil). Hai elementos que quedan colgados, pero, en conxunto, creo que é un relato potente.
O meu voto vai para ‘Weak But Unstoppable’.
Bo duelo.
“Medroume a metáfora” Intenta ser un relato cómico e aínda que está ben escrito, non me acabou de
“Weak But Unstoppable” Está ben fíado e é dramatico.
Para min o gañador “Weak But Unstoppable”
Grazas a todos e a todas polos vosos comentarios e parabéns a Sabela pola vitoria. Prestoume moito o seu relato e resultoume moi divertido.
Respecto ao meu, lembro sempre a máxima dos chistes: se hai que explicalo, é que está mal contado. Esa é a riqueza deste formato de competición. O verdadeiro premio está no feedback nos damos unhas a outras e que nos axuda a mellorar os textos.
Dende o principio a imaxe resultoume difícil. Había algo que non me encaixaba co ton urbano, algo que se me escapaba, non sabía. Tardei días en darme conta. O que ten detrás o encarapuchado non é un graffiti: é un encerado. Aí me cativou a imaxe ata converterse nunha das miñas alegorías favoritas: a educación como fortaleza, os mestres coma heroes, construír persoas coma un superpoder.
Pena que non fun quen de honrar a idea con claridade.
Grazas, Francisco! Foi empate técnico, iso si.
Gústame o que viches, eu non din saído dunha imitación de Banksy mal ubicada… Estiven días facendo rimas de merda (con perdón), porque non me inspiraba outro resultado. É xenial ver as diferentes interpretacións dunha mesma imaxe. Encantoume o teu protagonista; igual non se transmitiu como querías, pero apréndese máis de errar que de acertar. Está sendo un gran torneo, a verdade. Ás veces, premiamos forma no canto de fondo, ou ao revés. O mellor é recibir un bo feedback que che axude a cuestionar o que fixeches.
Un gustazo, oiga.