BiosBardia

O país dos libros en galego

Mercedes Corbillón: “Hai amor en regalar un libro que te fixo feliz”

Mercedes Corbillón.

Mercedes Corbillón revolucionou o modelo das librarías galegas cando creou Cronopios (en Pontevedra e Santiago). Gran lectora, é exemplo do papel da libreira como descubridora de novas lecturas, grazas ao seu esforzo por estar ao tanto de todo o bo que se publica cada semana. Hoxe visitamos a súa ‘Biblioteca íntima’.

Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?

Un biografía de Madame Curie que estaba naquela colección infantil de lombos brancos.

Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?

Claus e Lucas, de Agota Kristof, unha das grandes novelas da guerra de todos os tempos. La Hija del Este é unha das mellores novelas dos últimos 25 anos en España, quizais a mellor e a Clara Usón apenas a coñece ninguén, cando debería ser unha das nosas vacas sagradas tipo Marías o Muñoz Molina. Imperdoable. E en galego, Para dicir abril, de Vázquez Pintor ou As Rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello.

Que obra mestra canónica se lle cae das mans?

Moby Dick, pero iso non impedíu que fose buscar a tumba de Melville no cemiterio de Woodlawn.

Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa?

Soño con que Vila-Matas volva á bebida conmigo. A ver se Trueba ou Martínez de Pisón, que son amigos seus e cos que si compartín barras de bar, interceden para que se cumpran as miñas fantasías. E claro que me tería gustado tomar bourbon con Dorothy Parker e Scott Fitzgeral no Algonquin.

Aínda que, para beber, quedo coas miñas amigas escritoras galegas e penso seriamente en abrir o meu salón para recibir os meus invitados en bata de plumas e que corran o alcohol e as pullas literarias. Sería a anfitrioa perfecta. Lástima de pazo e de apelido composto.

E con cal, de entre as que lle gusta como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo?

En xeral, e pola miña experiencia libreira , gústanme máis as persoas que o que escriben . Será que son máis riquiña como amiga que como lectora.

Un libro recente que lle gustase moito…

Basilisco, de Jon Bilbao

Unha novela que non puido terminar…

Todas nas que sae un diálogo de telefilme de domingo pola tarde. Pídolles aos escritores que o fagan ben ou mal pero que se curren as súas frases e non repitan as que ouvimos mil veces –e non precisamente na rúa.

Tamén practico o lanzamento de novela pola xanela cando se describe a personaxes como intelixentes, listos ou bos sen que, polo texto, se poida corroborar dita afirmación de ningunha maneira.

Que novela lle gustaría protagonizar?

Suave é a noite.

Que novela a reconciliou coa literatura?

O meu romance coa literatura non acaba, pero a paixón aumenta cando leo autores que parecen escribir para min. Síntome seducida cando leo a Vila-Matas, a Jeanette Winterson ou a Manuel Rivas. Pero como son promiscua, sigo buscando esa chispa.

Que libro, da súa pila de obras pendentes, é o seu favorito?

Adoro esta pregunta , a vida componse das cousas que estamos pensando en facer.

O meu favorito é O Paraíso dos inocentes, de Riveiro Coello, que acaba de saír, e unha biografía de Mary Shelley que xa colleu po na miña mesiña, e as cartas de Beauvoir a Nelson Algren que me recomendou Inma López Silva.

E estou desexando ler os libros que aínda non escribíu Elena Ferrante e as memorias de editores galegos, que espero que Bragado e Freixanes xa estean a escribir.

Que libro lle gustaría ter escrito?

El viejo que leía novelas de amor, de Luis Sepúlveda ou O Gran Gatsby, de Scott Fitzgerald. Son novelas pequenas, redondas, perfectas, pero chegaríame con ter escrito ese verso de Olga Novo: “levo o Courel na goma das bragas.”

Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librerías (e das bibliotecas)

Encántame esta pregunta porque non teño ningún libro publicado e non obstante estou a contestar este cuestionario. Podo ser un deses escritores Bartleby, sempre a punto de escribir sen chegar nunca a facelo. O mundo agradecerao.

Leva vostede un dietario ou diario?

Son demasiado anárquica e demasiado indolente para escribir cada día, pero nas columnas que escribo en prensa sempre falo de min. Son o meu personaxe favorito, polo menos o que teño máis a man.

Escribirá as súas memorias?

Supoño que se escribo algo algún día será sobre ese personaxe inventado que son eu. A autoficción gústame como lectora e, de escribir, sería un lugar cómodo para min.

Que autor considera responsable de que vostede se dedique a literatura?

Quizais sentín a ferida profunda da literatura cando lin Cien años de soledad.

Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?

Todos os de autoaxuda.

Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?

Cada ano leo varios libros que me parecen unha broma pesada. A maioría en galego. Non me faga facerlle unha lista.

E un libro galego posterior ao 70 que adora?

Moitos, pero por quedar nos oitenta: Xa vai o Griffon no vento, de Alfredo Conde, Tic tac, de Suso de Toro, Mohicania, de Manuel Rivas…

Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado.

Ningún, os clásicos cumpren  a súa función, máis aló do que o tempo faga con eles.

E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto.

De Catro a Catro, de Manuel Antonio ou O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, de Álvaro Cunqueiro. Hai amor en regalar un libro que te fixo feliz.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *