BiosBardia

O país dos libros en galego

Moisés Barcia: “Rinoceronte consegue que lectores non habituais en galego opten pola nosa lingua para ler obras internacionais”

Moisés Barcia. JOSÉ GORÍS.

Moisés Barcia (Moaña, 1971) é un dos tradutores máis prolíficos da lingua galega, con máis de douscentos títulos, e fundador do grupo editorial Rinoceronte, que leva desde o 2005 publicando obras e que agora está constituído polos selos Rinoceronte, Morgante e Sushi Books. Na sección ‘Conversas Biosbardia. Os oficios do libro’, patrocinada pola libraría Cartabón, fixo balance da súa traxectoria profesional.

Así explicou como chegou á Tradución. “Cando rematei Filoloxía anotei nun papel: ‘Cousas que me parece que se poderían facer’. E anotei: A primeira, traducir a Tolkien, e a segunda, facer un manual de Lingüística Románica, porque tivera no último ano esa materia e gustárame moito… E había máis cousas, pero como son unha persoa guiada, empecei polo principio e xa non saín. E despois dunha tradución pasei a outra e así pasaron 27 anos”.

Seis anos despois disto fundou Rinoceronte: “Pareceume detectar certa falta de enfoque nas editoriais galegas; o tema da tradución era daquela no sistema editorial algo residual que non se abordaba ao xeito. Entón pareceume que o máis oportuno era fundar unha editorial dedicada especificamente a isto e que tivese coleccións”.

Daquel tempo recorda o desafío que supuña apostar por unha editorial cun perfil tan concreto. “Eu sabía, pola miña traxectoria, que era un reto moi complicado, pero quixen lanzarme igualmente”.

“Os comezos foron moi duros e eu cheguei a somatizar todo o que vivía na editorial. Eu recoméndolle ás persoas que teñan o libro como experiencia de desfrute que non se dediquen ao negocio do libro, porque nunca máis verán o libro por puro pracer”. “Recoñezo que tiña certa intuición, xa desde o inicio, que posibilitou que desde o principio a inmersión no mundo editorial fose relativamente plácido”.

Barcia subliñou que Rinoceronte intentou innovar, amosar unha imaxe moderna e europea, mais tamén tendo en conta as limitacións do negocio. Foi naquela primeira época que o deseño se baseaba no minimalismo: “Seguir unha liña moi definida abarata moito e permite darlle continuidade a unha colección”.

O editor fixo reconto de varias ideas que Rinoceronte desenvolveu, tanto para innovar no eido da edición, como o libro electrónico, unha colección en castelán de autores galegos ou os audiolibros en CD, coma en actividades paralelas, caso dunha axencia literaria, unha libraría en Cangas ou unha taberna literaria. “Eu botaba man do ensaio-erro. Probabas unha cousa, non funcionaba, pasabas a outra, e así con varias. Iso permitiume comprobar que de todas as derivadas que pode ter o negocio do libro, a do propio libro convencional é a maioritaria. Se non tes masa crítica no propio comercio do libro, en todas as demais chilindradas non tes moito que facer”. Mais ese interese por ampliar o concepto de negocio, Rinoceronte xusto acaba de inaugurar a colección ‘Nueva’, na que publicou en castelán libros de Brontë e Gogol.

Rinoceronte, en palabras do seu fundador, consegue que “lectores non habituais en galego opten pola nosa lingua para obras internacionais que publicamos nós”.

Barcia explicou como evolucionou o catálogo de Rinoceronte, que se corresponde tamén coa propia evolución do seu propio papel como tradutor na editora. “No décimo aniversario, detectamos que o problema de traducir desde linguas tan remotas ao galego era que esas persoas tradutoras non eran tradutores profesionais, senón xente de alí que vivía aquí ou xente de aquí que vivía alí, ou fillos de. persoas de alí ou afeccionados, pero non desde logo xente que con produción suficiente coma para ter xa fluidez e desenvoltura, e isto facía que as traducións encargábanse, pagábanse e despois eu tiña que estar dedicándolles un mes ou dous a reescribilas, intervir moi profundamente nelas. Era un traballo formidable, porque eu tiña que manexar moitas traducións para facer un mix. Isto provocounos perdas. Agás excepcións, a xente le literatura traducida do inglés, basicamente, tamén do francés e do italiano. Daquela, aínda que despois desta decisión seguimos publicando ‘a primeira tradución’ de varias linguas, como o romanés ou o coreano, a maioría do que publicamos procede destoutras linguas e eu convertinme no tradutor que máis produce”.

https://open.spotify.com/episode/66CoT6Qp27dG5Qc1cadfPv?si=7af64ec7b78240af

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *