Montse Fajardo: “A literatura foi a máis fiel das compañeiras”
Montse Fajardo é unha das escritoras que máis se preocupou por desvelar as historias máis descoñecidas do noso pasado recente. Gran cultivadora da memoria histórica, a súa última obra é A vida incerta (Cumio, 2021).
Cal é o primeiro libro que recorda ter lido?
Non lembro o primeiro libro da infancia pero, cando por fin pasei ao andel de lecturas “para maiores” que había na libraría do meu tío, escollín a novela La herencia Landower, de Victoria Holt. Algo propio dunha adolescente dos 80, supoño…
Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?
No seu día gustoume moito El águila bicéfala, de Antonio Gala, que non é o seu título máis coñecido. Pero creo que hai obras como Tres tempos e a esperanza, de Marivi Villaverde, ou Abajo las dictaduras, de Josefa García Segret, que debían ser de obrigada lectura. E por suposto o Momo, de Michael Ende, aínda que esa é ben coñecida.
E que obra mestra canónica lle cae das mans?
Pois non sei se se pode considerar canónica pero, desafortunadamente, tiven que soltar das mans, Los cipreses creen en Dios, de José María Gironella, porque cando estaba na súa lectura operáronme de urxencia; a cousa complicouse, e estiven durante semanas tan débil que non podía sostela, literalmente. Logo, como xa non lembraba ben os detalles, decidín que a retornaría desde os inicios cando tivese tempo dabondo para ler a triloxía e aínda non o atopei. Pero fareino, seguro, porque era marabillosa.
Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a
Con Manuel Rivas. De festa ou simplemente de charla diante dun café.
E con cal, de entre as que lle gustan como escriben, non lle agradaría pasar demasiado tempo? Pode estar viva/o
Con Arturo Pérez Reverte ou Mario Vargas Llosa.
Un libro recente que lle gustase moito…
Non penses nun elefante rosa, de Antia Yáñez
Unha novela que non puido terminar…
Non lembro ningunha. Son demasiado curiosa para perderme o final da historia.
Que novela lle gustaría protagonizar?
Que difícil… As pontes do Condado de Madison, de Robert James Waller. Pero baixaría da furgoneta, ha, ha. Xa máis en serio, gustaríame poder acompañar a Castelao e Virxinia no periplo que contei n’A vida incerta, para coñecer esa xeración marabillosa que nos arrebatou o franquismo.
Que novela a reconciliou coa literatura?
Nunca tiven a necesidade de reconciliarme. A literatura foi a máis leal das compañeiras.
Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?
Pois teño en liña de saída La octava vida, de Nino Haratischwili. Agora estou mergullada nas novelas dun certame do que son xurado, pero cando remate poreime con ela.
Que libro lle gustaría ter escrito?
El corazón helado, Los besos en el pan ou calquera dos “Episodios de una guerra interminable”… son unha fan incondicional de Almudena Grandes. A súa ausencia é desoladora.
Que libro, dos que publicou, lle gustaría que desaparecese das librarías (e das bibliotecas)?
Ha, ha, ha, a primeira edición de Matriarcas, por todos os erros gramaticais que ten! Non mo lembres…
Leva vostede un diario ou un dietario?
Non, fíxeno de nena pero xa non. Teño un bloc para apuntar cousas boas que me pasan no día a dia e así acudir a elas nos días tristes… pero case sempre esquezo escribir nel. Un desastre
Escribirá as súas memorias?
Nin de broma!
Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
Non é unha autora, é un lugar: a imprenta Celta, que rexentaba a familia do meu tío en Vilagarcía. Crieime aí, entre libros, e iso foi clave non só na escrita: en todo o devir da miña vida…
Hai algún libro que afundiría no fondo dunha piscina?
Non, pero de ser obrigado escollería os que establecen dogmas relixiosos.
Un libro galego posterior ao 1970 que non soporta?
Ui, non o direi así me afogues nesa piscina! Só unha pista: ten premio literario…
E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
Moitos: Memoria das cidades sen luz, de Inma López Silva; Deixe a súa mensaxe despois de oír o sinal, de Arantxa Portabales, Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo, Infamia, de Ledicia Costas, Seique, de Susana Sánchez Arins ou calquera dos que Manuel Rivas lle dedicou á recuperación da memoria.
Un clásico galego que pensa que está sobrevalorado
Mais alá de títulos concretos, creo que mesmo hai próceres da patria que están sobrevalorados…e outros, como Castelao, que temos que poñer máis aínda en valor.
E un clásico galego que agasallar como mostra de afecto?
Sempre en Galiza, de Castelao, así de paso amosamos afecto por nós e por quen nós precedeu na arela dunha sociedade mellor.