Mulleres presas. Ao redor de dous ensaios que dialogan entre si

César Lorenzo Gil.
Afortunadamente, as novas tendencias historiográficas iluminan episodios do noso pasado que até agora apenas se coñecían. Esas tendencias, como é natural, seguen as inquedanzas e intereses do noso tempo e por iso é lóxico que entre os asuntos que gañan nova atención está a historia das mulleres, en todos os seus aspectos.
Concretamente, os dous libros dos que imos falar nesta ocasión, estudan a “concentración” de mulleres, o seu control mediante unha coerción extrema, en dous ámbitos espazotemporais distintos, pero complementarios. As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936, de Carmen V. Valiña (Galaxia, 2025) e Redimir y adoctrinar. El Patronato de Protección a la Mujer (1941-1985), de Carmen Guillén (Crítica, 2026) comparten, amais do tema xeral, estilo, ton e incluso tamaño (ambas son obras moi curtas, algo pouco común en traballos de ensaio histórico).
Sobre este aspecto debemos pararnos para intentar entender cal é o obxectivo final de ambas as obras. O libro de Valiña ten 142 páxinas, cunha maqueta de tamaño xeneroso, case idéntica á da obra de Guillén, que apenas pasa das 270 páxinas. Son, polo tanto, obras eminentemente divulgativas cuxo principal fin é difundir as súas investigacións entre o público xeral. Son, polo tanto, obras escritas cunha linguaxe sinxela, por veces didáctica, que serven só como porta de entrada para coñecer as realidades que elas estudaron.
As tolas que non eran repara no papel que os hospitais psiquiátricos, neste caso o de Conxo (en Santiago) tiveron como centros de control daquelas mulleres que non encaixaban no papel asignado pola sociedade no período analizado. Mais a súa estrutura non responde tanto a unha categorización das reclusas, senón aos testemuños dalgunhas vítimas.
Nese sentido, Redimir y adoctrinar é máis sistemático, máis clásico no seu alcance e obxectivos. Quizais Valiña se sentiu máis liberada da responsabilidade de explicar como funcionaba a saúde mental na España da Restauración e a II República, mentres que Guillén necesitaba, principalmente, dar a coñecer unha institución da que se leva falado moi pouco. O Patronato de Protección á Muller foi unha das máis sinistras institucións franquistas, tan normalizada que resistiu ao fin da ditadura e seguiu exercendo funcións de represión até o 1985. É dicir, existía cando xa en España había unha lei do divorcio. Acabou no mesmo ano no que se despenalizou o aborto.
O uso da saúde mental para controlar as mulleres atopa o seu relevo no uso do sistema de reclusión propio das ordes monásticas. É moi revelador que en ambos os casos, esa función quede solapada por outra, pola principal. Os hospitais psiquiátricos e os conventos non son institucións creadas ad hoc con este fin represor, unha calidade que favoreceu o perfeccionamento desa represión. Corrixir e castigar determiinados comportamentos femininos viviu, polo tanto, nun evidente paradoxo cruel e poderoso: As mulleres vítimas sufriron dobremente. Con todo o peso dun sistema brutal e oculto para a maioría.
En Conxo podías acabar por moitos motivos, alleos aos trastornos mentais. Principalmente por desafiar a autoridade, fose a xeral ou fose a familiar.
No patronato as causas de reclusión tamén eran variadas, pero veñen coincidir. Aínda que hai “condutas” máis punibles: prostitución, rebeldía fronte aos pais, maternidade fóra do matrimonio…, calquera podía acabar “coas monxas” se alguén con poder así o decidía. Era un sistema de represión funcional ao réxime que contaba co apoio tácito de gran parte da sociedade do seu tempo. Parafraseando a Marilar Aleixandre, “as malas mulleres” apenas tiñan quen as defendese.
Aínda que existen moitas similitudes entre os libros de Guillén e Valiña, é necesario resaltar que se ben o libro sobre o patronato encaixa á perfección no xénero da divulgación histórica e serve para obter unha idea xeral aínda que superficial do que significou tal institución, o de Valiña escapa dese rexistro. É máis unha narración ca un ensaio e coido que a decisión de Galaxia de non incorporalo á colección literaria debeu depender do canto dunha moeda. A autora opta por técnicas e recursos da ficción para explicar eses testemuños que investigou. Iso convértese nunha arma de dobre gume. Por un lado, humaniza o texto, achégao máis a quen busca unha lectura emocional, pero faise escaso (escasísimo) para quen necesite profundar no tema da represión feminina no hospital de Conxo. Nin sequera serve como cabeza de ponte para outras lecturas (a bibliografía a seis referencias, ningunha de Conxo). Afortunadamente, o interese polo tema é cada vez meirande en Galicia.
♦ As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936, de Carmen V. Valiña. Galaxia, 2025. 142 páxinas. ♠17,35€
♦ Redimir y adoctrinar. El Patronato de Protección a la Mujer (1941-1985), de Carmen Guillén. Crítica, 2026. 272 páxinas. ♠21,90€






