‘Mulleres que viven xuntas’, esquemática e sobreexplicada

César Lorenzo Gil.
Mulleres que viven xuntas, de Abril Camino (Lugo, 1980) foi a obra gañadora do Premio Xerais de Novela no 2025. Novela curta, de personaxes e memoria, que conta a historia de Chus e Isabel, dúas mulleres nacidas na inmediata posguerra de moi diferentes orixes sociais, e que manterán unha relación sentimental, por forza clandestina nunha época onde estaba penada a homosexualidade. A novela está contada en dous tempos narrativos. En “Hoxe”, Chus narra os momentos previos ao enterramento de Isabel. En “Onte”, mediante unha narración omnisciente en terceira persoa cóntanse os antecedentes e vicisitudes da relación entre as protagonistas.
A novela ten principalmente dúas eivas: É esquemática. En moitos momentos (especialmente na sección “Onte”) parece máis ben unha anotación previa de alguén que pensa en escribir unha novela sobre dúas “amigas” que non puideron nunca expresarse como amantes ante o mundo. O estilo non se asenta. A trama é tan básica que o lector pode facer o xogo de prever o que vai pasar catro ou cinco páxinas máis adiante. Mais o esquema argumental non é o peor, senón que as dúas protagonistas tamén son esquemas, arquetipos que funcionan por contraste: a alta vs a baixa; a de clase alta vs a de clase baixa… E tamén é esquemática a relación que se tece entre ambas. A autora opta por construír a súa historia de amor mediante os diálogos, pero, a pesar do breve da obra, a fórmula acaba por ser reiterativa, o truco da discusión entre Chus e Isabel funciona só unha vez e chega un momento en que os diálogos frean a acción en vez de acelerala. Tampouco acerta a novela na creación de ambientes. Como exemplo, a breve descrición do Londres da década do 1950 é unha sucesión de tópicos.
A narración de Mulleres que viven xuntas ampárase, ademais, na muleta da sobreexplicación, na xustificación constante do seu sentido, non literario, senón moral. Constantemente, esa voz narradora omnisciente está argumentando o porqué de contar esta historia. Pasa do contexto histórico macro ao microuniverso das protagonistas, recalca a separación entre un mundo hostil no que dúas persoas só procuran vivir o seu amor en paz. Como a nivel argumental e estilístico a novela ten pouco que ofrecer e acaba co alento na páxina 30, este recurso permítelle á autora manter certa tensión, unha tensión entre xustiza e inxustiza, entre inequívocas vítimas/heroínas e un réxime abominable.
Nese sentido, a última gañadora do Xerais participa desa narrativa non literaria restitutiva, que procura “revelar” historias supostamente silenciadas para reivindicar formas de vida non convencionais. Mais as ferramentas do relato son as da publicidade, non as da literatura. Non hai unha poética, senón a repetición dun feixe de lugares comúns en canto ao tema e á expresión, páxinas balsámicas construídas a través dun calculado cóctel de situacións que buscan no lector unha determinada reacción emocional. Todo está predeseñado, non permite a ambigüidade, o equívoco, o inesperado, todas calidades propias da literatura. Libros coma este de Abril Camino invocan unha fórmula tan básica e trillada pola narrativa comercial que só permite un diálogo sociolóxico igual de evidente.
♦ Mulleres que viven xuntas, de Abril Camino, Xerais, 2025. 144 páxinas. ♠18,95€






