BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Multitudes’, máis socioloxía ca literatura

María Reimóndez. AELG.

César Lorenzo Gil.

Multitudes é a segunda parte de Cobiza, obra coa que María Reimóndez gañara o I Premio Pinto e Maragota. Polo tanto, é unha novela que se debe ler despois da primeira e que, evidentemente, interesará principalmente a aqueles que desfruten do universo literario que propuña xa na primeira entrega.

Coma na súa precedente, Multitudes propón unha ficción non literaria que se ocupa en recrear determinadas reflexións e análises filosóficas e sociolóxicas ao redor da construción do xénero, o patriarcado e a liberación da muller. Se na primeira parte, a proposta de Reimóndez era orixinal porque ampliaba e melloraba certos límites da narración futurista no relativo á exploración de personaxes e situacións, nesta segunda todo é máis convencional e se sustenta nunha situación moi simple: o conflito entre o vello mundo, dominado polas Familias (trasunto dun patriarcado descrito sen matices, case coma un malvado colectivo cuxa función é exercer de antagonista, sen máis), e o novo mundo, no que as mulleres planta lideran unha nova etapa da humanidade que a mellora, que a funde coa natureza, que loita por erradicar de vez as inxustizas.

Multitudes está dividida en varias partes: “Terra”, “Adiante”, “Atrás”, outra vez “Adiante”, “Tempo”, “Fóra” e “Retorno”. Cada división marca unha estrutura narrativa e abre a obra a diferentes voces narradoras. Esta estratexia permítelle á autora osixenar un argumento que dá a sensación de que ben podería resolverse coa metade de páxinas; e intentar diluír o ton omnisciente. Mais neste cometido, Reimóndez non logra desprender o seu libro dunha marca autoral moi pronunciada que provoca que a acción quede subordinada sempre á opinión, á caracterización moral das situacións contadas.

Amais de Judith Butler, nesta entrega toman relevancia os estudos de Silvia Federici sobre a relación entre a colonización de América, a escravitude, o capitalismo e a explotación das mulleres. De feito, as Familias parecen, en varias ocasións, algo así como un comité de machos anciáns que tan fácil condenan á fogueira un grupo de “bruxas” como fundan unha compañía para comerciar coas Indias.

En definitiva, Multitudes é unha historia inferior a Cobiza, cuxa principal calidade é aproveitar o seu elocuente perfil pedagóxico para facer agromar nos lectores o interese polas obras teóricas que a inspiran. Porque como novela en si pouco engade á súa primeira parte, aínda que tendo en conta o final é posible que se publique unha terceira entrega.

A conta deste libro recomendo a lectura da novela gráfica The One Hundred Nights of Hero (As cen noites de Hero), de Isabel Greenberg, que utiliza gran parte do magma histórico e sociolóxico de Multitudes para crear unha obra chea de poesía.

♦ Multitudes, de María Reimóndez. Xerais, 2022. 216 páxinas. ♠18,95€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *