BiosBardia

O país dos libros en galego

Música e exilio en Galicia (I)

Documento de entrada en México de Jesús Bal y Gay.

Eva Moreda.

Non é a música o primeiro que nos adoita vir ao miolo cando pensamos no exilio do 39; fálase, é certo, do lucense Jesús Bal y Gay (1905-1993) e mesmo se interpreta e se escoita, ás veces, a súa música. Pouco máis. De Bal y Gay adóitase dicir que é a voz galega da xeración do 27 e, sen deixar de ser certo (membro da Residencia de Estudiantes, casado con Rosa García Ascot, que formaba parte do que o catedrático de musicoloxía Emilio Casares deu en chamar, se cadra con dubidoso acerto, xeración musical do 27), cumpriría matizalo moito: habería que repensar o que é a xeración do 27, que fai dentro dela a música, que fai dentro dela un periférico. Algo disto xa fixo Rosa María Fernández García no interesante libro Bal y Gay: o seu pensamento antes de 1933 (Edicións do Castro, 2005) pero aínda falta moito labor de contextualización para entender a Bal y Gay e as súas ideas, sobre todo a partir do 39. Curioso é tamén ademais que Bal y Gay se lembre case sempre como compositor e poucas veces se celebre tanto a súa faceta de musicólogo (tan necesitados andamos dun compositor nacional? Seguramente): nas memorias que escribiu conxuntamente coa súa dona, Nuestros trabajos y nuestros días (Fundación Banco Pastor, 1990), Bal y Gay explica que non foi ata atoparse no exilio en México que lle veu a gana de compoñer (aínda que xa nos anos 30 tiña escrito cancións sobre textos de Amado Carballo) e que, tal como lle viñera, se lle foi vinte anos máis tarde: pouco tempo, é certo, nunha vida case nonaxenaria. Adóitase sinalar tamén a amizade de Bal y Gay con Igor Stravinsky en México, e certamente as obras máis destacadas do lucense teñen moito das do ruso (podería dicirse, con certa malicia, que son máis ca unha homenaxe): o divertimento para catro instrumentos de vento, o concerto grosso.

Da amizade con Stravinsky fala Bal y Gay abondosamente nas súas memorias, así como da peripecia do seu Cancionero gallego, recollido (xunto co musicólogo asturiano Eduardo Martínez Torner) en sucesivos veráns da primeira metade dos anos 30, non publicado por razóns obvias no 36, perdido nunha carboeira do antigo Instituto de Estudios Históricos no que Bal y Gay traballara con Menéndez Pelayo, rescatado polo musicólogo e cura Higini Anglès cando o Instituto pasou a ser o CSIC franquista, consultado e citado en borrador ata que a Fundación Barrié o publica en 1973 a instancias de Filgueira Valverde.

Menos coñecido é o violinista ferrolán Jesús Dopico. Sabemos que estudou no Conservatorio de Madrid a comezos dos anos 20 e que posteriormente encetou unha carreira de intérprete solista e de música de cámara, en Madrid e na terra. En 1935 era profesor do Conservatorio Rexional da Coruña. O que se sabe da súa participación na guerra sae fundamentalmente da lista de pasaxeiros do Ipanema, que o levou xunto con varios outros centos ao exilio en México vía Francia: xefe de milicias, xefe de censura da división social da Dirección Xeral de Seguridade, membro do departamento de estranxeiros e delegado comandante en carabineiros. En México atopámolo tocando na Orquesta de Conciertos e dando algún recital solista en ambientes sobre todo de exilados; tamén foi presidente do Patronato da Cultura Galega. A escaseza de noticias sobre Dopico ilustra un aspecto triste da historiografía do exilio do 39, española e galega: tendeu e tende a considerarse un exilio de intelectuais, entendidos aquí como os que firman con nome e apelidos a súa obra, o que non é o caso dos intérpretes de a pé: músicos orquestrais, de banda ou de música popular.

Outro músico orquestral do que sabemos algo máis que de Dopico é Eugenio Fernández-Granell, que nos comezos da súa vida de exilado atopou un medio de subsistencia na Orquesta Sinfónica Nacional da República Dominicana, que viña de ser fundada por outro exiliado, o compositor Enrique Casal Chapí, do que falaremos na segunda entrega entre os compositores galegos que, non sendo exiliados, se interesaron pola nosa cultura. Elocuentemente, escribía Fernández-Granell (do que, obviamente, hoxe sabemos máis pola súa posterior carreira de pintor) en 1991 que:

Contrariamente a lo que pudiera pensarse, al notar que la mayoría de nuestras reuniones se ciñe a ocuparse del exilio intelectual, el de los españoles no fue sólo asunto de intelectuales. El conjunto de los cientos de miles de exiliados comprendía individuos de todas las clases sociales entregados a toda suerte de actividades. El exilio no se produjo para prestigiar, aureolar e inmortalizar a los intelectuales.[1] 

[1]En José María Naharro-Calderón (ed.), El exilio de las Españas de 1939 en las Américas: “¿Adónde fue la canción?”  (Barcelona: Anthropos, 1991)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *