‘N. N.’ vs ‘Acusación particular’

Xornada 3 e final. Marisol Gándara fronte a Natalia Otero.
N. N.
—Imos aló, rapidiño —dixo o director médico mentres sentaba e abría a carpeta á cabeza da mesa de reunións. —Que facemos co novo caso, doutor Beluso?
—Como xefe do servizo e á vista do historial recomendo o seu ingreso na área de personalidades errantes.
—Insinúa que é perigosa?
—Para nada, como adxunta coñece vostede o seu comportamento, pero o seu discurso delirante podería callar entre internos confusos ou con pasado disidente, alterando a orde do centro. Ademais, non sobreviviría moito tempo na nosa sociedade do século XXIII, liberada dos vínculos coa terra. Lembra cando chegou aquí? Pobre calamidade!
A doutora López volveu sen pretendelo á imaxe de había uns seis meses. Levaba un ano como adxunta e nunca vira espécimes recollidos no exterior da cúpula GA 9. Inconscientemente repasou aquel corpiño encollido, vestido con farrapos cheos de terra, que miraba con desconfianza e respondía con monosílabos ou preguntas. Dubidou un intre e suspirou con indiferenza.
—Con máis motivo. Sobreviviu máis de catro décadas fóra da burbulla de protección! Considero que poderíamos destinala ao pavillón de personalidades confusas e tratar de recuperala.
—Que quere recuperar? Poderá ter ….canto? Setenta, oitenta anos? É moi difícil redactar con precisión o seu historial médico e dende logo a súa produtividade será escasa. A saber se o pouco que conta é verdade. Que quere recuperar?
—Quizais podería ensinarnos algo das súas estratexias de supervivencia. Conserva certa actividade motora, amósase autosuficiente e pouco a pouco gaña confianza cos demais internos para contar a súa historia.
—Non estará vostede a crer en todo o seu discurso delirante? Que é o que repite constantemente? Era algo de infrinxir a regra dos tres erres, a maldición do consumo ou que estamos sendo castigados polo xuízo das árbores nobres. Castigados nós! Nós que a salvamos de morrer entre as ruínas dunha civilización extinta!
—Non creo en nada, considero que é cedo de máis para enviala a un pavillón no que se lle aumentará a dose de esencias relaxantes. A súa mente merece ser explorada máis en profundidade.
—Doutora López, está a establecer vínculos persoais coa interna? Sabe que iso sería moi irregular dada a súa posición.
—-O meu único vínculo é coa ciencia, director. Entenderá que á vista dun caso singular de supervivencia nun contorno hostil, desexo explorar os mecanismos cerebrais que lle permitiron manter un mínimo de cordura.
O doutor Beluso tentou iniciar unha resposta pero o director adiantouse cun aceno da man.
—Algo de razón si ten. Imos ver… quedará outros seis meses no pavillón de personalidades indefinidas e entón decidiremos que facer. Podemos pasar ao seguinte caso?
Seguiron cos internos pendentes de definición pero a doutora López xa non escoitaba. Asentía ausente mentres cambiaba de carpeta. Agardaba o momento de volver ao cuarto da interna sen nome que lle describiría, como cada tarde, as praias e montes borradas da única historia que ela coñecía e que comezaba coa construción da cúpula protectora GA 9.
……………………………….
Acusación particular
XUIZA: Procedemento Abreviado. Xuízo Oral 13/2020. Declárase aberta a sesión. Proceda a secretaría a darlles lectura ás alegacións da acusación.
SECRETARIO: Don Eleuterio Teixeira Fernández, natural de Cuntis, con residencia en Pontevedra, acusa a súa Sombra, sen identidade fiscal e convivente co demandante, de delitos contra a honra, persecución continuada, acoso e vulneración de dereitos da imaxe.
XUIZA: Sombra do demandante, en pé. Infórmaselle do dereito a non declarar. Proceda a contestar as preguntas da Fiscalía.
FISCAL: Coa venia. ¿É certo que vostede persegue ó demandante máis aló do período diurno, aparecéndose incluso en condicións de baixa luminosidade, até o punto de facelo recentemente de madrugada na habitación deste, cobrando formas tenebrosas e intimidantes? Que intencións tiña? E que facía presente nun horario tan pouco habitual?
O demandante tamén o acusa de adquirir apariencias que non se corresponden coa imaxe que vostede debera de proxectar del, adoptando figuras excesivamente voluminosas e exacerbando zonas problemáticas como o abdome. Recoñécese nestas acusacións? Señoría, non hai máis preguntas.
XUÍZA: Pode responder a defensa
AVOGADA DA DEFENSA: Coa venia, Señoría. A miña defendida alega limitarse a exercer as condicións intrínsecas á súa natureza e a cinguirse ás leis da física cuántica, polo que a súa situación e forma non dependen do seu libre albedrío, senón da propia imaxe tridimensional do demandante, así como do punto e ángulo de proxección luminosa presente no contexto espazo-tempo, non tendo control a miña defendida sobre o resultado, nin polo tanto, o efecto causado a calquera nivel sobre o demandante.
XUÍZA: Ten a palabra a acusación particular
AVOGADO DA ACUSACIÓN PARTICULAR: O señor Teixeira achega o parte clínico con data 10 de febreiro, no que se confirma a diagnose de “crise de pánico”, froito da mencionada aparición da súa Sombra a horas intempestivas e con propósitos claramente perversos. Tamén se achegan numerosas facturas de ximnasios, nutricionistas e psicólogos derivados da descrita distorsión da imaxe proxectada pola acusada. ¿Vaise facer esta cargo de todos os gastos que lle causou ó demandante, así como de resarcir o resto de danos? Non hai máis preguntas.
XUÍZA: Que ten que dicir a defensa?
AVOGADA DA DEFENSA: A miña defendida asegura que os trastornos ós que se fan referencia son derivados da baixa autoestima do demandante, indicado expresamente nos informes de psiquiatría ós que esta defensa puido acceder, así como a un, cito textualmente, “trastorno disociativo e incipiente delirio de persecución”, polo que a acusada se declara non culpable dos cargos que se lle imputan.
XUÍZA: Queda visto para Sentenza. Saian da sala.
* * *
Á mañá seguinte, dous axentes accedían ó segundo andar dun edificio na rúa de San Xosé, alertados por un homicidio en presunta defensa propia. Atoparon a porta da vivenda aberta, na que entraron despois dun par de chamadas infrutuosas. Á esquerda, nunha saliña, un home choraba coas mans no rostro, axeonllado fronte a un coitelo cravado con xenreira sobre a súa sombra na moqueta.
Boas. Moi boa foto¡ Parabéns a quen a mandase.
N. N. pareceume un relato ben escrito, a escena e o dialogo compenétranse ben ao meu parecer e sen caer na sobreexposición consegue ambientalo. Resúltome algo confuso nas primeiras lecturas pero penso que foi problema meu, que ao principio non buscáballe outra relación coa fotografía. De todas formas, pareceume que me deixaba entrever un mundo que non me importaría atopar nun relato de máis extensión. Parabéns¡
Acusación particular gustoume moitísimo, dende o formato, que me parece moi ben traído, ao humor, que non se me fixo lastre. O final penso que se podía levar doutra forma, porque me saca un pouco, pero tampouco sei moi ben por onde o tiraría eu, así que déixoo en que me gustou moito a idea.
O meu voto vai para Acusación Particular.
N. N.
A primeria acotacion paréceme moi longa, ademais é a unica de todo o relato. Penso que tería sido mellor eliminala.
Non se entende ben a diferencia entre personalidades errantes e confusas (e despois tamen indefinidas). Teria sido mellor dicir personalidades A, B e C. O nivel I, II e III.
A regra das 3R, reducir, reciclar e reutilizar?
Gustoume o final. Penso que o dialogo se fixo longo de mais. Sobrame un pouco de toma e daca entre a adxunta e o Beluso, algunhas intervencions poderian fusionarse. Non é facil construir ese dialogo porque hai que contar moitas cousas polo camiño, non só o qeu se fala concretamente dese caso senon tamen darlle ó lector toda a info necesaria para que entenda o relato. A miña aposta sería porque eliminar isto ultimo e sustituilo por cousas que definan ás personaxes, non ó trasfondo do relato. O lector pide datos, pero en realidade o que queremos é misterio. O lector ten que ser castigado coa ignorancia, aparentemente. É como cando hai unha mancha na parede e che parece ver a Cristo. Este relato era o tal para iso. Nin digas que século é, non movas un dedo polo lector e mira despois o resultado. A veces funciona, porque ó final o que hai é xente falando e iso enténdese sen necesidade de nada mais. E a ultima frase funcionaría igual ou mellor.
Acusación particular
Penso que o fiscal debeu expoñer o caso en lugar de facer preguntas que semellan retoricas. En plan:
Considérase probado (ou a formula que sexa) que o acusado persegue ó demandante máis aló do período diurno, aparecéndose incluso en condicións de baixa luminosidade, etc
Se a sombra non vai responder sería mellor asi.
“O demandante tamén o acusa”
aquí trátase á sombra en masculino.
“alertados por un homicidio en presunta defensa propia.”
esto queda recargado: “alertados por un presunto homicidio”. o da defensa propia ya tal.
“Atoparon a porta da vivenda aberta, na que entraron despois dun par de chamadas infrutuosas”
se te chaman por un homicidio e a porta está aberta, non chamas. entras.
“Á esquerda, nunha saliña,”
é irrelevante que a saliña estivese á esquera ou á dereita. é dicir, sobra.
“…un coitelo cravado con xenreira sobre a súa sombra na moqueta.”
esta era a frase final boa: “…un coitelo cravado na moqueta”. con iso chegaba (e en literatura, cando algo chega é que é a mellor opcion). e desde logo o da xenreira sobra, quen xulga iso? como o sabe? é mais, que importa? é mellor que o lector se figure iso e non os policias ou o narrador.
Ambos relatos son orixinais e gratos de ler, foi un bo duelo. Voulle votar a Acusacion particular porque lle vexo mais potencial, a pesar de que é unha idea que tal como está plasmada necesita, na miña opinion, algo mais traballo. Está ben que o relato non se centre só no “chiste” de demandar á tua propia sombra, o importante é a historia que hai detrás.
Foi este un duelo moi entretido, e a verdade é que a foto pode dar lugar a moitas interpretacións.
Gústame como está escrita ‘N. N.’, pero teño a sensación de que é unha historia moi tópica. De primeiras faise algo confusa, e malia gustarme a ambientación e como está levada, fáltame un punto de orixinalidade que a faga máis interesante.
‘Acusación particular’ ten ese toque humorístico que xa che fai comezar cun sorriso. Desfrutei da lectura, pero si que o final nótase algo máis frouxo, coma se a autora non soubese ben que facer coa situación plantexada.
Nesta ocasión, o meu voto vai para ‘Acusación particular’.
Non resulta fácil nos torneos retratar un mundo do futuro. Canto máis se pon no centro da trama ese mundo e as súas regras, máis hai que estar atento ao que queda na cabeza cando escribes, o que das por sobreentendido e o que se poida mal interpretar. 500 palabras son o que son e recrear un mundo precisa de máis espazo. En NN aínda que o esencial enténdese ben, e é un punto que tirou da miña curiosidade: esa fascinación (perigosa) da adxunta López pola vida fóra da cúpula contada por unha muller rescatada do exterior, creo que (esa relación da adxunta-interna) quedou na historia demasiado oculto polo diálogo funcionarial e polo esforzo de situarnos no século XXIII sen acabar de centrarnos de todo. En Acusación Particular tamén o diálogo (de novo co ton seco do funcionariado, esta vez xudicial), creo que lle resta algo de calidez á brincadeira, que está guai e ten un final simpático. Os dous relatos teñen cousas que me gustan e cousas que non, principalmente como os diálogos comeron moito espazo e o narrador ocupa un final achicado… foi difícil dicidir pero vai o meu VOTO para NN.
que raio é o que sae na foto?
a fábrica de louza Álvarez en Vigo. A silueta máis que unha sombra é un contraluz, xa que iso que semella unha parede é un plástico semitransparente deses que están nas portas das zonas de almacenaxe, e a persoa da silueta está do outro lado.
Parabéns ás autoras deste duelo. Gocei moito coa lectura de ambos relatos e foi no que máis me custou decidir.
N. N.
Voulle levar a contraria a Lois porque a min si que me gustou esa clasificación entre personalidades indefinidas, confusas e errantes. Eu interpretei que as indefinidas estaban pendentes de decidir o seu tratamento, as confusas son as que se intentan reintegrar ou reaproveitar para o sistema e as errantes as que este desbota por completo.
Gustoume tamén que os detalles sobre o trasfondo sexan anotacións puntuais no diálogo dos personaxes, aínda que algún parece forzado, como que o doutor Beluso mencione o século, innecesario para situarnos no relato. Entre os delirios da vella, a mención á cúpula, á desvinculación coa terra, xa é suficiente. Se fose unha novela pediría máis definición do universo, pero para o relato xa me chega para darlle eu ao maxín.
A discusión entre Beluso e López podería resumirse un pouco, porque danlle voltas un pouco ao mesmo todo o tempo, que se hai que estudala porque é unha supervivinte, que se non se lle pode crer unha palabra do que di… pode verse o seu enfrontamento sen necesidade de repetirse tanto. Creo que as súas personalidades tamén están ben definidas a través do debate: el é un utilitarista interesado só na “paz social” que desbota o pasado por completo, ela movese pola curiosidade e polo afán de coñecer, estudar o diferente. Está ben que a discusión se corte despois dese “ad hominem” contra a doutra López, e como este nos leva ao final. O compromiso dela coa ciencia para min é incuestionable.
Acusación particular
Gústame deste relato especialmente o emprego do formato e as formas dun xuízo dialogado, e considero un acerto que non se inclúa en ningún momento a voz propia da sombra nin do denunciante, que falen os avogados e o fiscal a través deles. Con todo, estou con Lois en que o fiscal debería ter feito unha exposición dos feitos e non facer preguntas, porque senón perdemos precisamente iso.
A deriva das alegacións de ambas partes tamén me gustou, imos de cousas aparentemente triviais e absurdas ao problema de fondo, que é cousa máis seria do que parece. Está moi ben porque ten o toque xusto de humor para o drama que se nos revela ao final.
O cambio de ton neste final está ben, aínda que vexo os mesmos erros na narración dos feitos que xa sinalaron outros comentarios: é raro que os policías atopen a porta aberta se antes estiveron chamando sen resposta (onde chamaron entón, ao portal do edificio?). Sobra dicir que o presunto homicidio era “en defensa propia” porque iso é algo que ten que dilucidar a investigación dos feitos. O coitelo podía estar cravado con forza, pero dicir “con xenreira” é moito especular para un narrador que está simplemente a dar conta do que sucedeu.
Voto por “N. N.”
Unha fantástica foto que nos trouxo dous fantásticos relatos. Creo que este duelo é o máis igualado dunha xornada que me pareceu a máis homoxénea en calidade ata o de agora. Parabéns ás autoras.
De “N.N.” valoro sobre todo a caracterización desa distopía con ben pouco, e inda sobran os elementos xa citados polos compañeiros. Aquí só hai que soltar o mínimo para que un mesmo se vaia montando a película, nese aspecto o texto só precisa tesoira. O diálogo é moi natural e tamén caracteriza ben ás persoaxes, inda que se faga algo repetitivo cara o final (tesoira de novo). O final gustoume, un queda matinando en todo o que pode contar a paciente, e iso é un moi bo uso do falso protagonista.
“Acusación particular”, gústame que se arriscase co formato. Tamén me gusta o ton, entre surrealista, cómico e dramático. Poida que se teña que afinar un pouco o que conta cada un dos avogados en forma xurídica e que haxa que darlle un pequeno remeneo ao final coa tesoira tamén, pero a min a imaxe coa que se remata paréceme de final de torneo, un gran contraste.
Por unha chisca de nada o meu VOTO vai ir a: “Acusación particular”, creo que ao relelo me deixou máis pegada.
N. N. sinto que pertence a unha historia moito máis larga que quizá podería contarse un pouquiño extraendo algunhas partes da conversación que a meu parecer tampouco achegaban moito. Imaxineime a escena como o trailer dunha película, interesante.
Acusación popular escolleu a perspectiva perfecta para contar a fotografía. Algo marabilloso pero non enteiramente na fantasía. Gustoume moito como se desenvolve todo o relato ata o último parágrafo. Sinto que rompe co órden da narración. Se se introduciu esa parte coa función de pechar o relato non facia falta.
Desfrutei de por onde levaron os relatos ambas autoras pero a ficción en ambiente realista e o estilo de Acusación particulas merece meu voto.
Oxalá chamarme Wee pero son … Sigrid González*
Parabéns a ambos autores pola orixinalidade do traballo. Resultoume moi grato ler ambas historias. NN gústame, pero nalgún momento me resultou confuso e por esa razón, e polo humor e formato que emprega (que me enfoca máis) vou votar por acusación particular
Publico por Ana porque (de novo) ten problemas para entrar no blog:
En N.N. (por qué estas siglas?) a min tamén me gustou moito a clasificación das personalidades do
relato. Paréceme orixinal e case poética. Non é que o diálogo me sobre, pero tendo espacio
limitado creo que lle beneficiaría recortalo e afondar no discurso da interna. Ese final podería ter
dado máis de sí. Quizáis mostrando á doutora entrando na habitación e continuando a conversa
coa interna, unha descripción ben traballada desas praias… algo bonito. Que ó final o que
queremos moitas veces é ler cousas bonitas e neste relato sabemos que hai un bombón riquísimo
e non se nos deu.
Acusación particular mostra unha estructura que atrae a miña atención desde o inicio. Non sei se é
coherente coa realidade ou non as diferentes intervencións (máis aló de que a acusada sexa a
sombra dunha persoa) Despois de unha posta en escea impecable no xuízo… acaba cun párrafo
medio atrapallado. Sinto decilo así, pero así o vexo. Se es neutro sé neutro. "Con xenreira" sobra. E
porque chora o homicida? E porqué chaman á porta aberta os policías? Non sei se está no
protocolo chamar nun caso así pero bueno, se me homicidan espero que entren sen esperar como
os vampiros a que lles deixen entrar.
Voto por Acusación particular porque me gustou a exposición do xuízo.
N. N. é a abreviación latina de Nomen Nescio (nome descoñecido).