BiosBardia

O país dos libros en galego

Na procura de Andrei Voznesenski ( e III)

Fragmento da cuberta do n.º 21 de ‘Grial’.

Xesús González Gómez.

No 2021, Edicións Xerais deu ao prelo Diccionario da nova literatura galega, de Xesús Alonso Montero, en edición de Ramón Nicolás. O libro está feito a base dun inquérito realizado polo autor en 1969 ao que responden «86 voces». Ou sexa, 86 posíbeis escritores e escritoras galegos daquel ano. Entre as «voces» que responden está a de Micaela Misiego. Até que se publicou este libro, pouco se sabía, en Galicia, desta muller, á parte dos que a coñecían e/ou se interesaban polos seus escritos na revista Grial.

A partir das respostas que dá ao inquérito e mais unha carta enviada ao «enquisador», tiraremos algúns datos aos que engadiremos outros de «colleita propia».

Naceu en Barcelona, en 1925 (o 13 de xaneiro). É dicir, cumpriuse este ano o centenario do seu nacemento e, como é natural, pasou completamente desapercibido no noso país. Foi doutora pola Universidade de Barcelona, licenciatura en clásicos. A partir, máis ou menos, de 1963, está en Nova York, non o di, mais estaba nos EUA cunha bolsa Fulbright para facer o Master of Arts en anglosaxón, na Universidade citada cidade. Durante os cursos deste «master » parou no Douglas College de New Jersey, cando menos até a primavera ou verán do 1968. Foi neses anos que coñeceu aos Santamarina (Leonardo e Enrique), que a introduciron, segundo lle explica na carta enviada a Alonso Montero, e que se reproduce no devandito Diccionario…, «no mundo de Grial e de Piñeiro» –en última instancia, na cultura galega. Coñeceu a este último cando foi contratada «como agregada interina», na sección de inglés, pola Universidade de Santiago en 1968. Por este dicionario sábese que os escritores que máis influíron nela foron Joan Maragall e Thomas Wolfe, e os escritores galegos que máis lle interesaban (dos vivos aquel 1969) eran García-Sabell, Cunqueiro, Celso Emilio e Tovar.

Pola carta que lle envía a Alonso Montero, sábese que os seus primeiros escritos en Grial, enviados dende Nova York, os puxo en galego Ramón Piñeiro, logo decidiuse a escribir directamente no noso idioma, polo que, como di o autor do Diccionario…, nun escrito que publicou sobra a figura de M. Misiego en La Voz de Galicia o 15 de febreiro de 2022: «Estamos, como prosista en lingua galega, ante unha escritora alóglota (ou alófona, como se vén dicindo desde 1993).» E dende o punto de vista da autora, e dende un punto de vista máis xeral, pódese afirmar, con máis exactitude, que estamos perante unha escritora «extraterritorial», no sentido que lle dá a este adxectivo George Steiner en «Extraterritorial» (George Steiner, Extraterritorial. Ensayos sobre literatura y la revolución lingüística, Barcelona, Barral Editores, 1972, p. 15-24), e non no sentido que lle dá algún profesorciño despistado que inclúe como escritores e escritoras extraterritoriais a xente nacida en Galicia, que escribe en galego mais vive, por exemplo, en Botsuana: é non entender nada. Ou, aínda peor, no sentido que lle daba Rof Carballo no prólogo que lle puxo a Obra en Galego I, de Euxenio Montes (Barcelona, Ediciones Sotelo Blanco, 1984), que definía o ourensán como escritor «extraterritorial»!! Non obstante, quédanos unha dúbida: en que momento se decide Micaela Misiego a escribir en galego? Tendo en conta que a profesora catalá debeu chegar a Compostela a finais de setembro ou inicios de outubro de 1968, cando foi contratada, como dixemos, pola Universidade, calculamos que o primeiro escrito que redactou en galego (e, supomos, corrixido por Ramón Piñeiro) foi: «A voce vibrante de Andre Voznessenki», publicado, como se dixo, no número 23 de Grial (xaneiro-marxo, 1969). Antes publicara exactamente catro escritos: «Thomas Wolfe, poeta da soidade», nº 19 (xaneiro-marzo 1968), sobre este escrito volveremos; «Ormr i agua», nº 20 (Abril xuño 1968); «Isledinga Sögur, nº 21 (xullo-setembro 1968) e «A nova poesía. Allen Ginsberg ou a rebelión», nº 22 (outono-decembro 1968). Os tres primeiros enviounos a autora dende Nova Jersey, o cuarto está datado en Compostela. De aí que coidemos que é a partir do quinto escrito seu publicado en Grial que se decidiu a redactalos no noso idioma. Mais todo isto, claro, son suposicións ou pseudo-hipóteses.

Os catro escritos restantes publicados en Grial (ou sete, se contabilizamos como catro o seu longo traballo «As orixes vikingas do príncipe Hamlet», publicado en catro entregas, como fai Ramón Nicolás nunha a rodapé), están asinados catro en Compostela, contabilizando dúas entregas de «As orixes vikingas…», e tres en New Brunswick», novo lugar de traballo de Micaela Misiego: é dicir, só estivo en curso en Compostela. Motivos?: eilos:

Boletín Oficial do Estado, n.º 238, catro de outubro de 1969, p. 1561

Que Micaela Misiego non puidese continuar na Universidade de Santiago, quizais foi o que impediu realizar isto do que daba noticia a revista Chan, no número 6, datado o 1 de maio de 1969:

Segundo Chan, Luís-García Pardo fixo un donativo de 30.000 ptas. Segundo a Memoria 1976-1970, de Casa Galicia. Unidad Gallega, de Nova York, a cantidade foi outra. Baixo o titular «Biblioteca de Estudios Celtas para la Universidad de Nueva York», que reproduce a noticia sobre o feito que deu El Progreso o 12 de abril de 1969 (de onde tirou a noticia Chan), aparece tamén unha foto, cuxo pé di o seguinte (non traducimos): «Aparecen en la foto, en Abril, 1969, el Profesor Luís García-Pardo (derecha) entregando 500.000 dólares [as cursivas son nosas, XGG] al Profesor Enrique Santamarina (centro) para la compra de libros que se necesitaron para organizar un Seminario de Estudios Celtas, obra patrocinada por Casa Galicia. A la izquierda, el Sr. Emilio Flórez, Presidente de la Sociedad.» Acho que o redactor do pé da foto se equivocou: 500.000 dólares, en 1969, era algo así como 30 millóns de pesetas. Tendo en conta que aquel ano un xornal en España custaba 5 ptas. e hoxe adoita custar 2 euros, ou que o salario mínimo era 3.060 ptas (18,44€), boten vostedes contas. Finalmente, o Centro, ao non ser que me equivoque, pero moito me temo que non, nunca se creou.

[Un, amante das ucronías, imaxina o que puido ser a Universidade de Santiago se nela quedasen catedrática/os e profesora/es que exerceron nun tempo nesa universidade. Só tres nomes: Micaela Misiego (en estudos ingleses, e, ademais, a súa integración case que total na literatura galega), Carlos París –que pasou por Galicia coma un turista, malia casar dunha filla de Fermín Bouza-Brey–, sería un avance para a creación (sic) de filósofos galegos? Cabe lembrarmos que, en 1961, a Editorial Guadarrama publicou Introducción al pensamiento marxista, libro preparado por París e que contén unha serie de leccións ou conferencias dadas na Universidade de Santiago, na súa cátedra. O libro está composto de escritos do propio París, Carlos Alonso del Real, Lucas Verdú, José Luis Estévez, José Guerra Campos e o tenebroso Luis Legaz Lacambra. Non obstante, e curioso ler o que di este último, ou o futuro Monseñor Guerra Campos, ou Alonso del Real, etc. Unha curiosidade, que un non sabe se tomala a serio cando ve o libro nos estantes da súa biblioteca, botarse a rir ou a chorar. E, finalmente, Juan José Carreras Ares, se no canto de se ir a Zaragoza ficase en Compostela: co seu maxisterio, o estudo da historia de Galicia sería outro. Os traballos de Carreras Ares son de lectura obrigada, penso eu. Recomendamos encarecidamente, se o poden atopar: «Marx y Engels (1843-1846): el problema de la Revolución», publicado en Hispania. Revista española de historia, nº 108, 1968, p. 56-154. Non está incluído no seu libro Lecciones sobre historia, mais poden ler os traballos que integran este libro, que é moi recomendábel, e, ademais, está colgado na rede (https://ifc.dpz.es/recursos/publicaciones/35/73/_ebook.pdf).]

O afastamento de Galicia fixo que Micaela Misiego, despois de rematar o seu estudo sobre as orixes vikingas de Hamlet e entregar unha antoloxía de voces pretas, no nº 38 de Grial (outubro-decembro 1972), se esquecese completamente (?) de Galicia e dedicase os seus esforzos tanto a traducir do castelán ao español como ao movemento catalanista-independentista: a súa irmá, Roser Misiego, Presidenta do Casal Catalá de Amsterdam, organizadora dos Jocs florals de 1974 (que se realizaron, ate 1977, sempre no exilio, cada ano nunha localidade distinta, de Latinoamérica ou de Europa), en cuxa comisión organizadora estaba tamén a súa Micaela. Micaela Misiego dirixiu durante un tempo Catalonia Today, do American Institute for Catalan Studies, de Spring (Texas). Nas Actes del segon col·loqui d’Estudis Catalans a Nord-amèrica (Barcelona, Publicacións de l’Abadia de Montserrat, 1982, p. 389-403, apareceu o seu escrito: «Maria Aurèlia Capmany: un feminisme “diferent”», este citado por Ramón Nicolás.

A «bibliografía» de Micaela Misiego non é moi ampla. En 1970 publicou o seu libro máis importante, por non afirmar que o único: Los orígenes de la civilización anglosajona (Barcelona, Editorial Ariel, 1970): é o libro que na carta enviada a Alonso Montero ela esperaba que saíra en maio de 1969 publicado pola Editorial Labor.

En Vida Nova. Revue trimestrielle occitane e catalane, publicada en Montpellier (Montpeller en occitano e catalán), no número 35, de 1966, publicou o artigo: «Amistat catalano-provençal».

En 1969, na revista El pont, creada en 1952 por Miquel Arimany, no número, 35 (1969), parece o seu artigo:«Lawrence Durrell el seu Quartet d’Alexandria».

Na citada Memoria de 1969-1970, de Casa Galicia. Unidad Gallega, de Nova York, a carón de artigos de X. M. Beiras, Salvador Lorenzana, Ramón Piñeiro, Enrique Santamarina, Emilio González López, José Luís Fontela, Salvador García-Bodaño, etc., e dos poemas de Uxío Novoneyra (así asinaba aqueles anos) e Manuel María: «Letanía galega» e «Leución de Precéutica poética galega», respectivamente, aparecía o artigo de Micaela Misiego «Muiños de vento». Artigo reproducido anos despois en «Táboa redonda», de El Progreso: 24 de xullo de 1977. Por certo, Fole, asinando como Neumandro, ocupouse en dúas ocasión de escritos de Micaela Misiego: «Las sagas islandesas» (27 de outubro de 1968), artigo que, segundo o seu autor, segue ao pé da letra o traballo «Isledina Sögur», publicado en Grial (nº 21, abril-xuño 1968), e «El gallego sale al foro» (20 de abril de 1969), en cuxa segunda parte fala do traballo dedicado a Voznesenski.

En 1971, en Eidos. Revista de ideas contemporáneas, nun número dedicado ao realismo, publicou o escrito: «Existencialismo y protesta en la novela inglesa contemporánea».

Tamén foi tradutora, ao castelán, de Nathaniel Hawthorne: A letra escarlata (Ed. Narcea); de Stephan Crane: Rojo emblema del valor (Ed. Narcea, tradución recuperada por Ediciones Anaya), e Aprende astrología, de Marion D. Marc & Joan Mcevers (Martínez Roca). E dúas edicións presentadas e comentadas por ela: Jane Austen: Orgullo y prejuicio (Iter, 1970) e, sobre todo, Ward Ryuslinck: Al margen de la vida (Narcea, 1976). Ryuslink é un escritor belga de expresión flamenca, e a esta novela, traducida por Roser Misiego, a nosa autora ponlle un prólogo de 102 páxinas que é algo así como unha historia da narrativa belga de expresión flamenca.

E, finalmente, aí vai a relación de todos os seus traballos  aparecidos en Grial (non sei por que tanto Ramón Nicolás, nas notas que lle puxo ao citado Dicionario da nova…, como Alonso Montero, no devandito artigo que lle dedicou a M. Misiego en La Voz, falan, no canto de traballos, de artigos –cando algún deses «artigos» está dividido en catro entregas que, axuntadas, darían un máis que respectábel libriño:

1968: «Thomas Wolfe, poeta da soidade», nº 19, xaneiro-marzo; «Ormr i auga», nº 20, abril-xuño; «Islendina Sögur», nº 21, xullo-setembro.; «A nova poesía. Allen Ginsberg», nº 22, outubro-decembro.

1969: «A voce vibrante de Andrei Voznessenki», nº 23, xaneiro-marzo; «Encol da moderna novela psicolóxica», nº 25, xullo-setembro; «Carta aberta»[1], nº 26,outubro-decembro.

1970: «As orixes vikingas do príncipe Hamlet», nº 27, xaneiro-marzo; «As orixes vikingas do príncipe Hamlet», nº 29, xullo-setembro.

1971: «As orixes vikingas do príncipe Hamlet», nº 32, abril-xuño; «As orixes vikingas do príncipe Hamlet», nº 34, outubro-decembro.

1972: «Voces pretas. Antoloxía breve», nº 38, outubro decembro.

E volvemos ao eido persoal, meu. Cando lin o escrito dedicado ao escritor estadounidense Thomas Wolfe, evidentemente non tiña nin idea de quen era este escritor. Tempo despois, xa afianzada a miña amizade con Basilio Losada (que, como dixen xa, fornecíame de libros), pregunteille se coñecía ou tiña el algún libro de Thomas Wolfe. A resposta foi positiva: na editorial en que el facía as veces de director literario, Luis de Caralt Editor, tiñan no seu catálogo un libro deste autor: Algo tengo que deciros, que me regalou (o libro, dous relatos, fora publicado por Luís de Caralt en 1964; tardouse anos en volver editarse un libro de Thomas Wolfe –non confundir con Tom Wolfe– en España: en 1983 Bruguera publicou El ángel que nos mira e en 1985 Montesinos Del tiempo y el río –as súas máis extensas novelas– e, ultimamente, a cacereña Editorial Periférica está a editar textos máis curtos del pero non por iso menos interesantes. (Ademais, as grandes novelas de Wolfe, que están no mercado español, hai que lelas con moita calma.) Lin, xa que logo, ese libro de Wolfe, alá polo 1970 ou 1971, polo que escribira sobre o autor Micaela Misiego, que debía de ser das poucas persoas que naquel afastado 1968 sabía na Península Ibérica quen era este escritor estadounidense. Debo dicir que o relato que dá título ao libro (relato ou novela curta, escollan vostedes) deixoume apampado. Anos despois souben que por este relato (antinazi, antifascista) os nazis prohibiran as súas obras en Alemaña. [Eu recomendaría, a quen queira entrar nas grandes novelas –e non só de tamaño– deste autor, as citadas Del tiempo y el río e El ángel que nos mira, que antes lese o traballo da de M. Misiego: é algo máis que unha introdución a este escritor estadounidense.]

E agora si acabamos. Na rede dei co título dun escrito de Micaela Misiego: «La Soledad integral en la obra de Thomas Wolfe», Casa de la Literatura Peruana Koha, pero non puiden abrilo. Supoño, última suposición por hoxe, que debe ser unha tradución do traballo publicado en Grial 19, corrixido e talvez aumentado.

Mais nada. Vaian todas estas liñas en homenaxe a unha escritora que deu máis a Galicia que á súa propia nación. Unha escritora completamente esquecida entre nós e que a min me descubriu dous grandes escritores[2].

[1] Na anterior entrega desta serie afirmaba que non contabamos en galego cunha antoloxía de poesía rusa. Equivoqueime. Unha man amiga, o poeta Miro Villar, faime chegar unha Antoloxía de poesía rusa. De Pushkin a Evtushenko, en tradución de Lourenzo Maroño e Elena Sherevera, publicada hai anos en papel e actualmente colgada na rede. Pido desculpas tanto aos tradutores e como aos editoresaos editores (Asociación de Tradutores Galegos – ATG)

[2] Polo ton da carta, dá a impresión de que está dirixida a alumnos seus da Universidade de Santiago; non sei por que (algo que debe estar gravado no meu subsconciente), pero penso que Vicente Araguas, ou o semi-desaparecido Emilio R. Gregorio Fernández podían darnos noticias sobre o tema.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *