BiosBardia

O país dos libros en galego

Na procura de Andrei Voznesenski (I)

Tàpies e Yevtushenko, en ‘Destino’, n.º 1554, 20 de maio do 1967.

Xesús González Gómez.

No meu diario de lecturas do ano 2010, na anotación do 11 de xuño dese ano, consignei o seguinte: «Venres. Estou a ducharme e, non sei como, decátome de que neste diario non consignei o pasamento de Andrei Voznesenski, un gran poeta que nunca tivo moita publicidade. O curioso é que os galegos debemos ser dos primeiros, senón os primeiros, que no Estado español contamos con algunhas traducións súas e un pequeno ensaio sobre a súa obra. Publicouse no n.º 23 de Grial, xaneiro-marzo do 1969, e asinábao Micaela Misiego, unha catalá que estivera en Galicia e despois marchou aos EAU. Escribiu dabondo durante anos en Grial, publicou un libro en Ariel e logo, cando menos para min, desapareceu. Vina unha vez, estaba eu con Basilio Losada no Centro Galego e apareceu ela cunha amiga. Estivemos falando e tomando unhas bebidas. Debeu de ser polo 1971, porque agora recordo que falou moi mal do defunto Constantino García, do que non se fiaba un pelo.

»Voznesenki era un gran poeta e naquel tempo, os anos 60 sobre todo, foi “eclipsado” por un poeta de segunda categoría como Yestushenko. Do primeiro teño dúas antoloxías que un días destes prometo reler, unha, moi pequena –o primeiro que lin del despois do traballo da Misiego publicado en Grial– en portugués. Anos despois, encontrei unha moito máis ampla en francés. Tamén debo mirar nos meus arquivos, mais creo recordar que na “Táboa redonda” de El Progreso publicara un poema seu traducido da versión francesa».

Unha curiosidade, debida ao deus do azar, é que ese mesmo ano en que morreu o poeta ruso (nacido en 1933), morría a súa estudosa e tradutora ao galego Micaela Misiego (nacida en 1925). Hoxe, a conmemorar o quince cabodano de ambos, queremos falar un pouco dos dous. (Cando isto se publique xa será case que o dezaseis.)

Empecemos polo poeta. Voznesenki, como anotei no meu dietario de lecturas do 2010, tivo como «contrincante», por así chamalo, poético a Yevtushenko, que foi traducido ao español e ao catalán moi cedo: Entre la ciudad si y la ciudad no, publicado en 1968 na colección Alianza de Bolsillo, en tradución de Jesús López Pacheco e Natalia Ivanova, que se vendeu como churros –esta antoloxía do poeta ruso, aparecera no 1963, co título No he nacido tarde, na madrileña Editorial del Horizonte; esta editorial, cuxo director literario era Jesús López Pacheco, e da que Alianza recuperara Poemas e canciones, de Bertold Brecht, debeu publicar estes dous libros e un terceiro, El ojo de la aguja, de Ottiero Ottieri. En México, as Ediciones Era (fundada por exiliados españois: Neus Expresate e os seus irmáns, un deles, por certo, casado cunha filla do fotógrafo, pintor, cartelista, etc., Josep Renau), en 1966, deron ao prelo a Autobiografía precoz, do poeta ruso, en tradución de Pedro Durán Gil, tradución á que lle engadiron oito poemas. E o ano seguinte, en catalán, na editorial Edicións de Materials (pechada en 1969, polo camarada, no sentido falanxista da palabra, Manuel Fraga Iribarne, aproveitando que o Sil pasa pola Rúa de Valdeorras, é dicir, aproveitando o decreto de estado de excepción dentro do estado de excepción permanente que era o Estado español baixo á éxida de Franco), dicía, en Edicións de Materials en 1967 aparecía Autobiografia precoç, do poeta ruso, en tradución de Helena Vidal (filla de Augusto Vidal, gran tradutor de Dostoiesvki e outros escritores rusos, exiliado á URSS, onde naceu a súa filla Helena). O libro engadía un estudo sobre Ievtuixenko (léase en galego Ievtuxenko), tal como Helena Vidal transcribía o nome do cirílico ao catalán, de Josep Maria Castellet. O escrito de Castellet, «Evtuixenko, un nét de la revolució», está recollido no seu libro Qüestions de literatura, política i societat (Barcelona, Edicions 62, 1975, p. 57-69). Deste libro existe tradución castelá: Literatura, ideología y política, (Barcelona, Editorial Anagrama,1976). De Yestushenko, a barcelonesa Ediciones 29-Libros Río Nuevo, publicou tres volumes de poemas que configuran a obra completa do poeta até 1965: Escuchadme ciudadanos (1977), Tres minutos de verdad (1977) e Soy un hombre (1978), traducidos por Josep María Güell, experto tradutor do ruso tanto ao castelán como ao catalán. En 1984, a Editorial Planeta deu ao prelo á súa novela, máis ben frouxiña tirando a mediocre, Siberia, tierra de bayas.

En realidade, este poeta ruso foi, na Península Ibérica, fulgor dun día, pero foi coñecido, e mesmo visitou España en diversas ocasións: en 1967, ano en que Fraga lle prohibiu o recital que quería dar en Madrid. A xustificación da prohibición deuna a revista de literatura oficial do réxime: La estafeta literaria, no nº 375, correspondente ao 29 de xullo do devandito ano. (Carlos Castilla del Pino, no primeiro tomo das súas memorias, Pretérito imperfecto –Barcelona, Ed. Tusquets, 1977–, defínea da seguinte maneira: ««una revista literaria, fascista de la primeira a la última página, y de una virulenta agresividad», p. 484.)  Velaí o que afirmaba a tal revista; do longo –editorial– tiramos só este parágrafo:

«El turista Eugenio (sic) Evtuchenko trabó relaciones con la empresa del teatro de la Zarzuela. Dando recitales sobre la base de algunos cientos de pesetas por butaca, podría obtener una considerable renta, como autor y actor. Careciendo de permiso de trabajo o de cartilla laboral, habría resultado sumamente escandaloso y elementalmente ilegal. Así es que Evtuchenko, turista, sin tener derecho a trabajar en España, obtuvo el local y la audiencia de los capuchinos de Barcelona, ignoramos en que condiciones económicas. Es de suponer que gratis, dado lo que José Ángel Valente dice.»

E remata a editorial con esta apoteótica frase: «Estos detalles son esenciales para la hoja de servicios prestados por Eugenio (sic) Evtuchenko a la URSS».

[Todo o parágrafo reproducido é un disparate: para dar os recitais o poeta tiña que alugar o local, cos seus empregados, poñer un prezo de venda de entradas, etc. Se ao final, non enchía o local, a ruína era total. E o do permiso de traballo ou cartilla laboral para dar un recital un poeta… en fin, había xusto un ano que The Beatles actuaran en España: dubido que tivesen permiso de traballo ou cartilla laboral.]

Os responsábeis da revista, ao tempo da longa editorial sobre Evtuchenko, querendo desmentir ao poeta ruso, que acusaba de censura ao goberno español, traduce un longo poema do ruso sobre unha corrida de touros. Logo da editorial, a un gustaríalle saber se os responsábeis de La estafeta literaria –lembremos que foi fundado polo noso vello coñecido Juan Aparicio– pediron permiso ao poeta para publicar o poema e, de paso, lle pagaron pola publicación, que enche diversas páxinas de tan ínclita revista.

O poeta ruso, finalmente, como xa o din na editorial de La Estafeta…, deu un recital, o 12 de maio de 1967, no famoso convento dos Capuchinos de Sarrià, onde o ano anterior (do 9 ao 11 de marzo) se encerraran diversas personalidades do mundo literario, artístico, etc. catalán co gallo dunha asemblea do Sindicato Democrático de Estudantes da Universidade de Barcelona, sindicato evidentemente, ilegal. Os poemas foron traducidos ao catalán e ao castelán, oficiando de recitadores José Agustín Goytisolo para o castelán e Francesc Vallverdú para o catalán.

E que dicía José Angel Valente, que é constante cita ao apoio da editorial de La Estafeta…, de retórica (in)voluntariamente franco-fascista?

Pois Valente non di nada, e sentímolo afirmar, que non asinase un franco-fascista. Publicou o ourensán o seu escrito, «Un fantasmón recorre Europa», na revista Insula, nº 247, xuño de 1967 (recollido en José Ángel Valente, Prosas y ensayos. Obras completas II, Barcelona, Galaxia Gutenberg, 2008, p. 1149-1151, edición de Andrés Sánchez Robayna, recopilación e introducción, Claudio Rodríguez Fer). O «fantasmón», evidentemente, era o poeta ruso, que paseaba por Europa «en calidad de portavoz itinerante de una rebeldía paraoficial y semiuniformada». Comparaba os seus «recitais» aos espectáculos de Billy Graham, «predicador de monserga y estado», e mostraba o seu cabreo porque nun festival de poesía celebrado en Spoleto, o ruso dixo que participaría aínda que tamén participase nese mesmo festival un poeta fascista como Ezra Pound[1]. Que era fascista sábese, aínda que xa case ninguén quere lembrarse das súas palestras na radio a favor de Mussolini, nin algúns dos seus cantos (que deitan por todas as partes ideoloxía fascista), nin que, unha vez liberado e de regreso a Italia, ao chegar a este país saudou aos que o esperaban co brazo en alto, é dicir, co saúdo fascista. [Banalizando o fascismo dos grandes (Cioran, Eliade, Heidegger, etc., ou a súa ideoloxía ultradereitista e racista, Céline, Drieu La Rochelle, e Jünger, etc. acaba por chegarse á situación en que está o mundo actualmente.] Mesmo Valente se permite unhas frases, a modo de «exordio», que tamén asinaría calquera «relumbrón» do xornalismo franquista: «El rapsoda ha visitado en fecha reciente la península; tal vez eso nos autorice a hablar de él sin herir en exceso los reflejos tradicionales de la izquierda histórica.» Frase que, no fondo, mostra un desprezo sublime cara á esa esquerda histórica que na Península (é dicir, España & Portugal) estaba caladiña, non erguía a voz e se a erguía xa sabía onde ía parar: á comisaría, ao cuartelillo ou á cadea, pasando antes por un repaso xeral do seu corpo. Si, os franquistas podían escribir esa frase –léanse, e se os atopan, os libros de «Formación del Espíritu Nacional» de quinto e sexto do bacharelato. Ou, se prefiren, e o atopan, porque o libro xa cumpriu máis de cincuenta anos, boten unha ollada a Crítica del discurso literario, de Luis Núñez Ladeveze (Madrid, Cuaderno para el Diálogo, 1974), onde este señor, militante do Opus Dei, despois director de cursiños para militantes do PP e cousas polo estilo, daba leccións de marxismo a L. Sebbag, a G. Luckàcs, a Valeriano Bozal, a Lucien Goldmann, a G. Della Volpe e a calquera que se lle puxese por diante. En fin, o mellor é que lean vostedes o escrito de Valente, que nunca trata de poeta ao ruso, senón de rapsoda. O único que talvez non asinase un «relumbrón» franquista é isto que Valente afirma: «Su imagen de rebelde divo era, en efecto, la de un Zorrilla tardío. Consolador perfil de un rapsoda ruso con vivificantes y secretas raíces en una Valladolid sempiterna». O franco-fascista citaría outro poeta (un «roxo menor» e unha cidade periférica, non castelá). Curiosamente (?), neste volume das súas obras completas recóllese o texto  con que o poeta galego presentou a Poesía completa, de Camilo José Cela. Evidentemente, lido o escrito de Valente, Cela era un poeta, un bo poeta. Pode ser, pero se Yevtushenko era un poeta mediocre (segundo a miña opinión), Cela aínda o é máis (tamén segundo o meu parecer).

Case vinte anos despois, como Athos, Porthos, Aramis e D’Artagnan, volveu para dar un recital, que finalmente non se realizou. E no 2016, a once meses do seu pasamento, da man de Joan Margarit, que fixo as veces de presentador-introdutor, deu un recital na Sala Nobre da Pedrera (o coñecido edificio, cuxo arquitecto foi Gaudí, da rúa de Provença de Barcelona, dende hai anos pasto de turistas; como curiosidade, engadamos que nesta sala, durante uns anos, estivo instalado un bingo, cuxo propietario sería despois coñecido como editor galego). Non foi moita xente, e os asistentes ao acto (contando ao que escribe que aturou 20 minutos), sumaban entre eles e elas tantos anos como o planeta Terra.

 

[1] Moitos poetas que se denominan de esquerdas, á parte de considerar a Pound un grande poeta, que quizais o sexa, fanlle homenaxes. Haberá que lembrar que o grupo neo-fascista máis importante de Italia se denomina «Casa Pound»? Por outra parte, esta é a verdadeira homenaxe que lle gustaría ao poeta estadounidense, e coa que gozaría.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *