‘Nación’ vs ‘A revelación’
Xornada 5 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre David Botana e Ana Vigo.
Traba: Microrrelato de 100 palabras.
Nación
Parar? Traballei desque nena, foi o único que aprendín. Agora doe e non vai doer, máis doerá esperar a morte. Non, este ano hai patacas, e ben sei que igual son as últimas. Mire, estes ganchos retortos inda apertan, ou? Usted ten as mans tan folgadas coma o mirar. Mandou parar a súa nai? Deixeme, doutor. Eu teño moito polo que mirar. A netiña casou mal, pero trouxo un anxiño á casa. Chamáronlle coma o meu defunto Lois, sabe? Pero el si que me ve. Cólleme as mans. E eu só penso nas patacas que me quedan por botar.
A revelación
Helena non pode agardar o momento no que lles revele aos compañeiros o seu segredo. Decidiu facelo hoxe, no descanso para a comida. Séntese ilusionada, nunca se animara a compartilo con ninguén. Cando o faga e quite este peso de enriba todo mellorará, poderá por fin ser ela mesma.
Está tan entusiasmada pensando as palabras exactas para a revelación que non ve vacilar o soporte da maquinaria, que acaba por ceder. O seu corpo esmagado xa non será quen de contar este nin outro segredo.
Nación
O discurso da vella é moi natural. Se cadra un pouco mais longo do que un poderia esperar porque a divagacion movese cara lugares algo místicos ó final, non se sabe ben por que menciona á neta. Non digo que non estea ben fiado, pero queda raro ir ata aló para volver ó das patacas. É a reviravolta típica das trabas, que neste caso se entende para enlazar cos relatos anteriores (é doado situarse).
Volvendo ó discurso, é tan tipico daquí como para que chamarlle nación ó relato teña todo o sentido do mundo. Morrer traballando, non parar, non facerlle caso ó médico, cantas veces fomos testemuñas disto. Non creo que isto pase só aquí, pero esa é outra cuestión.
A mencion a que lle colle as mans semella que quere dicir máis do que eu saquei. Ou talvez non. Pode ser que ela estea apurando para morrer, que o que a impulse sexa mais iso que o de botar patacas para a neta. Unha nacion de xente que quere morrer, que corre cara a morte.
A revelación
A idea dunha personaxe que quere desvelarlle un segredo ó lector pero o autor llo impide ata o punto de ter que matala é moi atractiva. Falo de revelarlle o segredo ó lector porque no fondo a persoa que mais ansia coñecer ese segredo… somos. Por desgraza non é iso o que sucede neste relato. Non sinto a curiosidade necesaria por saber que lle vai contar Helena ós compis no descanso. Dame a sensacion de que lle sobra concrecion a este relato. Dame a sensacion de que as 100 palabras se lle fixeron moitas.
A morte da prota ó final non conseguiu remexerme nada. Non logro superar un basico “morrer é malo”. Revelar algo no descanso do traballo non da para moito, quero dicir… se helena revela que a abduciron uns extraterrestes, ou que ten poderes mutantes… joder, despois diso tes que volver ó choio? ese tipo de cousas revelanse despois do traballo, ou fas un streaming e disllo a todo o mundo. Non sei, sabeme todo a pouco. Se elimanos o segunda paragrafo a diferencia sería ben pouca. Que remate o relato antes do descanso ou que Helena morra a nós case nos da igual. Ata case era mellor que souberamos o segredo, asi o final teria unha consecuencia.
ainda que ningun dos dous me convenceu, voto por Nacion, que logrou crear un escenario, un ambiente mellor definido que o do relato rival.
Ola, outra vez.
Este duelo está moi igualado. Un dos relatos prima a personaxe sobre un posible xiro final e outro aplica unha estrutura de microrrelato máis identificable.
O meu voto vai para A revelación.
Son dous relatos moi diferentes. Ningún dos dous considero que estea afinado de todo.
Nación
Ten unha estrutura máis propia dun poema en prosa ca dun microrrelato. O leit motiv das patacas conecta ben co das mans. Non estou de acordo en que calquera lastre que conteña estea relacionado coas trabas; en todo o caso está relacionado cun macrotexto que o autor decidiu libremente acometer neste torneo. E si penso que contén lastres (eses conectores que afastan a atención da tensión do relato). Esa nebulosa, ese retrinco, ese instante, esa fotografía, acáenlle ben a un poema ou incluso a un relato, pero o microrrelato necesita certa enxeñaría, certa precisión que aquí non a atopo.
A revelación
Este é un relato que precisa axustar o esquema, pero o esquema teno. Hai unha presentación, un nó e un desenlace. Coido que iso que comenta Lois, e ten razón, sobre os tempos do relato, é doado de corrixir mudando o tempo verbal. A historia gañaría en pretérito imperfecto. Non estou de acordo co Lois en que se o segredo é tan importante é absurdo esperar ao descanso. Primeiro porque nunha fábrica un non para cando quere, segundo porque en ningún momento se nos indica que logo dese descanso Helena vai volver ao traballo, pero si necesita que os seus compañeiros estean libres para escoitala. E terceiro, ocórrenseme un cento de situacións nas que alguén pode facer unha revelación importante que non supoña deixar o traballo. Hai pouco vin na tele a noticia dun grupo de traballadores aos que lles tocara algunha lotaría (non recordo cal). A rapaza encargada de selar o boleto premiado fixo exactamente iso, esperou paciente todo o día até o final da xornada para contarlles aos compañeiros que se fixeran ricos.
Voto por ‘A revelación’.
ok, comproche a conexion final entre as mans e as patacas. Non dixen que o relato estivera lastrado polas trabas. Referiame precisamente ó que ti sinalas, a que o feito de relacionarse cos anteriores ten unha mecanica similar á das trabas, a veces fluen ben e outras semella un algo que se engadiu ó relato non se sabe por que. Neste caso queria dicir iso (non o dixen moi claramente), que o feito de conectarse cos relatos anteriores -explicitamente, en realidade non debia facer falta mais que o relato limpo e nós saber que se conecta, sen axudas nin pistas- ten ese tacto de gran sobre unha superficie pulida.
sobre o relato rival, supoño que cada un ten unha forma diferente de imaxinar como xestionaria el unha revelacion. Eu non son de xuntar á xente e anunciar cousas (se vos digo como lle dixen a meus pais que ían ser avós entenderiadelo perfectamente), entón suponme un pequeno esforzo meterme na cabeza da protagonista cando sei tan pouco dela e nada da revelacion en si. Ademais, ti mesmo o acabas de dicir: a rapaza do teu exemplo esperou pacientemente ó final da xornada, non o dixo no descanso.
Non sabemos se tivo descanso 🙂
Boas e perdón polo atraso.
Creo que “Nación” pon demasiados fíos enriba da mesa que non consigue trenzar ben para dar oresultado que merece.
“A revelación” é moito máis simple neste sentido, pero a finalización resulta excesivamente simple, ao meu parecer.
Por iso prefiro dar o meu voto a “Nación”
Este comentario é de Carlos Vega:
Non me repito, unha das trabas máis produtivas da Liga¡
O ton de Nación está ben logrado. Serve tanto á personaxe como ao autor e mostra con verosimilitude unha figura que é ben identificable. Traballa cun lugar común da nosa memoria e iso é parte do bo resultado. Ao final chega a tirar polo espiritual e quizais perde algo de forza, pero casa ben co título.
A revelación creo que pode dar para un metaxogo ben potente. Que o autor decida liquidar á personaxe é unha idea que me chama a atención. Loitar contra a forza do relato. Parece que o relato sempre sirve aos protagonistas e gustaríame ler un caso así, no que o relato se bote a eles. Poren, creo que non logra sacarlle todo o xugo a un tropo tan interesante. O acercamento ao segredo é descafeinado, igual que a morte da protagonista. Quizais, cun xiro de torca, puidese chegar a ser algo máis interesante.
O meu voto vai por Nación.