‘Nalgún recuncho do planeta Arret’ vs ‘Noite de espectáculo’
No grupo B publicamos unicamente o relato de Lómeron ao redor do tema ‘Maternidade/Paternidade’. Susi Ons non se presentou a esta derradeira xornada.
ACTUALIZACIÓN DO 8 DE NOVEMBRO: Logo de comprobarmos que Susi Ons non puido presentar o seu relato a tempo por mor dun fallo técnico, a organización, en acordo con Lómeron, decide abrir o duelo novamente aos dous contendentes en condicións normais. A única salvidade é que os compañeiros e compañeiras coñecen xa o nome de cada autor. Esperamos que esta circunstancia non modifique as súas valoracións. Pedimos desculpas polo incomodo a todos os duelistas.
Nalgún recuncho do planeta Arret
ca unha moda de adiñeirados aburridos de xogar ás cartas no salón. Non coñezo nin un só home dos que se ocupan da súa casa como é debido que sexa machista. En que cabeza cabe que un varón poida levar a responsabilidade de xulgar nun tribunal, de pilotar un avión ou de practicar unha operación cirúrxica? Poñeríanse vostedes nesas mans simples manexadas por unha cachola que apenas controla os seus instintos máis primarios? Está demostrado que o sexo mentalmente feble é intelectualmente inferior á muller, aí está como proba que dende que se teñen rexistros o rendemento escolar dos nenos é peor có das nenas. O sitio do home é o fogar: coidar das fillas, cociñar, ter o xardín curioso e facer a compra cos cartos medidos pola súa dona. Que se deixen de lerias de seren avogados, doutores e enxeñeiros! Como moito que mentres estean solteiros fagan de peóns, camareiros e enfermeiros, traballos moito máis axeitados ás súas capacidades. E que dicir dos que saen polas noites? Logo se molestan se os chaman prostitutos ou se lles ocorre algunha contrariedade. Que fai un home por aí bebendo copas ás doce da noite? É un feito comprobado que os varóns aturan moi mal o alcohol, que se volven violentos e promiscuos. E o perigo que son ao volante? Vaian preguntar a calquera aseguradora cantos accidentes sofren os varóns. O problema xa non é que se maten eles, senón a cantas que circulan con total corrección levan por diante. Ás veces pregúntome se as mulleres de ben non estamos cedendo máis da conta, onde nos leva tanta permisividade e tanta concesión. Nin sequera teño claro que o sufraxio universal fose un avance, xa hai algún iluminado que incluso fala de se presentar de candidato. Imaxinan un alcalde ou presidente varón xestionando uns orzamentos públicos de millóns e millóns como se fixese a lista da compra? Sería unha cousa ridícula. Levamos anos nos que a delincuencia, os delitos sexuais, as mortes nas estradas non deixan de crecer. Todos estes feitos son síntomas dunha enfermidade que está a castigar a nosa sociedade. Temos que volver ao modelo tradicional, que é sinónimo de orde e civilización. A muller dálle o sustento ás nenas nos primeiros meses de vida, non é o máis sensato que sexa ela a que continúe mantendo a familia ata que as fillas se independicen e os fillos casen? As raparigas precisan dunha referencia moral, dunha figura que non pode ser outra que a nai coa autoridade de quen lles deu a vida, que lles berre cando fan mal ou lles solte un sopapo cando se pasan. Manteñamos os nosos homes onde deben estar, facendo o que mellor saben, e deixémonos de lerias.
Lómeron.
Noite de espectáculo
Sentía as gargalladas ebrias da xente e contemplaba, impasible, as súas faces desencaixadas. O instinto de crueldade era quen facía xirar a diversión da clientela que visitaba semanalmente o local. Era un lugar pequeno e húmido, pero que recendía a arte, máis ca calquera gran teatro da cidade.
Aquel era o seu número estrela. Coma todo éxito que levaba colleitado, nacera e medrara arrolado no caloriño alcohólico dun bar. Unha chispa creativa alumeada tras varios chupitos de licor café e as propostas surrealistas das súas compañeiras de faena.
Era un número complexo, tanto a nivel técnico coma interpretativo. Xogaba con sentimentos que había tempo non era quen de controlar, un desexo imposible que comezara a medrar paseniño, pero que xa invadira gran parte do seu corazón. Arriscara na elección dos pasos. Era unha coreografía intrincada que comezaba a un volume imposible. Buscaba que os corazóns dos seus espectadores estourasen a nivel físico, real, atrapados primeiro polo ritmo, para ir amainando ata ficar derrubados pola forza do sentimento. Quería que eles sentisen a mesma pena.
Os seus tacóns pisaban o chan con fereza, coma sempre, pero desta vez o problema viña pola falta de equilibrio. A barriga era demasiado grande, tiráballe do lombo e desestabilizaba cada movemento. Era como bailar nun abismo. Aquel día a adrenalina xogoulle unha mala pasada. Deixouse levar polo éxito, inflado noite tras noite, erguendo a xente dos seus asentos. Calculou mal e caeu.
Sentiu torcer o nocello, viu como todo xiraba ao seu arredor e ó chan achegarse a gran velocidade. Nun acto reflexo, activou os seus brazos, as mans abríronse para amparar o golpe e protexer a barriga. A xente estourou, ninguén facía por axudar, todo era un rebumbio de gargalladas disonantes. E alí ficou, no chan, chorando e acariñando a barriga.
Era unha protuberancia de mentira, un coxín reconvertido na forma perfecta, especificamente para o espectáculo. O nocello inflábase, namentres as bágoas varrían a maquillaxe da cara. Aparecían de novo as irregularidades da barba, pequenos puntiños negros asomando pola súa pel. A caída descolocara tamén o recheo que noutrora foran grandes peitos, e o vestido apertáballe, deixando entrever os segredos dunha anatomía masculina.
O gran show do momento, a travesti preñada movéndose ao ritmo de Katy Perry. Así foi, rematou o espectáculo aquela noite, e no recordo non houbo máis ca un home aferrándose a un desexo estéril mentres acariñaba unha barriga baleira.
Susi Ons.
Vai o meu voto para o relato de Susi, ‘Noite de espectáculo’. Non sei se será unha ‘deformación’ profesional pola súa banda ou non, mais gustei moito de como transmite as emocións e as sensacións do artista que se expón diante do público. O drama do traxicómico, con ese home que devece ter o que a natureza lle negou, espido ante os ollos dos espectadores morbosos e crueis, pareceume contado con moita elegancia e lembroume as marabillosas historias dos pallasos fracasados nun circo calquera.
O texto do planeta Arret deume a sensación máis dun ensaio dese planeta alternativo e invertido (en canto aos papeis dos sexos) que dun relato ou unha historia, case unha columna de opinión que tenta argumentar o seu concepto, amosando unha situación anormal co uso do cambio de roles.
Non pillo que ten que ver a imaxe co tema.
Nalgún recuncho do planeta Arret
O mundo ó revés. Ou non, en realidade é o mesmo mundo cos xéneros cambiados. O inicio cortado fai pensar que o discurso viña de atrás, e case se agradece o corte porque a mensaxe non evoluciona moito desde o principio ata o final. Supoño, por contexto, que é unha muller quen lanza esas ideas cara un auditorio, inda que non sei ben que clase de público será. Non parece política, pero tampouco unha charla de bar.
Costoume na 1º lectura e inda me costa agora meterme na mente da narradora de Lomeron. Non dou creado ese mundo alternativo no que os homes non poden ser pilotos (o prexuizo mudado aquí é claro), pero si poden ser peóns (xa o son), enfermeiros (mudado), poden coidar os nenos (mudado e un pouco contradictorio co que di despois dos instintos primarios, de verdade esas mulleres deixarían os seus fillos a cargo dos seres que describen, p.e., nun xardín de infancia?), pero teñen mais accidentes de tráfico (dato real, non mudado). É dicir, estanse misturando para o mesmo colectivo os defectos e/ou tópicos do xénero masculino cos prexuizos do feminino.
Tamén teño problemas co aspecto temporal di discurso. Por veces parece real, e outras fala do sufraxio universal como se fose algo recente. Por outro lado fálase de que se deixen de lerias de ser avogados, daquela, están tentando selo? Están, digamos, “empezando a loitar polos seus dereitos”?
Non sei, non logro facerme unha idea do trasfondo imaxinado para o relato. Ademáis, o discurso parece ter a intencion de convencer a quen o escoite de que os homes deben seguir no seu lugar. Pero a quen se dirixe exactamente, quen son esas que si pensan que os homes poden ser pilotos ou médicos, son maioría, son minoria? Curiosamente a relixión parece non ter forza nese pensamento, é un discurso racionalista-tradicionalista.
En fin, que vexo a mensaxe un pouco difuminada. Ó final, co relato na man, quen peor quedan retratadas nese mundo ó revés son as mulleres. É dicir, dende o punto de vista desta Terra estamos nas mesmas de sempre.
Noite de espectáculo
“Sentía as gargalladas”
Como dixo Lome naquel post, un nome aqui quedaría ben. Lin todo o 1º parágrafo pensando que era en 1º persoa. Cando cheguei ó 2º parágrafo tiven que desbotar a personaxe que estaba a imaxinar para sustituir a súa voz por outra. Era un trastorno innecesario. Si, na casa chámanme “o traumas”.
Non sei se entendín ben o relato. Un home disfrazado de muller embarazada fai un show. Non estou seguro de se o público o sabe, diría que non. No seu último número calcula mal e cae. Non sei se sempre poñía o coxín nos seus números ou non. A caída desbarata o número e el/ela queda avergoñado. O ben que transmite Susi os sentimentos tapa os buracos argumentais que non souben rechear (non digo que o relato os teña).
Creo que sería mellor saber desde o inicio a natureza real do/a protagonista. Na primeira lectura ninguén poderá ler o relato tal como o concibiches, Susi. Lerá algo inventado, igual que lin eu cando pensei que usabas a 1º persoa. Neste caso pódese interpretar que nos forzaches a ser un deses espectadores, pero tal como os tratas no relato semellan ser unha personaxe máis e non un ente destinado a que o lector se identifique con el.
O último parágrafo sobra totalmente. É coma se despois de ver Blade runner aparecese en pantalla ridley scott resumíndoche o que acabas de ver, contándoche a súa version personal, que ten que valer mais por suposto que a túa. Ai, non, espera, iso que xa o fixo.
Gustoume do relato de Lómeron certas frases que sustentan ese mundo paralelo e que botan man dos accidentes que teñen os homes cando conducen, sobre o seu baixo rendemento escolar ou como se poñen cando beben… quedei con ganas de saber máis sobre ese mundo ao revés no que os homes están baixo control por ser violentos, primarios e perigosos… a miña cultura lectora é limitada e non sei se existe unha novela que trate en extenso un mundo como o de Arret. Pero desde logo é un argumento ben interesante.
No de Susi Ons quedeime con ese “Xogaba con sentimentos que había tempo non era quen de controlar” que lido de novo, logo de chegar ao final, dálle un pouco máis de substancia o conto. É certo que hai moitas historias que xogan coa sorpresa final de que o que é unha muller resulta ser un home. Pero aquí esa maternidade falsa engadida, aporta algo máis interesante. E sobre todo porque o que acontece é enriba dun escenario con xente con ganas de espectáculo.
Gustáronme os dous. De escoller un, quedaría con Noite de espectáculo xa que creo que quedou mellor pechado.
“Nalgún recuncho do planeta Arret”
Sitúanos nun planeta afastado no que os homes sufren as descalificacións que as mulleres sufren, máis ben sufrían, aquí, no noso. Tranquilos todos, non digo que nós conseguíramos alcanzar a igualdade, digo que temas coma os do sufraxio universal están, polo menos pola miña parte, superados… aínda que moitas outras cousas non o estean. Non me parece un mal relato, pero paréceme que queda un pouco a medias, como pasa co que mestura vampiros e repolos noutro duelo da xornada.
“Noite de espectáculo”
Gustoume máis este. A gran traxedia mesturada co ridículo sempre consegue tocarme nun punto moi concreto. A magnitude do tráxico é algo que só pode medir quen o sufre, e non os que o rodean.
Voto por “Noite de espectáculo”
“Nalgún recuncho do planeta Arret” ten un bo planteamento, o “e se…?”, un mundo ao revés que busca reflictir o absurdo de certas actitudes en cuestión de xénero. Porén, creo que “Noite de espectáculo” ten un punto máis ao centrarse nunha personaxe que non é o que parece.
Voto por “Noite de espectáculo”.
Do planeta Arret vou dicir o mesmo que dixera ao respecto dun relato viciño e que, ata certo punto, comparte espectro: deixoume sensación a deja vue.
Noite de espectáculo, tamén na estela ambigua d’ O lume dentro, aportoume moito máis, literaria e argumentalmente. Por iso queda co meu voto.
Voto por noite de espectáculo, malia que non me entretiven demasiado con ningún dos dous.
Nalgún recuncho do planeta Arret.
Non é mala idea a contraposición de roles desde o punto de vista dun planeta onde rexe o matriarcado (ou unha especie de patriarcado feminino), para tentar denunciar dalgunha maneira a inxustiza social que teñen sufrido as mulleres na nosa terra. Pero penso que falta ou sobra algo nese discurso elitista tan ben perfilado. Hai algunha incongruencia, como apunta Lois, e tamén unha certa sensación de artificialidade. Cun repasiño pode quedar bastante ben.
Noite de espectáculo.
Gustoume moito. Como sinala Raúl da conseguido esa tristura e patetismo que tan fondo pega. Podo incluso entrever as fases previas a ese pranto, a transformación paulatina, o verse ben coa barriga pouco a pouco, o querer chegar a tela realmente… finalmente o bailar preocupado pola criatura que xa non existe. Un artista sempre debe crer no que fai, non?
O meu VOTO para “Noite de espectáculo”.
Os dous relatos deixáronme a remoer, veña a darlle á cabeza cos distintos niveis de lectura que se sobrepoñen. De “Noite” quedo cos elementos grotescos e profundamente tristes que me deixaron mal corpo (non vos pasa que ás veces vedes o que non tiñades que mirar e acabades coa cabeza a mil e pasando máis vergonza que a persoa que fixo iso que non vos correspondía presenciar? Pois iso). “Nalgún recuncho” produciume tamén certa incomodidade. Temos unha lista de tópicos que serven a miúdo para menospreciar ás mulleres que aquí se aplican ós homes… entón, por que no contexto do relato algúns producen risa, outros parecen fóra de lugar, ou semellan esaxeracións, ou verdades coma puños? Como funcionan os prexuízos, hai prexuízos máis “de xénero” que outros? En fin, voto por “Nalgún recuncho”, aínda que gocei os dous contos.
Comento:
‘Arret’: Pareceume bastante pobre. Hai algúns achados nesa descrición pero o resultado é máis parecido a unha redacción ou un artigo de opinión. Faltoulle ambición e reflexión sobre a onde quería ir máis alá dun gag.
‘Noite’ Está mellor fiado aínda que coido que ten as costuras algo á vista e lle falta máis tensión. O final é algo previsible e en efecto coincido con outros comentaristas en que sobra o derradeiro parágrafo.
Voto por ‘Noite de espectáculo’.
A idea de “Planeta Arret” gustoume e penso que pode dar para máis, pero como relato quedóuseme pobre fronte a “Noite de espectáculo”, que leva o meu voto mesmo se concordo en que iría mellor sen as últimas liñas.