‘Negruña’ pouco rabuña
A Coruña no futuro perde o seu nome polo máis expresivo de Negruña. Nunha cidade extenuada pola violencia soterrada dun capitalismo postindustrial deshumanizador está a piques de estourar unha conspiración que se vén xestando a través do sangue dos escollidos desde hai moito tempo en diferentes lugares.
Xosé Duncan presenta en Negruña o seu proxecto narrativo máis ambicioso. Arrisca na estrutura e na acumulación de personaxes e escenarios. Vexamos en que acertou e en que non conseguiu os seus obxectivos.
Negruña é unha novela que se move a gusto entre varios xéneros (ciencia ficción, terror, novela gótica…) sempre amparada polas convencións da narrativa popular, da ficción non literaria que nestes tempos parece unha irmá vella e algo caduca da televisión e o cómic (no cinema, o relato deixou hai tempo só espazo para a pirotecnia neste tipo de produtos).
De aí que a primeira reflexión sobre Negruña busque comprender por que hoxe se precisa escribir novelas así e para quen son. Nunha sociedade coma a galega, cunha industria cultural feble no plano económico, a creación de contidos non é autosuficiente para todos os códigos e canles. A produción audiovisual é escasa e monopolizada por unha TVG xeneralista e moi conservadora, que apenas deixa espazo para a innovación. O cómic require dun grande investimento que dificulta a súa rendibilidade entre un mercado deficiente e controlado pola banda deseñada en castelán. Así que, como teño dito doutras veces, o papel é o celuloide dos pobres; en galego segue a ser a novela o mellor instrumento para construír universos lúdicos. Duncan sábeo e dálle rédea solta ao cóctel de experiencias, motivacións e referencias que construíron a súa identidade como autor. En Negruña aparece claro ese arquivo sensorial formado por películas, series, banda deseñada e libriños de tapas gastas cos que seguro se criou.
Dese magma nace o mellor do libro: a capacidade para incluílo todo, sen reservas, con certo barroquismo eufórico, que nos conduce á Rusia de Rasputín ou á India colonizada polos británicos, ou aos salóns perfumados onde os nazis preparan a fin do mundo (que sería dunha novela destas sen nazis esotéricos?). Porque Negruña intenta resumir todos os conceptos atractivos do relato popular do século XX: a distopía de Blade Runner, as aventuras de Indiana Jones, a mística científica de Lost ou Heroes. O malo é que Duncan aínda non se atreve a ser orixinal, aínda pensa que debe contentar o seu eu lector con imaxes e situacións que xa coñecemos. Esa balsámica estrada narrativa que percorremos con dozura porque coñecemos cada curva, cada relanzo.
Mais para que a fórmula funcionase, Duncan debería ter traballado máis o texto. A Negruña sóbranlle páxinas, sóbranlle centos de adxectivos, sóbranlle ducias de liñas de diálogo, sóbranlle descricións minuciosas e postas en escena que cansan xa tanto a lectura que para cando chegas ao miolo da acción, xa pasaron as ganas. Esta novela padece un dos males da novela mecanoscrita na pantalla: a hiperescrita. Cando a técnica favorece o exceso de palabras hai que lembrar que logo as novelas non son etéreas: pesan, consomen papel, teñen pegada ecolóxica. É algo que non lles pasaba aos escritores pulp americanos, que tiñan que economizar papel e tinta da máquina de escribir para que lles compensase o que cobraban por parágrafo.
Negruña, curiosamente, abandona a esaxeración e certa ambición no retrato da Coruña futurista, non sabemos se por manter lazos co lector coruñés actual (e as referencias arquitectónicas e urbanísticas da actual cidade) ou porque o autor preferiu xogar a deus un bocadiño en troques de compoñer, con rotundidade, unha nova mitoloxía para a capital. Con todo, si é un acerto expresivo o neoloxismo Negruña, seguramente o mellor título do ano. Se eu puxese un local de música gótica industrial na Gaiteira xa lle tería nome. Ah, e pecharía as noites do sábado con esta canción.
♦ Negruña, de Xosé Duncan. Urco, 2016. 321 páxinas. ♠19€
2 thoughts on “‘Negruña’ pouco rabuña”