BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Ninguén contará a verdade’, facer entretemento coa corrupción política

Pedro Feixoo.

César Lorenzo Gil.

Ninguén contará a verdade, de Pedro Feixoo, gañou o Premio Xerais de Novela 2023. É unha obra de ficción non literaria, de estrutura clásica, narrada en terceira persoa omnisciente e cun protagonista colectivo. Pertence ao xénero da crónica negra da corrupción política e empresarial.

O retrato das elites está sustentado en tópicos e estereotipos. Na maioría dos casos, os personaxes supostamente reais non se encarnan dabondo, polo que se necesita identificar claramente cada personaxe co seu alter ego real para que non haxa dúbidas: Fernando Muros equivale a Fernando Fernández-Tapias; Toto Cortés é Juan Carlos Escotet; Ernesto Vázquez Armengol é Alberto Núñez Feixoo… Mais o recurso non abonda para darlle verosimilitude ao texto máis alá do evidente, do que calquera pode saber mirando os telexornais. Polo tanto, que ninguén procure nestas páxinas unha ollada de longo alcance sobre a Era Feixoo ou unha baixada ás profundidades da natureza humana. Ninguén contará a verdade é unha obra de puro entretemento, redactado cunha linguaxe accesible que cabalga entre frases feitas e lugares comúns.

O mellor do libro é o dominio do autor da linguaxe cinematográfica. É capaz de crear escenarios coa economía de medios que lle falta na meirande parte dos demais ámbitos. Especialmente no referido aos diálogos. Coma naqueles folletíns nos que os autores cobraban por páxina, nesta novela poderíase eliminar o 80% das liñas de diálogo e a lectura sería máis proveitosa. 

Tamén hai que recoñecerlle a Feixoo valentía para sinalar con tanta transparencia condutas impropias da cúpula do PP galego. Logo desta novela ninguén vai poder separar a figura da ex secretaria xeral de Medios e actual deputada estatal e directora da Área de Proxección e Imaxe do partido, Mar Sánchez Sierra, do personaxe de Carla Pérez Guerra, a gran vilá capaz de controlar qué se di e que non se di na prensa galega. É nese plano, na hábil utilización da “escusa” da ficción para dicir o que non se podería dicir nun traballo xornalístico, onde a obra consegue o mellor camiño cara á permanencia. Cumprirase a máxima de que para que algo pase desapercibido, o mellor é deixalo por escrito nunha novela?

A publicación desta novela coincide coa reedición da moi valiosa Un home que xaceu aquí, de Aníbal Malvar. Oxalá suceda o propio co’A man dereita, unha obra fundacional á que a de Feixoo lle rende unha evidente homenaxe. Tamén recorda a fallida Salvaje oeste, de Juan Tallón, que intentaba actualizar o Ruedo ibérico de Valle-Inclán desde o palco do Bernabéu. Para entender as engrenaxes do sistema político e económico galego é moi recomendable o cómic A conta atrás (ECC), de Carlos Portela e Sergi Sanjulián. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *