BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Non o saben as estrelas’, os perigos do atemporal

Diego Alfonsín.

Eva Moreda.

Con Non o saben as estrelas (Xerais, 2018), Diego Alfonsín levou a XXIV edición do premio Lueiro Rey de novela curta. Vexo na páxina web da editora que o xurado destacou da novela “a súa orixinalidade temática”: si que se pode ata certo punto entender que o tema (mocidade vivindo entre a precariedade e a aventura nun albergue dunha gran cidade europea) fose considerado fresco, atractivo e relativamente inédito na nosa literatura. O “carácter innovador” que nomea tamén a acta do xurado non sei se se refire á estrutura, que xa vén sendo un clásico no xénero da novela breve: capítulos curtos, primeiro en forma de estampas, que no correr da novela van configurando unha trama que non ten maior orixinalidade nin transcendencia tampouco, porque se supón que o que importa é o que a obra ten de retrato (dunha cidade, dunha xeración, do mundo interior dun personaxe, etc.).

Alfonsín demostra pericia no manexo desta estrutura; porén, confeso que non conseguín en case ningún momento sentirme atrapada polo retrato que nos mostra. Penso que hai unha ambición por soar universal e atemporal, por escribir unha historia que non estea en exceso circunscrita ao contexto galego actual. A gran cidade na que nos atopamos acaba revelándose como Barcelona, pero podería ser calquera outro destino de mochileiros (Berlín, Londres, Dublín, etc.) e, como corresponde a un escenario tal, o casting de personaxes é tamén global e diverso. Non ten isto nada de malo; o problema, ao meu ver, vén cando estes personaxes falan, senten e actúan case como se fosen mozos de finais do século XIX a vivir nunha bufarda, sen que se note grande interese por parte do autor por renovar e actualizar o tópico da bohemia nun contexto que é xa ben diferente (“aquí, sen variación ningunha, a primeira comida do día está formada por bananas, mazás, pan, flocos de millo e galletas, o que non é pouco cando un non ten nada”; “compra un paraugas e un bo abrigo, dígolle antes de irme; no interior das casas a friaxe é terrible”). No libro dáselle moita importancia simbólica, por exemplo, a Giuseppe Verdi, o compositor italiano de ópera. Eu podo entender que certos compositores decimonónicos sigan sendo referentes para certos mozos do noso presente, pero non remato de ver a Verdi como un deles.

Non estou a dicir tampouco que houbese necesariamente que aplicar un filtro máis político e social a todo o que se conta aquí (algo do segundo si que hai), nin tampouco que houbese que incluír máis referencias explícitas á cultura popular actual, que é unha estratexia que moitas veces remata por facer unha obra case que incomprensible aos poucos anos de ser publicada. O problema, na miña opinión, vén máis ben pola estratexia lingüística escollida. Penso que Alfonsín ofrece unha escrita que quere ser lírica, poética e ao mesmo tempo atemporal, que valla tanto para agora como para os anos da guerra do Vietnam ou da caída do muro de Berlín. Porén, non me semella que o anacronismo sexa o mellor xeito de acadar esta universalidade: moitas veces acábase caendo no tópico (“algo familiar semella unir os irlandeses coa xente do país de onde eu veño. Sempre teño esa sensación cando atopo con un. Debe de ser a choiva e a néboa, que une moito”), a frase feita (“facendo equilibrios milagreiros”) e mesmo nun certo ton almibrado: confeso que me renxeu moito o uso sistemático da expresión “facer o amor” para escenas de sexo casual con descoñecidas e mesmo de prostitución. Porén, Non o saben as estrelas non deixa de ser unha novela curta ben armada, que demostra capacidade do autor para idear situacións e personaxes a priori atractivos (“pareceume fascinante pasar polo porto e ver a brancura dos iates dende a moto dun descoñecido”): isto podería xogar moi en favor do autor en futuras entregas.

7 thoughts on “‘Non o saben as estrelas’, os perigos do atemporal

  1. Cando a autora desta crítica di “non estou a dicir tampouco que houbese necesariamente que aplicar un filtro máis político e social a todo o que se conta aquí (algo do segundo si que hai)” entendo que no fondo si que considera que habería que aplicar un “filtro social” ao que se conta na novela, xa que “algo do segundo si que hai. Pregúntome cál será a diferenza entre filtrar e censurar. Confeso que non lin a novela, pero lendo esta crítica non podo evitar pensar que, en lugar de falarse da novela (para ben ou para mal), o que se fai é criticar que a novela non encaixe co que “debería ser”, isto é, co políticamente correcto, co socialmente correcto. Manteñámonos lonxe dos prescriptores do políticamente correcto como do lume. Ás veces é saudable cambiar de referentes, aínda que só sexa para se decatar de que hai outras maneiras de estar no mudo.

    1. Esa frase que citas sae daquí:
      ” o problema, ao meu ver, vén cando estes personaxes falan, senten e actúan case como se fosen mozos de finais do século XIX a vivir nunha bufarda, sen que se note grande interese por parte do autor por renovar e actualizar o tópico da bohemia nun contexto que é xa ben diferente”.

      Entón cando Eva di que o autor puido ter aplicado un filtro mais politico e social ó que conta o que quere dicir, me parece (eu, igual ca ti, tampouco lin a novela), é que o libro teria gañado valor se estivese mais adaptado á realidade do seu presente, por iso pon a Verdi como exemplo de referente que a ela lle pareceu unha eleccion pouco achegada para o caracter da ficcion creada polo autor.

      Facendo unha comparacion un pouco bruta, é como se dentro de 5 anos alguén situa a accion da sua novela no 2020 e non menciona a pandemia nin as mascaras nin nada do que ocorreu globalmente no 2020, e falo de feitos, non de denuncias politicas ou sociais (e penso que Eva tamen se refire a iso). Podelo facer? Claro que podes, como autor es dono do que escribes, pero se o fas estarías obviando unha parte da realidade na que se ambienta a túa historia, historicamente falando. No caso de “Non o saben as estrelas” o apunte de Eva non é por algo tan obvio e físicamente visible, o que sinalou foi que estaría ben, como valor engadido, que se notase dalgunha maneira que esta novela naceu ou transcorre na epoca que transcorre, e non só polos avances tecnoloxicos que aparezan ou non aparezan mencionados.
      Iso non é unha censura (de feito tratase de sumar, non de restar), nin unha prescripcion nin ten nada uqe ver co politicamente correcto. É un consello (ou unha crítica) meramente literario.

      1. Non estou dacordo. ¿Quen é un crítico para dicir que un libro debe ou non estar “adaptado á realidade do seu presente”? ¿Cal é esa realidade? ¿A do crítico ou a do autor? ¿Cantas realidades hai? Esa “realidade” que un escritor propón nun libro é un mundo propio en si mesmo que non lle ten por qué render contas a ningunha época nin ten por que encaixar nos parámetros de ninguén. Un autor pode coller elementos da súa realidade e crear outra diferente. O máis intelixente neste caso sería preguntarlle ao autor se pretendía reflexar algunha realidade concreta, cousa que descoñezo, e non criticar que non se “adapte á realidad do seu presente” , sobre todo porque o crítico, neste caso a crítica, non pode saber de ningunha maneira cal é esa realidade, en caso de que o autor pretenda reflexar unha realidade, algo que quizais non sexa así. Lerei o libro para poder falar con máis fundamento, pero o que me motivou a escribir este comentario é a frecuencia coa que vexo ese tipo de críticas paternalistas que dan por suposto cousas que só poderían saber con certeza se lle preguntasen ao autor. Para acabar: unha novela ambientada no ano 2020 pode ser unha excelente novela e non mencionar a pandemia, e se nesa novela aparece un compositor morto hai máis de douscentos anos como referente a novela poderá seguir sendo unha excelente novela. Todo dependerá da calidade literaria da novela, e non de se está “adaptada á realidade do seu presente”.

      2. -un crítico é igual que calquera outra persoa para dar un consello ou a sua opinion. Eva non dixo que a novela “deberia” ter feito iso (nin eu), só deixou caer que lle tería gustado, igual a ti ó mellor che tería gustado que a ultima serie que viches tivese un final distinto porque, por algunha razon, non che gustou o que lle deron. A veces un crítico opina cun “debe”, e inda así non deixa de ser unha opinion expresada con entusiasmo.
        -a realidade é sempre a do autor.
        -hai infinitas realidades.

        O mais intelixente sería que ti mais eu lesemos a novela antes de seguir tomandoa como referente dun debate. Como de momento non o fixemos só podemos falar en xeral, e é moi dificil entenderse ben falando en xeral, porque saen excepcions por todos lados. Efectivamente unha novela ambientada no 2020 pode ser unha excelente novela e non mencionar a pandemia e si mencionar a Verdi, era só un exemplo.
        Eu creo que se Eva falou diso foi por algunha razon, algo do que leu a faria pensar niso e mencionouno na crítica. Non é ningunha regra que unha novela teña que estar adaptada ó seu tempo (a veces é imposible que non o estea, porque un vive no tempo que vive e non podes fuxir das tuas propias experiencias) para poder dciir que che gustou, ou que é boa ou que ten “calidade literaria” (como se mide ou que significa isto ultimo exactamente daba para outro debate).

  2. Acabo de ler o libro de Diego Alfonsín e lamento ter que dicir que a crítica de Eva Moreda me resulta máis lamentable agora que antes de ler a novela. Verdi, o compositor italiano, non é un referente para ninguén, como ela di. É outra cousa, máis interesante e máis atractiva. Ademais, se é un referente como ela quere, seríao en todo caso para un dos personaxes, e hai máis de un. Algúns deles seguro que nin saben quen é Verdi. Verdi é unha anécdota no libro, un pretexto, un elemento que dá xogo en certos momentos, un fío do que se tira, pero non é un referente na novela nin se pretende que así sexa. Eu, cando menos, non o vexo.

    Eva Moreda di que o autor pretende crear unha linguaxe “atemporal” mediante o “anacronismo” para acadar así a “universalidade”. Non vexo esa intención por lado ningún. Gustaríame saber en qué se basearía Eva Moreda para chegar a semellante barbaridade. Polo visto, segundo Eva Moreda, hai unha maneira de facer unha escrita atemporal e anacrónica co obxectivo de acadar a universalidade. Gustaríame saber cómo é esa escrita e como se fai, en caso de que exista. Non sei se alguén é quen de elaborala (quizais Eva Moreda); en todo caso debe de ser bastante difícil, e moito máis aínda demostralo. Calquera persoa que lea a novela decatarase de que o galego que se usa é un galego que calquera persoa do noso tempo está en condicións de comprender, e con “referentes” culturais e sociais que calquera conseguirá identificar e asimilar, porque o libro fala dunha realidade que moitos lectores identificarán, pois este libro pertence “ao noso tempo”, gústenos ou non. Dubido moito que un lector da época da guerra do Vietnam entendese esta novela da mesma maneira que a pode comprender un lector do ano 2020 en Galicia, quizais porque, segundo Eva Moreda, o autor non conseguiu acadar unha linguaxe atemporal e fracasou nas súas aspiracións universais.
    É evidente que os lectores actuais entenderán mellor este libro que os lectores de hai sesenta anos ou os de dentro doutros sesenta. Isto é unha evidencia. Se algo podo concluir despois de ler esta novela de Diego Alfonsín é que a crítica non está á altura da novela.

    1. ola de novo Aroa, non podo dicir moito sobre o tema porque estou na mesma situacion da outra vez (non lin a novela), pero o teu post recordoume unha idea que tiven hai tempo sobre que varios criticos leran o mesmo libro e despois publicar os comentarios de cada un para ver as semellanzas e diferenzas. Non é unha idea práctica para unha web de crítica pero poderia rescatarse contrapoñendo as criticas da xente da web coas dos lectores ós que lle apeteza compartir a sua visión deses libros. Iso si, para que funcionase tería que ser unha crítica da novela, non unha crítica da crítica, que por certo, e non sei por que razon, che quedou bastante (e innecesariamente) agresiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *