BiosBardia

O país dos libros en galego

Nos camiños do Purgatorio: O mes das Ánimas e os seus petos

Peto de ánimas de San Lourenzo, Calvelle (Aguasantas, Cerdedo-Cotobade). WIKIMEDIA COMMONS.

Nati Rey.

Vai chegando o tempo dos Nosos Fieis Defuntos, o “mes das Ánimas”, tempo de lembrar e de falar da devoción ás benditas ánimas do Purgatorio na Galicia tradicional.

O día 1 de novembro adoitan comezar as visitas aos cemiterios, onde se acode a honrar as sepulturas dos seres queridos. Ofrecémoslles flores como símbolo de recordo e, ante Deus, pedímoslle que lles mingüen as penurias do Purgatorio e lles conceda acadaren o Ceo.

Cada 2 de novembro, nos fogares galegos adóitase acender tantas lampadiñas de aceite como defuntos que se queiran glorificar. E nas igrexas celébranse misas polos fregueses que morreron na paz do Señor e tamén polas almiñas que teñen pecados por purgar. Estas últimas almas son aliviadas fondamente grazas ás oracións e aos sacrificios ofrecidos polos vivos, segundo o dogma da Comuñón dos Santos. Por este motivo, é tradición que se celebren, durante o mes de novembro, as Novenas das Ánimas e a Vixilia de Defuntos.

Pero as ánimas non só se recordan durante o período de Santos ou Defuntos: durante todo o ano tamén se pode orar por elas e ceibalas do Purgatorio. Abonda con rezar cinco veces a “Oración ao Santísimo Sacramento”, despois da Santa Comuñón, e así, segundo a tradición, aliviaranse cinco almiñas. Tamén é costume deixarlles esmolas nos petos das ánimas, xa sexan de alimentos ou cartos, cuxo obxectivo principal é recadar sufraxios para elas.

Os petos de ánimas son pequenos santuarios de pedra, típicos de Galicia, que podemos atopar nos camiños, nas encrucilladas e inmediacións das igrexas. As ánimas aparecen representadas neles en figuras suplicantes. Cando son liberadas do tormento do Purgatorio teñen a función de interceder polos vivos ante o Altísimo.

Para rematar, cómpre dicir que os petos eran refuxio de cousas perdidas que o viandante atopaba nos camiños e deixaba ao amparo das benditas ánimas. E tamén eran lugares de encontros e reunións para a veciñanza, espazos onde o relixioso e o comunitario se entrelazaban na vida cotiá do pobo.

Todos estes costumes realizados en favor das ánimas lémbrannos que, máis aló da morte, o amor e a esperanza permanecen eternos, mantendo vivo o vínculo entre os vivos e os que xa partiron.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *