‘Nós de vida’ de Julien Gracq
Xesús González Gómez.
Aos poucos de morrer Louis Poirier, de nome literario Julien Gracq, o 22 de decembro do 2007, á idade de noventa e sete anos, deuse a coñecer o seu testamento. Deixáballe o seu piso de París á Cruz Vermella (piso que comprara coas ganancias producidas pola novela A ribeira das Syrtes, que fora premiada co Goncourt, recoñecemento ao que renunciou), a súa biblioteca era doada á biblioteca municipal de Saint-Florent-le-Vieil, a casa de que era propietario nesta localidade doábaa coa condición de que fose convertida nunha residencia para escritores novos. Os seus manuscritos e escritos inéditos foron doados á Biblioteca Nacional Francesa, así como as cartas que recibira. Dos seus inéditos publicáronse até agora unha novela: Les terres du couchant (2014) e os Manuscrits de guerre (2011). No 2021, en xaneiro, a editorial en que sempre publicou Gracq, e que publicará a súa obra até que venzan os dereitos de autor por desexo expreso, testamentario, do escritor, José Corti publicou Noeuds de vie, en edición de Berhild Boie, a cuxo coidado estivo a edición da súa obra completa na Bibliothèque de La Pléiade, da editorial Gallimard (foi o primeiro autor vivo que entrou nesta colección de clásicos), e quen foi o encargado de catalogar para a Biblioteca Nacional Francesa o legado de Gracq. Engadamos que entre os inéditos do autor de Au château d’Argol hai 29 «carnets», titulados Notules, numerados e datados que cobren vinte anos. Estes «carnets» non poderán ser publicados até o 2027, é dicir, 20 anos despois da morte do seu autor, tal como deixou indicado no seu testamento. Gracq consideraba que ese ano estarían mortos a maioría dos homes e mulleres de que fala neses «carnets». (Engadamos que os familiares de Gracq, uns curmáns –nunca casou, viviu sempre cunha irmá, e amores só se lle coñecen os que tivo coa escritora surrealista Nora Mitrani da que, poñámonos agora en plan sabichón, tamén se namorou no seu día o poeta portugués Alexandre O’Neill– quedaron cos cartos e algúns libros dedicados enviados ao escritor por outros escritores e que axiña puxeron á venda).
Berhild Boie, ao catalogar o legado Gracq, atopou tamén unha serie de fragmentos en prosa que Gracq deu a mecanografar (el escribía a man), e sobre estes textos non pesa ningunha «prohibición»: son os que compoñen Noeuds de vie (Nós de vida). Textos que organizou «tematicamente׃ «Camiños e rúas», «Instantes», «Ler», «Escribir». O de tematicamente é un dicir, xa que como en Lettrines (capitulares), afirma Boie, «a distribución dos textos é flexíbel, os contornos dos capítulos frouxos, as súas fronteiras porosas. Temas e formas entrecrúzanse, a escrita toma pulo libremente, cambia de cadencia, de timbre, de cor co seu obxecto». É dicir, unha escrita ancorada na «modernidade».
Non imos falar da escrita de Gracq, un escritor que sempre fuxiu diso que se denomina «eficacia», e un escritor que como André Breton, a quen lle dedicou un excelente «estudo»: André Breton. Quelques aspects de l’ecrivain, a quen a morte non encontrou coa «pluma na man», como dicía o autor de Nadja de si propio.
Á espera (cinco longos anos!) dun día poder ler eses escritos inéditos, a lectura de Gracq, sempre intempestiva por inactual, porque se a súa posición na literatura do seu tempo foi sempre a dun illado, esa posición continúa sen moverse do seu sitio, ben que a literatura non para de moverse (cara a onde, esa é unha cuestión que hoxe non nos atinxe), sempre nos ensinará algunha cousa. Ou, como deixou escrito no seu día Hélène Cixous, «ler a Gracq é para min isto: deixarse conducir, sen preguntarmos até onde, cara a onde, sen obxectivo, no bosque. A bordo do libro. O libro Gracq é a barca. O libro preséntase. Eu subo. Embarco –barco ou tren, é o casco máxico, nave, cisne, vagón, sendeiro, noutra parte sería cabalo, camelo– e é sempre o soño que me leva durmida, viaxeira sen identidade, viaxeira absoluta»
Velaí, xa que logo, uns cantos Nós de vida.
O que desexei moitas veces, o que me gustaría talvez aínda expresar, son o que chamo nós de vida. Só algún fíos vidos do indeterminado e que a el regresan, mais que por un intre se entrecruzan e se apertan un ao outro, acadan, entre as puntas libres que flotan de cada lado, unha constrición decisiva. Unha especie de enlazamento intimo e illado arredor do cal flota o sentimento de plenitude do ser-xuntos.
……………….
O que desapareceu do horizonte dunha certa crítica, é o lector collido no fío da súa lectura, o lector conmocionado e en movemento, desexando, esixindo, apreixando, esperando. A lectura que propón é o paradoxo dunha lectura detida, inmobilizada: un campo de investigacións, como ela di, é dicir, a substitución da viaxe polo mapa de estradas.
……………………..
O pensamento mata todo o que toca: que hai de asombroso en que, á súa vez, a novela morra.
……………………….
D. H. Lawrence dá a miúdo a idea do que puido escribir un Nietzsche novelista.
…………………………
O gusto do día en materia de título de novela. Na época do «personaxe dunha peza», dotado de todos os seus atributos, físicos e sociais, o nome do heroe era moitas veces suficiente: Lucien Leuwe ou Modeste Mignon, ou, máis exemplarmente aínda, o nome flanqueado do seu pasaporte social: Madame Bovary, La cousine Bette ou Le Colonel Chabert. Moda que se prolonga durante un século, degradándose pouco a pouco, na sub-literatura «psicolóxica» para Premio Goncourt: Germinie Lacerteux ou Monsieur des Lourdines. Polos arredores de 1900 semella proliferar, ao mesmo tempo que a promoción novelesca dunha categoría social, o artigo plural: Les Demi-Vierges, Les Avariés, Les Désenchantées (mais xa en Balzac: Les Paysans – Les Employés). Despois de 1920, a rapidez expeditiva da literatura de Paul Morand xera a voga de títulos sen artigo: Magie Noire – Choix des Élues – Naissance de l’Odyssée, tan impensábel nos séculos precedentes como a saia até o xeonllo ou o sombreiro de campá. Coa posguerra de 1945 e o inicio dunha desintegración controlada da literatura, a colisión entre o título e o contido (L’Automne à Pékin), filla da ruptura entre o titulo do cadro e o seu tema, desborda netamente o campo inicial do surrealismo en que estaba até entón circunscrito (Poisson Soluble – Le Revolver à chevaux blancs). A desenvolver un día de choiva…
………………………..
Escritor é aquel que accede á imaxinación principalmente, senón exclusivamente, por vía da escrita. Chamo aquí imaxinación a unha cousa diferente aos fosfenos inconsistentes e fugaces que acompañan o flâneur na rúa, de maneira tan pouco significante coma as divagacións dun can que pasea.
………………………….
Os problemas que se lle formulan ao novelista sitúanse nalgunha parte entre os do poeta, que só debate coas súas palabras, e os do estratego, constantemente perturbado por un pensamento imprevisíbel. En verdade, non se confronta cun pensamento estraño, senón con algo que saíu do seu, mais do que non esgotara o contorno e só evitará as sorpresas coa derradeira liña do seu libro.
……………………
A poesía non ten definición, só ten síntomas, coma unha causa que se resolvería completamente nos seus efectos. Obxecto de puro diagnóstico. E tanto mellor, tanto máis seguro, cando o diagnóstico é máis puramente clínico.
As súas mellores definicións –porque non intentan xa enmascarar a súa insuficiencia «ontolóxica»: «A poesía é o que… é polo que…» Valéry sentiu moi ben, Breton tamén: a súa definición pola «sensación dun penacho de vento arredor das tempas» é unha das máis admisíbeis das que existen. É unha definición de vello clínico.
A poesía esta suxeita a verificacións serias e a xustificacións ociosas. Existe onde se conxugan frecuencia e seguridade dos seus efectos. Non ten nunca e en ningunha parte dereito de cidadanía. Non existe o dereito á poesía, nin «condicións necesarias e suficientes» e é todo o que é necesario, mais suficiente, para responder a Boileau. Todos os avogados dos poetas defenden malas causas, e todos os seus casos son detestábeis. A única lexitimación dun poeta –grande experto en irse sen pagar– é que posesión carrexa o título.
……………………………
Novelas cuxo autor, que se consome por exhibir as súas singularidades íntimas sen atreverse a dalas por tales, alenta e provoca con todo o seu poder as malignas curiosidades do lector con respecto a el: hai así, hoxe, máis dun novelista para quen a forma novelesca, reducida xustamente a un taparrabos que serve de feito para centrar a ollada, non é máis ca unha garatuxa de folla de parra, e cuxa divisa se le en Virxilio: fugit ad salices et se cupit ante videri (fuxe cara aos salgueiros coa esperanza de ser visto).
…………………………
Cando empecei a escribir, aos vinte e seis ou vinte e sete anos sen verdadeira deliberación previa e como lanzándome ao río no impulso do momento, nunca imaxinara seriamente que semellante aventura puidese acontecerme. «Escribir» era para min unha condición que podía parecerme distraidamente desexábel, mais que non suscitaba ningún proceso, ningún movemento preparatorio, non máis que a idea de me converter en rei da goma de mascar ou presidente da República.
…………………….
O espírito de competición, que se esperta no futuro escritor, no futuro pintor, fronte ao artista admirado («Anch’io sono pittore!»), e que se considera o signo mesmo da súa vocación, non atopo del ningunha pegada nas miñas lembranzas até o momento en que, aos vinte sete anos, comecei a escribir. Lin, relín, admirei sucesivamente unha media ducia de escritores: nin por un segundo aflorou en min entón a idea ao lelos de que no futuro escribiría eu á miña vez, ao mesmo tempo baixo a súa luz e contra eles, tal como se admite que as cousas deben acontecer. O que vía diante de min, sen repugnancia nin entusiasmo, era unha carreira universitaria. En presenza dos libros, era un lector pasivo: admirativo, subxugado, mais sen ningunha traza de emulación celosa. Mesmo cando empecei a escribir, aínda durante moito anos, e quizais até hoxe, nunca me abandonou o sentimento de que fronte aos profesionais catalogados eu permanecía na categoría dos afeccionados: dos afeccionados bastante dotados dos que os amigos e familiares propagan que se quixesen poderían facer carreira.
A existencia dun primeiro oficio, que relegaba a escrita ao rango de violon d’Ingres[1], xogaba aí un papel. Pero máis aínda a intercalación entre os meus libros de moi longos intervalos sine linea, tan longos que reducían os períodos de traballo ao estado de breves intermedios atravesados de longos paseos ociosos: acabado Au Château d’Argol en 1937, non escribín practicamente unha liña até 1942 (é verdade que houbo a guerra): «Non son do gremio, mais se se dá o caso podo facelo tan ben coma vós», ficou o meu modo de inserción instintivo na literatura e non me agacho que o amor propio conta de máis nesta receosa reivindicación do lugar non homologado.
………………………..
Ninguén dubida de que os teólogos, como se recalca a miúdo, teñan resposta para todo: o problema que non chegan a suscitar en min ningunha pregunta.
[1] É decir, de pasatempo, de hobby, etc.