BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Nosa Señora dos Milagres’ vs ‘Bosque’

Xornada 1. Grupo D. Marisol Gándara vs César Lorenzo Gil.

Nosa Señora dos Milagres

Marisol Gándara.

A viaxe, a viaxe. Niso era no único que podía pensar Manuela da Pena mentres metía outro ovo aínda morno na cesta e remataba de acomodar as galiñas. A viaxe, volveu pensar, e repasou mentalmente a lista coas cousas que precisaba.

―Que carallo fas! Levas aí unha hora… ou e que estás poñendo ti os ovos! ―berrou súa nai dende a porta da casa. 

Manuela buliu a rematar o labor e foi ver que lle quería. 

―Anda amodo ou aínda os has partir, non sería a primeira vez. 

Subiu os catro pasos e entrou na casa coa cabeza baixa, agochando o brillo que escintilaba nos seus ollos de pensar na viaxe. Aínda non sabía como llo dicir á nai, e cando pensaba niso repasaba outra vez que todo estivese atado e ben atado. 

―Colleches os ovos todos?

―Collín.

―Botácheslles de comer ás galiñas?

―Botei. 

―Tendeches a roupa?. 

―Tendín. 

―Décheslle de comer ao Toby?. 

―Dei.

―Pois que cona fas aí parada? Imos xantar hoxe ou que!

―O… oíu mamá…?

―Pouco vou oír se non falas. 

―Oíu o… da viaxe do… ―balbuciu pero xa non foi quen de seguir, vendo como súa nai empezaba a arquexar.

―Non teñas medo, que non has de ir. Por riba do meu cadáver―dixo Lolita a do Construtor endereitándose sobre o seu bastón negro brillante. 

Chamábanlle así porque era a filla do construtor da vila e dende que morrera o artífice da fortuna familiar, había máis de vinte anos, vivía das rendas. Manuela, ou Leliña da Pena, como a coñecían na vila, baixou a cabeza e arrastrou polo corredor os seus cen quilos de depresións e traballos mentres súa nai seguía maldicindo tras ela.  

―Viaxe heiche dar a ti… á horta de tras da casa a apañar os grelos e o que remates, a facer os regos do ceboliño e limpar as herbas do invernadoiro. A viaxe, di. E quen vai acomodar as cochas parideiras e muxir as tres vaquiñas. 

Pero Leliña xa non escoitaba. Só pensaba na viaxe. 

―Vai querer hoxe ovos? ―preguntou mentres colocaba a cesta ao lado da cociña de ferro. 

―Qué pregunta, estás parva ou qué ―dixo acendendo a televisión para ver o parte. 

Pero Manuela non escoitou as novas. Só pensaba na viaxe con cada tintinar do garfo no prato. A viaxe mentres lles botaba unha chisca de sal e fariña aos ovos. A viaxe, pensaba, mentres botaba ao lixo as caixas baleiras de Tranquimacín, Diazepam e Lorazepam que fora gardando todos estes anos. 

Pensaba na procesión ó santuario da Nosa Señora dos Milagres, a viaxe que o párroco organizaba todos os anos e a que ela nunca puidera ir, porque nin sequera esa era unha boa razón para ser liberada da carga de coidar da nai, das cochas e das tres vaquiñas. A viaxe, pensaba, mentres fitaba como comía e miraba a televisión. 

―Non vas comer hoxe, ou e que estás a dieta? ―dixo a nai mentres ría con maldade. 

―Non. Con vela comer a vostede xa me contento.

………………………………………….

Bosque

César Lorenzo Gil.

Soubo que era o sitio tan pronto a viu perderse na espesura, canda a dona do terreo e a muller da inmobiliaria. Tíñao todo: unha boa esplanada para a casa e un bosque no que perderse, a só uns metros da porta. Retesaron polo prezo mais ao final hipotecáronse sorrindo. “Un bosque privado”, dicían mentres imaxinaban o seu futuro. As fins de semana abandonaban a cidade para pasar un anaco á sombra dos piñeiros. Sempre había catro ou cinco graos menos ca sobre o asfalto. Sempre corría un ar que os animaba a abrazarse. “Temos que cortar esas acacias, que o afean todo”, dicían. “E plantar castiñeiros e carballos”.

Logo do primeiro inverno, medraron os fentos, os codesos, os toxos. O imperio das acacias aumentou varios metros, ocupando algún clareiro polo que pasearan había nada. “Hai que encontrar quen nos arranxe isto”, dicían. Non foi doado. Había moitos xardineiros que orzamentaban a corta do que fose e que sumaban, por un tantiño, un tratamento de pesticida que prometían acabaría coa praga das acacias. Mais ninguén lles chamaba pesticidas. Uns dicían “líquido”, outros, “material”. Houbo un que cando tiña que falar do glifosato chiscaba un ollo e ría. No orzamento manuscrito bautizou o agrotóxico como “medicina”.

“Era o que nos faltaba”, dicían. “Ese veleno nas nosas terras”. “Ten que haber unha alternativa”. Non a atoparon. No Brico compraron desbrozadora, motoserra, angazo e sacho. Na internet viran vídeos de permacultores australianos que desfacían as raíces das plantas invasoras para impediren que inzasen. Durante meses o seu lecer escachaba no barullo do metal contra a madeira. Afixéronse ao fedor da gasolina. Presumían dos calos e das espiñas nas mans.

Logo do segundo inverno, as acacias cegaron as improvisadas sendas. Deixaron de ir. “Está feito un bosque, non hai quen pase”, convencíanse cando se lles daba por lembrar a sombra, o ventiño.

Na terceira primavera contrataron o home da “medicina”. Pagáronlle con gusto os centos de euros, pousando cada billete nas súas mans cheas de espiñas e calos. Durante un tempo,  adoitaban pinar sobre o leito do fento mol. Canda o orgasmo caían as piñas. Os piñeiros reviviron. Logo, coma enmeigados, empezaron a crebar. A cada cando un veciño viña protestar porque lle caera un tronco na estrema, porque había broza de máis. Un día que estaban esperando polo recendo de marzo acabaron discutindo por se os abrochos do chan eran futuros codesos ou acacias. Un deixouno por imposible. O outro empezou a perseguir a natureza coma un sabuxo. Erguíase coa alborada para ir sachar unhas raíces ameazantes, regaba con glifosato, chegou a pensar que daba sentido nas tempas como a seiva circulaba polo interior das ponlas, pasaba as tardes vendo os permacultores converteren ermos en verxeis. “A dona dicía que este bosque, hai nada, era unha leira de millo. Que se viñera bo tempo daba dúas colleitas de patacas ao ano. E agora é un bosque. Un bosque”, repetía en voz alta, procurando o eco na casa baleira e a medio construír.

23 thoughts on “‘Nosa Señora dos Milagres’ vs ‘Bosque’

  1. “Nosa señora dos Milagres”
    Pareceume un conto realmente ben levado. A personaxe de Manuela está moi ben construído e consegue evoluír en tan pouco espazo. E tamén ten un final que me gustou moito. Como única pega ó relato diría que a parte inicial do diálogo entre Manuel e a nai faise, quizais, repetitivo de máis.

    “O bosque”
    Gustoume esa visión dos urbanitas que pretenden aplicar as súas ideas no rural sen, ás veces, seren as máis adecuadas e logo teñen que recuar. Mais non tanto de como avanza o relato posteriormente.

    O meu voto vai para “Nosa señora dos Milagres”

  2. Pois eu estando bastante dacordo co que opina Diego, vou votar ao revés.

    Nosa Señora dos Milagres
    É unha historia simple e áxil. Está ben escrito, cun estilo realista que lle vai moi ben, con personaxes claramente identificabeis e un moi bo remate. Porén, penso que os diálogos son longos de mais. Tería agradecido que se abordase o conflicto entre nai e filla doutro xeito.

    Bosque
    É a estratexia oposta. O ambiente por riba da historia. Non precisa de personaxes con moita personalidade para resultar atractivo, porque o que atrae é o conflicto do rural e o urbano. Paréceme que está moi ben escrito. Con parágrafos moi ben traballados. Como ben di Diego, pode que o relato avance unha chisca amodo de mais, e que iso lle faga perder algo de atractivo, mais a min foi unha historia que me convenceu.

    En resumidas, parécenme dous bos relatos, mais eu vou votar por Bosque. É un estilo de escrita que me presta máis.

  3. Nosa Señora dos Milagres
    Pareceume un relato axil e moi doado de ler. o final ben merece un soriso.
    os personaxes a pesares da brevedade moi atinados no esbozo.

    Bosque
    Ainda que o seu principio me pareceu prometedor, pensóo que perde forza a medida de que o relato se leva a cabo, e se fai dende o meu punto de vista un pouco árido.
    O final recupera un pouco de forza e e unha alegría votar a sentir a frescura inicial.

    o meu voto vai para Nosa Señora dos Milagres

  4. Dúas propostas moi interesantes e amenas.

    De “A Nosa Señora dos Milagres” chéganme aromas a “Matria” ou un “Delicatessen” á galega. A súa estrutura paréceme moi dinámica, sobre todo polo diálogo central que define á nai dunha forma rápida e eficaz. Encántame a frase final.
    “Bosque” devólveme a unha reflexión que moitas veces me pasou pola cabeza. Resultoume inspirador e fíxome recordar o precioso final de “Into the wild”, con reminiscencias a “Historia de un matrimonio”. Precioso.

    Porén, como non podo partir o voto, o sorriso que aínda me dura fórzame a escoller “A Nosa Señora dos Milagres”.

    Parabéns pola dura competencia.

  5. “Nosa señora dos milagres”
    O que máis me gustou deste relato curiosamente, foron os diálogos, que se ben puideran en algún momento correr o risco de resultar repetitivos, precisamente é esa característica a que define case completamente o mundo interior e exterior dos personaxes. Son frases que nos inspiran “matriarcado galego”, e nese primeiro coloquio, xa nos fai esbozar un sorriso, porque sen definila, podemos sentir o carácter teimudo da vella, fronte á sumisión da filla que asume esa educación ríxida de certo tempo, que sen telo vivido, un pode empatizar perfectamente con ese sentir. Por poñer unha pega, non me gustou que se “presentara” aos personaxes na metade da historia. Si aporta esa “galeguidade” dos apodos familiares, pero nun lugar do relato que puidera chegar a “molestar”. Un relato cargado de retranca, moi bo de levar e que sen aparentemente pretendelo, traza unha dura crítica ó sistema educativo familiar tradicional.

    “Bosque”
    Concordo cos anteriores comentarios. Paréceme unha imaxe maxistral do conflito do “coñecemento todopoderoso” da comunidade urbana sobre o rural, e ese imaxinario bucólico que se ten del desde o outro lado, que choca coa realidade de quen vive nel e del. Con respecto á escrita, resultoume un tanto espeso en certos momentos, o que é unha mágoa porque engule o trasfondo humorístico do relato. O final, con esa reflexión con eco na casa a medio facer, pareceume redondo. En parte porque se pode facer un paralelismo coa paradoxa da propia vida, na que investimos gran parte do tempo e das nosas enerxías en arrombar o que nos rodea e se escapa ó noso control e descoidamos a nosa propia casa e a nós mesmos.

    O meu voto vai para “Nosa señora dos milagres”

  6. Moi bos relatos¡
    De A Nosa Señora dos Milagres quédome co dialogo principal, que retrata á nai de forma maxistral. Unha estrutura moi lograda e non me parece que perda o ritmo en ningún momento.
    De Bosque gustoume moito a imaxe que transmite, e creo que coma relato está moi traballado. Parabéns.
    Penso que os dous son grandes relatos, pero se me teño que decantar por un, quedo coa imaxe que me deu Bosque. Grazas pola lectura¡

  7. “Nosa Señora dos Milagres”
    Fáltalle o til a un par de “é”. En varios sitios hai un punto trala interrogación.
    “Chamábanlle así porque era a filla do construtor da vila e dende que morrera o artífice da fortuna familiar, había máis de vinte anos, vivía das rendas” Eu cambiaría as comas aquí: “Chamábanlle así porque era a filla do construtor da vila e, dende que morrera o artífice da fortuna familiar había máis de vinte anos, vivía das rendas”.
    “o que remates” é un inciso e debe ir entre comas, non só unha coma despois.
    O tema da imaxe está collido de forma moi ampla para min.
    Os diálogos encántanme, a repetición é parte importancia porque define ás dúas mulleres: unha impaciente, que controla cada pequena tarefa, e outra submisa, que non fala máis da conta. O que non me parece que aporte é o dos sobrenomes; nunha historia máis longa, con máis xente, si, pero aquí o importante é a relación nai-filla e a frustración de Manuela que chega ó límite. Dáme igual de que viva dona Lola.

    “Bosque”
    É a historia da expectativa contra a realidade e do home tentando gobernar a natureza, levando a un a abandonar e ó outro á obsesión. Porén, á metade a lectura faise algo densa, perde forza por estenderse no mesmo e non acaba de recuperarse ó final.

    A imaxe de “Bosque” está moi ben conseguida, pero voto por “Nosa Señora dos Milagres” pola fluidez e a viveza das personaxes.

  8. ‘Nosa Señora dos Milagres’
    Gustoume, é unha historia doada de ler, en poucas liñas permite coñecer ben as personalidades das personaxes e as integra moi ben no contexto que crea. Sorprendeume o curso que tomou a historia e gustoume o final.

    ‘Bosque’
    Despois de ler o anteior, fíxoseme denso, pero plantexa un argumento moi interesante que convida á reflexión.

    Vou votar por ‘Nosa Señora dos Milagres’, xa que me regalou un bo ratiño.

  9. Os dous son bos e fíxoseme difícil escoller. Quizais Nosa señora dos milagres ten un dominio pluscuamperfecto do diálogo. Non se lle pode poñer ningunha pega. A ilusión pola viaxe (unha romaría relixiosa ao fin), é un anzol ben tirado no que picamos. Contrasta o devezo da rapaza coa pouca cousa que semella que é esa viaxe parroquial: o que deixa ben ás claras o cativerio no que está confinada. Un caso de escravitude e mal trato moi ben artellado. No bosque toda esa loita contra a natureza desbravada ten unha man detrás que é un xenio da narración: aí non falta nin sobra nada. O partido teño que desempatalo no tramo final, xa que onde “Nosa señora” bota man dun terreo coñecido, a morte vingativa, no segundo “O bosque” dáse un xiro máis para dicirnos que todo o que lemos, a loita da parella contra un terreo descoñecido e o xeito de afrontalo (vemos aí os seus devezos diverxentes), poida que sexa unha metáfora do inicio destrutivo. Do comezo do fin do seu amor.

    Voto polo Bosque

  10. De “Nosa señora dos milagres” sóbrame esta frase: “Chamábanlle así porque era a filla do construtor da vila e dende que morrera o artífice da fortuna familiar, había máis de vinte anos, vivía das rendas.” Creo que non aporta nada, máis ben afea o relato. Polo demais, non hai mágoa.
    “O bosque” coido que é unha moi boa idea á que lle habería que dar un par de voltas máis. Fáltalle edición. Borrar todo o que sobra e que cansa a lectura.
    Voto por “Nosa señora dos milagres”.

  11. De “Nosa señora dos milagres” encantoume a lectura trepidante, as pinceladas das personaxes que non decepcionan.

    De “O Bosque” gústame esa capacidade descriptiva, que crea unha atmósfera tan desacougante como prometedora.

    Moi ao meu pesar xá que as dúas historias merecen o voto, quédome con “Nosa Señora dos Milagres”.

  12. “Nosa señora dos milagres” indiosincrasia galega a tope. Miña naiciña, sentinme dentro dalgunha casa que coñezo. O diálogos son de dez, moi cribles e dinámicos. Con cada liña sabes algo máis. Eu tamén quitaría a frase que di Amador, é unha pedra aí no medio. O final non pode ser mellor.

    “Bosque” é un exercico narrativo moito máis elaborado. Un relato que precisa máis lecturas, que non arrinca risos pese a ter un pé moi preto da comedia. Realmente ese bosque é coma a casa de “Esta casa es un ruiína”, un escenario para probar un amor. Só que aquí non hai final feliz. Os bosques galegos teñen todos dentro un color que chegou do espacio. Non hai amor que aguante ir rozar o toxo.

    VOTO a “Nosa señora dos milagres” porque me sentín máis dentro desa casa que dese bosque.

  13. O meu voto vai para “Nosa Señora dos Milagres”. Encántame o final, se non mata Leliña á vella, mataríaa eu. A atmosfera do relato está moi coidada e leva a un final que a min non me sorprendeu, coido que é o que o público agardaba.

    “Bosque” fíxome sorrir de maldade. Que se fodan ese urbanitas que compran unha casa na aldea pensando que o céspede crece só. É un relato ben contado e ben escrito, pero só se pode votar por un.

  14. Nosa Señora dos Milagres

    A/O autor/a pinta tan mala a nai que me leva a pensar que é importante para el/a xustificar o seu asasinato. Non é doado atopar o equilibrio entre mostrar unha mente alienada ou acabar mostrando a unha psicopata. Un dos problemas do relato é que temos que conciliar duas versions da prota: a que pide ir á viaxe e a que xa o tiña todo preparado. O natural sería que a prota xa non pedira ir á viaxe e ver só o a recta final do seu plan. Mostrar esa ultima peticion é un artefacto semellante ó de recalcar tanto a maldade da nai. A pesar destas obxecions o relato funciona. Inda así eu aconsellaría desvelar antes os plans de Lela, así a pregunta tería tension de certo, porque o lector sabería que a nai está firmando a sua sentenza coa negativa. É moito mellor sempre darlle toda a informacion ó lector, non comprendo por que tanto esforzo en negarlle ó lector saber cousas que de forma natural debia saber, pois son cousas que bulen no pensamento da personaxe que se está traballando.

    Bosque

    Penso, igual que algúns dos comentaristas anteriores, que o relato non chega a funcionar tan ben como debería ou tan ben como prometía. Se os urbanitas tentasen domar á sua maneira o bosque e fracasaran, entenderiao. Pero os protas asesoranse ben, e limpar un monte non é tan imposible. Se o relato tirara por unha especie de realismo maxico e a pesar de darlle con todo o bosque resistira, tamen o entendería. En cambio, non vin unha direccion unica no relato, igual que tampouco está ben definido se o prota é el só ou os dous (esto é mais importante do que parece). Para min sobra a parte da explicacion das formas nas que tentan acabar co bosque e as referencias ós quimicos, daselle demasiada importancia a iso, a min descentroume, parece que os quimicos (o seu uso e os seus efectos) son o elelmento principal do relato.
    Penso que este texto habería que reescribilo tendo en conta a onde quere chegar a/o autor/a e quitando todo o que non sume forzas nesa direccion.

  15. «Nosa Señora dos Milagres»
    Se cadra ao relato fáltalle un pouco máis de traballo (poderíanse eliminar varias partes, como xa se apuntou) e corrección (xa apunta Leticia algunhas das cousas que habería que arranxar), pero funciona ben. Encántanme os diálogos, reflicten o peso do confinamento da protagonista e axúdannos a comprender o seu odio, incluso que vexa nunha viaxe parroquial (non se me ocorren moitos plans menos atractivos) un escape anhelado.

    «Bosque»
    O relato comeza moi ben, gústame o vocabulario empregado e como presenta a eses urbanitas que baten coa realidade e se ven abocados a pedir a axuda que non desexaban. Ademais, o paralelismo que traza co bosque e a relación da parella protagonista paréceme interesante. Porén, non me resulta críbel que ese bosque se abra camiño a pesar de todo. Tanto ten o descoñecemento dos urbanitas, unha vez que teñen ao da «medicina» traballando para eles ese problema debería desaparecer. Coido que funcionaría mellor se a pesar de lograr o que procuraban nun principio (que conseguen de forma fugaz no relato), comprobasen que esa concepción idealizada que tiñan do lugar non abondaba para tapar uns problemas de parella dos que non podían fuxir. Como se ese glifosato trazase un paralelismo coa viagra que trae de volta un vigor esquecido a unha parella que levaba tempo sen ter sexo, pero que unha vez pasado o ímpeto inicial comproban que iso non pode solucionar os seus problemas, que son dunha natureza diferente.

    Quedo con «Nosa Señora dos Milagres».

  16. No meu caso non me refería a que ao botarlle o herbicida o problema xa estaba resolto para sempre, senón que ao ter un profesional traballando para eles cando fixese falla debería abondar para ir atallando as reproducións do problema se (cando) xurdiren.

  17. Moitas grazas polos comentarios. Tomo cumprida nota de todo. Parabéns a Marisol. Moi bo retrato. Recoméndoche (ben, recomendo a todos) a última novela de Xesús Fraga, ‘Virtudes (e misterios)’, editada por Galaxia. Tamén fala dunha muller brava pero ben mellor persoa ca esta 🙂

  18. Boa noite e perdón por non responder antes. Grazas polos votos e as recomendacións. De seguro foi a sorte da principiante.
    Aínda que quede eliminada nesta primeira quenda, estes duelos son unha experiencia que recomendo a todos os que lle guste a escrita e a lectura.
    Gustaríame engadir que se o relato parece unha crítica, síntoo porque pretendía ser unha crítica total e absoluta. Matei varias pantasmas nun só relato e xa por iso prestoume un mundo … e aínda por riba o relato foi o máis votado. Que máis se pode pedir? Piedade para o futuro ; )

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *