Notas de urxencia antes do Nobel de Literatura 2023
Javier Nogueira.
Facer «Nobeloxía» é sempre un asunto complexo, máis se é de urxencia e nunha calorosa mañá de San Froilán. Nunhas poucas horas a decisión do comité que outorga o máis prezado galardón das letras universais deixará a quen isto escribe en ridículo con toda probabilidade. Malia todo, nunca se escribiu nada dos covardes, así que imos analizar e apostar en Biosbardia.
Dende que as casas de apostas entraron –tamén– no negocio do Nobel de Literatura hai unha pequena guía que utilizar. O problema é que non hai hordas de críticos literarios expertos no premio sueco dispostos a deixar os cartiños nas máquinas, polo que son os cidadáns –coma en todo o demais– os que marcan quen aparece como favorito nas apostas. É dende hai lustros o xaponés Murakami, a quen nunca se considerou serio candidato nos foros de especialistas, aínda que co pasamento este ano de Kenzaburo Oe quizais o comité lle dea unha volta ao seu nome.
Un movemento que si resulta interesante observar é o das subas fulgurantes ou as aparicións estrañas. Hai anos, a suba descontrolada de Svetlana Aleksievich anunciou efectivamente o seu premio, e o mesmo ocorreu con Olga Tokarczuk. Nesta ocasión ocorreu primeiro con Jon Fosse –que ten a favor ser noruegués, ser dramaturgo e o recente éxito da súa Septoloxía– e nas últimas horas coa novelista chinesa Can Xue, que ten publicada en español La frontera. Quizais o premio a esta última sería máis tolerado polas autoridades chinesas que o que puidese dárselle a Yan Lianke, perenne candidato e denunciante de escándalos como a extensión da sida no país pola venda de sangue. Sorprende a presenza de Gerald Murnane, un escritor australiano moi pouco coñecido en Europa, que vén de reemprazar o clásico candidato de Australia, o finado e magnífico Les Murray –e tamén a Peter Carey, autor da inesquecíbel Oscar and Lucinda–.
Un grupo de novelistas homes europeos espreitan o premio dende hai anos. Mircea Cartarescu pertence a un sistema literario, o romanés, que nunca recibiu o Nobel. No grupo de escritores que recibiron outros moitos recoñecementos durante a última década, teñen unha obra sólida e un perfil intelectual valorado podemos contar a Laszlo Krasznahorkai, António Lobo Antunes, Antonio Muñoz Molina ou o israelí David Grossman, aínda que nestes casos contan con precedentes na viaxe a Suecia.
Nunca se poden descartar sorpresas, pero a francofonía e a literatura africana recibiron os dous últimos premios, o que lles fai perder posibilidades a dous dos candidatos máis mencionados recentemente: Marysé Conde e Ngugi wa Thiong’o. Tampouco xoga a favor a súa idade, xa que a Academia Sueca tende a premiar autores e autoras menores de oitenta anos.
O mundo anglosaxón presenta múltiples posibilidades. Fálase moito de Anne Carson –a favorita de quen isto escribe xunto a Cartarescu– e tamén de Margaret Atwood, mais quizais o premio dado anos atrás a Alice Munro pese na súa contra. Posicionábase o xornalista Nico Carreira a favor de Ian McEwan, mais está moi preto Kazuo Ishiguro e non é sinxela unha repetición. Asunto distinto sería Joyce Carol Oates: non se premiou a ningún dos grandes novelistas estadounidenses posteriores a Saul Bellow –Roth, Updike– e o non perfil público de varios deles –DeLillo, Pynchon– facilitaría o recoñecemento á narradora neoyorquina. Por último, xusta sería a homenaxe a Salman Rushdie, mais son famosos os sabios suecos por non se mollaren en asuntos políticos dende a deportación de Solienitsin e semella que «os fillos da medianoite» quedarán orfos de novo.
Queda apenas unha hora para que todo isto quede nos terreos da ridícula especulación e a ávida curiosidade lectora. Porque xa saben que, no fondo, de literatura non sabe ninguén –e os apostantes ao Nobel de Literatura, menos–.