BiosBardia

O país dos libros en galego

Nova reivindicación de Otero Pedrayo: ‘Fra Vernero’

O autor inicia unha serie na que actualiza a recomendación da lectura das obras de Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976). Un bo xeito de ir facendo boca aos actos de recordo do seu 40º cabodano e introducir o debate sobre a vixencia dunha das figuras chave do galeguismo do século XX.

Xesús González Gómez.

Nunha entrevista publicada nestas mesmas páxinas o pasado mes de xuño, Jaureguizar, á pregunta de César Lorenzo: «Na listaxe de mitos falta un; vostede tamén fala moito sobre Otero Pedrayo» o escritor lugués contesta: «Como escritor, Otero Pedrayo só me produce bocexos. Cáusame certa tenrura a súa obsesión por querer manter en pé todo o léxico galego. Se hoxe se levanta e ve cantas palabras galegas se perderon… Pero si que lle recoñezo o seu gran papel por achegar a modernidade europea á literatura galega. El sempre porfiou en conseguir unha comunicación cultural co mundo sen necesidade de pasar polo castelán. Ese é un mérito que lle recoñezo». (Un oteriano cabreado tamén podería dicir que a literatura de Jaureguizar lle produce «bocexos», mais trataríase de discutir o «porqué» deses bocexos, tanto nun como noutro caso. Por outra banda, talvez non estaría de máis lembrar que segundo Susan Sontag, no seu primeirizo libro Contra a interpretación, o «aburrimento» era unha das características da literatura da modernidade).

otero-pedrayo-02No entanto, Jaureguizar recoñécelle a Otero o «seu gran papel por achegar a modernidade europea á literatura galega», papel que cumpriu de sobras (aí estaría, sen ir máis lonxe, Devalar, por non falarmos dalgún dos seus ensaios). Mais hoxe, como hai xa máis de trinta anos nas páxinas d’A Nosa Terra, volvemos a unha reivindicación de Otero Pedrayo, lonxe dos «bocexos» que lle poida producir a un ou outro lector, ou a moitos lectores. (Non esquezamos que hai quen se aburriu co Ulises de Joyce, cando é un libro divertidísimo. A min, por outra parte, aburriume soberanamente Unha confabulación de imbéciles, de J. K. Toole, considerada moi divertida por moreas de lectores.)

A nosa «reivindicación» de Otero vai vir dada por dous libros. Un publicado xa hai 81 anos: Fra Vernero. Outro cumprirá, no xaneiro próximo, cincuenta anos: O espello na serán (mantemos o título primitivo). Tanto dun como doutro existen versións, ou edicións, actuais: Fra Vernero foi reeditado en 1987, cunha revisión lingüística, e mesmo de puntuación, un pouco asasina e un «prólogo» de Álvaro Cunqueiro. A edición de Xosé M. Salgado de O espello… (Galaxia, 2000) foi máis, digamos, respectuosa. E non é que neguemos que se deban corrixir, dentro dunha «orde», os clásicos, mais nunca o seu léxico e, moito menos, a súa puntuación, a non ser que sexan grallas evidentes.

Esta reivindicación de Otero faise, xa que logo, a partir de dous libros ben diferenciados: unha novela en que Galiza non aparece por parte ningunha, e unha colección de «estampas» ou «viñetas» (en primeira instancia denominaremos así os diversos capítulos: 99[1]) que se centran en Santiago de Compostela.

A «recepción» de Fra Vernero non estivo no seu momento, nin cando a súa reedición, á altura da novela de Otero. Unha novela, porén, onde está, máis que noutras das súas obras narrativas, todo Otero. Nesta obra o escritor ourensán narra a vida (e obra) de Zacharias Werner, un romántico que acabou converténdose ao catolicismo. Nunhas poucas palabras, antes de entrar na novela, Otero explica como coñeceu o nome de Zacharias Werner e, xa, inicia a obra, que se divide en diversos capítulos, nove (a respecto do número de capítulos, remitímonos á nota 1), que son, tamén, ou ademais, unha introdución á Europa de finais do dezanove e inicios do vinte. Aparecen na novela todos os homes e mulleres do romantismo alemán, ao que, por dereito propio, pertencía Werner, algúns nomes da Ilustración, Goethe, o Emperador (é dicir, Napoleón), etcétera etcétera. Se nos catro primeiros capítulos o autor nos introduce e nos fala de Werner, no quinto, «Europa», estoura en todo o seu esplendor a Europa daquel xiro do século: vemos o italiano Foscolo, a Mozart, a Rousseau, a Voltaire, a Stendhal, a Benjamin Constant e Madame de Staël, a Fitche, a Schelling, os exércitos napoleónicos que son os exércitos da Revolución, a André Chénier, etc. Esta Europa que irá aparecendo tamén nos outros capítulos até, en certa maneira, desaparecer cando Werner, despois da morte da súa nai e outros acontecementos se converta ao catolicismo. Aquí faremos un alto.

Zacharias Werner naceu na noite do 18 ao19 de novembro de 1768 en Koenisgberg –a patria de Kant, outros do personaxes que aparecen en Fra Vernero. A súa nai era un pouco, digamos, delirante e acabou por se crer a Virxe Maria. Na súa cidade natal, na súa infancia, viviu mergullado no ambiente frenético que dominaba Koenisgberg, xa que era alá onde se reunían os magos máis famosos da Escola do Norte, a empezar por Hamann. Á idade de 24 anos, en 1792 é admitido na loxa masónica das Tres Coroas, na que colabora coa mellor vontade, mais o seu carácter racionalista e pietista só lle trae amargura e sequidade. Por un azar da súa carreira (era un empregado subalterno da administración de xustiza) é destinado a Polonia. Alí, o entusiasmo eslavo introdúcese nel e xulga que recibiu a misión de rexenerar a masonaría, de darlle a conciencia da súa misión. A súa loxa, como ocorre tantas veces, estaba paralizada nunha especie e filisteísmo ritual e abandónaa, facéndose nomear membro da loxa varsoviana do Chandelier d’Or. A «consciencia» da súa misión non lle impide choutar de muller en muller, de orxía en orxía, de loxa en loxa. Frecuenta e coñece a todos os que en Alemaña son considerados como escritores, a pesar de que a maioría das veces é acollido con reticencias. En 1803 publica a súa primeira e máis coñecida obra teatral, Os fillos do Vale, da que dará unha versión corrixida en 1807. A obra, segundo os críticos, é fabulosa e indixesta, é dicir, non hai cristo que a trague, mais é, tamén, un compendio do pensamento ou ideoloxía de Wener, da gnose masónica segundo Werner. A obra, no entanto, presaxia a conversión ao catolicismo do seu autor, xa que este, semella ser, quería catolizar a masonaría. Finalmente dará o paso e converterase, aínda que nunca renegou do seu pasado (simplemente, sen problemas, asumiuno) e en 1813 daralle as grazas á masonaría por facer del o que é. O 16 de xullo de 1814, Werner, que entre tanto adquirira un certo renome polos seus dramas, entrégase aos traballos e ás tracas da elocuencia sagrada. Predicador glorioso, morre en Viena o 17 de xaneiro de 1823[2].

Esta é a historia do home cuxa vida e, sobre todo, conversión ao catolicismo noveliza Otero. Os últimos capítulos do libro están dedicados, precisamente, aos movementos cara á conversión de Zacharias Werner, Fra Vernero, finalmente.

Nesta novela, como di Carlos Casares na biografía que lle dedicou a Otero, narración hai pouca: trátase, como ben vira Álvaro Cunqueiro na recensión que publicara no Grial 52 (número de homenaxe a Otero) e que vai como prólogo na reedición de Galaxia, máis ben de evocar a Europa, e os homes e as mulleres que a habitaban e as ideoloxías e filosofías que a conformaban, daquel entre dous séculos. Otero bota unha ollada dupla sobre aquela Europa. Por unha parte, e curiosamente, ama os exércitos da Revolución: «Un exército francés espido, miserento, de mociños mandados por un xeneral de vintetantos anos. Un exército onde se ría. Os soldados da Revolución devolveron aos italianos o don da risa […] Entraron no maio de 1796 e dende aquela noite houbo risa en Milán […] Os milaneses riron despois de moitos anos de seriedade imposta e os poetas puideron cantar a Liberdade e honorar a lembranza de Vittorio Alfieri»; por outra, odia o que representa Robespierre, é a estampa titulada «1794», que evoca o guillotinamento do poeta André Chénier. Por unha parte nos fala da cabaleirosidade dos exércitos de antes da Revolución («Messieurs les gardes françaises, tirez») mais, como dixemos, lembra que nos exércitos da Revolución se ría. Por unha parte, ou por toda, a novela é a historia dunha conversión ao catolicismo –o catolicismo atravesa toda a novela– e por outra grandes inimigos do catolicismo, da relixión, aparecen amados polo narrador: Kant, Hegel, Hölderlin, Goethe, Voltaire e, sobre todo, Rousseau (a cuxa morte: «Non badelan as campás. Non fai a Academia necroloxía. Choran en troques os salgueiros de Ermenonville.// Por onde foi, deixaba un amor nos arboredos, nas herbiñas, nas hedras das paredes. Non as asasinaba cos nomes latinos dos botánicos da facultade, nin procuraba nelas remedios de botica, nin esgotaba o ulido das flores […] Xoán Xacobe quixera facer da amizade un coloquio de flores. El esparexía ulidos de campía labrega encol do espiñento xardín dos literatos e a súa barba levaba un aire de montaña e de peregrinaxe nos maliciosos areópagos das facianas rapadas e das pelucas escolásticas ou etiqueteiras. Fracasada a vida, aceda a mordedela do pecado aceso na adolescencia, sempre compañeiro como un cancro, apoupeado polas moitedumes católicas ou evanxélicas, Xoán Xacobe alongaba a inocencia da hora derradeira na illa de Saint-Pierre […] Os salgueiros de Ermenonville deitan prantos amorosos no outono e pensan mirar no centileo da estrela do serán á paixón da Nouvelle Héloise»). Como afirma Cunqueiro nun texto de antoloxía, «[…] en Fra Vernero está a máis ampla, dorida e gozosa á vez, sabia e profunda, ollada de Otero Pedrayo sobre Europa, os pobos, as ideas, emocións e momentos que a formaron. E pode rematar un estas liñas preguntándose quen, no noso tempo, con tanta beleza, podería facer outro tanto».

Poderiamos tamén, xa o fixemos nuns curtos apuntamentos («Releitura de Fra Vernero», Grial 90) falar da pegada, ou influencia, da escrita de Arthur Rimbaud na escrita desta novela de Otero. Ou poderíamos iniciar, o que non faremos, unha esculca que talvez nos levaría a ver en Fra Vernero un inicio das técnicas narrativas que alcanzarán o seu apoxeo en Otero en Devalar. Ou ver nesta novela un longo poema narrativo. Ou mesmo anotar que certas frases son alexandrinos ou hendecasílabos perfectamente conscientes. Ou, por que non?, a partir de certas frases, de certos apuntamentos desta novela, argallar a hipótese de que para Otero a música era a máis perfecta das formas. Ou, como divertimento, a partir das súas anotacións, teorizar, ou facer hipóteses, sobre os viños de Europa. Ou sinalar que talvez a novela naza de certos artigos que Otero publicou en El pueblo gallego nos anos 1930 e que están recollidos, algúns, en Prosa miúda. Artigos non coleccionados (1927-1934), Sada, Ediciós do Castro, 1988, edición, máis que discutíbel, de Aurora Marco –véxase, por exemplo, «Dous diareos: Novalis e Constant», pp. 63-64. Ou, para non alongarnos máis, ver nesta novela a eclosión do romanticismo en Galicia (se consideramos o romanticismo, como o barroco ou, posteriormente, o surrealismo como un movemento de longue durée, como o consideramos nós[3]). Do romanticismo literario e mesmo de certo romanticismo político, aquel que pregoaba, non unha volta ao pasado, senón desde unha perspectiva pre-capitalista unha superación do capitalismo, como en Rosalía, para conformar unha república campesiña, que era o ideal político de Otero… e de tantos outros[4].

Fra Vernero non é só o compendio, ou a síntese, do pensamento (ideoloxía?) oterián, non é só máis unha novela política que unha novela con política, non é só un longo poema narrativo, sendo todo iso é tamén unha excelente novela, aínda que a alguén lle poida producir «bocexos». Fra Vernero, achamos, é a novela peor lida de Otero e, para nós, até o de hoxe só tivo un lector á súa altura: Álvaro Cunqueiro e, talvez, o anónimo editorialista de El pueblo gallego que o 3 de xaneiro de 1935, no editorial titulada «Capacidad del idioma vernáculo», escribía, entre outras cousas de vital importancia para Galicia e o seu idioma naqueles e mesmo hoxe, o seguinte: «Fra Vernero certifica ahora la capacidad expresiva de nuestro idioma. Y este es el hecho que deseamos remarcar…»

[1] A respecto do número de capítulos, os amantes dos símbolos poden facer as súas cábalas a partiren do significado simbólico do número 9 e do significado simbólico dos números de dous cifras. Só lembremos que para Cirlot (J.-E. Cirlot, Diccionario de símbolos, Barcelona, Labor, 1978), entre outras cousas, o 9 significa «imaxe completa dos tres mundos» e, lembra, que para os hebreos o 9 era o símbolo da verdade, tendo a característica de que multiplicado se reproduce a si mesmo (9×9=99), e que nos números de dúas cifras existe unha relación entre eles, de esquerda a dereita.

[2] Estes datos biográficos están tirados de Albert-Marie Schmidt, «Zacharias Werner e a gnose masónica», publicado en Le romantisme alemán. Études publiées sur la direction d’Albert Beguin, París, Bibliothèque 10×18, U.G.E., 1966.

[3] «Consideración» tirada despois das lectura de Michael Lowy & Robert Sayre, Révolte et mélancolie. Le romantiste à contre-courant de la modernité, París, Payot, 1992 (Lisboa, Livraria Bertrand, 1995) e revista Europe, nº 900, Abril 2004, «Le romantisme Révolutionnaire», número ao coidado de Michael Lowy & Max Blechman. Para un resumo do romanticismo como movemento de longue durée, ver «Romanticismo y Revolución 1789-1815, en Roland N. Stromberg, Historia intelectual europea desde 1789, Madrid, Editorial Debate, 1990, pp. 25-81, e no mesmo libro o acápite «El romanticismo social y la Revolución de 1848», do segundo capitulo «El nacimiento de las ideologías», pp. 137-146

[4] Non imos continuar por este camiño, hoxe, porque un pode acabar preguntándose se o nacionalismo, o rexionalismo no XIX, o nacionalismo nos seus inicios e mesmo até 1931, non se insire  «nunha tendencia cultural moito máis vasta que está ligada a unha mutación socio-histórica fundamental de grande envergadura: a aparición –progresivamente a nivel mundial– dunha sociedade rexida de arriba a abaixo polo mercado e na que os diversos valores cualitativos das sociedades “tradicionais” que a precederan son substituídos polo único valor cuantitativo do diñeiro. Ante esta “marcha” da historia, houbo quen aceptou o status quo na súa globalidade; houbo os que o negaron ou criticaron en nome da modernidade ou de certos dos seus valores (a razón, a ciencia, o individuo) e outros que negaron e criticaron a aparición do “mercado” en nome do que encerraba un certo pasado, mesmo se non se desexaba a súa reconstrución ne varietur (Löwy &Sayre, Révolte et mélancolie…, op. cit.) Aquí, talvez, deberíamos incluír a Otero e… o nacionalismo galego até unhas datas determinadas (fóra, claro, das excepcións individuais).

 

One thought on “Nova reivindicación de Otero Pedrayo: ‘Fra Vernero’

  1. Súmome á reivindicación que fai o amigo Xesús González Gómez de FRA VERNERO, e de toda a obra do Otero Pedrayo. Para Otero sempre hai un espazo, mesmo nun blog onde principalmente se fala de política, como é o caso de “El voto con botas”. Iso si, dun xeito mais humilde. Saúdos.

    http://elvotoconbotas.infolibre.es/?p=25086

    detective crepuscular en 9 octubre, 2015 en 4:00 PM dijo:
    Escrebe o David Torres sobre a premio Nobel de onte e o premio Nobel de sempre (http://blogs.publico.es/davidtorres/2015/10/09/alexievich-nobel-al-periodismo/) e lévanos, como non, á discusión de todos os anos e á nómina dos escritores mais grandes do século pasado que non o receberon e mesmo aos que nunca lle perdoaremos que non llo deran. Menos mal que pon pontos suspensivos e di que poden “estirarse a voluntad, según el panteón…”. E os 4 que cita e polos que nunca lle perdoará ao comité… podíamos estiralos tamén a 40, 400 ou 4000. Unha das discusións esta coas que nos iremos á tumba sen resolver. Eu, que subscrebo muitos dos escritores citados polo David Torres, e por non sair do ámbito galego ao que me referín onte, nunca lle perdoarei… que non llo deran a Otero Pedrayo, Blanco Amor, Cunqueiro, Castelao… Bueno, a Otero Pedrayo mellor imos deixalo fóra de todas as listas porque é imposíbel que exista unha literatura que poda absorbelo. Nen unha, nen todas. Non estou mui ao tanto, pero creo que a única novela do mestre recomendada no ensino é ARREDOR DE SI. E os demais Otero(s) Pedraio(s), ese “Parladoiro” maxistral que non hai maneira de abarcar pola sua desmesura barroca e grandeza enciclopédica? Hai comité do premio Nobel que poda xulgar unha obra tan fóra de toda regla literaria pola sua grandeza descomunal? Teño por aquí O ESPELLO NA SERAN e dame non sei que o abrilo por calquer páxina porque non sei se estaremos preparados para tanta beleza e profundidade.

    “El polaco (Kapucinski), tras el argentino (Borges) y el británico (Greene), se sumaba a una larga y extraordinaria lista de no premiados donde pululaban algunos de los escritores más grandes del pasado siglo: Franz Kafka, James Joyce, Rainer Maria Rilke, Vladimir Nabokov, Constantin Kavafis, Isak Dinesen, Thomas Bernhard, Agota Kristof, Ezra Pound… Los puntos suspensivos pueden estirarse a voluntad, según el panteón más o menos intocable de agraviados que cada amante de las letras guarda en la recámara. Personalmente, nunca perdonaré al comité del premio Nobel que ignorase repetida y deliberadamente a Julio Cortázar, a Anthony Burgess, a Italo Calvino y a Stanislaw Lem.” (David Torres)

    detective crepuscular en 9 octubre, 2015 en 4:27 PM dijo:
    Decídome a abrir O ESPELLO NA SERAN e leo no primeiro capítulo sobre Compostela, si, porque o libro vai sobre Compostela, ou sobre a eternidade da pedra, ou sobre o tempo que pasa e se agocha nos recantos da pedra perdurábel. ou sobre o que se queira que vaia.

    “Ela ordea e concede feitío ó longo chover, que se debruza entre canso e impacente ca arelanza de conquerire unha seguridá vencedora so seu cansancio case infindo. Como as língoas nos fondos alboredos dos povos, agardan tamén pola roseira de abrente da Poesía. O lume acouga e faise, sin tempo, íntima paixón, descobríndose sempre novo na cristaizada friaxe da pedra. Vive engaiolado nos espellos arquitectónicos, atesóurase nos ouros barrocos, vence ó tempo na chama dos cirios. E o ár requinta a sotileza da outura, da gandra, ca doce mestura dos vales e a lei de podentes fonduras largacías do Atlántico. No Xiro compostelán o ár pousa, polemiza, láiase, maxina, en carballeiras, compón xogos co luar e as nubes nas prazas grandeiras e nos craustros, profesa no saber platonizante das torres. Elas deitan i espellan sempre o esquema lóxico dos desvelamentos e memoranzas. E o ár, sixeito á lei das campás, responde como bon crerc e compañeiro.” (O ESPELLO NO SERAN, R. Otero Pedrayo)

    Pensar que este é apenas un pequeno fragmento dun libro de letra miúda e de 358 páxinas. Mellor fechalo para que o premio Nobel siga o seu curso de trofeus conxunturais. E quen di Otero di, por exemplo, Castelao, que só algún dos seus contos do libro de contos COUSAS merece todo un Nobel. Arrecarallo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *