BiosBardia

O país dos libros en galego

Novas obras de Carlos Casares, con Torrente Ballester ao fondo

Gonzalo Torrente Ballester, á esquerda, con Carlos Casares. LUZES.GAL

Xesús González Gómez.

Leo, de corrido e un despois do outro, O suicidio de Jonas Björklund e otras historias e mais O expreso da literatura e outros ensaios, ambos de Carlos Casares e ambos editados por Galaxia no 2017, o primeiro a cargo de X. M. Soutullo e o segundo de Henrique Monteagudo.

O suicidio de Jonas Björklund… reúne os «contos» de Casares non recollidos en volume autónomo polo propio autor; é dicir, reúne contos publicados en revistas, en libros colectivos e mesmo en programas de festas. Engadamos que moitos dos contos, senón todos, que se recollen incluíronse en Carlos Casares: Narrativa Breve Completa, publicado en 2012 por Libros del silencio, editorial que dirixía, e da que era propietario, o cedeirés Gonzalo Caneda, morto subitamente, o que foi unha desgraza para as nosas letras, pois estaba disposto a publicar traducións dos nosos autores máis interesantes. Tamén se recollen diversos contos (sete) escritos directamente en castelán: os contos en galegos son xustamente o dobre: catorce.

Non é que estas narracións, algunhas delas puro compromiso, engadan nada novo á narrativa de Casares, mais era necesario publicalas en volume, xa que desde Os escuros soños de Clío (1979) o escritor ourensán non volveu entregar ningún libro de relatos, talvez porque albiscaba que a súa xeira como escritor de contos estaba «superada», ou talvez porque xa non se sentía ben dentro do relato curto, vaian saber vostedes. Casares, sabémolo todos, entregou dous libros de contos: Vento ferido (1966), o seu primeiro libro, e o xa mencionado Os escuros soños…: entre un e outros pasaran trece anos, e, como demostran os relatos incluídos neste novo libro do que estamos a falar, nestes anos, as concepcións «temáticas» dos relatos en Casares variaron fondamente: deron un xiro de case 180 graos. (En realidade, desde 1970, cando publica en El Urogallo o conto, aquí recollido, O lagarto de pedra.) Expliquémonos. Se este último conto (O lagarto…) podía doadamente incluírse, pola temática e o ton, en Vento ferido, os outros textos máis ou menos narrativos nada teñen a ver con este libro de Casares, en cambio a súa maioría podería incluírse, sen dificultades, nunha edición ampliada de Os escuros soños… Para acabarmos: un libro útil e necesario máis que nada engade á obra de Carlos Casares, a non ser que a alguén lle dea por estudar o porqué dese cambio narrativo no escritor ourensán, no que se refire ao relato curto ou conto, porque polo que respecta á novela, a obra de Casares, con cambios evidentes, é case que rectilínea. O prólogo de X. M. Soutullo é sucinto e, como el quixo, puramente informativo sen entrar en máis lerias. Por outra parte, o presente volume indúcenos a unha pregunta: Por que o «exitoso» autor de Vento ferido abandonou, despois da publicación de Os escuros soños… o cultivo do relato curto? Entendeu que xa non lle sairían relatos «redondos» como lle saíran ou, como Anthony Burgess, chegou a pensar que «a narración breve é, polo xeral, unha boa novela desperdiciada, porque, cando os personaxes e o escenario están fixados, é case cando hai que deixalos» (A. Burgess, La vida en llamas. Biografía de D. H. Lawrence, Barcelona, Ediciones B, 1985, p. 81)

C’O expreso da literatura e outros ensaios quíxose recoller nun volume textos e conferencias de Casares maiormente dispersos en volumes colectivos ou nunca publicados. Algúns dos textos foron escritos, ou ditados, en castelán, e con bo tino Henrique Monteagudo restitúeos ao galego. Monteagudo, que é, como dixemos, o editor do volume, colócalle un limiar titulado «”Algo así”: o ensaio narrado»: non imos entrar en lerias nin polémicas, mais iso de «ensaio narrado» sería un sintagma moi propio para discutir: como se poderír discutir, por exemplo, denominar os diálogos platonianos como filosofía teatral. Por outra parte, algúns destes escritos máis que ensaios son crónicas ou lembranzas, pero en todos hai un proído narrativo que os fai de grata lectura.

O volume recompila dezaseis escritos nos que se fala de viaxes, escritores (galegos e non), de cidades, do futuro da lingua, etc. Un pode estar ou non de acordo co que di Casares, mais nunca poderá afirmar que o engado da escrita non o atrapa. A medida que o lector avanza na lectura, semella mais ben que estea a escoitar a voz do autor, que intenta engaiolalo, atrapalo nas súas redes. Mais algúns dos «ensaios» teñen o seu «aquel»: por exemplo, o escrito «A dobre morte de Albert Camus»: pode o lector pensar que todo o escrito é unha gabanza do escritor francés: ao final decátase, porque o mesmo Casares o di, que cando Camus morreu, nun «estúpido accidente de auto», como escribiu Sartre na súa necrolóxica, o francés estaba, como escritor, esgotado («Unha morte absurda, pero con sentido: Albert Camus estaba morto desde moito antes», escribe o ourensán: gustaría saber se pensaba que, tamén, politicamente estaba o francés morto xa antes de morrer). Outra cousa era a súa, digamos, posición moral (a de Camus), coa que se pode non estar de acordo, pero que non se pode desbotar coa facilidade coa que podemos desbotar a súa obra literaria, que, no fondo, é pouca cousa.

Un dos escritos, para min, máis interesantes do volume é «A poética do absurdo»: en certa maneira penso que está a falar da súa propia «poética». Outras veces, como a todo o mundo, a amizade, pérdeo, aínda que non do todo. Trátase do escritor «Gonzalo Torrente Ballester: o escritor, o amigo». Segundo Casares, Torrente era consciente de que a súa obra acabara nos anos setenta, como moito, e que continuaba a escribir sabendo que as súas novelas xa non eran o que foran as anteriores. É lícito que un escritor publique unha novela sabendo que é inferior á(s) anterior(es) que publicou? Lícito e normal é, mais en verdade non pagaba a pena. Continuemos con Torrente. Escribe Casares: «Un día pregunteille acerca deste asunto, pregunteille porque se fixera franquista. Contoume que antes da Guerra Civil fora membro do Partido Galeguista, que fora unha figura relativamente importante (!!), pois aínda era novo, dentro deste partido. Logo foi a París e a guerra sorpréndeo alí. Como estaba casado e tiña fillos, regresa a España, a Galicia en concreto, onde non había guerra. Chega a Ferrol e alí decátase de que os falanxistas o buscan para matalo porque era membro dun partido autonomista. Entón un sacerdote amigo dálle un consello: “Incorpórate á fronte inmediatamente para salvar a túa vida”. E incorpórase á fronte». Casares dá por verdade as palabras de Torrente: en tan poucas palabras e tantas medias verdades e tantas mentiras! Torrente pertenceu un tempo ao Partido Galeguista… até que foi expulsado: «Así sucedeu [expulsión fulminante de todo afiliado ao PG que non acatase as decisións do partido ou se enguedellase con outras forzas políticas], por exemplo, con Gonzalo Torrente Ballester, afiliado nun principio ó Grupo galeguista do Ferrol, que foi expulsado por manter contactos coa Falange. Declaracións de Xosé Pombo, Santiago» (in Xavier Castro, O galeguismo na encrucillada republicana II, Ourense, Publicacións da Deputación de Ourense, 1985, p., 832, nota 666; tamén aquí). É dicir, en xullo de 1936 Torrente non pertencía ao PG. Incorporouse Torrente á fronte en 1936? Non: Nunha orde de novembro de 1938 mándase que se presenten na Caixa de Quintas do Ferrol individuos que foron declarados inútiles totais ou parciais, e aqueles que foron declarados aptos só para servizos auxiliares: nesa orde aparece o nome de Gonzalo Torrente Ballester. O que tamén é certo é que en novembro estaba en Ferrol e en decembro xa participa nos mitins argallados pola Falange e as JONS a prol do «recrutamento de voluntarios» ao tempo que aparecen as súas primeiras colaboracións na prensa franquista. E lembremos o que escribiu, nesta mesma web, Enrique Acuña no seu traballo Noticia de Pedro Guimarey, dramaturgo de éxito asasinado no 1936: «A memoria que se conservou baixo silencios de décadas sitúa un cura como o delator principal de Pedro Guimarey, e unha escuadra de falanxistas —grupo no que a retentiva familiar sitúa entre os seus integrantes a Gonzalo Torrente Ballester— como a culpable dos feitos que remataron cunha execución irregular tras ser “sacado” de prisión. Pedro Guimarey sería fusilado no cemiterio de Canido e a súa morte, a instancias da policía, foi inscrita o 20 de setembro de 1936». Se a memoria da familia de Guimarey non falla, en setembro de 1936 Torrente xa estaba na Falange. Noutras palabras, que cando chegou a Ferrol desde París, os falanxistas non o buscaban para nada e menos para matalo: foi el quen buscou a Falange; e se en setembro non se incorporara á fronte, incorporouse algunha vez? Moito habería que falar de Torrente, e outros ex falanxistas (?) que, en realidade, nunca renegaron do seu tempo fascista. [Como Luis Rosales, Laín Entralgo, Dámaso Santos e outros demócratas de «toda a vida»: sobre estes demócratas e outros, recoméndolle ao lector os libros: Luis Negró Acedo, Discurso literario y discurso político del franquismo, Tres Cantos, Foca, 2008 (que estuda polo miúdo os retoques que Torrente fixo nas novas edicións de Javier Mariño para tirarlle no que puidese a súa ideoloxía fascista) e Eduardo Iáñez, No basta conquistar. Propaganda y política cultural falangista: el grupo de Escorial (1936-1986), Gijón, Ediciones Trea, 2011, libros nos que se poñen os puntos sobre os is a autores revisionistas como J.-C. Mainer, Jordi Gracia ou Jordi Amat, entre outros: do último libro é máis que interesante o capítulo 7: «Ascensión y ruina del “falangismo liberal” (1967-1986): de la política a la literatura y viceversa», que conta con acápites como «Más difícil todavía: la desideologización de los ideólogos falangistas de Escorial (Mainer 1967-1971)», ou «La apoteosis del grupo de Escorial: su contribución a la «normalización» democrática (Elías Díaz, 1973-1983»; por non citarmos a segunda edición da clásica, Historia de la literatura fascista española I e II, De Julio Rodríguez Puértolas, Tres Cantos, Akal, 2008.]

Seguindo a Torrente, a amizade sempre é un valor, Casares afirma que autor de La saga/fuga… rompeu co franquismo en 1962, cando asinou o escrito sobre a represión en Asturias. De resultas dese escrito, foi expulsado como profesor da Escola Naval de Marín e eliminado do elenco do xornal Arriba, do que era (desde Pontevedra!) o crítico oficial de teatro do órgano oficial do Movimiento. Tampouco foi así do todo: Torrente non rompeu radicalmente co franquismo: en 1964, en outubro, por exemplo, dita unha conferencia no Círculo Medina da Sección Femenina (da Falange), de Vigo; en 1966, nun libro, publicado en italiano e dedicado a España con prólogo do ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, Torrente Ballester escribe o capítulo dedicado á literatura; á arte, por exemplo é estudada polo galego, Carlos Areán, a investigación científica, por Otero Navascués, a educación por Joaquin Artigas, todos eles conspicuos franquistas mais ou menos «abertos», dentro da orde: o libro estaba pagado polos servizos de propaganda do Estado Franquista; tamén foi elixido para dar cursos nos moi oficiais «cursos para estranxeiros», foi pregoeiro da festas da Peregrina de Pontevedra en 1969 ou 1970, etc. En fin, que Torrente lle vendeu unha moto a Casares e este comprouna, inocentemente. Cómpre non esquecermos que case todos eses falanxistas que afirmaron despois que romperan co franquismo (deixemos á parte o nome de Dionisio Ridruejo), seguiron colaborando, e cobrando excelentemente, en revistas como Cuadernos Hispanoamericanos e outras, e nas denominadas universidades de verán ou en «cursos para estranxeiros». En fin, talvez estará de máis lembrar que en 1995 pronunciou, desde o balcón do edificio do Concello de Salamanca, aquilo do «justo derecho de conquista» para que os papeis incautados as institucións (e a particulares) catalás quedasen a cidade leonesa. Logo, nun artigo en El País, intentou quitar ferro ao asunto, pero o certo é que, simplemente, o seu «subsconciente» o traizoou.

O expreso da literatura é un libro interesante que se le, como todo Casares, con facilidade, aínda que esa facilidade encerra certas dificultades, como é descubrir, entre o humor (como ben afirma Monteagudo, o escrito dedicado a Xan da Coba é un dos máis «escacharrantes» da literatura galega), as lembranzas, a memoria, a oralidade, a poética narrativa de Casares, que está inscrita na maioría destes textos.

Con estes dous novos volumes pódese dicir que o lector galego ten ao seu alcance case as obras completas de Carlos Casares (non entendo por que no volume dedicado aos «ensaios» non se incluíu o traballo «O Desastre de 1898 e os escritores galegos», publicado no numero 137 de Grial, xaneiro-febreiro-marzo de 1998, a non ser que estea incluído noutro libro do autor e eu non me decatase, así como outros traballos máis ou menos ensaísticos publicados maiormente en Grial. Talvez o compilador pensou que estes traballos non entran dentro do apartado de «ensaio narrado» e se prepare outro volume con estes e outros escritos casarianos). Agora só falta que a Editorial Galaxia entregue a correspondencia do autor de Ilustrísima. Segundo unha lenda urbana, publicou Os escuros soños de Clío nas Edicións do Cerne porque o director desta editorial, naquel momento Luís Mariño, quería publicar as cartas que Casares lle enviara desde Suecia, que lle parecían excelentes: o escritor ourensán díxolle que non e en troques deulle o orixinal do devandito libro de relatos.

One thought on “Novas obras de Carlos Casares, con Torrente Ballester ao fondo

  1. Polo que eu sei GTB non deu clases na ENM de Marín, senón que onde as deu ata as xornadas de represión en Asturias foi na Escola do Alto Estado Maior, clases de Historira, pra maior concreción. O resto é tal e como ti dis e non está de máis sabelo. Algún día o mesmo che conto algunhas cousas. Con Cercas, que xa vexo que non é da túa predilección literaria (nin da miña) pasei unhas longas horas, creo que foi en Turín, falando de GTB. Ignoro se publicou o que sabe e algo do que eu lle contei, pero se o fixo acaso che resulte de interés lelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *