Novelas con política, novelas políticas. Apuntamentos para un ensaio
Xesús González Gómez.
Primeira entrega dun traballo ao redor do tema que aparecerá desenvolvido en Biosbardia a partir do outono do 2015.
Todos sabemos que todo é política ou que a política está en todo. Alá polo xa afastado 1974, o gran Néstor Luján, director in pectore da revista Destino (non podía selo de facto pola lei franquista que obrigaba a que os medios de comunicación tivesen un director que fose xornalista: vexan os curiosos, ou non se lembren da lei franquista, números de Grial publicados a partir de 1965: verá quen era o director, ou quen foron os directores até a desaparición da devandita lei: algún deles non escribiu unha liña na revista); ao que iamos, dicía Néstor Luján, cando lle deu un xiro de case 180º á revista Destino, que estaba politizada até a auga mineral. Tan politizada que, ao cabo de poucos meses, o propietario da revista, o ex-honorábel Jordi Pujol, o defenestrou, coa complicidade de quen sería o seu lacaio (o que non quita que fose un bo novelista), Baltasar Porcel. A historia é longa, e, digamos, a profesión xornalística catalá solidarizouse con Luján, o mesmo que a maioría dos colaboradores da revista (incluído Cunqueiro, quen volveu ao cabo duns meses, logo, supoño, dunha consulta co seu íntimo amigo Luján, que fora quen o introducira en Destino a partir de 1960, e tamén en Sábado Gráfico e El Noticiero Universal, así como na feira anual sobre alimentación e utensilios do fogar que se desenvolvía en Barcelona e se denominaba Hogarotel, feira na que o escritor galego ditou diversas conferencias), que deixaron de enviar os seus escritos a esa publicación. O cambio que lle dou Porcel levou a que a revista perdera miles de lectores e subscritores e que, finalmente, coa chegada da democracia acabara desaparecendo. (Contan as lendas urbanas catalás que o vello Josep Pla avisou a Pujol: “Teña coidado con Porcel, acabará por facer desaparecer a revista”, como así foi.)
Todo este prolegómeno non é máis que o recordo dunha batalliña que se desenvolveu hai máis de corenta anos, recordo de alguén que lembra vellos, e malos, tempos. O que queriamos ir é á frase de Luján. Se está politizada a auga mineral, que é o que non está politizado? Todo é política aínda que non todo sexa político (Volvendo ao exemplo de Luján: a auga mineral está politizada, con ela se pode facer política, mais en si, como “obxecto”, digamos, non é política, e perdón polo exemplo, un pouco basto.) Todo está politizado. No bo e no mal sentido da palabra. Se todo é política, se todo está politizado, a literatura tamén, sabémolo desde hai séculos. Calquera texto, calquera xesto, calquera acto, guste ou non, son política, mais, son políticos? (ver nota 1)
Na maioría das novelas que teñen como fondo a guerra civil, esta, a guerra, é só un pretexto, non o “tema”
Se todo xesto, todo acto, toda escrita son política, como se pode falar de novela política ser caermos nun pleonasmo? (Literatura política, convencionalmente ou por convención, sería aquela que se dedica a falar de política, os escritos directamente políticos, etc. –é dicir, sociais, económicos e culturais; ou, se se quere, e matizando case até os límites, literatura política serían os escritos dos políticos “profesionais”.) Se toda escrita é política, temos que convir que toda novela é política, aínda que non trate de política directamente. Por que, entón, falamos de novelas, ou poesías, ou obras teatrais, políticas? Porque nesas novelas, ou neses poemas, ou obras teatrais (deixemos, de momento, de lado, as artes da “imaxe”: pintura, cine, televisión, video, etc., xa volveremos) se fala de “política”.
Poderiamos, agora, facer unha listaxe das novelas “políticas” que inzan o territorio narrativo galego, que son bastantes, e máis se temos en conta aquelas que desenvolve a súa “trama” na guerra civil; mais non o faremos, deixaremos esa listaxe para outra entrega, a pesar de que a nosa exposición-reflexión poida, digamos, resentirse.
Novelas con política
Ao falarmos de novela “política” cometemos, acho, un erro. Grande ou pequeno, iso xa se verá. Un erro que, en principio, pode semellar insalvábel, mais que debemos procurar corrixir. Polo tanto, velaí unha primeira hipótese. Baixo a etiqueta de “novela política” amalgamamos, normalmente, moitas e diferentes novelas (e, por agora, esquezamos a “visión” ou a “expresión” política da novela), mais cando falamos de novela política sempre adoitamos referirnos a novelas en que esta actividade está presente de modo “palmario”. E aquí cometemos o erro de que falabamos. A maioría das novelas que consideramos políticas non son novelas políticas, son, simplemente, novelas con política; poucas delas son novelas políticas. E é que cando se fala de novela política pártese, acho, dun erro de inicio. Pénsase, pensamos, que novelas políticas son aquelas que desenvolven un tema político ou un acontecemento político, ou nas que a “política” ou acontecementos políticos son parte importante do desenvolvemento da novela, ou son un resorte, ou un dos resortes, da “trama”. Erro que, por exemplo, tamén se comete cando se fala de novelas da guerra civil. Na maioría das novelas que teñen como fondo a guerra civil, esta, a guerra, é só un pretexto, non o “tema”, xa que máis que tratar da guerra civil usan desta como escusa para novelas máis ou menos violentas, de intriga ou, ás veces, puros westerns de vinganzas persoais. Cando non, véxanse as novelas de Antonio Muñoz Molina sobre o “tema” (La noche de los tiempos, como modelo e paradigma), longos exercicios retórico-ideolóxicos nos que o autor parte desde o inicio dunha ideoloxía dada para darlle a razón a esa ideoloxía tanto no desenvolvemento (literario e político) da obra como no seu “desenlace”, etc. É dicir, as opinións privadas do autor en materia política teñen unha relación fundamental e marcan significativamente o contido da súa obra, por dicilo con palabras de Adorno.
Esta sería, xa que logo, a primeira hipótese: novelas con política e novelas políticas. (Neste aspecto, a poesía é diferente da novela: en poesía, se se esquece a solidariedade entre o poética, ética e político, esquécese tamén o suxeito e, polo tanto, a representación da sociedade, unha maneira de pensar a colectividade, o feminismo, etc… e tamén o eu do poeta… e do poema. Polo tanto, nestas liñas non falaremos da poesía, porque a poesía, xa nolo dixo no seu día John Berger, “Non nos podemos fiarnos do futuro. O momento da verdade é agora. E cada vez será máis a poesía, e non a prosa, a receptora desta verdade [que o mundo entre en razón, porque a razón, ao cabo, está a carón da historia]. A prosa é moito máis confiada que a poesía; esta fala á ferida inmediata. (…) Cal é a tarefa da poesía? […] A poesía non pode reparar ningunha perda, mais desafía o espazo que separa. E faino co seu traballo continuo de reunir todo o que quedou esparexido” (Y nuestros rostros, mi vida, breves como fotos, de John Berger, Barcelona, Hermann Blume, 1986, pp. 99-101.))
Expliquémonos, se é que podemos…
Todo o mundo sabe que existe o xénero, ou subxénero, denominado “ciencia-ficción “. Cando o xénero empezou a se popularizar, a partir da finalización da II Guerra mundial, houbo quen o denominou “ficción científica”, denominación que para os amantes do xénero é “pedantuela” e posta en circulación por aqueles que non amaban, ou non entendían, o xénero.
Para escribir ciencia ficción non fai falta ser científico.
As diferenzas entre “ciencia ficción” e “ficción científica” son, acho, máis que de gustos persoais. Ou de denominación máis ou menos axeitada. Existe, sabémolo, unha literatura científica, é dicir, aquela que deitan ou escriben os científicos-científicos, é dicir, os científicos das ciencias naturais, matemáticas, o que no meu bacharelato se chamaban ciencias “exactas”, etc. Esta literatura científica non é “ciencia ficción”, penso que se debería denominar, claramente, “ficción científica”: léanse senón, por exemplo, A lóxica do vivente, de F. Jacob; ou, por discutíbel que sexa, O azar e a necesidade, de Jacques Monod. Por non remitírmonos aos escritos de Einstein, ou de Galileo, Copérnico ou Newton ou Ernst Mach. Ou aos do hoxe popular (sic) Stephen Hawking. Son escritos de científicos, máis tamén son “ficción” científica. É dicir, a partir de datos reais, de feitos comprobados e experimentados, estes científicos (toda a literatura científica) monta unha ficción, ficción que se converte en realidade por, valla a expresión, “a forza dos feitos”. Ou é realidade por comprobación e experimentación. A “ciencia ficción” sería outra cousa; é outra cousa: mesmo un escritor que non teña idea de ciencia, pode argallar literatura de “ciencia ficción”. Existen escritores deste xénero nos que o apartado “ciencia” non aparece por lado ningún: curiosamente, adoitan ser os mellores, de Ballard a Philip K. Dick, pasando por Farmer, S. Lem e outros (non coñezo moitos máis: non é o meu xénero favorito). Por outra banda, non se debe confundir a ciencia ficción coa distopía: Nós, de Zamiatin, 1984, de Orwell, ou a saga do Mundo feliz de A. Huxley (as tres, por exemplo, moi diferentes entre si, mentres as dúas primeiras serían distopías “progresistas”, a última, como demostrou no seu día o mencionado Th. W. Adorno, “Aldous Huxley e a utopía”, abondo reaccionaria).
Como hipótese: a ficción científica serían os escritos (científicos) dos científicos. A ciencia ficción un xénero que pode ou non utilizar coñecementos científicos para se realizar. Ou a partir de coñecementos científicos reais “inventar” máquinas ou artefactos que adoitan ter unha importancia primordial no desenvolvemento da novela, maiormente.
Cuestionar a política
Vaiamos agora á nosa hipótese sobre a novela política.
En Galicia, como en todas as partes, existen moitas novelas con política: de momento non citaremos ningunha, sobre todo porque non as limos todas, aínda que isto, o lelas ou non lelas, talvez non teña a importancia que se lle dá: léase o divertido, e algo máis que divertido: Como hablar de los libros que no se han leido, de Pierre Bayard (Anagrama, 2008). Mais se é certo que existen moitas novelas con política en verdade hai poucas novelas políticas. A novela política –que pode ou non incidir directamente nun tema político– sería, para nós, aquela que adoita “cuestionar”, é dicir, interrogar, non “pór en solfa”, a política; política, por outra parte, que vai atopando no camiño, como o político se encontra a si mesmo ao facer o camiño (ver nota 2). A novela política interroga o mundo, é dicir, interroga sobre o que lle formula problemas, sobre o que non acaba de comprender, non para buscar unha resposta senón para continuar interrogando a sociedade en que se desenvolve e, talvez, e en última instancia, para se entender a si mesma. A novela política, por outra parte, nunca procura “solucións”: é un interrogante perpetuo, un camiño perpetuo, por non dicir total. A novela política foxe de toda ideoloxía, se tomamos a ideoloxía como falsa conciencia. Mais non foxe, por así dicilo, conscientemente: ao cabo, sábese desde Karl Marx, é na ideoloxía onde os homes/as mulleres toman consciencia do seu lugar no mundo e dos seus conflitos. Ao non fuxir da ideoloxía, a novela política, se é unha boa novela, claro, supera a ideoloxía porque en última instancia, é dicir, alén das palabras que compoñen a obra –novela, tamén relato ou conto– “coincide coa revelación da consciencia da sociedade” (Lukacs sobre a supresión da sociedade de clase polo proletariado, Historia e consciencia de clase, capítulo ou traballo “Consciencia de clase”). Velaí a diferenza esencial entre novela política e novela con política.
O gran filme político de Berlanga é Plácido.
Vexamos algúns exemplos e non só o terreo da novela (ou da narrativa). Existen famosos filmes con política cuxa lectura afondada e polo miúdo demostraría que non son filmes políticos: Z, Desaparecido, A confesión, etc., de Costa-Gravas , O asasinato de Trotsky, de Joseph Losey, Le petit soldat, de Jean-Luc Godard, A caída dos deuses, de Luchino Visconti, O home de mármore, de Andrezj Wajda, etc., son películas con política; Cela s’appele l’aurore, de Luís Buñuel é un filme político, como o gran filme político de Luis G. Berlanga é Plácido, disección ao vitríolo do fascismo cotián, en maior medida que El verdugo, sendo este tamén un filme político, non así La Escopeta nacional e as súas secuelas, que serían filmes con política. Ou, pasando á novela, nun mesmo autor, Os demos, de Dostoievski é unha novela con política e Crime e castigo é unha novela política. É dicir, así como a ciencia ficción pode tomar prestado os avances ou inventos científicos para argallar unha narración, a novela con política toma emprestada a política como pretexto para argallar unha narración, mais non afonda na política como na novela de ciencia ficción non afonda no “científico”, e, sobre todo, non toma en consideración o político[1], polo que, normalmente, a novela política cae na ideoloxía[2], porque a política, ao ser só pretexto, vai dirixir a novela cara a un fin determinado xa nas intencións do autor antes de redactar a novela, e corrixindo todo aquilo que se lle poida “escapar”, é dicir, que contradiga a súa opción ideolóxica (a do autor). Na novela política, as opcións dos personaxes poden escapar, en certa maneira, ao control do autor, ou escapan, xa que na novela política a mensaxe, é dicir, o que o autor quere dicir, as súas intencións, as súas opinións, que é dominante na novela con política, desaparece fronte ao sentido (o que di a novela; o que permite a plurisignificación; a mensaxe é unha tentativa de contrarrestar a plurisignificación para impor un sentido único[3] ); na novela con política a mensaxe domina, asoballa o sentido, polo que a novela con política é unha novela ideolóxica, o que quere dicir, en última instancia, unha novela que reproduce unha consciencia (realidade) falsa e non emite, nin permite, unha plurisignificación. Na novela política os personaxes son, digámolo así, libres. Na novela con política están determinados polo autor, pola súa mensaxe. A novela con política, no contexto da súa propia realidade, non adoita esclarecer os feitos, non os torna transfigurados á súa dimensión histórica real, todo o contrario, quítalles a carga explosiva, cóbreos coa roupaxe do mito e, en definitiva, traizóaos. Na novela política, a historia entra como desbocada, afirma a realidade do mundo e, á vez, provoca unha tempestade que se ben arrastra o anxo da historia benjaminiano, é capaz de vingar todos os mortos do pasado ao tempo que articula este e toma consciencia dun futuro real porque soñado. A novela con política intenta explicar, cando o intenta, moitas veces, a maioría, erroneamente, os mecanismos da realidade obxectiva. Na novela histórica esta realidade élle dada e o único que lle é necesario é dála para que se explique a si mesma, como a historia.
Na literatura galega, infelizmente, temos poucas novelas políticas e menos aínda narracións ou “contos” políticos, aínda que as hai (dalgunha ocuparémonos en próximas entregas). Existen, porén, cantidades de novelas con política. Nas novelas políticas, os personaxes acceden ao tempo real e están situados nunha problemática histórica dada, nada mítica, xa que é só na instalación dun tempo real e dunha problemática histórica dada os personaxes da novela, como os homes/as mulleres reais, poden ter acceso á liberdade, ás vías que conducen á liberdade.
Para acabarmos, como escribín noutro lugar, e a respecto precisamente dunha novela galega, na novela política o político gáñalle á política: “o político nunha novela (nunha obra literaria) non pode ser deducido polo remarcamento de obxectos e temas políticos, aínda que é evidente que tamén pasa por eles. O político insufla doutra maneira o pensamento político, manifestando a súa influencia no renovamento da escrita, mobilizando problemas estéticos cruciais, como a cuestión do realismo, constantemente desbordada polo proxecto dunha escrita do real. E a presente novela é un proxecto de escrita do real, é dicir, intenta devolver á realidade un mundo eclipsado pola historia, procurar nos corpos, nos lugares, a sombra dun colectivo, dun pobo”.
[1] Político, seguimos aquí a Claude Lefort. Para Lefort, o político (e os seus límites, que están alén e aquén da política) non pode ser definido de antemán, senón que se vai atopando no camiño. O político, para o pensador francés, é, sobre todo, un espazo simbólico ao que hai que arrancarlle o seu significado. É dicir, o político, ao contrario da política, non é unha cousa, un feito, un dato ou unha superestrutura dada dunha vez para sempre. Tampouco é un concepto desde o cal se pode traballar outros conceptos e categorías, nin, claro, tampouco é unha relación de mando e obediencia que pode rexistrarse na esfera da familia, a economía ou a sociedade. No político, a diferenza do que acontece na política, existe unha tensión permanente entre o desexo de xeneralización (o erro da política) e a vontade de comprensión dos acontecementos políticos concretos
[2] A ideoloxía, porén, non é “inxenua”, é dicir, ademais de tomar o lugar da realidade, “para que esta usurpación sexa eficaz e non estea constantemente ameazada, é necesario que a ideoloxía se semelle á realidade, que a imite, a arremede. De aí a eliminación do desexo e do coñecemento que pon en movemento: a ideoloxía debe darme o ilusorio sentimento da posesión do mundo ou, cando menos, dun contacto real, permanente coa verdade das cousas, dunha submersión no seo desta verdade. Toda a ideoloxía preséntase, xa que logo, coa inocencia e a pureza da realidade mesma, da natureza. Só é con esta condición que acepto deixar que se disolva na miña identidade, abdicar da miña responsabilidade fronte a esta orde natural, soberana, inatacábel que ela representa”, Christian Zimmer, Cinema et politique, Paris, Seghers, 1974, p. 134.
[3] Gérard Lenne, La muerte del cine (film/revolución), Barcelona, Anagrama, col. Cuadernos Anagrama nº 75, 1974, p. 62.