Novo territorio en Biosbardia dedicado á creación literaria
A revista Biosbardia abrirá desde esta semana un novo espazo para a creación literaria. Na idea xeral do proxecto de abranguer dun xeito amplo e diverso a “paisaxe” das letras galegas, queremos rozar un novo territorio para ser habitado, unha sección que poida acoller relato, poesía e novela (por entregas).
Sen termos interese en interferir con proxectos persoais que teñen na internet a súa orixe e desenvolvemento, consideramos que por sermos un medio de comunicación no que a literatura é o cerne, determinadas escritas poden encontrar no noso proxecto o mellor acomodo. Por iso abrimos as cancelas para quen teña ganas de ver os seus textos publicados e, ben polo formato ou por calquera outro motivo, considere que unha revista literaria coma a nosa é a mellor maneira de dálo a coñecer.
Esta semana publicaremos o noso primeiro texto de creación: un relato de Manuel Veiga Taboada. O autor de Os xornalistas utópicos ou O exiliado e a primavera presenta un escenario imposible onde a realidade actual vai converténdose pouco e pouco nunha distopía.
Para quen teña interese en publicar en Biosbardia, o mecanismo máis sinxelo para nos facer chegar orixinais é o correo electrónico: biosbardia@gmail.com. Os textos poden conter tamén ilustracións ou fotografías para se mellor adaptaren ao formato da nosa revista. Non hai maior requerimento que a calidade literaria para publicarmos calquera formato que se adapta á lectura na internet.
Boa iniciativa. É unha boa fórmula para que a revista teña unha actitude colaborativa co lector. Igual me animo a enviar algún relato. Vouvos seguindo.