BiosBardia

O país dos libros en galego

‘Nubes con espiñas’ vs ‘Anos despois a lamorqueira…’

Hot air balloons. PICOGRAPHY.

Xornada 1. Grupo B. Marcos López Concepción vs César Ariza.

Anos despois a lamorqueira…

Marcos López Concepción.

…foi desecada e converteuse nunha extensa plantación que perfumaba coa dozura cítrica de quilómetros de laranxeiras aqueles ventos que chegaban ata alí co único propósito de dar a volta. O día que fixemos naquel recanto da ruta a primeira proba do espectáculo co que tiñamos a esperanza de remontar o negocio, non era máis que un desvío de lodo que permitía abeirar o lago, unhas poucas casas de madeira, unha bomba de gasolina inutilizada e un furancho cun tellado de uralita onde, cando se abría o couto, uns poucos pescadores podían beber o que se alambicaba. Penduraba da porta un cartel: “1893. Local público co permiso máis antigo de Prei”.

Os refachos traían unha poalla gris da que se gorecían baixo corozas de palla os cinco veciños que calzando tamancas saíran ver o que faciamos. Encapuchados, de poucas palabras, observaron as nosas manobras, como baixabamos da camioneta e entre todos transportabamos en ringleira as cordas e a tea ao pé da auga. Accederon a alugarnos dúas barcas. Prendemos o lume e houbo un intre no que desde onde estaba a realidade mostrouse a través das lapas, alombada pola calor, como se puidese ver os demais e eles a min non. Fun consciente que todo se estaba a facer por unha confianza cega no que conseguira nas semanas previas. Por primeira vez tiven medo de que a maxia non quixese acompañarme.    

Quitei a roupa para quedar en traxe de baño. Entrei no cesto. O xefe Weissmuller esposoume co grillón. Meteume nun saco e logo noutro. Sentín subir polo aire e as tripas protestaron. Os forzudos do circo ían soltando corda ata que o globo quedou sobre o lago. Weissmuller describiría máis tarde que a gota verde do aeróstato era unha uva sobre a paisaxe cinsenta. Tocou o chifre para indicar que estaba todo listo. Tireime abaixo. A auga estaba boa.

Afundín ata pousar. Desfíxenme das esposas e dos sacos. Canto máis tardase en subir mellor sería o efecto. O fondo avolto do lago non me deixaba ver máis que a dous palmos e entre o lidro zigzagueou unha sombra longa. Dei dúas brazadas e ducias de anguías fuxiron ata un con que iluminaron de chispazos e tomou a monstruosa forma, entre as luces escintilantes e a auga sucia, dun montículo de caveiras na que os peixes longos esvaraban polas cavidades dos ollos. Había indicios dunha morte lenta e desapracible naquela oseira vella. 

As dúas barcas buscaban onde caera. Eu saín camiñando ata emerxer. Tremía e botáronme por riba unha manta. Todos eran a felicitarme. Había máis xente. Mulleres e nenos entre o cadaval onde comezaba o camiño que ía ás casas. Weissmuller sorría imaxinando a de veces que o repetiriamos con grande éxito. Achegouse un dos homes das corozas coa cabeza descuberta e a cachimba na man. Nunca mirara unha cara tan engurrada.

Por aí media hora, rapaz. Polo cravos do noso señor Xesús Cristo que non sei como o fixeches?

Fragmento de “Os peixes cantan” (1996), Martín María Troitiño

……………………………………..

Nubes con espiñas

César Ariza.

Raquel é a miña piloto. Todas as mañás elévame co globo aerostático da compañía ata o neboeiro onde se atopa a Horta Experimental Nebular: un emparrado de media hectárea de polipropileno orgánico, sustentado por unha ducia de drons alimentados por enerxía solar, do cal colgan multitude de cordas de compost prensado, de dez centímetros de diámetro e varios metros de longo. Nestas cordas, que Raquel chama “rastas” e eu “batea”, enraízan os diferentes tipos de hortalizas que temos aló plantadas. No interior do neboeiro e a cincocentos metros de altitude, as verduras teñen o seu nivel de humidade apropiado e sol asegurado.

A miña función é sementar, apañar e vixiar o crecemento e a calidade das hortalizas. A compañía di que é a solución á fame no planeta; eu penso que é outro produto seleccionado para petos esixentes.

—Véxote moi ledo hoxe —dime Raquel ao pór eu o pé no globo—. Case máis ca o día que che contei que rompera co meu mozo!

E ri.

Non sei que responder. Sospeito que as miñas meixelas me traizoaron pintándose da cor dos tomates.

—Pon rumbo ao sector M3 —digo á fin.

—Negativo, doutor. O meu plan de voo marca o I4 para hoxe.

—Cambio de plans. Baixo a miña responsabilidade.

Encóllese de ombros e, acto seguido, abre a chave do queimador e ascendemos lentamente xunto ao son aterrecedor da lumarada.

Raquel leva o globo amodiño pero con firmeza. Adéntrase con suavidade no neboeiro, tan espeso que non vexo a “batea” e, coma sempre, invádeme o medo a chocar e estragar a colleita.

Estamos chegando ata a plantación. Este sector non é de verduras, aquí sementei outro tipo de plantas. Raquel fica coa boca aberta cando percibe de que se trata. De súpeto, aparecemos rodeados por centos de rosas, colgando do ceo coma os lendarios xardíns de Babilonia.

—Pero… Isto? Oh! —e olla para min.

Mirei para os seus ollos e vin como trocaron da sorpresa á comprensión. Os meus trocaron do entusiasmo ao desengano. Comeza a facer frío.

—Mellor poñamos rumbo ao sector I4 —dixen abatido.

—Si, mellor.

29 thoughts on “‘Nubes con espiñas’ vs ‘Anos despois a lamorqueira…’

  1. Nubes con espiñas
    Gustoume moito o prantexamento inicial. Non sendo eu un gran afeccionado á ciencia ficción, esta historia atraeume moito. O ritmo pareceume o adecuado para a historia. É unha situación ben fermosa o do globo dirixíndose cara unha plantación nas nubes. Porén, fiquei moi decepcionado co final. Ao meu ver, precisaba máis lirismo. Subes ao ceo nun fermoso globo aerostático, móstraslle á túa namorada un campo de flores plantado nas nubes, e non sucede nada? Para min requería un “final feliz”, mais mesmo un final tráxico tería sido interesante. Con outro final, pareceríame un gran relato.

    ‘Anos despois a lamorqueira…’
    Gustoume moito a historia e algo menos a execución. A atmosfera está moi ben tratada. É deses relatos nos que te metes desde o primeiro momento. Realmente é unha escea que visualizas e que vai moi ben coa foto que serve como referencia. É tamén un texto cun ton adecuado mais, ao meu entender, con algunhas frases excesivamente longas (O día que fixemos naquel recanto da ruta a primeira proba do espectáculo co que tiñamos a esperanza de remontar o negocio, non era máis que un desvío de lodo que permitía abeirar o lago, unhas poucas casas de madeira, unha bomba de gasolina inutilizada e un furancho cun tellado de uralita onde, cando se abría o couto, uns poucos pescadores podían beber o que se alambicaba.). Ao meu entender, fáltalle algo de edición, mais paréceme unha historia con moito potencial.

    O meu voto sería empate, mais como non pode ser voto por “Nubes con espiñas”.

  2. “Anos despois a lamorqueira…”
    A ambientación do relato paréceme excelente. E tanto esa atmosfera como a propia historia recordoume moito a “Mr. Vértigo” de Paul Auster. E dígoo como un afago.

    “Nubes con espiñas”
    Afeccionado ás distopías como son esta quizais se me queda un tanto frouxa. Gustoume o final seco e cru aínda que eu tería eliminado a derradeira resposta de Rachel ó xa quedar todo claro antes.

    O meu voto é para “Anos depois a lamorqueira…”

  3. Estupendos relatos os dous. Todos os personaxes son dunha riqueza extraordinaria e as ideas, moi orixinais. A decisión é moi axustada pero creo que vou quedar con que ten o final que máis me gusta.

    O meu voto vai “Anos despois a lamorqueira… “

  4. “Anos despois a lamorqueira…”
    Sen dúbida o punto forte deste relato é a ambientación creada arredor do personaxe principal, así como as coidadas descricións, tanto dos espectadores como do lugar da acción, que dota á historia dunha fotografía a tempo real ben curiosa. O vocabulario amplo e ben escollido polo autor pretende ser un gran aliado para toda esta atmósfera, inda que por veces quere comportarse como un arma de dobre fío ao restar axilidade ó curso dos acontecementos, facendo incluso que ás veces resulte un pouco saturado de adxetivos e que o inicio da historia se faga algo longo e incómodo de entrar. No curso dos acontecementos sen embargo, temos o efecto contrario, con oracións demasiado curtas e pouco fiadas que impresiona unha narración fragmentada de máis: “Quitei a roupa para quedar en traxe de baño. Entrei no cesto. O xefe Weissmuller esposoume co grillón. Meteume nun saco e logo noutro. Sentín subir polo aire…”. Quizáis, o autor consegue que estes dous aspectos que se puideran considerar como eivas, se complementen para equilibrar suficientemente o relato.

    “Nubes con espiñas”
    Un relato con un prantexamento francamente orixinal. Quedei prendada desa “Horta Experimental Nebular”. E preciso pararme mesmo na denominación escollida polo autor, porque se ben é só un “título” para todo o escenario que despois nos describirá, paréceme un termo fundamental e nada doado de escoller. Con só este cartel, e xa na primeira liña, introdúcenos perfetamente no que será o resto do fío do relato.
    En canto á escritura, teño sentimentos encontrados. Por un lado, creo que a sinxeleza das descricións rema a favor da trama e axuda ó retrato dos personaxes, sen entorpecer a liberdade do lector para imaxinar o seu mundo interior, pero por outra banda, o diálogo chega a resultar algo banal e escaso. Remonta coa chegada ó campo de rosas, para volver a decaer nun final, que se ben está bastante ben sintetizado “Mirei para os seus ollos e vin como trocaron da sorpresa á comprensión. Os meus trocaron do entusiasmo ao desengano. Comeza a facer frío”, remata con parte de ese diálogo que resulta un hándicap novamente e que fai que o relato non acabe redondo e semelle un boceto.

    Soprendéronme ambos relatos, sobre todo porque a imaxe paréceme das máis difíciles de desenvolver, e sen embargo ambos confeccionaron historias tremendamente atractivas. En canto á morfoloxía da escritura non sei decidir, pero ese prantexamento da “Horta Nebular” conquistoume, así que:

    O meu voto é para “Nubes con espiñas”.

  5. “Anos despois a lamorqueira…”
    Hai oracións moi moi longas, enlazando ás veces demasiadas cousas para seguir o fío. O inciso “calzando tamancas” tería que ir entre comas. O momento entre subir ó globo e soltarse pasa moi rápido, paréceme que se tiña que adicar menos espazo ás descricións e aumentar a tensión cando está na auga. O máis interesante é cando está somerxido e conta o que ve, é unha imaxe intrigante. O remate non parece tal, semella que falta algo (?) e das personaxes non se sabe moito.

    “Nubes con espiñas”
    “do cal colgan multitude de cordas de compost prensado, de dez centímetros de diámetro e varios metros de longo” se as cordas son as que teñen dez centímetros e varios metros, esa coma sobra, porque con ela entendo que esas medidas se refiren ós drons.
    “—Pero… Isto? Oh! —e olla para min.” Non estou segura de se a norma é diferente en galego e castelán, pero sei que en castelán os incisos con verbos que non son da fala comezan con maiúscula (excepto se o inciso pecha cunha coma e o diálogo continúa).
    Ó principio non me dei conta, pero en “Mirei para os seus ollos e vin como trocaron da sorpresa á comprensión. Os meus trocaron do entusiasmo ao desengano” e o inciso “dixen abatido” cambiaches o tempo do relato de presente a pasado.
    Son fan da ciencia ficción, así que o tema que elixiches tenme enganchadísima, gustaríame ler un relato máis extenso. As personaxes parecen ben definidas, malia que faltan as motivacións do protagonista para saírse do plan establecido. O texto é moi fluido porque hay bastante diálogo. Como contra, o final: grazas ó título podo imaxinar de que é esa plantación, pero non chegamos a ver nada e non teño claro o que comprende Raquel.

    O meu voto vai para “Nubes con espiñas”.

    1. Vale, lendo os outros comentarios entendo de que vai “Nubes con espiñas”. Nótase que o de ler entre liñas non é o meu lol

  6. Dous estilos moi diferentes, dous obxectivos narrativos completamente opostos. Moi boas ideas, mellorables resultados.

    Anos despois…

    Gústame ese aire de literatura total: fragmento dun libro ficticio, entrada in media res. O autor ten soltura, sabe o que quere expresar e dá gusto velo serpentear coma un media punta técnico na liña de tres cuartos. O problema é que coido que non funciona como relato. Quedamos esperando máis, por diante ou por detrás. É dicir, é un excelente exercicio narrativo pero perde fol como peza autónoma.

    Nubes con espiñas

    Ese universo futurista está ben pincelado, con certo equilibrio, aínda que quizais sobran algunhas referencias precisas sobre o sistema de comunicación. O cerne do relato, con todo, está claro. Unha historia de amor non correspondido que se entende e que se aprecia. O final é arriscado porque prescinde do sentimentalismo nin adobía a sensación de incomodo que dúas persoas viven, necesariamente, nunha situación así. Para ser perfecto desde o punto de vista argumental talvez lle sobraban incluso as descricións das emocións dos personaxes. Porque ese subliñado ata demasiado a imaxinación do lector e sempre gusta que haxa unha físgoa para que o relato siga a fermentar na mente do lector.

    Voto por ‘Nubes con espiñas’.

  7. Vaia dous monstros do relato! Gocei moito cos dous. Con “Anos despois” gocei coa linguaxe. Con “Nubes” coa historia. Non me molestaron en absoluto as frases longas de anos despois. Ao contrario, teñen o ritmo decimonónico que lle acae a esta caste de historias. Nubes conta moito con moi pouco e fíxome sorrir co final. A ver se un día vos decidides a escribir algo a catro mans.
    Como teño que votar, voto por “Anos despois”. Desémpatame a linguaxe.

  8. Pedazo contos¡ Encantáronme os dous. Nubes ten unha moi boa ambientación, quedei moi contento coas súas imaxes, e non me parece que lle sente mal o estilo que escolleu para el o autor. En xeneral, pareceume moi orixinal.
    Anos despois ten tamén unha ambientación moi atractiva, está moi ben escrito aínda que o final custoume un pouquiño.
    Un duelo moi axustado. Por un pouco de gusto persoal, e porque penso que me gustou algo máis a forma de contalo e as súas imaxes, vou votar a Nubes con espiñas.

  9. “Anos despois a lamorqueira” coincido con Daniel e con algúns outros na complexidade da sintaxe, que ás veces dificulta seguir a historia. Nunha segunda lectura atrévome a dicir que poida que ese contrapunto entre párrafos longos e complexos sexa deliberado, recréandose nas descripccións e acurtando alí onde se desenvolve a acción para darlle axilidade. Gústoume o relato pero coido que quedan moitas cousas no aire.
    “Nubes con espiñas” neste sentido é máis compacto e con menos flecos, unha historia sinxela e cunha sintaxe que se deixa ler cómodamente. Á pesar dalgúns erros de estilo que Leticia detectou coido que os diálogos están usados na súa xusta medida e acáenlle ben.
    É unha decisión difícil porque son dous relatos con estilos e temáticas moi diferentes, e na súa liña ambos están moi ben.
    O meu voto para “Nubes con espiñas” por temática e por ese final que me gustou tanto, a pesar de que algúns pidan máis dramatismo. A min gústame moito así.

  10. Teño un problema con este duelo. Sei cal é o relato de quén porque lin algo dos dous. Maldita sexa!

    “Nube con espiñas”. Directa, sinxela e coa lixereza propia do diálogo. Non teño moito máis que dicir que non dixeran antes dela.

    “Anos despois da lamorqueira…”. Quédome con esa ambientación autorreferencial na que o que importa é o lenzo.

    O meu voto, “Anos despois da lamorqueira”.

  11. “Anos despois da lamorqueira”, lino unhas tres veces só polo pracer de volver a ver as: “ducias de anguías fuxiron ata un con que iluminaron de chispazos e tomou a monstruosa forma, entre as luces escintilantes e a auga sucia, dun montículo de caveiras na que os peixes longos esvaraban polas cavidades dos ollos.” Un relato que ten tal imaxe dentro das tripas xa merece algunha louvanza. Relato en si non é, pero eu xa ando a matinar na novela, do que irá?, quen será o Troitiño ese que tan ben coñece os fondos enlamados…

    O seu rival arma unha distopía de batéas hidropónicas moi orixinal e ben plantexada. “Nubes con espiñas” é un gran relato, áxil, sabe o que quere contar e faino da maneira axeitada. A min tamén me gusta o desenlace anti-romance, será que me identifico co pobre patanatas capaz de plantar rosas nas nubes para despois ter que roelas. Creo que o relato está nun presente que lle presta ben, pero ao final o protagonista solta un: “dixen abatido” que me sacou algo. Eu quitaría iso e deixaría o diálogo a secas.

    Voto por “Anos despois…” a ver se así Troitiño se anima a sacar a novela.

  12. Moi boas historias as duas. Se pechas os ollos poderias sentir mesmo a gravidade baixo os teus pes.
    Ainda que non adoro a descripción, a realidade e que as duas postas en escena son boisimas, se ben a de Años despois da lamorqueira é especialmente cautivadora e poética,dende o meu ollar.

    De Nubes con espiñas gustame a historia, axil, cun desenlace moi acertado que te deixa un sabor amargo nun sorriso.
    noraboa os dous!!!!

    Pola calidade literaria, e a beleza da linguaxe o meu voto vai para Anos despois da lamorqueira

  13. Fáiseme difícil decidir. De ‘Anos despois’ gustoume moito todo, a verdade, resultábame agradable ir avanzando no relato e que as descricións fosen debuxando as paisaxes e o ambiente, e o final da historia gustoume tamén. ‘Nubes’, nun primeiro momento, non me estaba a convencer tanto porque non son moi fan da ciencia ficción. Aínda así, segundo ía coñecendo más aos protagonistas e a súa historia, acabei dentro do relato sentindo a mesma decepción que o rapaz ao ver que Raquel non correspondía os seus sentimentos.

    Creo que por iso vou votar por ‘Nubes con espiñas’, polo moito que me sorprendeu que me gustase tanto.

  14. Miguel, anímate a comentar, que xa só faltas ti neste combate. E non podías ter máis responsabilidade. Punto para nubes ou tie break?
    Por certo, César. En caso de 7-7 como vai a cousa?

  15. «Anos despois a lamorqueira…»
    Encantoume a ambientación do relato. Tamén me custou entrar un pouco por esas oracións demasiado longas do principio (nas relecturas funcionan mellor), mais logra establecer unha atmosfera moi especial a través dunha literatura de calidade, como neses fragmentos xa salientados noutros comentarios. Ao lelo éntranme ganas de tirar para atrás nese ficticio os «Peixes cantan» e lelo até o final, funciona de marabilla como reclamo para ese non-libro. Como relato diferenciado xérame algunha dúbida máis.

    «Nubes con espiñas»
    Gocei da idea da HEN, gústame a estrutura e o desenlace é o que lle dá sentido: un amor correspondido non funcionaría en absoluto. En canto á execución, as palabras escollidas son as precisas para caracterizar o seu universo e que a narración flúa. Sóbrame o diálogo final, coido que o parágrafo anterior era bo remate: breve e cortante, contrastaba con toda a laboriosidade da declaración de amor. Esas dúas liñas de diálogo non o estragan, mais resultan superfluas.

    Houbo moito nivel neste duelo e os dous souberon aproveitar unha das imaxes que me resultaban máis suxestivas nesta primeira xornada. Grazas a Daniel por poñerme unha presión na que non repararía de non ser por el ;p. As valoracións deste duelo xa estaban escritas (pero publicar as votacións foi unha penuria, tiven que probar mil veces e usar unha dirección de correo alternativa). O voto vai para «Nubes con espiñas»; se o autor de «Anos despois a lamorqueira…» decide escribir o libro enteiro, aquí ten un lector.

    1. en realidade a presion non era tanta. se sodes 14 votantes non é posible que o ultimo desempate, como moito o ultimo pode provocar o empate.

  16. Anos despois a lamorqueira…

    O texto está moi ben montado, inda que para o meu gusto hai frases demasiado longas. Tamén está moi ben usada a primeira persoa, é dificil manexala así de ben. Se abro unha novela ó chou e vexo isto teria que seguir lendo. Outro acerto foi unir o titulo co texto e tamen a referencia bibliografica do final. Non me gustou tanto en cambio a frase do remate. Non cadra ben un dialogo no texto, é un pouco artificioso, e encima ó ser o final parece que se tenta dar unha sensacion de conclusion que non deberia ter, non de forma tan obvia polo menos. Tampouco entendo por que remata nunha interrogante e non nunha exclamacion.
    Aparte de todo isto o relato está un pouco desventaxa con respecto ós seus iguais porque a beleza formal corre mais lenta que o impacto das historias contadas.

    continuará…

    1. Nubes con espiñas

      Dixen noutro comentario que os temas son eternos, como este do romance (neste caso un rexeitamento, pero romance á fin). E é a forma de contar estas historias mil veces repetidas o que nos engancha a elas. Neste caso en concreto o envoltorio de ciencia ficcion quedalle moi ben e fai que sexa unha lectura estimulante. Concordo con algun compañeiro en que o final non o vexo tan ben resolto. Non me refiero ó que pasa senon a como se conta. Por exemplo:
      “De súpeto, aparecemos rodeados por centos de rosas, colgando do ceo coma os lendarios xardíns de Babilonia”
      Esta non me parece unha frase apropiada para un narrador que xa sabia co que se ia atopar. E o mesmo pasa co “abatido” da penultima frase.
      Tamén é certo que hai algun baile de tempos verbais que on afectan á calidade do relato pero que haberia que correxir de cara a uha version final do mesmo.
      En resumo (e na miña opinion), unha historia efectiva que, por moi pouco, non acada o seu maximo potencial.

  17. Grazas a todos polos vosos comentarios e especialmente a quen me votou, demostrando así o seu bo gusto literario XDDD. Bromas aparte, tendes razón ao dicir que o final falla; busquei toda a semana a frase perfecta pra rematar pero non a dei atopado e resolvín pór a menos mala, que ó final foi a máis mala.
    Noraboa a Marcos polo seu fermosísimo relato, cando o lin pensei: “Joer, por que non escribirei eu cousas así”. Este duelo foi a sorpresa da xornada, Síntome coma o Mirandes na Copa del Rey de fútbol deste ano.
    Pra rematar, só dicir que en caso de empate, antes que recurrir a un lector externo, podería valer dobre o voto de “cequelinhos”, xa que é o organizador.
    Vémonos na xornada 2!

    1. o malo do sistema que propós (ademais de que se sabería en canto votase cesar quen ía gañar en caso de empate) é que cesar tería en todas as suas votacions a responsabilidade de que o seu voto está valendo doble coa presion engadida de que el sabe de quen é cada relato. Penso que se participa é para ser igual ca todos na medida do posible. É mais sano para todos que sexa unha opinion nova e non outra repetida a que desfaga o desempate.

      1. Pois entón, como César sabe quen escribiu cada relato, que non conte o seu voto en caso de empate. O máis sano sería que valese o voto de calquera lector de Biosbardia que quixera opinar e votar, non só o da persoa escollida polo organizador do torneo.

        1. Desde a primeira edición do torneo usamos o voto de calidade para desempatar. Sempre son persoas do mundo da literatura e da edición (por iso se chama voto de calidade). Non entendo o de máis san? Que queres dicir?

      2. Non sei ben a que te refires na ultima frase, sexa quen sexa a persoa que desfaga o desempate sempre vai ter que ser escollida polo organizador. O de que o voto de cesar puntue dobre ou nada non serviría de todos modos en caso de que se producise un empate nun duelo no que el fose un dos autores, co cal habería que ter outra solucion a maiores na recamara e seguiría ser estar resolto este problema inexistente.

      3. O de “máis sano” o dixen para responder a Lois porque foi a palabra que utilizou el. Non quero crear polémica, só estou dando a miña opinión. Eu non me sentiría cómodo se unha (e só unha) persoa ten que decidir cal dos dous relatos é o gañador. Penso que estaría ben que poidese votar canto máis xente mellor, así empatar sería máis difícil.

        1. Se a mecánica de voto do torneo fose aberta (voto popular), daríache razón. Pero non é o caso. O modelo do torneo é pechado porque busca potenciar o comentario razoado, a aprendizaxe en común e a maiores, hai un voto para darlle emoción e competencia. É un recurso un tanto enganoso dicir que “unha persoa decide quen gaña”. Primeiro porque esquecemos todas as demais que, en calquera caso, tamén votaron por ese relato e segundo porque o número de empates adoita ser baixo. De momento, 1 de cada 8, neste torneo. En todas as competicións hai mecanismos de desempate que podemos denominar “inxustos”, caso dos penaltis no fútbol. Persoalmente, coido que sumar ao grupo unha persoa de prestixio é unha solución bastante axeitada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *