BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O 4614’ vs ‘Estatisticamente significativo’

Xornada 2. Grupo A. Natalia Otero vs Amador Castro.

Estatisticamente significativo

Natalia Otero.

O Departamento de Socioloxía Porcina da Universidade de Winsconsin vén de publicar o agardado estudo etolóxico realizado o pasado semestre nunha coñecida granxa de porcos da comarca do Deza. 

A nosa revista tivo acceso ás instalacións nas que se levou a cabo a investigación, así como tamén ós resultados obtidos que se expoñen a continuación:

No cálculo da “Taxa de Mortaldade do 11-N”, un 35% dos porcos morreron con motivo da matanza programada na devandita data, mentres que un 26% faleceron pola mesma razón pero en datas diferentes. Un 2% pereceron por causas naturais ou doutra índole e o 27% restante sobreviviu con fins que xa non competen á presente análise.

Na observación realizada durante o “Experimento das Pías de Penso” advertiuse que un 52% dos porcos acudiron á pía que contiña “Penso Premium”, mentres que un 39% se dirixiu ó bacieiro con penso de baixa gama. O 9% restante ficou fozando na lama dos arredores.

Na mesma liña, comprobouse que no experimento do “Sorteo da PorcoLoto”, cuxos boletos foron distribuídos aleatoriamente entre os participantes, só un 13% dos porcos foron agraciados con premios de diferente contía.

No caso do “Seguimento das Porcas Preñadas”, púidose establecer que o 100% das que pariron durante o transcurso do estudo deron a luz a un animal de características propias da especie porcina.

En base ós resultados anteriores, os autores chegaron ás seguintes conclusións:

Segundo o cálculo da “Taxa de Mortaldade do 11-N”, pódese determinar que:

“Non a todos os porcos lles chega o seu San Martiño”

Malia esta inferencia, obsérvase que unha alta porcentaxe se ven afectados por esta festividade, e polo tanto, a relación entre as variables “Mortaldade” e “Día de San Martiño” é estatisticamente significativa.

En canto ós experimentos realizados coas “Pías de Penso” e o “Sorteo da PorcoLoto”, queda demostrado que:

“Non todos os porcos teñen sorte”

Tal e como indican os resultados, existe unha alta probabilidade de que a fortuna dos cochos dependa unicamente do azar. 

Pero sen dúbida, os resultados máis rotundos foron os extraídos do “Seguimento das Porcas Preñadas”, que amosan unha clara evidencia de que: 

“Fillo de porca, marrán seguro”

***

Na foto, Quino (esquerda) xunto con Pepa, Noly, Tato e Zara, que tamén participaron no estudo.

“Quedamos encantados coa experiencia”, comenta Quino á nosa redactora. “Quen nos dera estar no do ano que vén”.

…………………………………………………….

O 4614

Amador Castro.

Son o 4614. O único macho da miña camada. O único, tamén, coa crista loura e ourizada e un fociño privilexiado capaz de ulir o teto con máis leite. Ao pouco de nacer ouvín dicir que tivera sorte. Que podía valer para semental.

Cando medrei abondo, sacáronme da rebuldaina habitual coas miñas irmás e leváronme por un corredor estreito até un espazo aberto. Aló, no fondo dunha aira, un porco grande e forte, o 1313, ollaba para min con ar desafiante. «Aí tes o aprendiz», dixéronlle os fornecedores de alimento. Trouxeron unha femia, rosa coma o ceo cando anuncia vento e puxéronnola de cu. El, tras me dar un couce para deixar claro quen mandaba, montouna. 

Quedei nun recanto, matinando. Decidín evitar enfrontamentos e corridas. Deixei que comese a comida del e mais a miña. E así foi como o 1313 engordou moitísimo en pouco tempo. Tanto, que chegou un intre no que non se daba erguido sobre as patas traseiras. 

Entón viñeron os fornecedores de alimentos cunhas cordas. Ataron as patas do meu mentor. Turraron del por unha rampla metálica que remataba no bandullo inmenso, negro e baleiro dun camión. Alá foi. Á forza. Ciscando o camiño de mexos. Rachando o ar cos seus frémitos. Mirando para min cuns ollos que eran o retrato do medo.

Ese día convertinme no rei. Dábanme os mellores alimentos. Lavaban e cofaban o meu lombo. Tiña un lameiro para min só. E un médico. Todo por montar unha femia de cando en vez e facer o nugallán. O único reparo, se lle podo pór algún, era a soidade. As paredes que os bípedes ergueran para amparar o rei tamén me pechaban a min dentro. Amodo e sen me decatar foime rillando nos azos unha tristura profunda. Case que botaba de menos o 1313. Mais aferreime á existencia. E fun engordando, un tras outro, aprendices coitadiños con destino ao bandullo negro.

O tempo que pasou desde entón semelloume un suspiro. Crecín. Cambioume a cor a gris cincento. E á fin, hoxe, chegou o día. A mañá ten distinto o cheiro. Polo estreito corredor traen o 15708. Novo, fraco, co rosa subido, a crista loura arpada e a ollada soberbia dos que se saben cheos de forza. Pola outra banda, a do camión, os fornecedores de alimentos. Coas cordas nas mans. Cautelosos. Cheirando a medo. Estou preparado. Nacín con sorte. Son o 4614. Son o rei.

 

23 thoughts on “‘O 4614’ vs ‘Estatisticamente significativo’

  1. Parabéns a ambos autores. Pasei un bo rato con estas dúas historias.

    Estatisticamente significativo
    É un relato áxil e divertido. Orixinal e cun estilo de cutre-reportaxe que lle vai moi ben. Conseguiu arrincarme un sorriso. Porén, non ten demasiado fondo. Paréceme unha boa chanza… e pouco máis. Tampouco acabei de comprender a relación do experimento das pías de penso en relación á sorte dos porcos. Esa estrutura de 4 experimentos, 3 conclusións quedou un pouco desequilibrada.

    O 4614
    Paréceme un moi bo relato, dos mellores desta xornada. O narrador en primeira persoa funciona moi ben. Está moi ben contado. Non abusa dos adxectivos e ten un trasfondo filosófico suxerido que lle engade valor ao texto. O final gustoume moito. A última frase lembroume á película que probablemente máis veces vin nestes últimos anos, “Cars” . Ese xeito de automotivarse é moi de Lightning Mcqueen. E iso tamén me fixo sorrir.
    O meu voto vai para O 4614.

  2. Estatisticamente significativo

    Creo que lle faltou un pouco mais de traballo a este relato para chegar onde quería ir. Creo que teria sido mellor eliminar a revista da ecuacion e ir directos ó estudo. A revista é un intermediario e o seu papel non aporta gran cousa, ademais un non sabe se os datos estan redactados por un periodista ou un cientifico. Falando diso, creo que a linguaxe usada non funciona como parodia, queda a medio camiño. Eu escribin publicacions cientificas e o unico matiz que vexo aqui recollido é a sua monotonia. Talvez esaxerandoo mais teria funcionado mellor no contexto humoristico do relato, non sei.
    Como Daniel, eu tampouco entendo ben a relacion entre o experimento das pias e o tema da sorte.
    Para min o exemplo perfecto do e lle pasou a este relato é que a suma das porcentaxes do experimiento do 11-N é 90 en lugar de 100. Pensei que fora adrede, como chiste encuberto, pero estamos nas mesmas: cal sería o gancho desa gracia?
    A proba que mais me gustou foi a do fillo de porca marran seguro porque é a mais absurda de todos.
    Tamen me pareceu unha idea brillante engadir esas 2 frases despois dos asteriscos.

    O 4614

    A solucion do 4614 para librarse do 1313 pareceume un tanto inxenua, como de debuxos animados. Por outra parte é o unico feito no relato que humaniza ó porco (refirome a que o trata como un ser cun comportamento e psicoloxia humanas, e inda mais, sabedor do que está pasando na realidade). Minto: tamen engordou ós outros aprendices. Pero basicamente é a mesma decision e coas mesmas consecuencias. Tampouco me gustou como describe a forma en que levaron ó 1313, excesivamente melodramatica para o contexto do relato. Hai que ter en conta que o relato o conta anos despois diso, e co 1313 apenas estivo unha temporadiña. Creo que o formato autobiografico (“relato de vida”) non foi acertado en xeral, rara vez o é.
    Cando narras desde “hoxe”, xa non es a persoa que eras, as emocions que deben primar son as que sentes hoxe, as de onte só as podes mencionar de pasada: por exemplo, se dis que de novo te divertiches o que deberias que expresar aí normalmente é nostalxia, non alegría. Neste relato non vexo iso, apenas sei quen é o 4614 hoxe. só no final.
    Fagamos un experimento: imaxinemos que o ultimo paragrafo é o primeiro, ou que por calquera razon o lemos antes que o resto do relato. Se facemos iso, resulta irrelevante o resto do que se conta. Que mais nos da como chegou aí (encima non sucede nada fora do esperado), se o corazon do relato está no pensamento e sentementos dun ser que se atopa no corredor da morte?
    Si que estivo ben cando fala da soidade, pero mais a frase en si que o seu impacto na personaxe.

  3. “Estatisticamente significativo”
    O experimento das pías, como xa se comentou, non ten moita relación coa conclusión; estaría mellor 3 experimentos, 3 conclusións. O tema da porcentaxe errónea non está claro se é un erro ou adrede. Porén, gústame a volta de torca dos ditos populares.

    “O 4614”
    O animal véndese como un ser especial cando as súas solucións son do máis simple, o cal non é malo en si, podía ter sido un tipo de narrador enganoso. O que xa non funciona é que en efecto a xogada sáelle ben durante anos. A intensidade do relato está repartida en distintos puntos e distrae en lugar de ter un único eixo.

    Quedo con “Estatisticamente significativo”, que me sacou un sorriso.

  4. «O 4614»
    Usar a perspectiva dos porcos semellaba unha das mellores solucións para a imaxe, mais a idea de usar un espécime privilexiado (dentro do fado ineludíbel para todo cocho) axuda a darlle carácter ao relato. É áxil e logra escenas potentes; gostei moito do final do 1313, o que comenta Lois é moi interesante, aínda que non me parece anormal que un momento coma producise un grande impacto e quedase gravado na súa memoria como para poder reproducilo así. O maior problema coido que é esa maña para sometelos a todos, resulta pouco convincente de forma puntual e inverosímil a tan longo prazo (se contamos cunha distribución similar de candidatos ao longo do tempo, viviu tres veces máis có seu antecesor). Supoño que aí as aperturas de tempo non axudaron a procurar unha solución mellor. Resultoume unha lectura interesante.

    «Estatisticamente significativo»
    O enfoque é moi orixinal. Como xa comentou todo o mundo, sobra o experimento do penso, que ademais eu tampouco sei de que maneira pode determinar a sorte dun individuo porcino: o feito de seleccionar un penso ou outro non semella que teña moito que ver co azar nun experimento ben deseñado. Iso forma parte dese certo traballo extra que precisa para deixar o texto puído. O da revista a min non me parece tan mala idea, porque por unha banda xustifica que o escrito sexa menos árido do que unha publicación científica (pasa pola peneira do periodista, que o fai máis fácil de comprender para a poboación xeral) e permite o remate. Resulta gracioso e con ese chisco máis de edición funcionaría moi ben… como artigo dunha publicación satírica; como relato non o acabo de ver.

    O meu voto vai para «O 4614».

    1. É certo que a caída de 1313 serve como reflexo do que lle vai pasar a el, é como unha descripcion do seu destino por adiantado, inda que no final el qeure diferenciarse dicindo que está preparado (talvez se refiera a que está preparado para que veñan a por el dando por feito que como naceu con sorte se vai librar da morte).

      1. Interpreto máis ben que ao vivir moito máis que o marrán común, e incluso que o gran semental anterior, tivo tempo abondo para prepararse para un desenlace que para el xa era coñecido (porque viu como levaban a 1313 e a moitos despois del, xa intuía que final tiveron todos). Nese remate non vexo ningún tipo de esperanza, si conciencia dunha vida chea de sorte, todo o plena que podía ser para alguén coma el: viviu máis e en mellores condicións do que todos os demais.

  5. Isto non pode ser. De verdade temos que decidirnos por un?

    O duelo máis chusqueiro que lin ata o de agora. Rin a escachar. Os dous merecen punto. Debería haber un botón dourado, pase de ouro ou algo así. Que me quiten un punto a min e llo dean ó ou á que perda deste duelo.

    Unha marabilla de linguaxe, os dous moi diferentes, pero moi ben acaídos, extraordinarios. E os finais son marabillosos, para imprimir e publicar en papel. De antoloxía. “Son 4614. Son o rei”, por favor, que bo. E o de meter nunha mesma frase Winsconsin da comarca do Deza… deberíase vender como monólogo a Carlos Blanco ou a Goyo Giménez.

    Aplauso para a autora e o autor. É un acto inxusto escoller un dos dous, pero con moita pena polo outro voulle dar o meu voto a Estatisticamente significativo.

  6. Gústame que haxa tanta diversidade nos relatos. A idea da foto como motor da imaxinación buscaba, entre outras cousas, esa capacidade de construír, coa mesma inspiración, universos distintos. E dito isto, aproveito para dicir que non sei se me gusta ou non que case non reparemos niso, na relación entre texto e foto como factor avaliable na decisión do voto. No II Torneo houbera bastante polémica co tema, daquela eran conceptos os puntos de partida. Desta volta este é un factor menor. Ben, todo OK.

    Estatisticamente significativo

    Parabéns ao autor/a por construír un relato humorístico branco. En tempos de tanta intensidade agradezo que haxa unha aposta polo sorriso dun xeito tan natural e ben armado. Mentres o lía, pensaba en que se cadra é o primeiro relato da historia dos torneos perfectamente susceptible de ser lido por público infantil.
    O que non me casa é ao que a todos, esa aparente incoherencia, e tamén certa desidia na redacción como para encaixar perfectamente na linguaxe do xornalismo científico.

    O 4614

    Un bo relato sobre o poder e a intelixencia, porcina, neste caso. Coido que ten razón o Lois Z na dificultade do presente para relatar algo tan extenso. Pero non estou de acordo con el no que ao primeiro semental se refire. Por moi pouco tempo que pasasen xuntos, el foi o primeiro. E ninguén esquece o primeiro. Valoro moito a pericia da narración aínda que coido que algunhas frases poderían mellorarse para seren completamente precisas.

    Voto por ‘O 4614’.

    1. Pararse a valorar se os textos casan ben coas fotos só pode traer problemas, como xa pasou cando os temas eran palabras/frases. Así está perfecto. Eu leo os relatos e a veces non me acordo de mirar a foto ata despois de postear os comentarios.

  7. De novo unha foto complicada ó meu parecer

    Estatisticamente significativo
    O relato resultoume tan orixinal orixinal na perspectiva adoptada como irregular na súa execución . Destaco, iso si, o realmente graciosos que me resultaron os dous apuntamentos finais.

    4614
    Malia non ser nada afeccionado á humanización dos animais en relatos ou cinema debo dicir que este relato resultoume entretido e ben levado en todo intre.

    Voto por 4614

  8. O meu voto vai para “O 4614”. É un relato moi bo e moi ben narrado. É a historia dun porco que non ten outros estímulos na vida que copular, comer e retrasar canto poda a viaxe no camión. E esta historia está contada de marabilla.

    “Estatísticamente significativo” é orixinal e divertido, fíxome rir moito. Non coñecía eu o de “fillo de porca marrán seguro”, para min non é así, pero fíxome moita graza. Por que os de Wisconsin viñeron á bisbarra do Deza a facer o seu estudo? Que teñen os porcos patrios que non teñen os de USA?

    Un moi bo duelo, unha pena que non se poda votar polos dous.

  9. Esta vez creo que non teño que me desculpar pola foto porque daba para moito, a vista están estes dous relatos. Cústame moito decidirme.
    De “Estatísticamente significativo” destaca o tono humorístico que me presto moito e certa ironía e retranca. Coincido con Lois, creo que e o que o di, que lle faltan unhas voltas para ser mais sólido e chegar a onde pretende pero o resultado agrádame por que tamén ten moito de risco e de provocación.
    “4614′ gústame esa idea do porco que narra a súa estrataxema para sobrevivir nun mundo de cuadras. O resto do relato está moi ben narrado, con toques de humor e incluso cun porco personaxe que evolúe ao longo da historia.
    De boa gana repartiría o punto pero xa que teño que quedar con un voto por Estatísticamente significativo por propoñer algo arriscado e crítico a un tempo.

  10. Estas fotos son das que fan suar…

    “Estatisticamente…” é un relato moi orixinal onde destaca o formato sobre todo. Gustoume iso de tentar contar algo mediante un medio tan árido coma un informe estatistico, tamén me gustaron moito as últimas dúas liñas. Poida que lle falte algo de pulido, sobre todo na descripción dalgún experimento.

    “O 4614”, non son eu moi fan tampouco da personalización dos animais, salvo que esta estea suxeita a algún tipo de mensaxe (Rebelión na granxa, Maus, Howard o pato… o can de Ricky Martin…), neste caso penso que o autor lle soubo dar certa gracia a esta historia de supervivencia, inda que nalgunha parte, coma na da súa soidade, quede a medio desenrolar.

    Para min están moi parellos os dous, pero penso que me gustou unha chisca máis O 4614, e por iso leva o meu VOTO.

  11. “Estatisticamente significativo” a pesar de ser formalmente perfecto e ter bastante graza creo que quedou eclipsado polo dinamismo do segundo. O informe vai cunha estrutura predeterminada, “encortellado” no formato que se empregou, emparellando experimentos con refráns/conclusións e iso pesa en contra cando o contrincante opta por algo máis dinámico empregando tamén o humor para chamar a nosa atención. As dúas últimas liñas de Estatisticamente intentan salvar ese problema do que falo, quizais incorporadas esas declaracións (e outras) polo medio deixaríao á par de 4614. Voto por 4614.

  12. Quen ía imaxinar que unha fotografía de cinco porcos amontoados daría tanto de si? Tanto “Estatisticamente significativo” como “O 4614” son dous relatos afastados do tradicional, divertidos e ben construídos, o primeiro deles cunha estrutura “punto por punto”, relacionando os resultados da investigación expostos ao comezo cos refráns do final (aínda que como xa mencionaron en varios comentarios, non remata de casar esa proporción 4:3), e o segundo deles cunha estrutura cíclica que nunca pasa de moda. Considero que ambos relatos están moi igualados, pero como hai que elixir un decántome por “O 4614” por dous pequenos detalles: por ser lixeiramente máis dinámico e por espremer un chisco máis a fotografía ao incorporar ao porco louro como narrador en primeira persoa.

  13. “O 4614” é un relato auténtico, excéntrico e perfecto a nivel estilístico – baixo o meu punto de vista, claro está -. Foi un dos meus favoritos da xornada pola súa sensibilidade e cun retrato brutal a base de pequenos detalles.

    Son unha parva que adora ter dúas reaccións mentres le: chorar como unha nena de tres anos ou rir ás gargalladas aínda que estea nun lugar público como “Matilda” na película de Danny DeVitto baseada na novela homónima de Roald Dhal. Se un relato consegue unha destas dúas reaccións, é o meu gañador.

    Isto sucedeu con “Estatísticamente significativo” e por iso vai para este relato o meu voto.

  14. Moitas grazas a todas polos comentarios, votásedes por quen for. Eu gostei moito do relato da Natalia, un claro exemplo de que moitos dos duelos decántanse por detalles ínfimos. Unha aperta para todas.

  15. Encantaronme los dos relatos. Rinme moito, o que nestes intres non parece tan dorado como antes. Gustoume mais 4614, probablemente pola propia historia, anida que estadísticamente significativo parecerme divertido e original.
    O me voto vai para 4614, un pequeño conto que considero mi no.

  16. Inda que o perdedor non pinta nada comentando, quero darvos as grazas outra vez ós que perdestes un anaco de tempo en analizar o meu relato. Eu valóroo moitísimo. Nunca tuven oportunidade de que xente que de verdade sabe do tema comente sobre un relato meu e me ensine tanto. Para min é un luxazo.
    En canto ó desequilibrio do texto, estiven ata o final pensando se engadir o experimento das pías ou non. Pero ó final, como non tiven máis tempo de arreglar o relato (estos días para min están sendo duros pola miña profesión e case non teño tempo), pois decidín metelo, xa que o da PorcoLoto era moi surrealista e pretendía que a narración, fora de máis realista a menos. Foi erro, sen dúbida.
    Con respecto ó da conta do 90%, efectivamente tamén foi un erro, non de conta, senón de transcripción de un documento a outro. Que rabia me dá que estas cousas se noten tanto…

    MOitas grazas a todas e todos e noraboa ó crack de Amador!

  17. De crack nada. Aquí todas valemos o mesmo. E os comentarios igual. Efectivamente son intres complicados para todas, pero moito máis para vós. Con algo máis de tempo, pouso e relax, sen dúbida terías redondeado o relato (e complicado a min a vida 🤪).
    Imos seguir, procurando pasalo ben neste torneo, como ben o pasei lendo o teu relato

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *