O albergue. Capítulo 2
Beatriz Cabaleiro.
OS FLYERS
Despois do incidente co móbil da nai do Xurxo, a Laura estaba máis que preparada para enfrontarse a calquera cousa. Cunha nova estratexia en mente, o Xurxo reuniu o equipo para debater a próxima xogada: volantes informativos e unha campaña de márketing ambulante.
—Rapazas, precisamos que o noso albergue sexa máis popular que un bo asado arxentino —chíscalle o ollo á súa parella e a Laura sente tremer a súa espiña dorsal do noxo.
A Laura e a parella deste asentiron con resignación. O Xurxo púxose man á obra. Deseñou co Canvaos volantes, cunha combinación de cores e tipografía un tanto rococó. Preguntoulle a Laura a súa opinión e esta preferiu non ser sincera pois a Arxentina xa dera a súa. E, como non, apoiaba o deseño do seu mozo.
Co apuro do tempo, e cunha guillotina que tiñan no albergue, as mozas comezaron a cortar os volantes a man. Unha vez listos, o Xurxo decidiu que a entrega debería ser feita en persoa. Propuxo que a Laura ficase na rúa e lles entregase aos peregrinos os flyers preto do albergue. Esta dixo que non cría que fose resultar ese plan, pois a maioría dos peregrinos xa tiñan o seu percorrido planificado, coas reservas feitas de antemán. O Xurxo non quixo escoitala e menosprezou a súa experiencia coma se apartase unha mosca.
***
E así as rapazas, a desgusto (aínda que a Arxentina non quixera admitilo), organizaron a gran campaña de entrega de volantes. Non faltaron os contratempos. Que esperabades se non das ideas do Xurxo?
Contratempo número un: ao pouco de saír á rúa, o vento decidiu ser o protagonista. Os volantes, que habitaban perto do lixo nada máis ser entregados na mans dos peregrinos, transformáronse en aeronaves improvisadas, danzando no aire como pétalas. A Laura suspirou ao ver a cara do Xurxo cando viu algúns aterrar aos seus pés mentres estaba disposto a recoller a terraza. A súa mirada foi fulminante.
—Xurxo, se cadra deberiamos ter pensado nun plan B para o vento —comentou a Laura con sarcasmo. Estaba convencida de que todo aquilo era unha perda de tempo.
A mirada deste foi aínda máis fulminante. Sacou un cigarro e comezou a fumar compulsivamente e a observar o xogo.
—Veña! Que fas aí apapahostiada? A traballar! —berroulle o Xurxo á Laura.
Contratempo número dous: a Laura, a pé da rúa, ofrecía os flyers con amabilidade, pero algúns peregrinos, enfadados polo servizo non solicitado, rexeitaban os panfletos coma se fosen comerciais de pacotilla, á espera dun royalty por cliente. Este foi un dos tantos sucesos similares:
—Good morning, ma’am. Would you like to get to know our hostel in the heart of the city? —preguntou Laura, estendéndolle un dos coloridos flyers á peregrina que pasaba por alí.
A señora, de avanzada idade, mirouna cunha expresión de total ensimesmamento, como se estivese inmersa nos seus propios pensamentos. Sen dicir unha palabra, axitou a man apartando a Laura como se fose un mal soño que debería ser evitado.
—Have a nice walk! —berrou a Laura, tentando ser simpática como se nada ocorrese. Encolleuse de ombros; esta forma de captación de clientes era un tanto old school.
Contratempo número tres: a desventura continuou cando as rapazas decidiron entrar en acción nos negocios locais. Armadas con entusiasmo, comezaron a táctica na tenda mais achegada ao albergue, un ultramarinos con produtos groumet, onde preguntaron sobre a posibilidade de deixar uns flyers.
—Por suposto, faremos publicidade —afirmou o home, que non era nin máis nin menos que o propietario, cun sorriso amigable.
Non obstante, tan pronto como saíron pola porta, estes atopáronse coa papeleira.
Ante tal éxito, decidiron pegar elas mesmas os flyers nas entradas dos establecementos se aceptaban facer publicidade por boa vontade.
A pesar do acontecido, o Xurxo non se deu por vencido. Ao ver que un grupo de oito polacos se detén a ler o menú do día no encerado colocado diante da cafetaría, en lugar de seguir camiñando, achégase a eles e comeza a facer de bussinesman e a falarlles das incribles instalacións do albergue recén estreado. Un deles falaba moi ben castelán, pois fixera o seu Erasmus en Santiago de Compostela e comezaron a falar de Galicia, da súa xente e da boa comida.
—Laura, vente pacá, preciso da túa axuda! —exclamou o Xurxo.
—This guy is a showman! —díxolle un dos polacos a Laura, mentres seguían todos a Xurxo cara ao albergue. E tanto. O xefe era ben peculiar. Quen se non ía abrirlles a uns clientes un álbum de fotos persoais onde sae en cada Camiño de Santiago que fixo?
—Laura, que calada estás! Ti traduce todo o que eu diga que só entende un rapaz, e non che esqueza tomar os datos de cada un dos pasaxeiros. Témolos no bote, dígocho eu.
Acabaron por ficar alí, cansos do contratempo do vento tan forte. E iso non foron boas novas para a Laura, pois o Xurxo agora estaba decidido que a pé de rúa era a maneira de captar clientes. A que se debía aquela seguridade? Un deles tiña o volante engurrado na man.
É dificil facer humor. E dentro do humor, a parodia ten a sua dificultade propia, porque a imitacion humoristica ten que nacer dun coñecemento profundo do que estás parodiando. A Xurxo ten que parecerlle xenuinamente unha boa idea facer os flyers, facelos como os está facendo e distribuilos como o ideou, e á vez o lector ten que ver claramente o ridicula que é esa idea. Recomendo ver the office para tomar notas sobre o tema.
Cando Laura califica de rococó os flyers, cando razona que a idea non vai funcionar, cando fala de “contratempos”… está usurpando o papel do lector, que era o que tiña que resolver e xulgar as ideas de Xurxo. Por iso non lemos aqui unha parodia, lemos un drama, o de como Laura se ve obrigada a facer cousas sabendo de anteman que non van funcionar.
Imaxinade agora qeu fose Xurxo o que tivese que repartir os flyers e lle pasasen todas esas cousas malas. Xurxo non calificaría os flyers como rococós, nin entendería por que os peregrinos non os queren. El sería a parodia andante e completa. Laura teria que ser a que, despois de ver todos eses despropositos, conseguise traer ó albergue a alguen gracias ó seu bo xuizo.
Por suposto, pode contarse con humor o contrario, é dicir, o que mostra este capitulo, pero pareceme que o deseño e a estrutura do texto non casan ben con esa idea. Para ser mais fiel á idea orixinal do capitulo os cambios terian que ser mais profundos. Por exemplo: gustoume o gag do final, o do papel engurrado na man do turista. É o que mellor funciona, e tomariao de referencia para reescribir o capitulo “cara atrás” partindo dese final. Ese final supón que Laura non ten fe, en efecto, pero esa falta de fe non pode vir do ridiculo nin da loxica, ten que vir de algo mais persoal, mais propio de Laura, co cal Laura entraria dentro da parodia, non enton simplemente seria unha victima dunha idea absurda do seu xefe. O seu pesimismo sería unha caracteristica mais a parodiar.
Boas, Lois. Grazas polo feedback constructivo. Tomo nota!
Esta novela vai precisar reescritura, e creo que todos os comentarios que lle podamos aportar van ser de utilidade. Porén, o importante é que a novela está aí, a historia está aí, o picante está aí. O bloque de mármore xa baixou da canteira, agora só hai que ir quitando os cachos até chegar á forma necesaria para logo puír.
Estou de acordo con Lois en que debe ser o lector o que se ría da situación que se conta e non o personaxe. É algo parecido a ver videos de xente que xoga a videoxogos en vez de xogar a videoxogos. Na miña opinión, o narrador, se é en terceira persoa, debería manter unha linguaxe neutral, mesmo aséptica, sen xulgar o que fan os personaxes, só describíndoo. Por exemplo, se o flyer é rococó, o narrador non debe usar esa palabra, é moito máis efectivo que o narrador describa o panfleto e faga que o lector chegue el mesmo a esa conclusión. Así con todo.
Polo demais, animo moito a Bea a seguir con forza coa novela. Aquí hai tema e personaxes para pasalo en grande.
Sigo pensando que a hostelería é un faiado enorme de anécdotas que contadas con “histrionismo” pode funcionar fantásticamente nunha novela.
Algo que podería axudar o mellor, sería focalizar a acción nunha soa personaxe e construír a historia baseándose nela.
Un erro que se repite neste texto segundo o meu parecer, e a repetición constante dos nomes das personaxes: ” O Xurxo”, “A Laura”… creo que sería interesante buscar outras formas de referirse a eles sen nomealos directamente de forma tan repetitiva.
Gústame moito o emprego dos flyers, eu mesmo repartín moitos de varias iniciativas laborais que tiven.
Concordo coa idea de que a acción, ou as opinións das personaxes, e non o narrador, sexan as que definan as cousas.
Tamén a mistura de moitas personaxes, indicando sempre os seus nomes pode causar confusión e/ou falta de fluidez no texto.
Aínda é moi cedo, temos que darlle tempo ás historias, e a base que temos no Albergue é variopinta pode dar moito xogo como comedia costumbrista ou postmoderna. Parabéns, Beatriz e dalle duro.
Ao ler este capítulo teño que parar varias veces na lectura porque hai cousas que xeran certa confusión. O uso de flyers, volantes e volantes informativos para a mesma cousa, por exemplo; o uso reiterado do artigo antes dos nomes, que non ocorría no primeiro capítulo; a maneira de dirixirse a Laura de Xurxo, chegando a unha violencia verbal que non acabo de ver xustificada ou o feito de que este lle diga que ten aos polacos no bote cando hai un deles que fala moi ben castelán. A confusión vai freando a miña lectura e iso faime perder o fío.
Sigo pensando que hai demasiada condensación de elementos que quizais darían para máis narración. A historia pode ter potencial, pero a forma non acaba de dar aínda, na miña opinión, o que esta precisaría.