O albergue. Capítulo 3
Beatriz Cabaleiro.
É ben sabido polos veciños da vila que na zona da cafetería do Xurxo as pombas aproveitaban calquera descoido para roubar os anacos de biscoito que acompañaban o café da mañá. O da mañá, o do mediodía e o da noite. Era un auténtico encordio para o Xurxo. Era o benestar do seu negocio contra as pombas de pés amputados; aquelas ratas voadoras que non merecían monopolizar a súa terraza, o seu territorio, sen a súa misericordia.
Aquel día, o Xurxo sorríalles ao equipo e aos clientes.
Laura preguntoulle o motivo.
—Teño un plan xenial para acabar con dous problemas a un tempo. Por certo, temos reservado o albergue enteiro por unha semana! Arranxei cun equipo de balonmán xuvenil das Canarias. Pon as pilas, que tes que bloquear calquera dispoñibilidade no Booking para eses días. Isto marcha, Laura, isto marcha!
Entre tanto a Laura traballaba niso, o Xurxo, no seu recuncho do bar, comezou a preparar gaiolas para atrapar as pombas durante aquela mesma madrugada, perto das horas da mañá cando as aves espertaban con fame. O seu plan era agocharse en alerta, agardando o momento no que caesen nas súas poutas e tirar do cordel que pecharía a gaiola coa pomba dentro. Un plan maxistral que non pensaba compartir con ninguén máis. Nin sequera coa súa moza.
Ao día seguinte entrou no albergue a Policía. Dous axentes da Local. Un deles preguntou polo dono do local. O Xurxo identificouse.
—Chamounos un veciño para denunciar que andaba vostede a cazar pombas ben cedo de mañá —falou o outro, que por ser máis vello, parecía que tiña maior autoridade.
—Oia, que eu non teño nin escopeta de balotes. Os veciños sonlle así. Montaron unha cuchipandi en contra miña e menten coma bellacos. Queren fotos dos seus vehículos mal estacionados? Espere que procuro… —Puxo as súas lentes de ler e comezou a deslizar fotos no seu cartafol de imaxes.
—Non é necesario. Só precisamos liberar as pombas e tomar os seus datos. É un aviso. Se segue a facer o parvo teremos que multalo.
—É iso, acaso, un delito, axente? —preguntou o Xurxo, abrindo teatralmente os brazos en cruz—. Vounas adestrar, como mascotas, sabe? Pombas mensaxeiras. Coma tiña o Toñito, que en paz descanse. Que bo home era. Un bo veciño, non coma estes que chaman ás forzas e corpos de seguridade sen saber!
Un dos policías axexou polo oco das escaleiras, coma se buscase que o que procuraba estaba alí. A chamada dos veciños fora ben informativa. Apartou a figura corpulenta do Xurxo e subiu cara ao primeiro andar mentres o seu colega tomaba nota dos datos do Xurxo. O policía chegou á sala pequena, onde a Laura xantaba pensando que podería desfrutar dun momento de paz tras escoitar os arrolos dos paxaros a mañá enteira. As pombas engaioladas, de feito, comezaron de novo a facer glu-glu sen parar ao ver ao axente, coma se intuísen que ían liberalas.
—Son moi sensibles —díxolle a Laura ao policía—. Todo as altera. Se puidese esperar a que eu…
—Vostedes non o entenden —pregou o Xurxo—. Eses bichos teñen unha fame do inferno. O que gasto a maiores para poñer tapa con todas as consumicións cómenmo elas. Que pasa neste país, teñen máis dereitos uns infectos animais salvaxes ca os cidadáns que pagamos relixiosamente os nosos impostos? —Os policías seguiron ao seu, transportando o pombal escaleiras abaixo—. Oian, devólvanme as gaiolas, polo menos. Se cadra aínda mas recollen en Amazon, que eses carallos nin miran para as caixas de devolución.
—Ten aí montada unha boa —díxolle o policía máis veterano ao Xurxo—. Hai pombas para subministrar durante un ano unha escola de maxia. Temos que pedir reforzos para apañalas todas. Pareceralle bonito! Co necesitada que está esta vila de radares móbiles e os efectivos policiais aquí de transportistas de aves coma operarios de Coren! Menos mal que temos a comisaría aquí ao lado!
O Xurxo por fin ficou calado mentres observaba as figuras daqueles homes marcharen cara á comisaría coas gaiolas.
A Laura baixou silandeira, deixando o xantar a medio comer. Ao vela, o calado Xurxo empezou a bracear. Tirou de vez toda a rabia.
—Merda, Laura, merda! Era un negocio colateral caralludo. Unha puta start-up, un spin-of digno de Elon Musk!
—De que falas, Xurxo?
—Apalabrara as pombas cun restaurante vietnamita ou coreano, de Allariz. Pagábanme a 50 céntimos a pomba.
—Desplumada?
—Non, Laura, vivas. Chegar e encher. As trampas funcionaban á perfección.
—Vivas? Serían daquela para alimentar o león dun circo.
O Xurxo deulle unha patada a unha caixa de botellas de cristal de Seven-Up. Cheas. Coxeou durante dous días.
Esta terceira parte penso que mellorou moito á segunda. Moito máis cohesionada e con diálogos que funcionan. Hai unha pega o meu parecer, a actitude dos policías non é creíble: falan con Xurxo coma se fosen colegas, non unha autoridade, dinlle que non faga o parvo, fan chascarrillos co tema das pombas… penso que non é a posición natural dun policía. Que hai policías así? seguro que si, pero non é a norma, polo que perden un pouco de credibilidade esas personaxes.
Polo demáis o dito, gustoume moito máis que a entrega pasada 🙂
Grazas, Adri! Tomo nota tamén.
Neste novo capitulo de pratos combinados Miro Pereira pelexa coas pombas. Está ben, cada capitulo da serie ten que ter un tema central. pero ten que algo mais. podemos estruturar os elementos que precisa. Se é un albergue, ten que notarse que é un albergue. Tes que facer en cada capitulo que sexa imposible que poida rodarse en calqeura outra localizacion. E non se cumple ben isto. Eu so vexo un bar.
Outro elemento, personaxes recurrentes ou novos personaxes que o rematen sendo. Hospedes fixos, algun paisano do lugar, o repartidor, os policias? a nai de xurxo, por exemplo, que xa apareceu, pode ser un destes. unha vez teñas localizacion e personaxes xa podes xogar cos conflitos. as pombas. primeiro introducelas facendo ver como molestan (as cagadas ou o que sexa), pero que non pareza ainda que van ser as protagonistas. que o molesten mentres fai outra cousa, non poñas ó narrador a explicar o malas que son, iso teno que facer xurxo no medio do capitulo. Ademais podes poñer ó Morris dandolles pan ou defendendoas, para facelo inda mais persoal. Despois xurxo terá a idea magnifica e ten que elaborala un pouco. compra as gaiolas por amazon ou traellas sergio pazos, tanto da. con iso ten outro problema, un exceso de pombas, e busca outra solucion, venderllas ós vietnamitas de allariz. E cando todo parece que vai rematar ben aparece a policia, por denuncia do morris e fastidiase todo.
Agora as pombas non se lle van de dentro do local, porque tamen as estaba entrenando como mensaxeiras, eu que sei.
Ola, Lois. Perfecto, tomei nota para a reescritura. De feito, xa reescribín os dous primeiros capítulos. Aínda que os elementos do humor non os controlo. Estou xogando en territorio hostil, hahaha… Pero farei o meu mellor. Ao final, está ben aprender e sair da zona de conforto. Apertas.
A autora xa comeza a estabilizar o ton e estilo da escrita. Os personaxe de Xurxo comeza a coller corpo e estou de acordo con Lois en que temos un arquetipo Miro Pereira e iso paréceme un tesouro. O noso Homer Simpson particular foi quen, el só, de manter unha serie en pé durante 11 anos e 261 episodios (mardito amenába’), así que Xurxo ben podería soster unha novela de duascentas páxinas sen despeinarse. Por iso, como dí Lois, segundo Xurxo se vai perfilando, hai que perfilarlle tamén un contrapunto sensato, un compinche e un ou varios antagonistas.
Respecto este capítulo en particular, penso que gañaría máis se lle cambiase a estrutura. Na miña opinión, desvélase a idea absurda de Xurxo demasiado cedo, como cando Benítez pasa a defensa de cinco no minuto trinta, e claro, a situación perde consistencia. Como lector tería agradecido algo así como:
1.- Descrición das pombas como problema/inimigo de Xurxo
2.- Xurxo ten unha idea xenial que non desvela
3.- Desaparición das pombas de forma misteriosa e descrición de Xurxo contento (formulación de hipóteses)
4.- Sucesos/comportamentos/ruídos estraños relacionados coa presenza das pombas no agocho
5.- Inspección da policía, sen dicir por que, e achado das pombas en xaulas (primeiro xiro)
6.- Descubrimento de que Xurxo vendía as pombas vivas ao restaurante (xiro final)
teño que mostrar o meu desacordo con fran no punto 2. a idea ten que desvelarse. se non, en que se sostén o capitulo? isto é humor, non misterio, o lector ten que ir dixerindo a tolada durante todo o capitulo e formular hipoteses sobre o que pasará cando o descubran os mais protagonistas (humor), non sobre que lle pasou ás pombas (misterio podre). asi, cando cheguen os policias, o espectador xa pode salivar sobre o que pasará, en vez de simplemente esperar a unha sorpresa irrelevante (por que o é, isto non é o sexto sentido, da igual o que lle pasara ás pombas, se están en gaiolas (uuuh, que sorpresón) ou se as matou o mosad) .
Concordo con Adrián, un capítulo cohesionado e con diálogos que funcionan mellor. Fíxoseme curto, iso si, e penso que podería recoller algo dos capítulos anteriores e retomalo. Tamén engadir outras posibilidades, como apuntan Loiz Z e Francisco Javier.
As pombas son un elemento curioso e abren camiños potenciais que poderían ser ben interesantes.
As oracións finais son un acerto como final de capítulo, por certo.