BiosBardia

O país dos libros en galego

O albergue. Capítulo 4

Aspiradora de teclado. HARSH AGRAWAL/FLICKR.

Beatriz Cabaleiro.

A pesar do problema das pombas, as xoves deportistas e o seu adestrador gozaron da súa estadía, alleos ás peculiaridades do dono daquel albergue.

A ledicia do Xurxo viuse embazada cando unha clienta alemá decidiu expresar a súa insatisfacción en liña. A crítica chegou como un raio a través do Booking:

Mein Gott! A limpeza é un desastre. Velaquí a sucidade debaixo da miña cama:”

Adxunta había unha imaxe. O lixo era tan grande coma unha planta rodante do Joshua Tree National Park.

—Laura, cago en todo. Isto non pode ser. Baixarannos a media no Booking coa valoración desta muller!

A Laura tomou o seu tempo para responderlle ao xefe, que quedara con ela en busca dunha solución, moi preocupado.

—Non hai nada que facer —dixo a Laura—, só responder de forma asertiva e lamentar a mala experiencia connosco.

—Diso nada… —falou o Xurxo—. Darlle a razón? Nunca! Borra ese comentario. Agora!

—Non se pode.

O Xurxo e os seus cambios de humor.

—Como que non se pode?

—Non. O sistema impide que os establecementos poidamos eliminar comentarios dos clientes. É un dos segredos do éxito da plataforma. Así consegue parecer unha comunidade sincera.

—Comunidade sincera a que teño entre as pernas! —berrou o Xurxo fóra de si—. Maldito capitalismo 2.0!

Mentres a Conga pasaba por diante da Laura, intentando aspirarlle as puntas dos pés. A moza calcou os dentes e gardou para si a vontade de darlle unha boa patada coma se fose a cascuda d’A metamorfose, de Kafka.

Doído polo comentario, o Xurxo contratou persoal de limpeza. Por primeira vez des que abrira, a Conga ía ter axuda para limpar os tres andares do albergue.

O Xurxo estaba contento coas fichaxes. Eran dúas profesionais de ampla experiencia no sector, cobraban pouco e coñecían o negocio.

—Ven, Laura, coñecer as túas novas compañeiras.

A moza non daba creto. O xefe contratara a nai del e aquela amiga da chamada telefónica.

Ter a nai do xefe por alí limpando e falando co fillo e mais a súa amiga despistaba un pouco a Laura. Era coma estar na casa deles, de espectadora indiscreta na recepción do albergue. O Xurxo parecía un neno obrigado a seguir as ordes que lle ditaba a súa nai. “Xurxo, trae a papeleira”. “Xurxo, necesito unha bolsa de lixo”… Tamén recibía reprimendas diante de todos: “Xurxo, es un porco”. “Xurxo, as duchas tamén hai que limpalas!”…

Lonxe quedara o seu aire de ditador fascista cando lle quitara a nai o móbil. Acababa de sufrir un golpe de Estado no seu propio albergue. O comentario da clienta deixárao desesperado e parecía asumir o seu tráxico destino: obedecer a quen o trouxera á vida para que non se volvese repetir. Non porque confiase moito na solución que argallara, senón porque non quería investir nin un euro máis na limpeza dos cuartos. Con tal de non gastar, aturaría o que fose, aínda que andase o día enteiro fungando polas esquinas.

En poucos días, a nai do Xurxo establecera un réxime de terror. Neutralizado o fillo e a súa autoridade, as dúas señoras tomárona coa Laura. Pouco a pouco, coma unha onda de chumbo derretido, lenta pero implacable.

—Nena —díxolle a nai—, como es capaz de vivir entre tanta merda?

A Laura quedou sen palabras. Gabábase de coidar do seu ámbito de traballo. Era ordenada e autosuficiente. E, ademais, desde o incidente da bóla de po, esmerárase en ter brillante a área que dependía dela.

—Ti sabes cantas bacterias e outros microorganismos poden vivir aí? —continuou a señora— Invisibles, aparentemente tranquilos, pero preparando o seu seguinte ataque… —A Laura quixo intervir, pero a nai do xefe traía o discurso preparado—: Tifo, malaria, tose ferina, cólera… ébola! Ébola, nena! E ti aí tan tranquila…

—Non sei de que me fala —interrompeuna Laura, que buscaba ao seu redor a orixe daquel comentario—. A min paréceme que todo está limpo. Até me parece que recende a ambientador de piñeiro!

—Insensata! —berrou a muller—. Está aí, aí —sinalaba cos dous índices e de cando en vez facía cruces con eles—. O foco infeccioso, embaixo dos teus dedos, esperando en cada fírgoa do teclado para saír coma un exército putrefacto.

A nai do Xurxo continuou prognosticando un cento de maldicións bíblicas a conta do po que se acumulaba entre as teclas do portátil da Recepción. E cando a Laura xa pensaba que viría cunha bolsa especial para residuos radioactivos e lle levaría a súa ferramenta de traballo, entendeu cal era a estratexia da nova ditadora, Mrs. Proper. A amiga apareceu ataviada con lentes de seguridade e unha funda branca. Na man levaba unha caixa ríxida, unha especie de maletín do que foi sacando ferramentas e gadgets.

A Laura sentiu que volvera a pandemia e entroulle así un apuro inexpresable. Ese estado de choque facilitoulles ás dúas comandantes das SS-Tenn con bioalcohol retirala do teclado. Mais non a nai do xefe non a deixou marchar, nin apartar a vista. Tomouna polos brazos e obrigouna a ver.

—Mira, Laura, mira como rematamos para sempre coa praga… —murmuroulle ao oído.

A amiga da señora operou o tratamento: aspirou, irrigou, desinfectou. A Recepción cheiraba a zyklon. A Laura tivo que facer esforzos para non tusir.

—O que criaches aquí, miña nena —dixo a amiga da nai do Xurxo—. Séntense os bechos escachar e morrer.

Logo da Operación Teclado, a Laura recibiu un curso relampo sobre hixiene en equipos informáticos e sentiuse sucia, moi sucia, cada vez que pousaba as mans sobre o ordenador. Pasaba o día a fregar os dedos con hidroalcohol e prefería pasar fame a comer ou beber cerca do computador.

No día dez da Vitoria do Partido da Limpeza, ao escuso, o Xurxo achegouse á Laura e pediulle que fosen a un lugar apartado. En cada recanto, o xefe esculcaba que non houbese oídos indiscretos. Cando se creu dabondo lonxe de ollos espías, díxolle, rotundo:

—Laura, temos que acabar con isto. Vivimos nun campo de concentración! Érgome de noite con pesadelos. Soño que me obriga a beber amoníaco! Son elas ou nós. Temos que iniciar a revolución. Mellor morrermos de pé ca fregarmos o chan de xeonllos!

5 thoughts on “O albergue. Capítulo 4

  1. Chegados ó cap 4 talvez esta sexa a novela mais frouxa das 6 que compiten en calquera baremo técnico que consideremos. Pero posúe unha fortaleza estrutural que non ten ningunha das outras. Porque a esta novela pódeslle poñer ou quitar personaxes, cambiarlles o nome, o sexo ou modular a sua personalidade, eliminar un capitulo, engadir outro en calquera sitio, volver atrás e refacer completamente calquera detalle, incluso transformar o binomio fundacional albergue do camiño por un hostal nos alpes ou unha oficina en manhattan e vai funcionar igual. Esta é unha ventaxa tremenda, a novela é tan editable que podemos dar centos de ideas, Bea coller as que queira e “a historia” seguiría sendo tan súa coma a orixinal, mentres respete esa mesma estrutura.

    O que mais necesita a novela (nestes momentos) é coidar a escrita, as frases, para explotar o mellor posible o concepto de cada capitulo. Algunhas parecen tonterías, pero todo suma.
    Algúns exemplos:
    -a súa insatisfacción en liña
    nas redes.
    -“Mein Gott! A limpeza é un desastre. Velaquí a sucidade debaixo da miña cama:”
    Eu poríaa toda en aleman. Ou toda en galego.
    -responder de forma asertiva
    non entendo que pinta a asertividade aí
    -Maldito capitalismo 2.0!
    borraría esta frase para que toda a forza qeudase na anterior.
    -coma se fose a cascuda d’A metamorfose, de Kafka.
    se en poñer unha referencia empregas mais palabras que gracia fai o chiste, é que non compensa facelo.
    -O xefe contratara a nai del e aquela amiga da chamada telefónica.
    só a nai (boa idea, por certo). a outra nin aparece facendo nada, enton sobra, gardaa para outro momento.
    -o seu aire de ditador fascista
    chega con “ditador”
    -Acababa de sufrir un golpe de Estado
    se xurxo era o ditador, é raro que sufra un golpe de estado, poderia ser derrocado ou exiliado ou condenado polo tribunal da haya como farán algun dia cos de israel.
    -comandantes das SS
    rebaixaria a cantidade de referencias nazis. chega un momento no que o lector xa sabe que as vas seguir facendo sen parar e xoga a adiantarse ou a adiviñar ou a crear as suas propias. E iso é malo, porque vainas comparar coas que se che ocorreron a ti, e vas sair perdendo porque o lector sempre cre que ten a razon. pon menos, deixa as mellores, un pouco espaciadas… eu diria que non mais de 3. chegan e sobran para darlle forma ó chiste global sen ter que competir coa imaxinacion do lector.
    -Son elas ou nós. Temos que iniciar a revolución. Mellor morrermos de pé ca fregarmos o chan de xeonllos!
    non che convén uqe diga cousas tan terminantes. é mellor que se pregunte se fixo ben, que se mostre arrepentido, que se queixe… pero que non diga uqe vai facer nada, porque iso obligache a que a trama “avance” dun capitulo ó seguinte.

  2. A verdade é que de todas as entregas de “O albergue”, esta é a que mais me gusta. Supoño que as continuas comparativas da nai do Xurxo cos Nazis, fanme chiste… eu son moito de facer chistes de ese calibre hahaha.

    Por dicir algo ao respecto, penso que se o humor negro vai comezar a coller peso nos textos, deberíase ser valente e abrir as comportas do sarcasmo e incluso do mal gusto. O humor negro é algo que hai que facer convencido e non andarse con miramentos. Hai algún humorista de stand-up que pode axudar como Ricky Gervais, Jim Jefferies, Ignatius Farray ou David Suarez así por poñer xente con moito contido e fácil de atopar. Cuidado!! non lle vai a gustar a todo o mundo, pero penso que é algo tremendamente valente :).

  3. Esta novela vai mellorando capítulo a capítulo e animo a Beatriz a seguir con ela até o final, coincida ou non co final da liga. Con toda probabilidade, cando Beatriz chegue ao final, os personaxes estarán completamente conformados con ósos, órganos, musculatura, pel, lunares, verrugas, eccemas, tics, manías, recordos, traumas, prenda de roupa especiais, desexos, fobias, perversións, contas bancarias, antecedentes penais, desexos, soños, etc, etc, etc… E cando Beatriz chegue ao final, os personaxes estarán no final dun arco perfectamente delineado en AutoCAD, mesmo aínda que o principio dese arco non estivese claro cando Beatriz comezou a escribir esta novela. E cando Beatriz chegue ao final, Beatriz debe seguir escribindo dende o principio, reescribindo o principio da novela até onde ela considere oportuno de forma circular, e capítulo a capítulo irá mellorando a novela esta.

    Así pode chegar a unha novela redonda.

  4. Con este capítulo pásame algo similar que cos anteriores. O feito de que sexa maiormente o diálogo o que leva o peso é un aspecto interesante, pero ás veces a parte narrativa queda curta en exceso. A contratación das dúas limpadoras é tan sintética que quizais lle reste protagonismo ao feito en si, que despois provoca o que ocorre con elas.
    É certo que o peso do humor negro é maior neste capítulo, polo que a dúbida é se a voz narrativa seguirá afondando nesa marca de estilo.
    Esta novela abre tantas posibilidades que cada capítulo é unha lectura absolutamente imprevisible, o cal é, na miña opinión, unha ferramente moi útil.

  5. Gustoume máis este capitulo que o anterior. Penso que z nai do xefe é unha boa personaxe en contrapunto a Xurxo. A outra limpadora pídese mesmo gardar para un capítulo posterior, e que sexa a nai a que avogue pola súa contratación. Cumpre ir marcando algunhas características das personaxes. E ao mellor darlle algo de foco a Laura. Azos e a seguir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *