BiosBardia

O país dos libros en galego

O albergue. Capítulo 8

Chino Darín. CASA DE AMÉRICA.

Beatriz Cabaleiro.

—Xurxo, nova ovella no rabaño! —exclamou o Manolo, sinalando cara á entrada sen deixar de limpar nas mesas da cafetaría do albergue.

O Xurxo levantou a vista e viu un mozo de pel morena, boa estatura e bonitas faccións, cunha mochila ao lombo e un aspecto canso, pero determinado.

Non había moito movemento de xente e a presenza do mozo permitiulle ao dono do albergue saciar a súa ansia de socializar.

—Benvido, camiñante! Como te chamas? Entendes o meu idioma? —O mozo intentou dicir algo, pero o xefe non lle deu pé e seguiu falando—: Eu son Xurxo, o propietario de todo isto.

—Son Matteo —respondeu o mozo en galego, cun lixeiro acento italiano—. Estou facendo o Camiño de Santiago e preguntábame se poderían necesitar axuda na cafetaría a cambio dun lugar onde pasar a noite.

—Pois falas moi ben o meu idioma!

—É que xa é a cuarta vez que peregrino a Compostela. Primeiro desde Roncesvalles. Logo desde Sevilla. A terceira vez… desde Plymouth. E agora, desde Lisboa!

—Vaia tute, meu rei! Pero aínda así, moito tempo tiveches que andar entre nós. Apenas tes acento.

—Xa sabe, señor. A Galiza ten un aquel que fai que un sabe cando chega, pero non cando parte.

—Enredáronte as mozas, non me digas máis. Evidente, co teu corpo e a miña cara conquistariamos América do Sur!

—Que lle parece? —cambiou de tema o Matteo—. Pensa que sería posible o trato que lle propuxen?

O Xurxo botou a man ao queixo e fixo como que o pensaba. Pero a postura quedoulle tan histriónica que só a deu mantido uns segundos.

—Veña… —dixo, cun ton condescendente—. Por chamáreste Matteo, coma o gran Matteo Salvini!

—Pero, xefe —bisboulle o Manolo ao oído deseguida, atento a que o italiano non cachase nada—. Non hai tanto traballo aquí. Póñao a fregar os cuartos ou a repartir flyers

—Flyers? Quita para alá, ho! Mira ben para el, Manolo. É un bombón. Recorda o que falaramos de converter o albergue na capital LGBTQ+ do Camiño Portugués. Xa verás como se nos enche o local de babosos —Logo dirixiuse ao Matteo—. Amigo, que tal se che dá traballar nunha barra? Aquí non hai moita técnica: cervexa de barril, café, algunha copa de viño…

O Matteo sorriu e preguntou onde podía deixar a mochila. O trato asinouse cunha aperta. O italiano ficaría no albergue tres días e tres noites, antes de saír de novo en dirección a Santiago.

A Laura foi a encargada de darlle a benvida ao albergue. Sen entender case nada do trato, amosoulle o seu dormitorio e explicoulle as nocións básicas para que non se sentise moi fóra de lugar.

Cando o rapaz xa estaba integrado, bandexa na man, esperando polos clientes, a Laura achegouse ao Xurxo.

—E este vai traballar así, sen contrato nin nada?

O Xurxo mirouna cun sorriso indulxente.

—Laura, querida, son un home de mundo. Entendo que unha neniña coma ti non saiba nada destas cousas. En todos os traballos hai un período de proba. Se Matteo demostra ser útil e encaixa ben no equipo, xa veremos que podemos facer.

—Pero non era que marchaba nuns poucos días?

—Laura, ti pensas que no mundo só hai unha explicación para as cousas, pero o terraplanismo xa nos demostrou que sempre cabe unha realidade alternativa. Ti, Matteo e mais eu sabemos que este rapaz só nos vai acompañar uns días. Pero é igual de real que se viñese Inspección de Traballo, este hábil camareiro, que non ocupa praza de estranxeiro porque ten pasaporte comunitario, é unha aposta a longo prazo dunha empresa en expansión, que necesita novos valores no seu cadro de traballo.

—Iso é o que lle temos que dicir ao inspector se aparece?

—O que lle tes que dicir, Laura, é que o Matteo acaba de chegar, pase isto cando pase, é que ten os papeis na xestoría. Estamos?

—O traballador de Schrödinger —contestou a Laura.

O Xurxo empezaba a enfurruñarse e antes de que rosmase máis, a Laura preferiu abandonar a conversa.

A verdade foi que o Matteo converteuse pronto na atracción da cafetaría. Malia a falta de peregrinos, o local estaba cheo.

Cando a Laura baixou tras actualizar as redes sociais, atopou o Manolo medio enrabechado.

—É que mira, Laura —díxolle o camareiro—. Están todas aquí, todas!!

—De que falas, Manolo?

—As médicas do centro de saúde; as traballadoras do xulgado; as funcionarias do Concello. Até as caixeiras do supermercado!

—Mellor para o negocio, non?

—E que fíxate —Manolo seguía co seu monólogo, queixoso, sen atender a Laura—. Viñeron até dos concellos limítrofes!

A Laura fixouse en que o Matteo ficaba sempre unha chisca en cada mesa, sorrindo e falando. E, en efecto, todas as mesas estaban ocupadas por mulleres, especialmente maiores de corenta que non se cortaban en estender as súas olladas sobre o corpo do novo camareiro.

—Moi boa fichaxe, Manolo —dixo unha clienta que veu pagar á barra—. Xa lles falei ás miñas amigas de que mellorastes moito o café desde hai un tempo.

—O café, Mariví?

—O café, Manolo —insistiu a muller antes de marchar, alisando o pelo e buscando o Matteo para despedirse.

—Non é xusto —laiouse o Manolo—. Levo unha chea de anos como profesional da hostalaría. Gañei dous premios como bartender do ano e mírame, desprazado por ese sol da Toscana!

—Xa sei a quen se me parece! —berrou de repente a Laura.

—Que arrebato foi ese?

—É pintado ao Chino Darín!

—O actor? É moito máis vello ca Matteo.

—O pai, non, o fillo. É igualiño, Manolo. Só que italiano, non arxentino.

O Matteo aproximouse á barra para deixar recado das comandas e sorriu cos seus ollos azuis e por detrás da barba aparentemente descoidada víronselle dúas estratéxicas coviñas a dous centímetros exactos dos beizos.

—Laura, estou moi contento con esta oportunidade —dixo o mozo—. Estou practicando moito galego e facendo amizades —Logo marchou de novo para atender novas clientas que entraban coma nunha caravana de mulleres.

—O noso xefe, por unha vez, tivo razón —musitou o Manolo—. Pero fallou no público obxectivo. Pensaba que isto se ía encher de gais, pero non contaba co factor Coláxeno.

—Coláxeno? —preguntou a Laura.

—Ti aínda es moi nova. Non necesitas tratamentos deses.

—Non sei a que te refires.

—Mira para aí, Laura. A cafetaría chea de mulleres maduras. Divorciadas, casadas, solteiras… Dá igual, todas con auga na boca ao ver un iogur de Siracusa coma ese. O coláxeno que necesitan para reencher as engurras.

—Estás con ciúmes, Manolo.

—Si, estou, pero o que non sabe ese Espaghete é que neste local o bote das propinas repártese ao 50%, por moito que estea conseguindo aumentar os óbolos do persoal.

—Coido que non sabe outra cousa —subliñou a Laura—. Está a levar unha farta de traballo e non vai ver un peso. Un choio enorme a cambio de cama e comida, coma un escravo.

—Ai, Laura —concluíu o Manolo—. Acabas de entender a función da inmigración no sistema capitalista.

3 thoughts on “O albergue. Capítulo 8

  1. co teu corpo e a miña cara conquistariamos América do Sur
    Por chamáreste Matteo, coma o gran Matteo Salvini!
    o terraplanismo xa nos demostrou que sempre cabe unha realidade alternativa
    este hábil camareiro, que non ocupa praza de estranxeiro porque ten pasaporte comunitario
    o factor Coláxeno

  2. iogur de Siracusa
    Acabas de entender a función da inmigración no sistema capitalista.

    Todas estas frases e as do comentario anterior (escapóuseme un Enter non sei como) son máis que brillantes. Memorables. Custou arrincar, pero a obra vai vento en popa. E digo obra porque cada vez vexo o texto máis nun entorno escénico que fechado entre dúas capas de cartón. Fíxate se vai ben, que o capítulo sostense sen apenas a presenza se Xurxo, con Laura e Manolo levando o peso dunha conversa natural e intelixente.

    Marabilloso, Bea.

  3. está ben que manolo teña algo de participacion tamen nalgun capitulo. en xeral, o unico que queda por amañar das entregas do albergue é que os capitulos non sexan só unha presentacion que remata in medias res. O esquema de “xurxo e laura falando ata que se esgota o tema” non da para mais. Ou bueno, ó mellor esto é o que é e non ten sentido tocalo mais ou darlle mais voltas das necesarias para cumplir co expediente cada 2 semanas.
    penso que queda demostrado que poderias continuar durante centos de capitulos así. Agora vouche propoñer algo: pensa como sería o fin de tempada. Vai preparando ese final, ou vaino pensando polo menos. sería triste que o ultimo capitulo fose simplemente unha entrega mais, indistinguible das demais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *