‘O amigo’, o triunfo do refinamento
César Lorenzo Gil.
A adaptación ao cinema da novela What Are You Going Through, de Sigrid Nunez por Pedro Almodóavar (o filme chámase La habitación de al lado) colocou a escritora neoiorquina no foco da popularidade, aínda que ela escribe desde o 1995 e ten unha sólida carreira literaria asentada tanto en novelas coma en historias curtas. Amais da película do español, que xa foi galardoada co León de Ouro do Festival de Venecia, este mesmo ano estreouse tamén The Friend, dirixido polo dúo Siegel & McGehee e protagonizada por Naomi Watts e Bill Murray. A novela The Friend (O amigo) é até o momento a única obra de Nunez publicada en galego, traducida por Moisés Barcia.
A historia é doada de resumir: Tras o suicidio dun escrito amigo íntimo, a narradora, tamén escritora, recibe a herdanza do seu can, un gran danés arlequín, que deberá coidar. Mais nesta novela o menos importante é a trama. A autora estadounidense constrúe a súa obra tomando como trabes aspectos formais que realmente son os interesantes para quen se achegue a ler o libro. Non quero dicir con isto que esta sexa unha novela na que non importa o que se conte, ben ao contrario, pero como na mellor narrativa estadounidense contemporánea, Nunez sabe equilibrar un interese netamente informativo ou narrativo cunha estrutura e un deseño formal non só propio, senón acaído para contar a historia que quere contar.
Esas trabes son principalmente o dominio do tempo narrativo e a creación de personaxes. Tamén é moi importante n’O amigo a construción dunha atmosfera cotiá e familiar, confeccionada con determinados trucos da autoficción, mais que teñen certas diferenzas cos modelos que seguen Emmanuel Carrère ou Berta Dávila, por dar dous exemplos cos que podería haber relación.
O tempo: Nunez sabe moito diso que se denomina posta en escena invisible. Un camiña pola historia, os seus zigzags, os seus pasos adiante e atrás, sen decatarse. Consegue naturalizar unha orde propia de contar as cousas, unha harmonía cronolóxica que se basea nun elástico xogo entre o detallismo, a evocación e a curiosidade mutua, a da narradora que recorda e relaciona e a do lector que quere saber.
Os personaxes: O título d’O amigo é ambiguo dabondo para que nel caiban os dous grandes protagonistas. O presente, ese can enorme, e o ausente, o escritor suicida que casou tres veces, que tiña unha filla, que cultivara coa narradora unha amizade longa e íntima, baseada no afecto persoal e na conexión intelectual. Coma un espello, a narradora reflíctese nel (a novela está contada nunha primeira persoa apelativa a ese personaxe morto). Mais non pretende unicamente contar a relación entre ambos senón tomar o amigo e o seu legado canino como lanterna para iluminar o pequeno universo do mundo cultural de Nova York, o dos escritores e profesores, o dos artistas… Cun estilo directo, humorístico, pero cheo de relacións literarias e incluso da cultura pop, Nunez demostra como se pode facer costumismo do bo. O amigo é unha lección mestra de como narrar o dó e a nostalxia nun mundo onde a relixión desapareceu. É o retrato dunha clase social ben abastada, pero incómoda, por ideoloxía, desexo e referencias, na cerna ultracapitalista da capital do mundo.
♦ O amigo, de Sigrid Nunez. Traducido por Moisés Barcia. Rinoceronte, 2024. 204 páxinas. ♠20€