BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O ano das mazás’, unha aldea de posguerra chea de tópicos

Montse Ferreira Fervenza. XERAIS.

César Lorenzo Gil.

O ano das mazás é a primeira novela de Montse Ferreira Fervenza. Conta a historia dunha aldea nos anos posteriores á guerra do 1936. É unha obra en aparencia polifónica, aínda que a autora non é nunca capaz de deslindar as voces narrativas nin as coordenadas ideolóxicas (moi marcadas) dos personaxes, polo que en realidade o libro cae no erro (moi común nas letras actuais) de crear moitos narradores en primeira persoa que en realidade usan sempre o mesmo estilo e estrutura.

Ferreira Fervenza, en xeral, consegue o que procura. O ano das mazás é unha novela non literaria, de xénero costumista, cun claro obxectivo: gañar lectores cunha historia clásica, cargada de “substancia”, con evidentes ecos do folletín. O trazado que divide as presenzas na novela entre bos-bos e malos-malos e un evidente equilibrio entre sensacionalismo e contención gramatical permiten que a lectura sexa agradable e satisfactoria para quen queira somerxerse na historia e pasar unhas horas entretida. A autora narra con fluidez e resolve con precisión a trama. 

Esta obra ten todos os tópicos que se requiren: nais solteiras, bispos pederastas, revolucionarios luminosos, bravos e cómplices. E non alcanza o brillo literario porque o “que” (a trama, o ambiente) devora calquera vontade estética. A autora abusa dos diálogos, moitos fáticos, moitos discursivos, e en varios momentos da historia patina no ritmo, coma se ela mesma cansase do escenario que creou. 

A novela de Ferreira Fervenza, ademais, benefíciase de que o tema e o ambiente (a opresión nacionalcatólica na Galicia mutilada polo golpe militar) xa teñen entre nós unha tradición popular (desde O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas, a Flores de ferro, de María Rei Vilas, entre outros moitos títulos) e polo tanto dispón dunha comunidade lectora que recibe con agrado este tipo de argumentos. O ano das mazás non defraudará a quen procure unha novela dese tipo.Cada sistema literario ten os seus “pratos nacionais”, grandes éxitos temáticos que van medrando dun xeito xeométrico nas expectativas dos lectores e nos intereses dos autores. A guerra do 36 foi unha obsesión para a primeira xeración que escribiu literatura galega durante o franquismo, mais o seu interese permaneceu, sofistiscouse, conectou con outros territorios afíns (a novela de aldea, a novela popular) e novas tendencias sociais (a memoria histórica). Unha xeración tan distante coma a dos nacidos na década do 1970 segue a escribir daquel tempo (Seique, de Susana Sánchez Aríns; Quen non ten un avó fascista, de Inma López Silva…) con perspectivas novas. A guerra, a última guerra, está a piques de deixar de ser testemuño e experiencia vivida para se converter nunha pantasma literaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *