O borrador

Miriam Sánchez López.
Eran as nove da noite e levaba seis horas seguidas estudando Física II. Ao abrir a porta da habitación para ir cear algo, a súa irmá dixo que aínda non fixera o traballo de Cultura Clásica.
Quedou parada, coa man aínda no marco da porta. Volveu ao cuarto e sentou.
Unhas horas máis tarde enviou o traballo. Foi á cociña, colleu un anaco de pan e comeuno de pé. Cando volveu ao cuarto, quedou mirando a pantalla acesa uns segundos. Aínda tiña o traballo aberto.
Á mañá seguinte chegou ao exame sen o estoxo.
Ao rematar, meteu na mochila unha morea de papeis. O corredor estaba cheo. Uns compañeiros querían ir ao ultramarinos fronte ao instituto, mais non tiñan cartos. Ademais, habería que avisar a profesora de Música da tardanza.
Ela foi ata a aula de Música mentres os outros saían do instituto co billete de vinte euros que lles deixara para unhas botellas de auga. Explicoulle a situación á profesora e quedou axudando a montar o baile de fin de curso.
Os compañeiros chegaron á aula con refrescos e palmeiras de chocolate nas mans.
—Toma o cambio! —Un deles achegouse a ela e devolveulle un billete de cinco euros cunha moeda de dez céntimos—. Es a mellor!
Colleu o cambio e deixouno enriba do pupitre sen miralo.
—Ei, que che pasa?
—Está moi pálida…
—Queres saír a que che dea un pouco o aire? — preguntou a profesora.
Ela mantivo as mans quietas sobre o pupitre.
Tirou coa mochila no chan e sentou na cama. O móbil vibrou varias veces no peto exterior da mochila. Non o colleu. Sobre a mesa tiña o estoxo e o ordenador aceso coas páxinas web de mitoloxía abertas.
Tiña varias chamadas perdidas da súa irmá e unhas cantas mensaxes. Nunha delas avisaba de que non comía na casa.
Ela abriu a mochila sen levantarse da cama. Empezou a remexer entre papeis engurrados e recibos vellos do autobús.
Parou. Non lembraba que estaba buscando.
Foi ata a cociña.
A billa seguía aberta. Volveuna pechar.
O venres seguinte había xente na casa outra vez.
—Oes, que fas? Vente xa! —a irmá chamouna dende o salón—. Estás perdendo o mellor.
Na televisión alguén vomitaba algo negro sobre o chan.
Foi cara ao salón cunha botella sen abrir. Quedou un intre coa botella entre as mans antes de entrar.
—Grazas. E os vasos?
Non quedaban vasos de papel. Colleu dous de cristal.
—Vanse queixar os veciños.
—É igual.
Ela foi ata a cociña buscar unha vasoira.
Varreu os flocos de millo. Despois recolleu os vasos. Nun dos pratos había unha goma de mascar pegada ao bordo.
A súa irmá roncaba no sofá.
Sentou nunha cadeira. Tiña dous audios sen escoitar, un deles de sete minutos e medio.
Abriuno e escoitouno uns segundos. Pechouno.
—Uxía, eu marcho xa. Se mañá hai plan pódeslle dicir a Lidia que me avise?
Non lembraba se lle respondera a alguén.
Apagou a televisión. Lidia farfallou algo. Foi ao seu cuarto.
A mochila seguía aberta no chan.
Entre os papeis da mochila apareceu o exame de Física II.
