‘O ceo das reixas’, unha boa idea falta de mimo e traballo

Eva Moreda.
O ceo das reixas, de Eli Ríos (Xerais, 2019), vén sendo un relato extenso máis ca unha novela breve: calculeille, a ollo, unhas nove mil palabras. Isto, por suposto, non ten nada de malo (e mesmo podería ser interesante que se cultivase máis nas nosas letras este formato de media distancia), pero a sensación que levei é que as técnicas narrativas que a autora emprega non se adecúan particularmente ben á extensión: lin a novela en formato electrónico, sen saber en que páxina me atopaba, e levei unha gran sorpresa ao me decatar de que despois do que eu consideraba que era unha exposición bastante tradicional que nos esboza unha serie de camiños interesantes polos que tirar, viña xa un desenlace despachado en pouco máis de catro páxinas. Deume algo de mágoa, porque algúns dos elementos que se nos presentan nesa exposición tiñan, ao meu ver, abondo atractivo como para que o conxunto merecese un pouco máis de mimo e de traballo.
Un destes elementos é o uso do tropo do duelo carcerario entre dúas personalidades fortes (a cirurxiá Noe e a súa compañeira de cela Fina) como alicerce da novela: sobre todo porque aquí este tropo se actualiza e, sobre todo, se feminiza, o que non é aínda tan corrente; hai unha vontade clara de renovación. Tamén é atractivo o puntiño utópico-surrealista que se lle apón ao personaxe de Fina e ao seu particular uso de fertilizantes na explotación agrícola que rexentaba antes de ir á cadea. A sensación última é, porén, que Ríos fixo un esbozo destas interesantes personaxes, pero logo non foi máis aló diso. O “pulso complicado” entre elas que nos promete o resumo da editora na lapela axiña se resolve e as dúas dan en falar, tan amigas, do que facían antes da cadea e do que as levou ata aló. Trátase dun diálogo extenso que ocupa preto da metade da novela e que, como apuntei antes, ten máis ton de exposición ca de conclusión. As sorpresas que se nos presentan, que as hai, van máis ben na liña de sementar curiosidade para que tiremos para adiante, e non tanto na de proporcionar respostas a intrigas que se nos deixaron caer antes, pero logo a novela remata sen que esa curiosidade poida ir máis aló.
O estilo tamén contribúe a que a lectura da novela sexa en ocasións frustrante. Ríos ten un gran talento para capturar a fala oral e a coloquialidade; xa o demostrou en Luns e outras obras; n’O ceo das reixas, ademais, atrévese a integrar a linguaxe carceraria e consegue pasaxes de grande expresividade. Estas pasaxes, porén, vense mesturadas con outras nas que abundan as frases feitas (“teño todas as papeletas”) ou nas que se adiviñan as pegadas das malas traducións do inglés que atopamos adoito en series e películas (““-Sabes o que fas, non, Noe? -Por todos os santos! Son cirurxiá! Claro que creo que sei o que fago!”).
♦ O ceo das reixas, de Eli Ríos, Xerais, 2019. 80 páxinas. ♠14,85€