BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O cervo e a sombra’, unha volta negra por Ourense

César Lorenzo Gil.

Mateo é un ex drogadicto que sobrevive con apaños: atende un apartamento turístico no centro vello de Ourense e a súa dona, unha catedrática de instituto xubilada, bótalle unha man ao cura que o rehabilitou, mais sobre todo vende cocaína. Á parte diso ten querenza polas películas antigas e ten soños premonitorios. Un día volve atopar o amor da súa vida e logo dunha manifestación coñece un colectivo anticapitalista que busca cambiar o seu pequeno pedazo de mundo.

Velaí o argumento de O cervo e a sombra, de Diego Ameixeiras, publicada por Xerais, a súa nova obra tras tres anos de silencio. Sen apenas sorpresas, ofrecendo literatura popular traballada, insubornable, madura.

Diego Ameixeiras.

Diego Ameixeiras é quizais o único autor de xénero negro en galego. Non policial, negro. De feito, nesta novela os poucos policías que aparecen non falan, en tal caso, baten coas porras.O escritor ourensán amosa unha grande habelencia para retratar, desde o detalle, os ángulos máis escuros da alma humana.

O autor volve a Ourense, aínda máis concretamente, ao seu barrio natal do Couto. Dentro da bibliografía de Ameixeiras, O cervo e a sombra é quizais o relato negro máis clásico, o fiel da balanza entre as diferentes tendencias que sustentaron as súas últimas novelas: baixos fondos, marxinados e desesperados (no argumental); minimalismo, elipses (no formal).

Tamén hai unha homenaxe ao vello Ourense. O propio Ameixeiras comentou hai moitos anos que en Ourense non ocorre nada. Algo diso hai, coma se sobre a tona da capital só coubese o intranscedente. Mais ao escavar, ao fixarse nos detalles, e na memoria, todo resplandece, todo ten o potencial para se converter en literatura. Con fama de vila engordada polos ensanches, de funcionarios e comerciantes, nesta novela desvélase tamén algo do seu pasado obreiro e combativo.

Loce o resaibo de cinema clásico (moitas referencias, especialmente ao cinema francés e italiano). Mais tamén a forma de enfocar os diálogos. É unha novela nese sentido moi teatral, onde se constrúen os personaxes a través das súas frases, que oscilan entre o evidente e o sutilmente poético.

O libro sofre as correccións. Nótanse demasiado os puntos onde entrou a substituír determinados conceptos o corrector de Xerais. A novela perde luz e sal, é unha desas libras de chocolate ben preto sen glute, con estevia en vez de azucre, que aparecen na propia obra. Ten máis sabor ca a maioría do que se publica habitualmente, pero non acaba de estoupar no padal.O cervo e a sombra é outra novela para fans de Ameixeiras. Quizais é o único autor de culto en galego que dá esgotado as súas edicións nas librarías. Sen renunciar ao que lle peta, ao que o define. Velaí o seu mérito.

♦ O cervo e a sombra, de Diego Ameixeiras. Xerais, 2021. 160 páxinas. ♠17,95€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *