BiosBardia

O país dos libros en galego

O cómic acada altos prezos no mercado da arte

Corto Maltés, o personaxe máis famoso de Hugo Pratt
Corto Maltés, o personaxe máis famoso de Hugo Pratt

Hai dous meses, a prensa francesa dedicoulle amplo espazo ás cotizacións da arte gráfica procedente da banda deseñada. A denominada novena arte, case sempre vinculada á sociedade de masas, popular e, sobre todo, seriada, baseada na copia, é agora obxecto de fascinación polos coleccionistas de arte, que pagan grandes cantidades por obras orixinais.

É que a pesar de que o cómic, igual que os demais libros, basea o seu éxito na copia, ao igual que sucede coa bibliofilia, que valora as primeiras edicións ou determinados libros singulares (asinados polo autor ou por algún personaxe de sona, ou que foron propiedade dalgún protagonista histórico…), a comicfilia estase a facer un oco entre os marchantes de arte plástica, que ven no cómic non só un obxecto valioso senón un traballo artístico de grande altura que merece ser coidado coma un cadro de pintura de calquera dos grandes mestres.

O belga Hergé é un dos artistas máis buscados neste novo mercado. O belga pasou á historia pola creación dun personaxe de pleno dereito inserido na cultura popular do século XX: Tintín. O xornalista da perrera revirada move moito diñeiro. A portada orixinal do álbume Tintín en América vendeuse por 1,34 millóns de euros. Calquera obxecto relacionado co universo de Tintín fará rico o seu dono. Como exemplo, un debuxo orixinal de Tintín no Tíbet acadou o prezo de 289.500 euros.

Hugo Pratt é un autor venerado polos amantes da banda deseñada. O seu coidado do guión e da arte gráfica, a relación entre as técnicas e os materiais no debuxo e na pintura achegan o autor veneciano a unha categoría artística moi elevada. E o mercado prémiao. Unha serie de acuarelas do italiano vendeuse por entre 600.000 e 700.000 euros.

O mercado da arte da banda deseñada réxese polos mesmos gustos ca o mercado de compradores de cómic. Así se entende que a figura de Astérix sexa das máis valoradas. A portada de Devin (O Adiviño, na versión en galego), o álbume número 19 da serie de Uderzo e Goscinny vendeuse por 139.500 euros.

Enki Bilal é un dos autores clásicos modernos franceses máis respectados. A orixinalidade do seu trazo e o seu compromiso nas historias convérteno tamén nunha das firmas de maior valor. No 2009, 240 pezas tiradas do seu álbume Animal’z chegaron á cifra de 900.000 euros. Un acrílico asinado polo autor nado en Beogrado custa entre 70.000 e 90.000 euros.

O cómic de Jean-Pierre Gibrat destaca pola mestría no uso dos volumes na cor, o que consegue unha sensualidade no debuxo que o fai inimitable. Os seus títulos son súper vendas e polo que se ve non só os seus libros: unha ilustración de Gibrat que permanecía inédita logrou venderse por 67.500 euros.

Con só 43 anos, o provenzal Joann Sfar está considerado o autor de cómic vivo máis influente do momento. Estilo orixinal e gran versatilidade no debuxo convérteno nunha firma moi apreciada. E iso trasládase ao mercado da arte: as portadas dos seus libros da serie Chat de Raton vendéronse por 53.100 euros; unha prancha da serie Gran Vampiro é das últimas en venderse: o 5 de abril deste ano pagaron por ela 26.500 euros.

As cidades escuras é quizais o traballo máis recoñecido do debuxante belga François Schuiten. Os seus fans pagan altas cantidades polos seus traballos orixinais. Unha prancha das súas ilustracións págase a 4.000 ou 5.000 euros. Unha ilustración asinada por el de gran formato custa arestora 30.000 euros.

Mercado francófono

Esta época dourada do mercado da arte na banda deseñada ten un claro epicentro: os territorios francófonos europeos. O cómic gusta moito en Francia, Bélxica ou a rexión suíza de Xenebra. Grandes librarías dedícanse unicamente a estas publicacións e os autores que se dedican a este xénero son famosos, admirados e protagonistas de multitude de actos, festivas e conferencias.

O cómic en francés aprovéitase desa vantaxe para compartir os tres mercados e iso consolida a industria editorial da banda deseñada. O novo boom da arte do cómic favorecerá aínda máis a renovación deste tipo de libros.

Algo así sería posible en Galicia?

Pola contra, o cómic en galego vive nunha crise permanente. O alto custo da edición de banda deseñada e o escaso público dificultan o desenvolvemento da banda deseñada propia. Grandes nomes conseguen prestixio dentro e fóra das nosas fronteiras: Miguelanxo Prado, Emma Ríos, Manel Cráneo, David Rubín, Fran Jaraba… A lista de autores é ampla mais estamos lonxe de que os seus traballos coticen tan alto.

A gran vantaxe do cómic sobre as demais artes visuais é o amplo campo virxe para a innovación, tanto na construción das historias como no enfoque do deseño. O gran problema do cómic galego é a ausencia de mercado e o precario coñecemento sobre a grandeza deste xénero entre os lectores, que seguen a convivir co preconcepto de que a banda deseñada é só un enredo para cativos.

 

 

2 thoughts on “O cómic acada altos prezos no mercado da arte

  1. Os autores galegos, como Miguelanxo Prado (e seguramente nun futuro non moi lonxano a listaxe irase ampliando), comezan a cotizar nas salas de subasta de arte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *