‘O concurso’ vs ‘Medusa’
Xornada 6 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Ana Vigo e Sabela González.
O concurso
Ana Vigo.
Nada disto pasaría se tivese feito un pene. Pero claro, non toleran que aparezan uns xenitais femininos na súa principal pantalla en prime-time, tanto ten que estean esculpidos en mármore.
Eu non pensaba participar. Convencéronme os amigos, preséntate, dicían, es unha grande artista e todo o país ten que sabelo. Xusto acaban de anunciar os castings deste novo talent de escultura, insistiron, pasan pola nosa cidade, que tes que perder? E seguían, mira o premio, ti sempre quixeches estudar aí. Ese tipo de lerias.
Non sei nin como fun superando as probas, nas que cada vez quedabamos menos participantes. Por fin, entrei no programa, e semana tras semana avancei no concurso sen ser moi consciente de que todo era real e traballando como o faría en calquera clase da universidade. Agora, despois de tanto esforzo, chega o momento da verdade. A gran final, que decidirá quen de nós recibe a bolsa para acceder á máis prestixiosa escola de artes. Mágoa estragalo todo por esta parvada.
As súas caras foron poesía cando desvelei o meu traballo desta semana. Déronlle paso á publicidade para disimular, e baixaron o director e a encargada de contidos da canle para botarme a bronca. Ninguén me avisara de que non queren alusións sexuais, que é un formato branco e que sei eu. Díxenlle o que penso e ameazaron con descualificarme.
Agora estou aquí, de volta no plató, agardando a que retomen a gravación. Noto que os outros participantes miran para min e rin. O público presente bisbea, tampouco me quitan ollo e só teño ganas de marchar. Pero non podo, porque o rexedor anuncia que volvemos en poucos segundos. Maldito directo.
A presentadora fala, non podo prestar atención. Xa deu paso ás obras dos meus rivais, e é tempo de que o público vote a través da aplicación da produtora. Fáltame o aire, pero as cámaras obsérvanme, e miles de persoas a través delas, así que pecho os ollos e penso en que axiña estarei de volta na casa, sen a presión diaria de ser escrutada por estes focos que queiman.
Todos no público miran para min, tamén a presentadora e os compañeiros. Pregúntome por que aplauden, até que me decato de que teño que reaccionar. Avanzo insegura, a presentadora asente. Felicítame, di algo de unanimidade. Non entendo as súas palabras, pero si as expresións das persoas que corean o meu nome. Por fin entendo e rompo a chorar.
…………………………………………………………….
Medusa
Sabela González.
Quixera terte esculpido amodiño, nunha forma distinta a esta. Se me desen a escoller debuxaríate coa suavidade coa que te aloumiñei. Sei que lembraría como reproducir cada suco, cada cabelo, cada tremor, e faríao cunha expresión fina e delicada, á altura da dozura da túa pel. Non así.
Na noite sen lúa collíchesme da man e arrastráchesme tras de ti ata á escuridade do xardín. As pólas do carballo murmuraban sobre nós e o vento amosounos os poros tan ergueitos coma os bicos dos teus peitos cando os biquei. Perdinme cos ollos pechados na profundidade das túas pernas, entre carne mol e quente, feliz. Namoreime na humidade da túa aperta e por fin esquecín a dor do camiño, a traizón dunha irmá, as feridas dos irmáns.
Logo a lúa ousou axexar. Asomou tras un neboeiro e buscou as nosas formas embrolladas contra o carballo. Ti sorriches bañada na súa luz amarelenta e a túa man procuroume a fazula. Viraches o meu rostro para bicarme e espreitando vícheste reflectida nos meus ollos. Oxalá non tiveses tempo para o medo. Daquela, o terror non quedaría gravado nas túas pupilas. Daquela, a túa forma pétrea ficaría tranquila, doce… como ti eras. Oxalá non castigasen as vítimas. Oxalá non tornásemos traidoras. Eu quixera terte esculpido máis amodo.
Que duelo máis difícil. Dous relatos moi diferentes. Ambos merecen gañar.
O concurso
Que boa idea a do reality baseado en arte. Tireime ao Google a ver se existían e creo que algo se vai facer no Reino Unido. Xa podiamos aprender aquí. Gustoume a historia. Emocionoume o final, pero hai algo que non me encaixa. Creo que é a forma de contalo. A primeira persoa semella unha boa elección. Porén, creo que a linguaxe usada é demasiado formal para reflectir os pensamentos e iso afástame da protagonista.
Medusa
Con este texto pasoume o contrario. É un prodixio técnico. Está tan ben escrito que o vou gardar neses exemplos a copiar. E o final non podía ser outro. Perfecto. Con todo, quedoume a historia curta e precisei de varias lecturas para entendelo (defecto meu).
O meu voto vai para “O concurso”. Non sei por que, pero emocionoume.
Moi boas noites. Sempre comentando ao límite, que se lle vai facer. De todas formas, desfrutase ben este duelo, ambos relatos empregan ben os seus puntos fortes, pero pensa que xa atopei o meu favorito.
O Concurso manexa moi ben o principio. Constrúe ben a tensión da protagonista e coloca a situación e os precedentes de forma áxil, cousa que nunca é doada. Penso que ten un final doado pero que non é menos por iso, dálle bo sabor de boca. Ten unha boa mensaxe e o subton cómico séntalle que nin pintado.
Medusa conquistoume dende o principio. Dende a súa extensión, que encaixa tan ben co monologo tan corto, de apenas un lamento. A escena insinuase moi ben e o raio de lúa cae perfecto. Paréceme un texto moi ben fiado. Bo traballo.
O meu voto vai para Medusa.
Complicado. Os dous relatos non acaban de convencerme de todo. o concurso entendo a conclusión pero a situación non me convence. Que nun programa deses deixarán modelar unha escultura dun pube e que saltase a sorpresa no directo da final. Non o vexo do lado positivo está a claridade da narraccioń.
Medusa ten na linguaxe e no estilo o punto forte, tiven que repasar un pouco a historia da medusa para coller as ideas da noite sen lúa, a mirada nos ollos etc… aínda así teño a sensaci
on de que, ben porque hai que saber máis sobre a historia da medusa, de que algo non acabo de entener. Tampouco entendín o dos poros e comparalos cos bicos dos peitos.
Creo que vou votar por Medusa por esa idea de que a figura petrificada tivo tempo para o medo. Contraste ben co escena.
Boa foto, daba pé a ser interpretada máis literal ou de xeito máis amplo, propuña quizais máis un tema, aínda que as dúas duelistas optaron por integrar a idea do mármore tamén nos contos, por unha vía máis directa. Pensando agora no conxunto do concurso, creo que en xeral houbo bastante apego pola imaxe, quero dicir, interpretacións bastante literais dos temas que suxerían. Entendo que pode ser en parte por ser conservador e non arriscar votos, pero por comparar, nos torneos en que o tema era un lema de palabras, había quizais máis xogo para interpretalas e ser atrevido co tema. Non sei, unha idea ao ar.
O exame. Estou con María tanto no bo como no malo. Está ben exposto e fica todo ben claro durante a narración, pero en xeral a idea paréceme que ten unha forza dramática un tanto esvaída. Non me chega a emocionar a personaxe, metida nese reality, e o xiro de que resulte gañadora tampouco me pega forte en ningún sentido, un pouco mol. Quizais a idea daba máis para unha cousa máis de humor delirante, ou ser máis acedo aínda coa crítica ao formato televisivo.
Medusa. Non está nada mal o conto, aprecio tamén a aposta pola brevidade, favorece o ton lírico. Gústame tamen o emprego dos adxectivos desaforados de texturas (dozura, humidade, mol, a metáfora dos poros/bicos). Creo que a nivel lingua está ben conseguido o efecto. En canto ao fondo, boa idea a de pensar na petrificación de Medusa e convertela nun aquel romántico, como se fose escultora, pareceume suxestiva. Quizais é un pouco confusa a historia, quero dicir, hai elementos que quedan só apuntados como as irmás, que entendo que confían en que coñezas o mito, pero que eu creo que habería ou ben integrar (con máis palabras, lamentablemente) ou simplemente desbotar porque non colaboran co resto. Con todo, un bo conto, parabéns.
Voto por Medusa.
‘O concurso’ boa historia que trata ben o mundo televisivo e súa hipocrisía e a visión alonxada dos artistas diso.
‘Medusa’ Moi sentimental, curto pero moi intenso, cunha narración que te atrapa.
O meu voto vai para ‘Medusa’
Que propostas tan distintas!
‘O concurso’: gustoume este texto, pero coido que non lle tira partido ás ideas sementadas. Paréceme que o conflito da historia, ese escándalo por ter feito a escultura dunha figura feminina núa, non está aproveitado de todo ou non ten o suficiente peso dramático na historia. O conto céntrase máis nos mecanismos operativos do reality (e faino moi ben) que no conflito.
‘Medusa’: o formato curto e condensado acáelle ben ó ton poético do relato. Gústame que xogue coa mitoloxía do monstro (sobre todo se esa figura corresponde á Gorgona) e que lle devolva ó corpo a sensualidade da Medusa orixinal. Que ninguén se me enfade, pero gustaríame ter atopado referencias un pouco máis ardidas que “profundidade das túas pernas” e “humidade da túa aperta”. Penso que adxectivos como “mol” e “quente” permitirían xogar a nivel metafórico con ese corpo que está a piques de se transformar en mármore. Non sei, é unha idea.
O meu voto vai para ‘Medusa’.