BiosBardia

O país dos libros en galego

O cruceiro dos meniños

En Poio houbo enterramentos de nenos sen bautizar en cruceiros ata o século XX”.

Buenaventura Aparicio.

 

Nati Rey.

Un dos símbolos máis representativos de Galicia son os cruceiros. Teñen un claro sentido relixioso e agochan unha importante linguaxe simbólica tras as súas imaxes, imaxes que pouco a pouco as persoas deixan de “ler”. A simboloxía do cruceiro comeza ao observarmos a súa orientación e a das figuras máis destacadas del, caso do cristo crucificado, que sempre debe estar orientado cara ao camiño principal. É así, mirando as imaxes dos cruceiros que se ven nas encrucilladas, como os camiñantes poden guiarse. Se non ocorre así é porque a posición orixinal do cruceiro nalgún momento foi cambiada. As funcións dos cruceiros son moitas e diferentes, así como a linguaxe da súa decoración; máis algo importante que pouco a pouco se vai olvidando é a función  que tiñan os chamados “cruceiros dos meniños”.

A necrópole dos meniños

O cruceiro dos meniños de Abuín. NATI REY.

Na aldea de Abuín, Leiro (Rianxo) a principios do século XXI o presidente da Comunidade de Montes e o alcalde de Rianxo de por aquel entón tomaron a decisión de mover un cruceiro, o Cruceiro dos Meniños. No seu momento pareceulle que non cumpría ningunha función xa que o camiño que antigamente ía por alí á igrexa xa non existía, e xa non se paraban ante el os acompañamentos dos cadaleitos cos defuntos cando se dirixían á igrexa parroquial para recibiren sepultura. Un veciño que vivía moi cerca do lugar onde estaba o cruceiro preocupábase de ter ben coidados os seus arredores, sen xestas nin toxos. Sabía que era algo máis que un cruceiro. Cando tomaron a decisión de movelo, el interpúxose cos poucos medios que tivo mais foi inútil. O cruceiro pasou o formar parte dun parque no lugar da Lomba (Leiro) no que só hai árbores ben altos e só se ve o cruceiro achegándose a el.

O que moi poucos recordan é que, aos pés dos cruceiros dos meniños ou tamén denominados como cruceiros dos anxiños, hai unhas necrópoles de nenos, dos nenos que morreron sen recibir o sacramento do bautismo. A maioría destes cruceiros teñen representadas as caras tristes dos anxos, cariñas en pena que representan no cristianismo o Limbo (ou limbo dos nenos), que é a onde ían os non bautizados que morreron prematuramente antes de librárense do pecado orixinal.

Ante un mal parto ou un aborto, os nenos non chegaban a recibir o bautismo e, por tanto, non eran dignos de seren enterrados nos cemiterios das igrexas. Entón as familias envolvían os seus pequenos corpos fenecidos só en sabas ou tamén metidos en pequenos cadaleitos, e ían de noite aos lugares que estivesen o máis achegados ao terreo sagrado. Sendo o lugar máis idóneo a terra que emerxe aos pés dos cruceiros situados en lugares apartados, ocultos e escuros, nos lindes das aldeas e parroquias ou nas encrucilladas dos camiños. Como acontece en moitos cruceiros e cruces en toda Galicia. No cruceiro de capela que hai na aldea de Sóñora (Rois), cóntase que de par del están enterrados os fetos dos meniños que non chegaban a ser bautizados. Na capela deste cruceiro acubíllase a imaxe da Virxe que, segundo a tradición popular é a Virxe das Doores, e ten a propiedade de facer un bo proceso de xestación nas mulleres embarazadas. Cóntase que até finais do século XX as mulleres que estaban preñadas, para teren un bo embarazo mandábanlle a alguén que fose colocarlle o seu pano da cabeza na Virxe, a imaxe permanecía con el atado até que se producía o momento do parto.

O enterro dos meniños

Na aldea de Brión, Leiro (Rianxo), unha señora recorda un mal parto que tivo a súa madriña a mediados do século XX. Á parteira resultoulle complicado axudar a traer o neno ao mundo. No momento de nacer non puido salvarlle a vida e lamentablemente tivo que “sacalo a cachos”. Porén,  esta desventurada criatura non recibiu o sacramento do bautismo e, por tanto, non puido enterrarse no camposanto. O feto foi soterrado baixo o Cruceiro dos Meniños na Veiga, que está situado no linde da aldea de Abuín e Brión nun cruzamento de camiños.

O acompañamento destes meniños no seu enterro formábano as súas familias de noite, de xeito privado e reservado. As persoas ían enloitadas e portaban candeas e candís, auga bendita e rosarios formando unha procesión. Entre os rezos e saloucos o silencio da noite víase interrompido cando se dirixían a daren sepultura aos pequenos corpos sen alento. Cavaban a tumba e depositaban o fenecido mentres o tapaban coa terra, rezando e bendicindo. Ao final podían gravar unha cruz no fuste ou na base do cruceiro para marcar o anxiño sepultado e colocaban encima da terra  unha pesada lousa de pedra para que os animais non escarvasen e levantasen os restos dos desventurados anxiños; como algunha que outra vez acontecera.

Podemos deducir (imaxinando esta escena) que as persoas que presenciaron estes acompañamentos puideron crer ver a Compaña en certos cruceiros, reforzando así a aseguración da súa existencia,  como tanto se menciona no folclore e nas crenzas da nosa cultura popular.

Os remorsos ante os cruceiros dos anxiños

A Virxe, no cruceiro de Abuín. NATI REY.

O infortunio dos meniños mortos sen bautizar foi un tabú do que moi pouco se falou ou fala. Moitos deles falecían por partos malogrados ou mortes naturais, tamén por falta de hixiene, enfermidades ou por falta de medicinas. Mais outros moitos non morrían de forma natural xa que había moitas familias pobres e numerosas que buscaban unhas medidas drásticas para os nenos que eran incapaces de poder alimentar. Aquí uns relatos que recordan as señoras xa maiores:

“A nai do meu home tivo “fillos do mundo”, un de cada home. E non os quería, metíaos nun saco como se fai cos gatos recén nacidos cando se enterran aínda non ben abren os ollos porque non queres ter máis. Así facía, metía os filliños nun saco e coa mesma tea do saco apretaba e apretaba até que os asfixiaba. E de noite ía con eles soa a enterralos baixo o Cruceiro dos Meniños. O meu home e mais unha media irmá del salváronse das  mans desa muller xa que os pais fixéronse cargo; cada un co seu fillo. A alma desa muller non terá perdón de Deus.”

“Miña nai tivo un fillo de solteira. Era moi pobre miña nai, pasaba pola época da Guerra Civil e estaba soa, non tiña para comer; pasaba fame. Como non vía como poder alimentar o recén nacido levouno ao Cruceiro dos Meniños, o que agora está na Lomba que moveron de lugar. Non me gustou cando o cambiaron de sitio, porque alí onde estaba… está enterrado meu irmán Manueliño.”

Estas medidas draconianas realizáronse dentro dun contexto onde a fame, a miseria e a pobreza estaban á orde do día, conservando testemuñas destes sucesos até mediados do século XX. Hoxe en día son aberracións e circunstancias inimaxinábeis. Malia iso as persoas maiores seguen recordando como “naqueloutro cruceiro” (de noite), cando escoitaban un alarido sempre aparecía un espectro. Pero máis que un espectro aquilo eran as sombras dalgunhas mulleres que vagaban en pena pedindo perdón e lamentando os seus feitos.

Concluíndo: na actualidade é necesario que perdure e forme parte da nosa memoria a historia que envolve os cruceiros onde xacen os corpos dos máis desventurados humanos que non chegaron por diversas razóns a lograren o gozo da existencia na vida terreal. Sendo os cruceiros uns dos monumentos máis característicos de Galicia débense apreciar e valorar todo deles. Desde a simboloxía, a ornamentación; situación e orientación, as lendas e tradicións; e as súas historias en todo o seu contexto. E como dicía Castelao: “reparade nos cruceiros e descubriredes moitos tesouros”.

9 thoughts on “O cruceiro dos meniños

  1. Vivo moi cerca do cruceiro da Veiga de Brión -que rexistrou Castela en “As cruces de Pedra na Galiza” e sei esas lendas. Non me enterara do traslado do da Lomba, inda que eu xa vivía aquí. Graciñas por rescatar esta intrahistoria que non se debería perder.

  2. Espero que un día toda esa simboloxía cristiá se convirta en pezas dun gran museo do horrores ó lado dos topóminos castelanizados e as estatuas de Franco.

  3. Así era. Buscábase con noturnidade un paraíso para os anxiños que, como moi ben se di neste artigo, unhas veces morrían e outras facíanse morrer. E en ningún dos dous casos a Igrexa permitía o seu soterramento en sagrado. Quedaba pois, para os familiares do finado, o terreo dun cruceiro, que é sagrado porque ó menos cando se instalou foi bendicido.
    Parabens por sacar á luz esta realidade da nosa historia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *